Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/12/10

Hansel y Gretel


Si, xa sei que tod@s coñecedes esta vella historia. Pero é que este non é un simple libro que a recolla. Este é un libro totalmente especial. Que podía ocorrer por outra parte vindo dunha editorial coma esta?: Libros del Zorro Rojo ten a capacidade de sorprendernos con cada libro que publica. Este conto dos irmáns Grimm adquire unha nova dimensión coas ilustracións de Lorenzo Mattotti, convertendo o libro en calquera cousa menos nun libro "especialmente" infantil. A historia que coñeciamos presenta unha nova dimensión grazas a estes trazos escuros en branco e negro que serven para acentuar o que de tráxico ten a historia.
Se vos gustan os álbums ilustrados tanto como a min, comprobaredes que é un álbum propio de adultos, totalmente impresionante.




En Papel en blanco.


Amor na Biblioteca

Temos un "post" de outubro con este mesmo título. Hoxe ímosvos amosar, vía Nosololibros, o vídeo de animación á lectura para peques co poema que trouxeramos alí.
Trátase dun exercicio para a asignatura "TIC en Educación Infantil", 2º Grao de Educación Infantil, Universidade Autónoma de Madrid (U.A.M.)


Non á violencia contra as mulleres (CLXXIX)

Vía Bibliolhosgrandes chéganos este impactante vídeo que reflicte brutalmente a violencia de xénero: "Miles de mulleres caen pola escaleira cada día. De verdade o cre?".
Foi realizado para BFF (Bundesverband Frauenberatungsstellen und Frauennotrufe), organización alemá que aconsella e axuda a mulleres violadas e maltratadas.


Tierra Llana de Castro Rey

Falando de topónimos, este é o que atoparedes na Wikipedia. Ollo! Discútese se debe fusionarse co artigo "Terra Cha". Lede:

Tierra Llana de Castro Rey (cuya denominación en idioma gallego es Terra Chá) es una comarca de Galicia (España). Administrativamente pertenecen a la comarca de Tierra Llana de Castro Rey en la provincia de Lugo los siguientes municipios: Abadín, Begonte, Castro de Rey, Cospeito, Guitiriz, Muras, Pastoriza, Villalba y Germade.

Algúns non sabemos onde traballamos. Outros non saberán nin onde viven...

04/12/10

Calquera lugar é bo

Hoxe estamos moi musicais: este vídeo foi gravado nun centro comercial onde unha serie de "voluntarios" decidiron anunciar o Nadal dun xeito especial: cantando o Aleluia de Händel. Xa me gustaría estar alí para escoitar e ver estes 80 membros do coro de Niágara de Canadá!
Fabuloso.





Nun café calquera, ópera cercana:




Grazas, Flor

Catro por un

Catro libros conforman unha canción. É dicir, catro títulos é TODA a letra desta canción. Cales son estes?



Vale, o primeiro é moi fácil. E os demais, acertástelos?
A resposta, nos comentarios.

Vía Librosfera.

Sementador de estrelas

O "Sementador de Estrelas" é unha estatua que está en Kaunas, Lituania. Durante o día pode pasar desapercibida, simplemente é un bronce máis herdado da época soviética:


Pero cando chega a noite, a estatua xustifica o su nome, que pasa a ter moito sentido:


Bilingüismo

Estivemos á expectativa e tal como agardabamos a polémica está servida. Din por aí que non ten que vir ninguén de fóra para armar barullo porque nós xa nos levamos bastante mal.
A que nos referimos? Pois a que o outro día Henrique Monteagudo deu a coñecer un informe do IGEA: "Por un proxecto do futuro para o idioma galego". No Xornal podiamos ler un extracto (se premedes na ligazón tédelo enteiro):

A renovación do proxecto e do discurso de defensa e promoción do galego debe ter como obxectivo reverter a pauta actualmente dominante de bilingüismo substitutivo ou desgaleguizador, por un bilingüismo restitutivo ou de recuperación, isto é, regaleguizador. Este segundo tipo de bilingüismo é, de feito, o único que permitirá frear a minorización progresiva, e finalmente a desaparición do galego. E este tipo de bilingüismo non pode fundarse nunha actitude neutral dos poderes públicos, no sentido de fomentar un aparente equilibrio entre o galego e o castelán xusto nos dominios en que a acción do estado pode ser máis eficaz (administracións públicas, sistema educativo), pois esta actitude en realidade validará a actual marxinación ou subordinación do galego nunha serie de dominios clave da vida social (educación superior, medios de comunicación, ámbito profesional, laboral, comercial e financeiro, lecer e cultura de masas), e por tanto acompañará o decadencia do idioma propio do país, sen ningunha posibilidade de revertela.

