Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/05/14

As redes de Inés

 Elvira Riveiro publica en Xerais, na súa colección Merliño, un fermoso poemario infantil que conta coas ilustracións de Fino Lorenzo. Teño para min que estamos ante unha das figuras que serán máis importantes da poesía galega destes tempos, posto que cada novo libro que publica constitúe unha mellora respecto á anterior. E non é doado, pois lembrarmos aquel fermosísimo Palabras brancas que se nos antollaba insuperable.
Nesta ocasión, Elvira realiza un poemario infantil, un máis que debe estar en todas as escolas e debe ser lido por nenos e nenas para que a linguaxe poética forme parte das súas vidas dende sempre. Coido que é isto moi importante, a ver se conseguimos que a poesía deixe de ser para a adolescencia un obxecto estraño e rexeitable que máis parece de extraterrestres. Se lográsemos que a amasen dende a infacia, teremos unha nova oportunidade. Ogallá.
E de que nos fala Elvira? Dun oficio tradicional, o de redeira. A protagonista do poemario é Inés, unha redeira que herda e que leva baixo o seus ombreiros o pasado mariñeiro do pobo.
Por suposto, tal como adoita suceder na poesía infantil, os poemas son curtos, rimados, xogando coas palabras e a súa expresividade. Quizais haxa algún léxico difícil pero... para iso están os mediadores, non si? Coñecer novas palabras non impide poder gozar asemade dos poemas. Máis cando estas pertencen a un léxico que a nós, do interior, nos resulte máis descoñecido. Así que a gozar e a traballar co mar!!!
 
Inés está no peirao
dende o amencer,
ata que te ata
o verde cordel.

E eu sei que ela sabe,
ela sabe que eu sei…
…que nunca se enlean
as redes de Inés.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.