Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/06/09

Fala o Tribunal Superior de Xustiza

O Tribunal Superior de Xustiza vén de dar a razón á CIG de que non se poden prohibir actos divulgativos ou reparto de información nos centros.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de resolver sobre a medida cautelar do recurso contencioso-administrativo, presentando pola CIG, solicitando a suspensión da instrución emitida pola Consellaría na que se ordena aos directores que prohiban actos a favor ou en contra do inquérito contra o galego. O Tribunal Superior non considera necesario suspender a instrución por canto nunca se pode ler no sentido de que restrinxa o exercicio dos dereitos fundamentais á liberdade de expresión e información, reunión, asociación e liberdade sindical.
A CIG-Ensino valora positivamente o AUTO do Tribunal Superior de Galiza impedindo calquera interpretación da instrución dada pola Consellaría que coarte a libre realización de actos informativos, reunións, difusión de opinións diferentes, e outros dereitos fundamentais que trataron de ser vulnerados coa escusa de que puideran ser un obstáculo para o desenvolvemento da Consulta. Un acto informativo ou un folleto nunca pode ser interpretado como coacción e o único que pode prohibir a Consellaría é actos que “entorpezan, obstaculicen ou dificulten” a Consulta.
En consecuencia, pedimos a todo o profesorado que facilite información á comunidade educativa sobre un inquérito que a Consellaría de Educación quixera facer con escurantismo, silenciando calquera voz discrepante da súa propaganda contra o noso idioma, ao ser ratificado polo Tribual Superior de Xustiza de Galiza que non se poden restrinxir ningún dos dereitos fundamentais que se pretenderon conculcar.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.