Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/02/20

Campaña Visibilidade contra a censura educativa

Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, 2020

19/02/20

L' ALTRA PAR

A película exipcia "L'ALTRA PAR", de 2 minutos, gañou o premio á mellor curta no Festival de Cine.
A curta describe como as persoas íllanse na tecnoloxía e esquecen unha das mellores cousas da vida: a convivencia humana co amor e a irmandade.

18/02/20

Las Alas

Encántame todo o que fai Jimmy Liao, así que, de entrada, era imposible que non gozase con este Las Alas que nos ofrece de novo a editorial Barbara Fiore. Unha fábula marabillosa que nos fai reflexionar sobre a bondade, a soidade, a incomprensión, o ser diferente. Porque é delicada a liña que separa éxito e crueldade, amor e odio, amizade e soidade. É a sociedade capaz de marcarnos de tal xeito que é imposible a nosa propia liberdade persoal?





17/02/20

12 poemas de Antonio Machado

Publica Kalandraka un fermosísimo álbum poético do sempre presente Antonio Machado coas marabillosas e delicadas ilustracións de Pablo Auladell: 12 poemas de Antonio Machado é un percorrido pola súa obra poética na que trata temas como o amor, o paso do tempo, a morte... temas universais da historia da literatura que Antonio Machado sabe dominar coa palabra e Pablo Auladell coa imaxe.
Deses libros que non te cansas de abrir, follear e ler un poema de cando en vez.

16/02/20

El placer

María Hesse consegue en El placer publicado por Lumen un libro redondo, case mellor podería dicir un libro orgásmico, polo pracer que consegue cando o lemos e contemplamos. Ademais da lectura, é un deses libros que eu denomino "libro ventá" porque nos abre camiño a outros libros. Asemade, bota unha ollada a mulleres que poboan a nosa historia, dende Lilith, a primeira muller que abandoou Adán segundo a tradición xudía: a poeta grega Safo de Lesbos; Colette, a escritora de principios do século XX que falou da bisexualidade; Anaïs Nin ou Simone de Beauvoir... Mergullámonos na cuestión do pracer feminino nomeando o silenciando mediante palabras e ilustracións.
De xeito autobiográfico, a autora conta como foi o seu camiño cara ao espertar sexual, un camiño sementado de culpa e de vergoña (imposible non identificarnos as mulleres de certa idade) e que se pode percorrer porque somos curiosas e queremos explorar e descubrir tantos misterios que se nos presentan. Por iso a liberdade sexual é tan importante, porque nos deixa rexeitar o que non nos gusta, permite decidir se SI ou NON, e sobre todo chama a atención de que esta liberdade sexual non se acolle na educación nin na familia, deixando que sexa o porno, de fácil acceso, que nos "maleduque". O libro tamén denuncia problemáticas asociadas á tradición como a mutilación xenital feminina.


15/02/20

Tres catorce dezaseis

Gustoume a proposta que nos fai Rocío Leira nesta novela matemática-xuvenil que publica Xerais: Tres catorce dezaseis foi, ademais, Finalista do XI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil: lectura moi acaída para o club de lectura matemática e que vou recomendar dende xa á profas desta materia, non só por ser unha novela negra que se le rapidamente senón tamén porque coido que lles pode ofrecer algún material para xogar nas aulas. Xa veremos.
A min, dende logo, paréceme unha boa opción que conxuga, como xa dixen, o elemento matemático coa novela negra, dun xeito lúdico e ameno, sabe manxar os tempos e a intriga e vainos deixando pistas para sabermos máis que o propio profesor de matemáticas. Un libro que engancha e que resulta diferente ás últimas propostas -en xeral- de literatura xuvenil.

