Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/06/14

Na Festa da Palabra

Onte á noite asistín, un ano máis, á Gran Festa da Palabra que organiza a editorial Xerais. Sempre me deixa abraiada a perfecta organización, o inmenso traballo que hai detrás para que todo saia impecable. Sei que iso son miles de horas e moito esforzo. Por iso, máis que dar os parabéns aos gañadores, que tamén, por suposto, hoxe quero destacar o labor destas persoas que loitan cada día por facer visible a palabra escrita na nosa lingua. 
Fun por primeira vez hai catro anos, cando me chamaron para formar parte do xurado dos Premios Merlín. Ese feito proporcionoume uns amigos que a día de hoxe son parte esencial da miña vida. (Non teño a foto con Helena!)


Pero deume moito máis: ser testemuña directa de como o empeño dun grupo de persoas fan posible que un mundo de soños galegos se fagan realidade nas mans do meu alumnado. Velos traballando de preto supuxo unha reflexión necesaria que ás veces esquecemos: detrás de cada editorial galega hai un monllo de persoas que cren. Crer... Que necesario é crer! 
Manuel Bragado está dende a primeira hora no peirao para recibir a todas as persoas que embarcan. Hai tres horarios, ollo, pero el permanece sorrindo dende o primeiro momento ata que por fin o derradeiro dos convidados a última hora sobe para ir ata a Illa. Á volta, o mesmo. E Celia Torres fai o propio na outra beira. Iso xa é loable de por si, e había que destacalo. Tamén creo que debemos reflexionar sobre a importancia que ten un día como o de onte para as nosas Letras, onde só o idioma é aquilo que nos debe unir e facer esquecer vaidades persoais. Deberiamos ter moi claro que só na unión está a forza, e que para nada cómpren individualidades á hora desta loita nuns tempos ben críticos para a nosa Cultura. Por iso, paréceme encomiable o labor das persoas que están detrás desta editorial, por ser uns currantes que cren no que fan. 
Onte, mentres andaba dun lado para outro (xa sabedes que paro pouco) pensaba en que sería ideal que nese momento proclamásemos a República Galega porque estabamos unidos nunha sociedade monolingüe -case, e como doe este case!-. Unha sociedade ideal que procura a unión na nosa Lingua. Este é o vento que debe gobernar a nosa travesía: a crenza de que só na nosa lingua debemos sobrevivir. E fóra personalismos.
Eu, xa o sabedes, tamén tiven un premio. Ver a familia de Mariña orgullosa da súa nena que tamén é un pouco miña. É necesario dar visibilidade ao alumnado do rural, anónimo, con menos posibilidades que un alumnado urbano con acceso doado á Cultura e a quen a xera.

Particularmente, non teño máis que palabras de agradecemento a todo o equipo que conforma a editorial: adoptáronme estes días con toda naturalidade e permitiron que fose unha máis sen ser un convidado de pedra. Xesto que me conmove enormemente.

Onte botei de menos a moitas persoas que quero. Como non botar de menos a Agustín, sempre lembrado en todas as conversas. Botei de menos a outros amigos que me tería encantado ver alí. Pareceume que había menos xente ca outros anos. Pero sempre é unha gozada reencontrarse con xente magnífica que de xeito case involutantario foron aparecendo na miña vida:


Unha Lúa marabillosa despediunos, nunha tarde de temperaturas agradables como a festa en si:


Esta é unha pequena mostra de canto aconteceu onte arredor dun agasallo de palabras:

Non á violencia contra as mulleres (CCCLXV)

 Mamá, duérmete que yo vigilo

Crese que 840.000 menores son vítimas de violencia de xénero nun ano, é dicir, máis do 10% de nenos e nenas que viven en España. Pero é unha cifra aproximativa porque nos informes non aparecen os menores, por seren vítimas invisibles. Os expertos aseguran que cando unha muller sofre violencia de xénero e é nai, na súa casa hai máis dunha vítima: os fillos.
Este documental indaga na realidade deses menores, reconstrúe o terror e a indefensión que sofren e as secuelas que permanecen.


