Encantoume esta proposta que nos fai Antonio García Teijeiro na editorial Cuarto de inverno con ilustracións de Lidia Cao: As palabras están a mirarse arredor da mesa é un título dun verso da prezada Gioconda Belli, unha homenaxe que o autor realiza a ela e a outrxs poetas así como á propia poesía como catalizadora de sentimentos e de memoria. Un libro publicado anteriormente pola editorial Everest con ilustracións do incomparable e entrañable Xosé Cobas.
O mundo precisa da poesía, e así o reivindica o autor. Porque a lírica sabe de sentimentos. De cultura e do seu acubillo. Pero tamén do proceso de reflexión que ten que realizar o/a poeta para escribir. Déixao claro:as palabras son o instrumento da escrita, é preciso colocalas ben para falar da dor, da vida, dos sentimentos... As palabras poden esvarar e caer ou poden permanecer dentro dun verso, sentíndose importantes todas e cada unha delas, porque forman un conxunto nas que son importantes e perden a súa aparente sinxeleza (ou pouca importancia). As palabras son territorios, son tatuaxes na pel, son paisaxes das ventás pechas que o/a poeta abre para inmiscirse nun territorio que semellaba afastado e que do que se fai dono/a. As palabras e os silencios, ambos rotundos, ambos precisos e valiosos.
Ser poeta é
unha desculpa
para poder dicir,
como Pedro Salinas:
“Serás, amor,
un largo adiós que no se acaba?”
no canto
dun simple
“non sabes, amor, como
te
quero”.
Sen comentarios
Publicar un comentario