14/02/20

Somos as netas das bruxas que non puidestes queimar

13/02/20

Masculino xenérico: un experimento de linguaxe inclusiva con debuxos

12/02/20

Efecto Matilda: as científicas que máis brillaron e menos se valoraron

https://www.gciencia.com/videonautas/efecto-matilda-cientificas/?fbclid=IwAR2IhfHGqVHnhii978zDoisKNV7JfohIVafFXXweyZvb5QO6xb0i-mpYkb8

A Unidade de Igualdade Uvigo celebrou o #11F con este vídeo realizado por A panadaría. Olimpia Valencia, Marie Curie, Ángela Ruiz e Tabitha Babbitt 'resucitan' para denunciar o Efecto Matilda, o fenómeno polo cal moitas científicas son menos recoñecidas en condicións obxectivas respecto a compañeiros homes. #Videonautas

11/02/20

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

10/02/20

Mientras tú duermes

Xa sabedes que me encantas os álbums ilustrados sen palabras. Permiten que sexamos nós quen llelas poñamos mentres lemos, e permítenme xogar con esta posibilidade na aula. Así que foi un motivo de ledicia recibir este libro de Kalandraka, un precioso álbum co que Mariana Ruiz Johnson gañou o Silent Book Contest 2015. Mientras tú duermes transpórtanos ao momento do conto, cando este se converte no protagonista para deixar que o neno ou a nena soñe e o transporte máis alá das súas catro paredes por un mundo imaxinado no que todo podo suceder. E o mellor, é que podemos espertar e seguir aí, neste mundo que ás veces amosa as mesmas cores ca os nosos soños. Coas persoas que outra volta nos contarán un novo conto nocturno que nos permita seguir soñando.

09/02/20

Medio pan e un libro

Hai libros que deben estar en todas as bibliotecas. Nas escolares, nas públicas, nas familiares. Porque son deses libros que debemos follear de cando en vez, porque son deses libros que fomentan a lectura, porque son deses libros que nos fan reflexionar sobres os Dereitos Humanos... Hai diversas razóns porque hai libros que son así, imprescindibles. Este é un deles.
En setembro de 1931, o poeta Federico García Lorca leu en voz alta este manifesto a favor dos libros e da lectura. Inaugurábase a biblioteca pública da súa vila natal, Fuente Vaqueros, en Granada, e aínda que a mensaxe que segue tan vixente agora coma daquela. Teño buscado este texto moitas veces para usalo en diferentes bibliotecas escolares polas que andei, nalgunha das actividades que organizabamos. A xenialidade é que a editorial Kalandraka non só o edita e recupera, senón que o fai arestora nun libro nas catro linguas do estado. Pódese pedir máis? Medio pan e un libro está agora ao noso alcance para seguir traballando co poder transformador dos libros. Eses que ás veces son tan perigosos que algúns ditadores mandan destruír. Por que será?


https://www.slideshare.net/Leire7/comentario-crtico-medio-pan-y-un-libro

08/02/20

Elena sabe

Collín este libro porque foi Premio Pepe Carvalho de Novela Negra 2019 e supuxen que a estas alturas viríame ben unha novela negra desta autora, Claudia Piñeiro, quen xa coñecía. A miña sorpresa foi que de novela negra non ten absolutamente nada, cando menos o que eu entendo como "novela negra". Máis ben poderiamos encadrala dentro dun tipo de narracións de dramas de enfermidade, porque a verdadeira protagonista deste libro é unha puta enfermidade chamada Parkinson. Si, agobioume moito porque vin reflectida en moitas ocasións os últimos meses da miña nai, e aínda así seguín lendo agardando algo que non topei, agás unha sesación asfixiante provocada polos síntomas ben descritos desta enfermidade.O mellor do libro é sen dúbida ningunha o final, que é cando se precipitan os acontecementos, que en realidade non existen, pero é cando averiguamos a triste realidade que se fora entretecendo entre os falsos movementos que esta enfermidade deixa realizar, un final categoricamente irreemprazable. Desde logo, non é lectura apta para hipocondríacxs. Porque é unha puñada directa coa súa crueza e a súa recreación continua nos síntomas e consecuencias de padecer a enfermidade.
Elena sabe está publicada por Alfaguara.


