Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/05/16

Voltige

Curta sen palabras.




vía

Sonho com asas - Sueños de volar


Buaaaaa, que fermosura de álbum. Un deses libros dos que é imposible fuxir, namoras só con velo de lonxe. E se te achegas... estás perdido! Falo dunha das novidades da editorial Kalandraka que nolo ofrece en portugués e español: Sonho com asas - Sueños de volar, con texto de Teresa Marques e ilustracións de Fátima Afonso. Os soños. Perseguer os soños? Deixalos ir? Que ocorre se marchan e nós non imos tras eles? Porque de acadar soños, ou de tentalo, cando menos, é do que trata este máxico álbum, dunha nena, dunha moza que quere cumprir o seu soño, que medra atopando o seu camiño, aquel que ela mesma dirixe, loitando contra os obstáculos, abrindo esas portas e ventás que a vida nos vai ofrecendo e ás que tantas veces tememos asomarnos. O emprego da metáfora do voo, tantas veces utilizado, acae perfectamente no libro, xa que este amosa que todos e todas, dende sempre, debemos loitar polo que nós desexamos.
Non, non me esquezo das ilustracións. Son absolutamente marabillosas e inesquecibles. Con elas, voamos nós tamén na procura dos nosos soños, aqueles que tiñamos aparcados porque, sinxelamente, viámonos maiores para perseguilos.
E as páxinas finais, que se despregan... buf, mellor descubrídeas vós.




Queer Avengers


 Lido en Praza Pública:

Este grupo de mozos 'youtubers' galegos destacan na Rede cunha canle de vídeos contra a LGTBIfobia e cunha mensaxe alegre e divertida que instrúe os máis novos na igualdade.



Visitade a súa páxina web, paga a pena ver todos os vídeos. 

30/05/16

SELK'NAM

Curta animada que conta a historia do desaparecido pobo da Patagonia.



Vía

Un gusano en la fruta

Gústame moito este autor de cómics, Rabaté -un dos máximos representantes da Nouvelle BD-, por iso non dubidei en achegarme a este que publica Norma: Un gusano en la fruta. Con el imos ata un pequeno lugar francés de cultivo da vide, onde comprobamos que hai grandes donos de terreos, déspotas que teñen moitos empregados e outros donos que non teñen tantos pero que se van defendendo. Aquí xorde o conflito, entre dous homes donos de terreos, un deses conflitos que semellan herdarse de xeración en xeración e que non parecen ter fin... ata que aparece a gran dama negra, aínda que sexa por un accidente. Logo de coñecermos o lugar e os feitos vannos presentar un protagonista estraño: un cura que por primeira vez foxe da súa nai para facerse carfo da súa parroquia; este pronto descubrirá que a vila idílica que esperaba nada se parece aos seus soños ideais; e descubrirá, daquela, a ruindade do ser humano. E ata aquí poderemos contar.
Iso si, recomendarvos un cómic que podería pertencer ao xénero negro pero que ao mesmo tempo trata a vida con ironía, con sarcasmo, con humor. Porque o ser humano, home e muller, está cheo de claroescuros. E así os veremos.




As Irmandades da Fala

 Dentro do proxecto de divulgación das Irmandades da Fala temos unha serie de vídeos coma este que explica con desenfado que foron as Irmandades.


As Irmandades da Fala | Videoremix from Illa Bufarda on Vimeo.


Pero hai máis vídeos con entrevistas que fan un percorrido polo que somos e o que non, sempre tomando como referencia as Irmandades:



Vía Carta Xeométrica

29/05/16

Y se fue

Videoclip en stopmotion dirixido por Victor Haegelin para a canción "Y se fué", de La Pegatina.




Vía

O fío

Ten a autora deste libro un nome precioso que predispón ao gusto pola lectura... Gracia Iglesias xunto con Rosa Osuna constrúen en O fío, publicado por Kalandraka, un divertimento rimado onde un neno tanto decide tirar do fío que case é quen de deconstruír o mundo! O que nun principio semella obvio, tirar dun fío e desfacer unha chaqueta vólvese unha loucura de ritmo onde destacan as ilustracións que nos contan polo seu bando unha trama enriquecedora sobre o texto. Tamén é certo que podemos extrapolar os versos do noso libro á vida adulta, cando enleamos e enleamos sen sabermos onde e como rematar; e logo procuraremos un inicio que nos queda moi lonxe pola nosa propia estratexia equivocada.
Vós tirade do fío, tirade e tirade ata chegar ao final, seguro que vos sorprenderá!




