Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/06/09

Ante a presión

Comunicado da Coordenadora Galega de ENDL:



PRESIÓNS POR PARTE DA INSPECCIÓN EDUCATIVA

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística quere poñer en coñecemento público a presión que está sendo exercida cara aos equipos directivos por parte de membros do Corpo de Inspectores. Con estas presións búscase impedir que se informe ás nais e aos pais, que van responder á enquisa da Consellería de Educación.

Deste xeito, á parte de oralmente, estanse enviando notas con instrucións ás direccións dos centros educativos.

Ante estes feitos, a Coordinadora quere manifestar:

1.- Que os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) son instrumentos legais dos centros educativos que realizan habitualmente campañas de sensibilización, información e promoción da lingua galega.

2.- Que as presións de membros do Corpo de Inspectores están impedindo que os ENDL realicen o seu labor informativo e divulgativo de xeito normal.

3.- Que os trípticos informativos repartidos polos ENDL non atacan a ninguén, limitándose a informar a partir de material académico de recoñecido prestixio, avalado por dúas universidades galegas (Cummins, Baker, I Vila, Sobrado Fernández),.

4.- Que os ENDL non recibiron ningunha nota escrita da Inspección Educativa na que se pida retirar a campaña informativa, polo que animamos a que continúe a distribución dos trípticos: As linguas suman

5.- Que a inspección educativa non debe interferir nas funcións propias dos ENDL, sempre que estas se axusten a dereito (o capítulo VII, artigo 83 do Regulamento Orgánico dos Centros destaca que é competencia do ENDL “presentar proxectos tendentes a lograr unha valoración positiva da lingua no uso da lingua propia”, alén de “proporcionar informacións sobre as actividades do Equipo e de todos aqueles actos e institucións culturais relacionados coa realidade galega”

6.- Que consideramos lamentables os intentos de impedir informar ás nais e aos pais. Como educadores só podemos afirmar que información rigorosa nunca é perigosa, senón fonte de coñecemento e liberdade.

Visto o cal, solicitamos á Inspección Educativa que cese nos seus intentos de interferir no correcto funcionamento dos ENDL e remate as presións ás direccións e docentes de moitos centros para impedir que os Equipos de Normalización e Dinamización poidan realizar o seu labor con normalidade.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.