Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/09/18

Unha longa viaxe

Tan pronto ollas a portada sabes que che agarda un libro magnífico. Nela están os dous protagonistas paralelos da historia, e sospeitas que agarda. Tamén coa portada sabemos que dentro imos rebordar de sensibilidade e sentimentos. Tal como sucede. Porque primeiro apértalo, úlelo, e logo pasas a lelo inmediatamente, non podes esperar máis. E as ilustracións de Federico Delicado posúente. Case podes adiviñar o texto de Daniel H. Chambers. Ambos realizan unha comuñón perfecta. Unha longa viaxe é, si, o testemuño dunha realidade que millóns de persoas viven cada día e que preferimos esquecer unha e outra vez porque é máis doado vivir entre os noso soños e o noso mundo doado. Para que botar a ollada tan alá? Por iso sempre son tan importantes estes libros: para nos lembrar unha e outra vez que calquera podería vivir esa mesma situación, e que aquí xa a vivimos aínda non hai tanto tempo. Que debemos tender unha man e non agochala. Que somos máis xenerosos cos animais que cos nosos conxéneres. Que o noso egoísmo non ten límites. Que as fronteiras marcámolas sen necesidade da súa existencia.
Grazas, Kalandraka.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.