O tipo de bilingüismo que propugnamos deberá tender a un tratamento equitativo (non un falsamente equilibrado) dos dous idiomas, o cal significa que aplicará políticas de acción afirmativa (discriminación positiva) a favor do que se atopa en situación máis desfavorable, o galego, unhas políticas que se apoian na consideración deste como idioma propio do país, tal como sinala o Estatuto de Autonomía de Galicia, e que se dirixirán a manter e incrementar a súa vitalidsade e a súa plena normalización. Para conseguir un tipo de bilingüismo restitutivo ou equitativo, que non sirva de trámite de transición cara á desaparición do galego, é preciso que ao galego se lle outorgue unha posición de preferencia nalgúns sectores, como as administracións e os medios de comunicación públicos e o sistema educativo (ao menos, o non universitario), que veña a compensar a posición subordinada en que se atopa noutros (nalgúns dos cales, coma os medios de comunicación privados, pola propia lóxica das cousas, dificilmente poderá equiparase co castelán).

Tratarase, pois, da inversa do bilingüismo substitutivo ou desgaleguizador que agora predomina, isto é, dun bilingüismo restitutivo ou regaleguizador. Debemos ter en conta que o sector galegofalante da poboación xa é necesariamente bilingüe, pois a presenza pervasiva do castelán na vida pública e nos medios de comunicación garante que é aprendido por todos e asegura que todos deben usalo nun ou outro contexto social. O mesmo non se pode dicir do galego: hai espazos e medios sociais do noso país (o centro das maiores cidades, por caso) en que a súa presenza ambiental é tan escasa, que resulta case unha lingua estranxeira para as persoas que se moven fundamentalmente neses ámbitos. Por iso resulta tan importante impedir que determinados sectores sociais privilexiados consigan patrimonializar o concepto de bilingüismo cando en realidade eses sectores unicamente aspiran a vivir en Galiza ignorando o galego. O único xeito de garantir a igualdade entre os dous idiomas é incrementar a presenza, visibilidade e utilidade do galego e non reducila. Deste xeito, tamén a totalidade do sector castelanfalante da poboación acabará sendo bilingüe, pois se sentirá motivado para aprender o galego e se lle ofrecerán ocasións para usalo.

O bilingüismo restitutivo que propoñemos implicará a difusión da competencia comunicativa en galego e castelán ao conxunto da poboación, basicamente (pero non só) a través do medio educativo. Incentivará a motivación dos castelanfalantes para utilizar o galego, ao menos en certos contextos laborais/profesionais e públicos (nomeadamente, os relacionados co emprego público e os servizos ao público). E buscará multiplicar as ocasións de uso da lingua do país, especialmente para os sectores de idade máis novos, incidindo non só no sistema educativo, senón tamén nas actividades de lecer.

As políticas públicas de promoción da lingua galega e a estratexia política de promoción da nosa lingua non poden estar maioritariamente destinadas a galvanizar os lexítimos sentimentos dos que xa son galegofalantes, senón a saber interpelar e implicar os sectores castelanfalantes de Galicia, que dun xeito amplamente maioritario manteñen actitudes positivas cara ao galego e senten a necesidade da súa recuperación. Hai que procurar as fórmulas axeitadas para fomentar esas actitudes positivas, refugando fomentar o rexeitamento cara ao galego, e apoiarse nesas actitudes favorables para facilitar a adquisición de competencia comunicativa na lingua, e traducir esta nun uso efectivo do galego ao menos nalgunhas interaccións sociais.

