Outra desas series de época polas que teño debilidade: esta historia ten lugar en Joseon a principios do século XIX, época na cal as mulleres non deberían saber ler nin escribir. Aquí temos mulleres afoutas que non só puideron acceder á cultura, senón que loitaron ante a sociedade por ela. Por suposto, hai unha historia de amor polo medio, pero o máis importante é para min esta visión da muller que loita pola súa liberdade, pola súa verdadeira paixón, que é a lectura, e que a muller debe escribir a súa propia vida. Esta é a mensaxe máis importante, por moito que nos queiran vender a serie como outra historia de amor imposible; coido que esta queda nun segundo plano e que non ser "a muller perfecta" (aprender a camiñar, ser ama da súa casa, parir...) é o fío verdadeiro da serie. A loita destas mulleres historiadoras permite ademais cambiar o rumbo da historia e a visión dos homes que traballaban no mesmo rol. Son, sen dúbida ningunha, o que fai que esta serie mereza ser vista.