07/02/20

Sonita Alizadeh - Novias en venta

Sonita é unha rapeira Afgana que nos relata a realidade de moitas nenas nesta canción.

https://www.youtube.com/watch?v=neBCNsCimYE



06/02/20

El frío de la muerte

Teño unha relación especial co detective Charlie Parker, de John Connolly, aínda que nunca me parecera posible debido ao xiro que van tomando as súas tramas, dende a simple novela negra a todo o sobrenatural, algo que nunca me gustou pero que si o consegue este autor. Polos seus libros puluan pantasmas e presenzas sobrenaturais, e a min non me molesta! Neste libro, El Frío de la Muerte sucede isto mesmo. Curiosamente, cantas máis estrañas criaturas poboan as páxinas, menos perigoso semella o noso protagonista e os seus inseparables compañeiros. O bo dos seus libros é que seguen enganchando, seguen estando ben escritos, e que ao fin e ao cabo, con presenzas sobrenaturais ou non, o noso detective sempre procura facer o ben nun mundo maligno. Un mundo no que quizais haxa lugar para a xustiza.

05/02/20

Sikkim. A milagre ecolóxica

04/02/20

O Teu Camiñar

Canción promocional do Camiño Inglés a Santiago de Compostela, composta por Carolina Rubirosa, e protagonizada por Julia Baird, irmá de John Lennon. O vídeo é unha homenaxe a todos os peregrinos e a John Lennon, que nos anos 70 proxectou facer o Camiño de Santiago xunto a Salvador Dalí.

03/02/20

Laberinto griego

O último libro de Philip Kerr non me gustou tanto coma os anteriores, non sei se xa porque sabía que era a súa despedida, ou porque non tiña eu ganas de despedilo. Laberinto griego é a última investigación de Bernie Gunther, publicado por RBA. Novamente, ninguén é quen di e os horrores do pasado nazi seguen presentes en Grecia. Seguen presentes os rasgos esenciais do personaxe e dos seus libros: humor, ciniso, intriga, e sobre todo moita documentación para ambientar a novela.



02/02/20

Pipi Mediaslongas nos Mares do Sur

Sempre extravagante, sempre intrépida, sempre valente, sempre xenial, volve Kalandraka deleitarnos coas aventuras de Pipi Mediaslongas, desta volta coa terceira parte da súa triloxía,  Pipi Mediaslongas nos Mares do Sur, onde Astrid Lindgreen volve facernos partícipes das aventuras desta nena que todas quixemos ser e que foi unha mestra da independencia da muller. Unha marabilla que a editorial recupere este clásico que non pasa de moda, é máis, que é máis necesaria ca nunca, porque rompe estereotipos, e amosa unha moza libre e rebelde e transgresora. E todo isto en 1945!
Nesta ocasión, canda os seus inseparables Tommy e Annika, Pippi viaxará co seu pai, Efraim Mediaslongas, á illa de Korakora, onde o capitán é un poderoso rei.


01/02/20

Si no te gusta leer, no es culpa tuya


Se me encanta Jimmy Liao, imaxinade canto me pode gustar un libro del que fala do pouco que se le e do pouco que se ama ir ás pequenas librarías. Así é o seu título publicado por Barbara Fiore Si no te gusta leer, no es culpa tuya
“La librería de la esquina quizá tenga que cerrar. He sido el primero en enterarme porque mi padre es el dueño”. Así, o protagonista convoca a unha reunión a amiguiños e amiguiñas para que o axuden. Unha reunión que vén sendo como unha especie de club de lectura por onde pasan de crequenas baixo unha ollada sarcástica voces como a de Orhan Pamuk, Stephen King, Margaret Atwood, Aldous Huxley, Italo Calvino, Haruki Murakami, Ursula K. Le Guin, Astrid Lindgren, Ray Bradbury, Neil Gaiman…  ou iconos cinematográficos como Audrey Hepburn, Woody Allen o Marilyn Monroe. Camiñando polas súas páxinas, mentres admiramos o seu estilo inconfundible e colorido, tamén alcánzanos unha pátena de tristura pola sensación da perda de afección á lectura, o peche de tendas pequenas e vibramos asemade coa súa homenaxe aos libros, aos editorxs, escritorxs, ilustradorxs e a quen nos permite gozar do pracer da lectura.




Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.