Agora, déixovos algunhas ligazóns para que leades as reaccións xeradas ante este informe:

X. A. Pérez Lema: O galego suma, o galego integra.

Antón Reixa: Bilingüismo e colesterol.

Xoán Costa: Monolingüismo.

Carlos Callón: De que nos salvará o bilingüismo?.

Pilar García Negro: O lugar da lingua galega.

Craig Patterson: O bilingüismo restitutivo.

Anxo Quintana: A nosa lingua na utopía de mañá.

Carme Adán: Categorías de moda para a lingua.

Marica Campo: O "como" que o "que" xa o sabemos.

Xabier P. Igrexas: Hexemonía social do galego.

Eladio Cabanelas: Coa miña lingua quero feitos, non utopías.

Robert Neal Baxter: Dismorfia lingüística.

Celso Álvarez Cáccamo: Monolingüismo, bilingüismo, hegemonia.

Manuel Mera: Debatendo máis que de lingua.

Craig Patterson: Vós que sodes as luces...

Francisco Rodríguez Sánchez: Estratexia da confusión.

Bieito Lobeira: A loita polo galego e a farsa do bilingüismo.

E Monteagudo, finalmente, retruca as críticas o día 18: O nome da cousa: bilingüismo restitutivo.

Celso Álvarez Cáccamo: A quadratura da língua.

Pilar García Negro: Galego: A quen queremos axudar?.

Craig Patterson: Confesións dunha neofalante loira.



03/12/10

Sintel

Fermosa curta animada:



Sintel é o nome da rapaza e o dragonciño chámase Scales.

Home: Esta espada ten unha escura maldición. Moito sangue inocente derramouse con ela. Ti es unha tola por viaxar soa totalmente desprotexida. Tes sorte de que o teu sangue aínda non se derramase.
Sintel: Obrigada
Home: Que é o que che trae á terra dos Gardiáns das Portas.
Sintel: Estou na procura de alguén.
Home: Alguén moi querido. Unha alma xemelga.
Sintel: Un dragón.
Home: Unha búsqueda moi perigosa para unha cazadora solitaria.
Sintel: Estiven soa dende que me lembro.
(Sintel curando ó dragón)
Sintel: Xa casi está. Queda quieto.
Boas noites, Scales!
(No mercado)
Sintel:Cóllea (a galiña) Scales! Veña, cóllea!
(Procurando coa vista ó dragón)
Scales???
(Berrando)
Si!!! Veña! Buuuuhh!
(Co gardián)
Sintel: Fallei
Home: Ti so fallaches na túa procura
Home: Estas son terras de dragóns, Sintel. Estás máis preto do que pensas.
Sintel: Scales???

Tradución de Marisa, grazas compañeira.

Todo é silencio

Sempre digo que Manuel Rivas gústame máis nas "distancias curtas", é dicir, nos seus fascinantes relatos (inesquecible Que me queres, Amor?) e nos artigos xornalísticos, sempre certeiros. Por iso, ler a que de momento é a súa última novela, Todo é silencio, dábame un pouco de medo; de feito, o comezo semellou que ía defraudarme, como era previsible que acontecese despois de tanta loanza. Pero logo non sucedeu así.
De Todo é silencio hai que falar, posto que é falando como podemos compartir a nosa paixón pola Literatura, pola palabra escrita, pola lingua ben trazada, pola historia que nos apreixa. De Todo é silencio hai que falar para que non se oculte no esquecemento da mudez. De Todo é silencio hai que escribir para que se saiba que non sempre aquel é o axeitado.
Non creo que sexa unha obra mestra. En realidade, de moi poucas novelas podemos afirmar algo así. Pero creo que paga a pena lela. Como bo xornalista que é, Manolo Rivas realiza unha tese de xornalismo histórico: as diferentes fases do ocorrido na Galicia costeira, nunha vila que nos lembra a varias á vez chamada por el polo -para min- desafortunado nome de "Brétema". Así vemos como vai dende naufraxios pasando por diferentes tipos de contrabando ata chegar ao narcotráfico, parte máis importante e onde se centran a maior parte dos acontecementos. Non sorprende a evolución dos personaxes, nin os diferentes anacos poéticos aos que nos ten acostumoad@s o autor. Sorprende, e non me gusta, o final, creo non moi axeitado para a evolución da novela, onde tal como reza o título "todo é silencio" porque este se compra: unha enchenta de violencia desigual que nos abouxa un pouco. Como nos ocorre tantas veces, semella que "había que acabala".
En fin, unha novela a ter en conta no panorama da nosa narrativa, como todo canto escrito sae da pluma de Rivas. Sigo pensando que o prefiro nas "distancias curtas" (ollo", na escrita!) aínda que podo recomendar a lectura desta novela sen temor a errar. Sei que vos vai gustar porque paga a pena lela.


