Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/10/10

Sinestesia

Documental sobre Daniel Tammet, un superdotado que padece o 'sindrome de Savant' polo cal é capaz de facer os cálculos matemáticos máis sorprendentes ou aprender islandés nunha semana. O máis fascinante de todo é que, a diferenza da maioría dos casos similares ao de Daniel (como o caso real que inspirou o filme 'Rain Man', persoa que tamén podedes ver uns minutos neste vídeo), Tammet conseguiu mitigar o autismo que xeralmente vai asociado a este tipo de síndromes. Por iso é un caso de incuestionable valor para os científicos, que non chegan a comprender que Daniel realmente non realiza os cálculos matemáticos, senón que describe as 'paisaxes', as 'formas' ou as 'sensacións' de pracer ou desacougo que os números provocan na súa mente. Sinestesia é o nome que recibe esa experiencia de asociar números con formas ou sensacións.
Parte do experimento foi levar a Daniel a Islandia, e comprobar se era capaz en só 7 días de aprender o islandés (lingua que só falan menos persoas que as que habitan na Coruña, e acreditadamente un dos máis complicados de aprender que hai). Pois ben, por suposto Daniel foi capaz de aprendelo (e ser entrevistado na TV islandesa para demostralo), pero aí podemos escoitar a un dos abraiados presentadores comentar: "os islandeses sentimonos moi orgullosos do noso idioma, e que alguén sexa capaz de aprendelo en só unha semana é estupendo".



Vía

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.