Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/12/19

Esta Navidad Feminista

22/12/19

Non á violencia contra as mulleres (DLXXXIX)

NO SIGNIFICA NO

18/12/19

Amani

Vén de publicar Miguelanxo Prado este fermoso álbum ilustrado publicado por Retranca Editora, Amani. Un hipopótamo que nace con déficit de tostesterona e iso facilita que sexa un animal pacifista, que non sente a necesidade de atacar nin de realizar ningún "postureo" diante da súa manda porque el é quen de vivir ao seu aire sen necesidade de amolar a ninguén. Así, procura unha charca para el porque non é rival nin inimigo, el tan só quere ser feliz e ter amizade con todos os animais que o rodean.
Un libro fermosísimo que prende sorrisos e fai cavilar.

17/12/19

#EuSiTeQuero

#YoSíTeQuiero
Iniciativa solidaria en favor dos menores estranxeiros non acompañados.
Importádesnos, aportádesnos e querémosvos entre nós!
Máis info en: https://bit.ly/2YY7qru

16/12/19

A araña que lles tiña medo ás arañas

Divertidísimo álbum que nos trae a editorial Xerais de Ramón D. Veiga e Iván R.: A araña que lles tiña medo ás arañas é unha historia protagonizada por unha araña afouta que vai topando diferentes animais de todos os tamaños ante os que se presenta valente e sen ningún tipo de temor. As cousas cambian cando descobre a súa propia raza e a si mesma, o que fai que o relato sexa aínda máis riseiro. Imposible que non tire sorrisos ao lectorado, teña a idade que teña. E falo con coñecemento de causa!!!

15/12/19

Non á violencia contra as mulleres (DLXXXVIII)

Al Revés tú también te asustarías

14/12/19

Animais

Da mesma colección có anterior, Animais, dos mesmos autores, Antonio Rubio e Óscar Villán publicado por Kalandraka tamén, ofrecen un pequeno zoo de amizade. Un libro divertido que, de seguro, obterá a súa recompensa nas mans da rapazallada pequena. Delicioso.

Froitas

Pequeno e saboroso libro que publica Kalandraka para a rapazallada máis pequerrecha. Antonio Rubio e Óscar Villán constrúen un froiteiro alegre, colorido e saboroso xunto co xardín cheo de árbores froiteiras, para que dende unha idade temperá collan libros  en cartoné e puntas dondas en pinctogramas poéticos. Un xeito marabilloso de achegar a lectura e educar.

13/12/19

Mujeres (con)ciencia. Marta Macho

Estereotipos de xénero na educación STEM:

12/12/19

Candorcas e unicornios

Fermoso relato este que nos trae María Canosa mediante a editorial Galaxia, Candorcas e unicornios, ilustrado por  Iago Torres París. Unha fábula onde a natureza pode ser protagonista pero onde hai algo moito máis importante, o respecto ás diferenzas, a convivencia nesta sociedade tan complicada que pode ser tan odiosa e ás veces tan esperanzadora. Unha voz sensible que nos manda unha mensaxe clara e contundente: quizais non teñamos necesidade de viaxar canda as candorcas, quizais non teñamos que subir nos unicornios, para procurar que a vida sexa máis doada, que nenos e nenas poidan ter un futuro mellor.


11/12/19

ENTREVISTA: CRISTINA FALLARÁS

O can de Milu

Un ano máis, o Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados que publica Kalandraka tráenos un delicioso álbum, neste caso de Mariann Máray titulado O can de Milu . Unha mascota moi especial e o amor incondicional que se sente por elas, e que quizais só comprenda quen se deixa acompañar na súa andaina por unha. E sobre este amor, o amor pola liberdade, xa que o libro tamén é unha reclamación ante eses lugares que teñen os animais pechados sen lles permitir medrar na súa propia natureza.

10/12/19

Plata Ta Tá

Yalitza Aparicio se une a la protesta de la cantante chilena Mon Laferte en el VIDEO “Pla Ta Tá


09/12/19

La científica olvidada que ‘descubrió’ el cambio climático: Eunice Foote

Viaxe ao futuro

Imprescindible este novo libro de Ciencias que nos trae a editorial Xerais, deses libros que debe haber en todas as bibliotecas escolares e que agradecemos porque moito nos cómpren libros destas características na nosa lingua. Viaxe ao futuro é un libro de "respostas rápidas para preguntas enxeñosas". En formato moi cómodo para a súa consulta con aneis grandes e grosos, tipo cartaz, coas follas tamén grosas e divivido en tres grandes temas: "Como será o futuro?", "A ciencia no ano 2100" e "Máquinas e robots do futuro", e ilustrado de xeito moi alegre, a lectura é doada e rápida. Ata mesmo poderemos gañar cartos se reciclamos!!!

08/12/19

A fita azul

Unha das grandes vítimas da miña inapetencia lectora destes últimos meses é -curiosamente- o álbum ilustrado (xunto coa poesía). Por iso A fita azul permaneceu agochada no recuncho literario das "agardas" ata arestora, que foi collido por un impulso que non souben explicar. A verdade é que non tiña nin idea de que ía nin tiña máis información que a dada por unha persoa a quen quero e que tivo a ben mandarme o libro. Supoño que lle debo pedir desculpas por non lle facer caso, pero sei que, na distancia, me comprende.
Debo recoñecer que a lectura d '  A fita azul de Mon G. Buhigas, con ilustracións de Ana G. Buhigas, publicado pola editorial Galaxia, sorprendeume. Porque non é un álbum ilustrado máis, senón que é un álbum poético homenaxe á miña profesión, porque ser profesora é tentar tecer un futuro mellor. E a sorpresa non veu soamente pola lectura do texto, senón porque as ilustracións pretendían levarme por un camiño ben diferente. Cando menos iso pensaba eu. Estamos ante un álbum dirixido a un lectorado adulto e non infantil, de aí tamén en parte a sorpresa.
O fío condutor é un fita que nos leva da man de páxina en páxina. Nestas toparemos tecedorxs de soños que confían e aman a poesía, a múscia, a ecoloxía, a solidariedade, o teatro... e todo aquilo que o ser humano posúe por ser humano e que a fita sabe que terá futuro grazas aos mestres e mestras que constrúen memoria facendo futuro. Un futuro mellor porque niso é o que confiamos quen damos aulas.