Peche da BIBLIOTECA SOCIAL INTEGRATEX de Allariz


Sabemos dende hai uns días do peche da Biblioteca Social Integratex de Allariz: unha biblioteca que naceu hai 3 anos coa intención de ser unha canle de integración para persoas con discapacidade. Tiña tecnoloxía avanzada (ordenadores adaptados) e bibliografía específica. Dende aquí sentímonos na obriga de dar o noso pesar polo peche dunha biblioteca tan necesaria e puxémonos en contacto cunha compañeira do PLAMBE, María. Estas son as as súas palabras:

A súa apertura coincidiu coa entrada do meu centro no PLAMBE, é máis, un dos puntos nos que se baseaba o noso proxecto era a colaboración con esta biblioteca xa que nos parecía unha vía estupenda para atender a atención á diversidade.
Comezamos a organizar actividades e incluso chegamos a crear un club de lectura: lecturas solidarias".
O que máis destacaría eu aparte do traballo realizado no centro foi a aprendizaxe persoal que recibín xa que en moitos aspectos coñecer a esta xente e ver a ilusión coa que traballan, axudáronme a non perder moitas veces a esperanza e crer que se queres podes conseguir todo.
Por iso, agora dáme tanta mágoa que a pechen xa que o meu alumnado estábase acostumando a ir alí e tamén o sentiron moito.


Con este escrito buscamos unicamente realizar unha pequena homenaxe ás persoas que traballaron nesa biblioteca:


As bibliotecas escolares do plan de mellora tivemos, recentemente, coñecemento do peche da Biblioteca Social Integratex no establecemento Massimo Dutti Outlet do Concello de Allariz. Perante tal feito Queremos deixar constancia:

1.- O noso total apoio ao labor que a Biblioteca Social Integratex viña realizando en colaboración co Equipo da Biblioteca Escolar do IES Allariz. Cremos nas Bibliotecas como prolongación e complemento natural do ensino formal na aula, así como lugar privilexiado para a construción de saber, a participación, a implicación social, a solidariedade e o respecto á diferenza.

2.- O noso apoio ás profesionais da Biblioteca Social (Laura Novelle e Silvia Cuquejo) que con ilusión e interese, fixeron posible unha colaboración estable coa biblioteca do IES de Allariz. Esta implicación co entorno é un compromiso que lles honra e mais un motivo de orgullo, estímulo e exemplo vivo para as bibliotecas que buscan no día a día a colaboración e a coordinación con outras da contorna.

3.- Considerando a responsabilidade da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) neste proxecto, cremos que o peche da Biblioteca Social supón dalgún xeito a renuncia desta entidade a un labor de formación e concienciación social que lle é propia, o que nos entristece porque contabamos con que estes proxectos foran ampliados e estendidos a outros lugares nos que outras bibliotecas escolares estabamos dispostas a traballar conxuntamente para facer posible a integración e a colaboración entre os centros docentes onde a rapazada con dificultades estuda e estes outros contedores culturais onde continúa atopando un lugar que lle é propio e onde atopa a información que precisa.
As bibliotecas escolares entendemos que a tarefa de educar en valores a futuros cidadáns plenos, capaces e libres de estereotipos sobre a discapacidade ou outras diferenzas das persoas (orientación sexual, xénero, raza, relixión...) non atinxe só ao ámbito educativo, senón a toda a sociedade e as súas entidades de acción social.