07/06/14

Minions - Puppy


Vía

Silencio

Teño o estómago revolto e o corazón oprimido agora mesmo: veño de rematar este novela que Fran Alonso ofrece arestora na editorial Xerais: Silencio. Dende logo, non agardades unha lectura agradable, senón unha lectura curta e intensa que beberás dunha sentada e que logo provocará unha indixestión. Este é o propósito de Fran: desacougarnos. E abofé que o consegue. Pois menos mal que non a lin pola noite, porque a ver como podería vir logo o sono, coas imaxes de comidas monstrosas e de nenos estarrecedores! Porque topamos nesta novela unha sociedade urbana -a nosa- abafante e deprimente que pode provocar no ser humano calquera tipo de consecuencia deprimente e paranoica. E nesa paranoia permanecemos, mentres pechamos o libro e cavilamos que nós tamén precisamos un pouco de silencio.
Aínda que non deste calibre.
Porque ese demo dun inferno social permanece entre nós e moi paseniño vainos abafando, percorréndonos e dominándonos, nun relato terrorífico e arrepiante que non queremos que se faga realidade. Unha reflexión social que deita no noso lenzo cotiá Fran Alonso.
E que permaneza o silencio.




06/06/14

The Company


Vía

La nube



En Thule, un texto de calidade denominado La nube de Hannah Cumming. Un libro sobre a timidez e o xeito de ser introvertida e como poder superar este tipo de atrancos. O mellor? A amizade e o compañeirismo, o traballo en equipo.


"La clase de dibujo era divertida.
Podías dibujar lo que te diera la gana.
Todo el mundo se lo pasaba bien.
Bueno, casi todo el mundo."


05/06/14

Os Diplomáticos de Monte Alto - Deitado Frente Ao Mar

Vigo e A Coruña son a mesma cidade no vídeoclip «Deitado fronte ao mar», a volta dos Diplomáticos de Monte Alto:

Malena en el espejo

Encantoume este álbum ilustrado de Elena Ferrándiz que publicou Thule: Malena en el espejo é unha viaxe introspectiva, unha procura para tirar prexuízos e complexos e lograr aceptarse tal como somos. Porque a autoestima é o máis importante para tentar sermos felices.



Si no hallas dentro de ti mismo aquello que buscas, tampoco podrás hallarlo fuera. Si ignoras las excelencias de tu propia casa,  ¿cómo pretendes encontrar otras excelencias? En ti se halla oculto el tesoro de los tesoros.

Frase no antigo templo de Delfos.

04/06/14

HAPPY - We are from LALÍN

Nas redes sociais da vila pulula este vídeo. Coma sempre, invádenos o inglés... pero está ben iso de que a xente sexa feliz, digo eu: 


Estamos no verán!!!



Orixinal proposta da editorial Galaxia, unha novela-disco con texto de Charo Pita,  música de Xoán Curiel e ilustracións de Iván R. : Estamos no verán!!! é un diario dun mozo que no verán é quen de realizar o seu soño, que non é outro que ter un grupo de música. E como o verán está cheo de maxia e de amizade, compartiremos a música co seu diario. Pero... volver ás aulas non é tan malo! E así nolo deixará caer o noso protagonista.
Por tanto, este verán podemos ler e cantar ao mesmo tempo, cunha "banda sonora" onde bailaremos a ritmo de rock, blues, funky ou bossa nova, que de todo hai neste disco que acompaña o libro. Unha boa oferta para este verán, sen dúbida ningunha.
Teño que dicir que non me gusta nada o feito de presetar os alcumes de profesorado e alumnado como a cousa máis normal do mundo, cando sabemos que estes poden facer moito dano. Algo contra o que loitamos a cotío e que se presente aquí como un feito normal e ata delicioso non o creo beneficioso. Hai determinadas cousas nas que a sociedade debería poñerse de acordo e esta é unha delas. Os nomes están para algo e os alcumes adoitan evidenciar  algunha eiva do individuo.

Aparencias





Un ataque na rúa, caer sen sentido. Xente axudando. Pero a solidariedade cambia segundo a pinta que leves. Somos así: a aparencia importa. E moito.


Si. Foi en París. Importa iso?

Vía

03/06/14

Luis Emilio Batallán - Unha ianqui e un caché

Luis Emilio Batallán canta en directo dende a Casa das Crechas un novo tema adicado a Lalín e á súa xente.