Non á violencia contra as mulleres (DLXXXVII)

No es Normal

07/12/19

A discriminación do galego na cidade

06/12/19

O pequeno indio

Acabei a lectura cun amplo sorriso, que gozada! O pequeno indio de Ricardo Alcántara e Gusti, publicado por Kalandraka, lévanos ao mundo da infancia e do maxín, da man dun neno indio que é quen de facer grandas fazañas el soíño... ata que a súa nai lle berra, sexa india ou galega, que máis dá? Porque as nais berramos ante as falcatruadas, cortando así as ás do poder do xogo en solitario e dos soños feitos realidade. 
E é que a imaxinación é unha das chaves para a felicidad, unha chave que abre a porta a vivir miles de aventuras e pasar o tempo de xeito ben intenso, ao mesmo tempo que se sortean miles de perigos e excitantes experiencias... ata que deixamos de imaxinar e volvemos á crúa realidade. Ante esta, é mellor protexerse como mellor se poida.
Un libro perfecto para quen comeza a ler, con letras maiúsculas, rimado, en cartoné duro e esquinas redondeadas... Xa sabedes, comezo a atesouralos!


Parece unha formiga

Quedou aparcado, como tantos outros libros, no recuncho que cada vez asusta máis polo tamaño que adquire, de "libros pendentes de lectura". Abofé que esta crise dura de máis e que xa non sei nin por onde comezar. Asemade, unha mágoa tardar tanto en chegar a libros coma este, un libro inclasificable e intraducible polo singular e pola esencia. Parece unha formiga de Pablo Otero inuaugura unha nova colección literaria no seo de Faktoría K de Libros, selo que, seguro, daranos moitas alegrías e misteriosos sorrisos de complicidade lectora. 
Estamos ante un libro tan orixinal que nos pasea por mundos paralelos sen decatarnos: o real e o onírico van da man nos seus versos, versos que se forman dende unha mancha que pode ser unha pegada ou unha sombra, ou tal vez unha formiga. Quizais, porque os poemas están cheos de interrogacións retóricas que a voz poética deita ao lectorado a ver se este é quen de contestar. Porque, quen sabe que foi antes, a orde ou a desorde? Pensamentos que pensan e sucesos que acontecen e non deixan de suceder ata que se tornan silencios. Metáforas e comparacións para chegar ao mundo fantástico e logo baixar á realidade das imaxes ou á sinceridade sen ambaxes.
Coma todo libro de poemas, para ler paseniño, saboreando versos, pousándoos e volvendo a eles de cando en vez, para descubrir unha palabra que adquire novos significados.




Movimiento

Un poema audiovisual aos rarámuri, cortesía de Jorge Drexler


Vía

05/12/19

Na miña alma ouvea un lobo

Pareceume unha lectura moi interesante a desta obra de teatro de Xavier Lama publicada por Edicións Positivas: Na miña alma ouvea un lobo recibiu o I Premio Laudamuco. Baseada en feitos reais, estremece cavilar que algo así pase, que a vida poida ser un engano de longa duración. É unha especie de violencia cara ás mulleres en clave espionaxe, xa que o engano do amor e a dobre personalidade do policía quen abre a chave desta obra. Resulta moi curioso, asemade, que a aproximación a estes feitos se faga en forma teatral, dotando de escuro dramatismo a realidade da sociedade na que vivimos, o funcionamento do Estado, pero deixando o lectorado que xulgue por si mesmo os acontecementos, posto que non nos ofrece un único punto de vista, senón que podemos erguer a ollada para botar a vista atrás e cavilar con cal das situacións podemos e queremos posicionarnos. 
Un libro idóneo para lectura na clase, escrito de xeito áxil e que vén tamén axudado polas escenas breves para unha facilidade maior na propia aula.


 

04/12/19

Carrusel

Como describir a lectura deste libro de Berta Dávila? Carrusel, Premio García Barros 2019, publicado por Galaxia, deixoume antes ca nada e sobre todo  certo desacougo e dándolle voltas ao lido pola proximidade da enfermidade, pero tamén pola propia escrita, demorada, que volve ao pasado e se recrea nos pensamentos e sentimentos. E é que si, estamos ante unha novela curta, pero tremedamente intensa. Un libro que se recrea no misterio e beleza das matemáticas e na defensa da nosa lingua, no que a protagonista declárase neuroticamente escritora, unha escrita, por certo, marcadamente poética, sabedora que aquela -a escrita- é quen de construír beleza a través do seu propio mecanismo: o uso da palabra. 
A carón desta, da palabra, a cicatriz da enfermidade, a impronta que esta deixa para mirar o mundo doutro xeito, sabedora que pode impedir asemade atopar as palabras exactas e interferir no amor desmedido e eterno a unha familia que comparte algo máis ca os xens. De aí a crise literaria e a crise persoal. A crise da vida. A ollada miope da sociedade que non distingue aquilo que existe pero que non se ve porque hai doenzas que non teñen presenza física pero si mental. Doenza que non se entende e que afasta a vida cotiá sen querelo.


03/12/19

+1,5°C Lo cambia todo

02/12/19

El jefe

01/12/19

Ocultas

V Concurso Educando en Igualdad


Vía La Voz de Galicia

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.