Mediante este escrito, queremos manifestar o noso pesar pola desaparición da Biblioteca Social Integratex e ofrecer o noso recoñecemento ao traballo das dúas bibliotecarias que a fixeron posible. Coa súa actitude e a súa ilusión, personifican o espírito que nos anima a seguir traballando cos mozos de hoxe polos adultos do mañá. ¡GRAZAS, COMPAÑEIRAS!

Se alguén de vós quere deixar constancia do seu apoio a este escrito, unicamente unhas palabras que o expresen, poden mandar un correo a: lauranovelle@gmail.com


O teu outro TI

Somos quen de maxinar como é a vida dos demais seres humanos? Daqueles que sofren cada día por, simplemente, teren nacido en lugares diferentes? Como é a vida dunha nena pequena que ten que percorrer quilómetros para ter un pouco de auga? Como é a vida dunha muller debaixo dun burka? Como sobrevivir sen apenas alimentos, cartos...?
Intermón Oxfam chega con esta nova iniciativa "Tu otro tú" que consiste en lembrarnos que o destino de calquera de nós sería moi diferente de nacermos noutros lugares.
A campaña recolle un resumo de diferentes proxectos nos que traballa a organización. Por se queredes colaborar.

02/12/10

Oler os libros

Vino o outro día en Cuatro e pensei "teño que buscalo para levalo ao blogue"; esquecinme, por suposto, pero teño a sorte de contar con Miguel Calvillo na distancia:
O sumiller Luis García cheira os libros do Salón do Libro Antigo de Madrid e describe os aromas que percibe: campo, cogomelos, canela, flores secas...



Onde traballo?

Resulta desquiciante o pouco respecto que polo noso temos neste país. Hai uns días, ao chegar a Forcarei, souben que traballo en Forcarey, como ben indica a imaxe:


Claro que cando saio pola estrada que me leva até Silleda volvo atopar un cartel igualiño... só que me di que é Forcarei.
E logo falamos de "LaCoru"!!!

Silvana, a Filla do Explorador. Os Espíritos Azuis


El Patito Editorial achéganos este cómic de Ramón Marcos, do que temos, polo visto, a primeira entrega baixo o título "Os Espíritos Azuis". Un cómic de aventuras no que destacan sobre todo o trazo e os recursos estilísticos e pictóricos, máis que a historia en si, unha historia onde se combina aventura e fantasía xunto con fenómenos paranormais.
Quedamos coas ganas de coñecer novas historias desta moza protagonista.


Unha lección de historia

Grazas, Cristina: Un país en lata.

01/12/10

Día Mundial da loita contra a SIDA

Se ides ao arquivo do blogue comprobaredes como cada ano lembramos este Día. Pero de todas as campañas que logramos traer aquí, quizais a que máis me chamou a atención fose esta: asasina de masas. Hoxe queremos aportar dúas fotos que son tan impactantes ou máis ca aquela.









A Coordinadora estatal de VIH-SIDA (CESIDA) presentou estes días o documental "Elixe sempre cara" onde falan persoas afectadas pola enfermidade; a música é do grupo Vetusta Morla.




Vía

Por cuatro esquinitas de nada

O outro día ensinámosvos o libro "El cazo de Lorenzo" da editorial Juventud. Estes días no PLAMBE andan a darlle voltas ao tema dos libros axeitados para atender a diversidade e hoxe mesmo unha compañeira recomendou que desta mesma editorial existía o libro Por cuatro esquinitas de nada de Jerome Ruillier. Non o coñezo, coido que non importa: para saber que é bo chégame con ver este vídeo:


Sen mirar atrás



Nesta ocasión é a editorial Demo quen nos achega o cómic de Dani Montero Sen mirar atrás, V Premio de Banda Deseñada Castelao. Unha historia diferente sobre a amizade e as segundas oportunidades que de seguro chamará a vosa atención. Hai dous protagonistas no cómic: un é Xaime, a persoa que decide dar un xiro rotundo á súa vida despois dunha ruptura amorosa, e outra é o seu can, tanto ou máis importante nas vicisitudes que as páxinas do cómic nos ofrecen.
O final, sorprendente.



O segredo mellor gardado



Unicef: En el mundo a cada rato.

Grazas, Olga

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.