Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/06/09

Linguas, liberdade e tartufismo

Insisten, teiman, porfían aqueles que senten desprezo ou calquera caste de odio polo idioma galego -dende un odio inconsciente ou gratuíto, propio da ignorancia, até un odio tartufo, mestura de maldade e torpeza- na utilización manifesta do termo "liberdade", relacionando esta en todo momento cunha defensa tartufa -é dicir, hipócrita, falsa e enganosa- dun suposto bilingüismo que centra literalmente o seu discurso. Resulta a todas luces evidente que os verdadeiros bilingües, na pura práctica, son os galegofalantes habituais, que dominan tanto o seu idioma propio como a lingua castelá. Mais non acontece así, en cambio, no caso dos castelanfalantes habituais, que adoitan descoñecer o galego (e dita ignorancia ou incapacidade lingüística resulta, abofé, ben "estraña"), non dubidando, en moitos casos, en rexeitalo ou menosprezalo. Vexamos un caso real. Unha señora castelanfalante que forma parte dun colectivo galegófobo pídelle a unha amiga, esta galegofalante e obviamente bilingüe, a súa sinatura a prol do bilingüismo e da liberdade. E a segunda dille á primeira: "Ah, ¿entón agora defendes tamén o galego? -"Yo, ¿el gallego? -responde indignada a activista-, vamos, no me hagas reír". Xulguen vostedes. Como diría Eduardo Haro Tecglen, Tartufo regresou e está entre nós. O tartufismo, esa "devoción simulada", esa "piedade finxida", esa "dobre moral con recendo a obscenidade", está aquí. Enchen a boca coa palabra liberdade -tartufismo puro- para maquillaren manexos infames contra o galego, idioma que está na actualidade seriamente ameazado de extinción. Semellante uso do termo "liberdade" en relación coas linguas merece figurar na historia universal da infamia. Como moi ben di o comunicólogo Vicente Romano, autor de La razón pervertida, "a la libertad se accede mediante la adquisición de los conocimientos para actuar y dominar el entorno en cooperación y solidaridad, para ser dueños de nuestro destino". Ou sexa, sen coñecemento e uso libre do galego, a liberdade, simplemente, non existe.

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO


2 comentarios:

Anónimo dixo...

Que os galegos castelanfalantes non defendan o galego resulta comprensible(ou polo menos coherente), pero o que resulta "obsceno" é que os galegos galegofalantes (para a galería) lle ensinen a falar aos seus fillos/as en castelán. O galego, con amigos coma eses, non necesita enemigos. O galego non está en perigo polas políticas que fan os gobernantes de turno, senón porque os galegos/as non lle ensinan aos seus fillos/as o seu idioma.

Anónimo dixo...

Non digades que está, o Galego, ameazado de extinción, sabedes que está irremediablemente, CONDEADO A DESAPARECER, e quen o condea? -Pois aqueles que o defenden dando charlas ó seu favor, co suben á árbore da súa bandeira política, que dan clases de Galego..., pero que lles falan castelán ós seus fillos nas súas casas, e galego nos parques (polo que dirán os que os oian...).
Invítovos a pensar o que pasou co Latín ( en Galicia aínda se usaba na misa a mediados do século XX, E CANTOS LIBROS NON SE ESCRIBIRON EN LATÍN?), PERO PERDEUSE PORQUE SE DEIXOU DE FALAR. Que pasou co castelán en EEUU nos últimos 20 anos, a pesar da lexislación anglofona contra do castelán? pois co número de falantes hispanos non para de medrar...mais ben ó contrario, agora xa se fala do spaningles...quen o diría? As linguas son vivas e persisten namentras llas falemos ós nosos fillos, e estes ós nosos netos, e estes ós nosos biznetos...cada ves que se rompa o eslabón, o Galego será menos Galego, e máis castelán.O Galego resisteu mentras nas casas se falaba Galego e se ensinaba en castelán, pero... que pasará cando se ensine en Galego nos colexios pero nas casas a nosa lingua materna sexa o castelán???
Faládelle Galego ós fillos/as, veredes como a tendencia se invirte.Non á "dobre moral" e non ás "devocións simuladas" que son as que nos "matan traidoramente" o Galego.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.