Que agasallo tan marabilloso este que nos fai a editorial Kalandraka ao recuperar este libro para a nosa lingua e o noso goce! Oliver Button é unha nena de Tomie dePaola é un deses álbums que debe haber en todas as bibliotecas e en todas as casas, un imprescindible inclusivo do ano 1979.
Oliver é un neno ao que non lle gusta xogar ás mesmas cousas que aos outros nenos da súa idade, xa que prefire xogar a eses xogos aos que a sociedade lles impuxo o xénero feminino. E é que o que máis lle gustar a Oliver é bailar; isto supón que o insulten e o desprecen.
Traballar o respecto é esencial, e este libro vai nesta liña. Tamén axuda a reforzar a confianza en nenos e nenas que queren realizar diferentes actividades a aquelas impostas pola sociedade patriarcal e loita por que cada neno e nena sexa particular e diferente. Por iso é un libro esencial para introducir a diversidade como riqueza. Asemade, outra das grandezas do álbum é que dá importancia ao traballo, ao esforzo, á constancia. Un valor que ás veces a sociedade actual tamén esquece.
Pois iso, un libro completo, actual, imprescindible... e na nosa lingua!
Sen comentarios
Publicar un comentario