Bartleby, o escribente

 
Unha desas obras claves da Literatura Universal é este texto de Herman Melville que publicou Xerais non hai moito: Bartleby, o escribente. Bartleby é un personaxe estraordinariamente orixinal para un libro estraño, simbólico e breve que di moito máis do que parece. 
Moito se ten escrito sobre este personaxe. Para os filósofos é un escéptico, para os relixiosos un místico, para os políticos un antisistema, para os psiquiatras un paranoico. Ou sexa, Bartleby éo todo e desafía tanto a lóxica como a psicoloxía.
O que si está claro é que nada sabemos del. É unha personaxe hermético e pasivo que morre de inanición. A súa máxima é "Preferiría non facelo". Pero cal é a causa para que exista sempre esta resposta? É o único personaxe que non se inmuta, que nin sente nin padece, que non cambia de humor, que permanece impasible ante os cambios de humor dos outros personaxes do libro. Quizais un símbolo da alienación, do ser humano detido ante unha morea de papeis sen rastro de humanidade. A anguria dos datos.
E aí queda a expresión: "ser un Bartleby": unha persoa que ve a vida pasar.

Publicidade sexista


O machismo segue presente nas marcas máis famosas do século XXI:

1. Dolce&Gabbana:  violación en grupo?

1. Dolce and Gabbana

2. Tom Ford: a muller como mero obxecto sexual ao servizo dos desexos do home.

Tom Ford_Fragrance_12


3. Jimmy Choo: Violento, incompresible e innecesario.

img_4bd79ecb028cb3b948360f39ee6ad02c


4. Sisley: insinuando unha violación.

terryerryeryrerrr2


5. BMW: Sen palabras.

edb2cb98c2c84ee6840a83939964bf2f


6. Fluid hair salon: a violencia contra a muller.

fluid_ad


7. Ford: Silvio Berlusconi nun auto con tres mulleres maniatadas.

reklama_berlusconi

8. Duncan Quinn: unha muller estrangulada por un home.

duncan-quinn-unnamed-2008


9. Axe: unha das publicidades máis sexistas.

316853

 
10. Calvin Klein: violencia sexual.

w0007406


O Instituto da Muller sinala os factores que determinan que un contenido sexa sexista. Entre eles, destacan os seguintes:
  • Xustificar comportamentos ou actitudes que impliquen violencia contra a muller.
  • Exhibir o corpo feminino como reclamo de venda cando sexa alleo ao contido do anuncio e do anunciado.
  • Utilizar a  muller e reducir o seu corpo a un mero obxecto sexual.
Vía

02/06/14

A Ca la Yaya

 'A Ca la Yaya' é un simpático videoclip que serve de homenaxe ás avoas por ter sempre comida quente para fillos e netos non pasen fame neste país en crise.



Vía

La tarta de hadas

 
Encantoume este álbum publicado por Kókinos de  Michaël Escoffier e Kris Di Giacom: La tarta de hadas trata dun neno que despreza toda a comida que lle poñen na mesa e seu pai inventará de todo para que coma. Así que estamos ante un álbum divertido con diálogos sorprendentes e simpáticos que se acompañan de ilustracións tamén ben graciosas. Porque ata voar se pode se o maxín nolo permite.
 

E as abellas, que?

Gary Yourofsky defende o veganismo deste xeito: Se os humanos desaparecésemos beneficiariamos a todo o mundo, se as abellas se extinguisen todo o sistema se colapasaría.


Vía

01/06/14

Olha meu irmao - Miro Casabella

As noites de Xián


 Publica Xerais na súa colección "Merliño" este lindo libro de Concha Blanco coas ilustracións de Dani Padrón: As noites de Xián fala da morriña que sente un neno polo ruído do mar e iso consegue que non poida durmir polas noites. A autora procurará unha solución na mestura do fantástico e do real, e esta mestura tan complicada resólvese marabillosamente, completadas cunhas ilustracións acaídas que destacan a oposición entre a noite e o día pero que tamén constantan esa saudade do neno cando debe marchar cara ao interior. O resultado da expresiva suma entre texto e ilustración é por tanto magnífica, convertendo este pequeno álbum nunha opción preciosa de lectura para infantil.



Non á violencia contra as mulleres (CCCLXIV)

Os homes deben comprometerse cun cambio de mentalidade social. Neste vídeo, os homes din a outros homes que a violencia contra as mulleres é cousa de homes.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.