Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/10/11

El viejo juez

Salamandra publica El viejo juez de Jane Gardam. Un libro que engancha dende o primeiro momento e que sobresae por ese desorde aparente de narración, segundo os recordos veñen á mente do protagonista; unhas lembranzas que flúen incompletos e intermitentes, ás veces coma soños, ás veces coma pensamentos, ás veces como cartas ou mesmo como información que provén de xente que viviu canda el. Un protagonista soberbio, a dicir verdade, porque baixo ese aparente señoría agóchase unha vida de morte e destrución, pero sobre todo de soidade. Algo que marca profundamente o seu carácter e que lle impedirá unha certa felicidade vital. Resulta fascinante saber algo sobre eses "orfos do Imperio" que describe o libro, así como o xeito de contarnos unha vida tan azarosa que ás veces mesmo teremos que intuír. Que distancia existe entre o que se ve dende fóra e o que se sente por dentro!
Con certos e enxeñosos toques humorísticos e irónicos, imos contemplando e completando finalmente un panorama de tristura e sentimentos rompidos por mor das circunstancias. E estas conforman un protagonista que semella fóra do mundo aínda que el se aferra a este porque desexa seguir vivindo e recuperar algo dese tempo perdido que malgastou durante case toda a súa vida.
Unha novela estrañamente cativadora.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.