Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/09/11

Desilusión

Estes días tiven oportunidade -estamos de festas na vila- de me reunir con compañeiros e compañeiras de centros espallados por toda Galicia. Se hai unha soa palabra que nos una é esta: desilusión. Desilusión pola actitude da Consellería e pola actitude dos pais. Falamos de moitos colexios que decidiron unanimemente renunciar a facer calquera tipo de actividade extraescolar (case todos os do Deza, por exemplo). Falamos de profesores que renuncian a formar parte do PLAMBE, fartos xa de tanto voluntarismo; de profesores de idiomas que deixan de realizar intercambios con outros países; de vicedirectores que xa non argallan excursións de fin de curso; de profesoras entusiastas que mesmo deixan de organizar clubs de lectura…

Cansos da actitude “dos nosos xefes” que poñen a opinión pública en contra nosa, cansos de recortes só na educación pública, cansos de ver como pais e nais soamente falan de nós para criticarnos, que se inmiscen constantemente no noso labor, chegando mesmo a oír como temos que organizar a aula, como temos que explicar, ou canto, ata onde debemos chegar, que debemos esixir... Maxinades que nos entremetéramos nós nas profesións deses mesmos pais e nais? Chegar onda un policía e dicirlle como ten que dirixir o tráfico? Onda unha médica e aconsellarlle o mellor xeito de operar? Onda un cociñeiro e explicarlle que eses non son os ingredientes máis bos???

Pois estes “consellos” temos que oílos nós a cotío. Comentaba unha mestra que unha nai lle dixo o outro día que “o que tes que facer ti é ensinar, que para excursións e educación xa estou eu”; consecuencia: renunciemos a facer excursións. Outra compañeira comentaba como un grupo da ANPA protestara polo xeito de levar os préstamos na biblioteca; ben, compren vostedes libros. Ou non. Fagan o que queiran, xa que tanto saben.

Ante isto, prodúcese arestora a situación que nun principio comentei: a perda da ilusión e buscar un xeito de manifestala procurando xustiza: deixar de organizar actividades para centrármonos só naquilo polo que nos pagan: dar clase.

Presentaba entón eu a miña dúbida, e o meu rexeitamento. Con este tipo de medidas os únicos prexudicados son os máis febles: o noso alumnado. E recoñezo un gran tremor de pernas ante esta situación. Non son eles os culpables, senón que son as vítimas. Retrucábanme: é o único xeito de que pais, nais e políticos entendan ata que punto é importante o noso labor. En todas as guerras hai vítimas colaterais e sempre son os débiles. Non quero eu iniciar este tipo de loita onde os desfavorecidos son uns alumnos que eu, coido, moito nos necesitan. Cando menos ese alumnado do rural que non ten, nin de lonxe, as mesmas oportunidades ca outros máis favorecidos.

Si. Estamos todos e todas enfadad@s, indignad@s. Compartimos as persoas que exercemos a docencia un mesmo sentimento. Pero coido que temos que tirar para adiante, sen deixar de esixir onde cumpra, debemos continuar mentres teñamos folgos para facelo. O noso traballo é único porque non manipulamos cousas, senón que construímos futuro. Non deixemos de darlles as oportunidades que necesitan. Non pola nosa desilusión. Non pola mala política deste goberno. Somos a educación pública: iso debe erguer as nosas miradas con orgullo e seguir na loita. Demostremos que o noso traballo ten un sentido e unha lóxica, que todo nel é importante, que cremos no que facemos e que o noso alumnado é o máis valioso que existe. Porque o é.



6 comentarios:

Xabi dixo...

Bravo! Moi ben! Completamente de acordo.
O de recorrer á incomprensión dos pais e nais, éche xa moi vello coma para volver a poñelo de escusa para non actuar. E dos gobernantes ¿que máis imos dicir?
A única actitude coherente é a que apuntas: segir loitando por aquilo no que cremos... e agardar que veñan tempos mellores

Ronsel dixo...

Xa, pero un cansa, verdade? Non sei se chegarán eses tempos mellores... ou se nós os veremos.

Xabi dixo...

O que xa me gusta menos é a mensaxe de desilusión...Ilusos non, pero con ilusión; coma sempre. ¿E logo que pensabades? ¿Que xa acadaramos o ceo?

Cibrán dixo...

Deches co punto fundamental da cuestión: o alumnado máis desfavorecido socialmente vai ser quen máis vai pagar o desprezo da administración polo ensino público, pois tamén resulta que este ensino ten os seus alicerces preciamente neses rapaces. Pensemos, por exemplo, que moitos deles, ou ven nas escolas unha obra de teatro, ou nunca a verán.
E unha crítica, non a ti, senón aos que non che lean ben o post, que os haberá. A algúns vailles parecer que enfrentas profesores (razonables) contra pais (atolondrados) e ti e mais eu sabemos que o problema non está en ser pai ou profesor, senón na defensa ou no desprezo polo ensino orientado a quen máis o necesita. Non si?

Ronsel dixo...

A ver Xabi. Sigo a falar con compañeiros e compañeiras que até o de agora pódoche asegurar que traballaron as 24 horas do día para o alumnado e para o instituto... e si, perdeuse a ilusión. Agardo que se recupere, pero politicamente os tempos son moi malos...

Ronsel dixo...

Cibrán: quen me preocupa precisamente é o alumnado desfavorecido, dese falo e a ese defendo... como crer doutro xeito no ensino público? Se non existise este tipo de ensino sei de moitos que non poderían chegar onde chegaron, nin o mundo sería mundo.
Coma en todo, hai moitos xeitos de ler e de interpretar: esa é a liberdade que lle ensinamos tamén ao alumnado.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.