Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/08/15

Xustiza De Leite












Non son filla de gandeiros nin teño familia gandeira. Non me cómpre. Non me cómpre estar directamente involucrada nun problema para entendelo ou para solidarizarme. Nin a min nin a ninguén. Por iso, botei de menos que hoxe, nesta manifestación multitudinaria que pola mañá protagonizou a miña vila, non houbese máis xente. Si, é certo, había moita. Pero debería estar alí toda a vila. Porque as nosas vilas, os nosos comercios, viven do leite. O meu alumnado vive no agro, e vive del. Así pois, os seus estudos tamén dependen do leite. Vivimos no agro e Galicia é agro.
Neste país no que vivimos, un país que se autodesprecia, que desprecia a súa lingua, que desprecia a súa natureza queimándoa, que desprecia a súa riqueza cultural esquecéndoa, neste país do que me laio continuamente polo seu desleixo, neste país, digo, debe existir unha unión que ata agora non se conseguiu para pedir un prezo xusto polo leite. Nunha profesión escrava, na que non existen domingos nin festivos, na que o traballo escraviza as persoas, estas ven como o produto do seu esforzo é vilipendiado pagando unha miseria coma se o labor non servise de nada:  0,22€ e 0,28€ por litro de leite. Que clase de broma macabra é esta? Hai xustiza no noso campo deste xeito? NON.
Certo é que o día de hoxe foi emocionante. Ver centos e centos de tractores (sabedes o que custan estas máquinas?) pasar como monstros indefensos por toda a vila, ver a xente unida procurando un pouco de xustiza, ver alumnado que reclama para as súas familias o que lles corresponde, ver todas as xeracións involucradas... si, foi emotivo. E coma sempre, as bágoas non deixaron de percorrerme. Aínda agora me emociono ao lembrar as conversas, o cansazo da xente do campo, os nosos paisanos cansos dunha loita de séculos... 
Estou cos gandeiros e son gandeira. Como galega que son.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.