A autora sinala que “Galicia será nación” cando a poeta de ‘Cantares Gallegos’ sexa para o país “o que é Mozart para Austria e Shakespeare para o Reino Unido”
En dúas das catro esquinas do salón de plenos do concello de Allariz “observaban” a escena Rosalía de Castro e Vicente Risco porque se trataba da entrega da décimo quinta edición do Premio de ensaio que leva o nome do escritor ourensán e a publicación premiada aborda a dimensión de muller comprometida e intelectual rompedora da escritora de Padrón. A gañadora nesta ocasión foi Pilar García Negro, muller, mestra e investigadora, como a definiu a concelleira de Cultura de Allariz, Teresa Devesa. Foi precisamente a propia Devesa, relatora do acto, a que detectou a presenza dos egrexios escritores, aos que tamén presentou, antes de falar do acto literario co que se “homenaxea a memoria da poeta de Galicia e recoñece o traballo da primeira muller deputada no Parlamento galego”.
A entrega do premio acompañouse de música interpretada por un cuarteto ao que os convidados e convidadas aplaudiron despois de cada execución pois puxéronlle notas a poemas rosalianos como Campanas de Bastavales. Estaba especialmente satisfeito Olegario Sotelo Blanco, presidente da Fundación Sotelo Blanco, pola consolidación do premio de ensaio e por ser García Negro, colaboradora de Xornal, a premiada xa que subliñou: “Prestíxianos a todos e a todas”.
'EN LAS ORILLAS DEL SAR'
Pilar García Negro escoitou todos parabéns que se pronunciaron no Salón de Plenos do Concello de Allariz e aclarou: “As miñas palabras van máis alá do protocolario porque estou moi agradecida a todas as institucións e persoas que tiveron que ver e fan posible ano tras ano este acto”. De seguido entrou no terreo do concreto para situar o seu interese por Rosalía de Castro na súa etapa de estudante de Filoloxía Hispánica. “Tiven que elixir un libro en español para facer un traballo e escollín En las orillas del Sar, e dende ese momento a figura de Rosalía chamoume a atención e comecei a estudar a súa obra”, explicou a autora premiada este ano co prestixioso Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.
O interese da ex deputada do BNG no Parlamento galego desembocou en numerosos estudos, reflexións e publicacións que remataron na compilación do volume premiado que é “unha síntese do meu traballo docente” e que leva por título O clamor da rebeldía, Rosalía de Castro: ensaio e feminismo. A autora, para reivindicar e recoñecer a figura da escritora galega, referiuse a nomes como o do escritor, Shakespeare ou do músico, Mozart, porque “cando Rosalía sexa o que Shakespeare é para o Reino Unido ou Mozart para Austria, Galiza será a nación plena”. García Negro foi máis alá e sinalou que “somos galegos e galegas grazas ao papel de mulleres arriscadas e valentes na apoloxía de Galiza como Rosalía de Catro” e finalizou dicindo: “Aspiramos a ser galegos e galegas a tempo completo cando nolo permitan e esta aspiración xa a espertou Rosalía”.
As súas palabras provocaron nos asistentes aplausos de satisfacción e o bater das palmas corroborou as afirmacións de Luís Martínez-Risco, secretario da Fundación ou de Sara Vega, concelleira de Castro Caldelas, cando afirmou que o nome da premiada prestixia un galardón xa consolidado no panorama cultural do país.
Ademais dunha representación da veciñanza da vila estaban no salón de plenos do concello de Allariz compañeiros e compañeiras da Universidade da Coruña de Pilar García Negro, o presidente fundador da UPG, Bautista Álvarez, a tenente alcalde de Ourense, Isabel Pérez e mesmo o voceiro popular no Parlamento, Antonio Rodríguez Miranda. Todos eles recoñeceron o traballo de García Negro.
Sen comentarios
Publicar un comentario