Non á violencia contra as mulleres (CDLXVII)

28/05/16

Presentación de "Masculino Singular"



Sempre é un pracer estar cos amigos, coa xente que se quere. E se un destes amigos presenta un seu libro, a satisfacción e o orgullo é dobre. Así que si, onte, no museo da vila, Carlos Negro presentou o seu último libro de poemas ("sei que escribo poemas pero non sei se fago poesía") publicado por Xerais.
No acto estivo acompañado pola Concelleira de Cultura, Lara Fernández, e o seu ex-profesor Mario Pereira, quen incidiu neste feito e na emoción que para el supuña que Carlos, alumno del hai case 30 anos, amosase a súa ideoloxía feminista mediante un libro que provoca tantos sentimentos.


Déixovos o texto de Carlos:

Corte de afeitado (apuntamentos arredor de Masculino singular)
1. Masculino singular nace dun corte do afeitado. Do sangue da escrita. Ou como adiantou Rosalía de Castro, do sangue das entrañas.
2. As miñas entrañas son as dun home de mediana idade que decide profundar no espello e mirar que imaxe lle devolve o tempo, a memoria, os ritos tribais, a cultura dominante, a estirpe e as tripas. O rostro dun ser en evolución, que non quere seguir participando dese círculo vicioso da herdanza recibida, do poder arbitrario, dos privilexios mantidos con violencia, real ou simbólica, porque o noso destino semella seguir sendo machos e os nosos falos son lanzas erectas polo Poder, así con maiúsculas.
3. Estes poemas son efectos secundarios do(s) feminismo(s), da súa potencia transformadora, que foi modificando, sobre todo na última década, o meu xeito de pensar e de sentir(me); son poemas escritos non para portar ningunha pancarta que reporte unha recompensa de progresismo , senón para albiscar, entre as ruínas do noso tempo, un ecosistema cultural onde ningún bardo da tribo impón o seu criterio por collóns . Porque se é certa a hipótese de que está a conformarse unha nova masculinidade, debe medrar desde a ética, e non desde a cosmética. Porque máis alá das aparencias, o dinosauro do machismo segue a estar aí, obsceno e prepotente.
4. Por suposto, estes poemas escríbense desde unha posición ética, o cal non implica adoptar o posicionamento do sacerdote no púlpito da igrexa. As armas preferidas de Masculino singular son a ironía e a desmitificación , non a contundencia do panfleto.
5. Neste contexto, o libro representa un combate puxilístico contra a chatarra semántica que propaga o machismo como un andazo, sen diplomacia ningunha. Mergulla a voz nos residuos lingüísticos do patriarcado, na súa pornográfica inmoralidade. Porque sobrevivimos atrapados nun hipermercado de Carne
hipertrofiada e despezada a gusto do consumidor, e ao alcance dun clic ou dun toque do dedo nas pantallas. Consumo de destrución masiva, corpos lowcost 24 horas 365 días ao ano.
6. Sei ben de onde procedo. Dunha cultura heterosexual dominante baseada na pornografía e na prostitución. Dos ritos de paso á idade adulta nos puticlubs de polígono industrial. Dunha mitoloxía adolescente baseada en ereccións e mamadas. Dunha linguaxe agresiva ata o delirio, onde a maior parte das mozas con iniciativa sexual eran definidas como zorras, sen ningún tipo de eufemismo. Si, sei ben de onde procedo. Pero tamén sei que xa non quero regresar aí . Nunca máis. Porque son responsable da educación dun fillo de dez anos e non quero que o aprendan a ser un home de verdade . Porque a paternidade merece ser vivida como unha opción de tenrura activa, e non lle acae tanta misoxinia nin represión dos afectos.
7. Este conxunto de poemas pode lerse como se estivésemos a pasear por unha sala de múltiples espellos, onde os reflexos se multiplican e permiten unha mirada poliédrica. En realidade, Masculino singular foise construíndo como un conxunto de textosespello que se complementan entre si, ben por asociación, ben por contraste. E esa asociación enriquece o sentido, multiplica as posibilidades interpretativas. Porque os espellos, moitas veces, existen fóra do texto, noutras voces que constitúen un punto de partida, ou quizais un punto de fuga do discurso.
8. Este corpus poético sería pouca cousa sen esa transfusión sanguínea que recibe dos versos de Rosalía de Castro e Mª Xosé Queizán, de Isolda Santiago e Xohana Torres, de Denise Duhamel e Ana Romaní, ou mesmo do austríaco Peter Handke e de Juan Carlos Mestre. E, por suposto, tamén hai no libro algúns diálogos por negación: Pondal e Ferrín serían, neste caso, dous magníficos exemplos, porque seguen a ser mestres da palabra, pero non os mestres que iluminan o porvir.
9. Fin das citas textuais. A fin de contas, non vimos a este mundo para entrar na Real Academia dos Bos e Xenerosos. Que se lle vai facer. Quen lles fala só escribe poemas, con maior ou menor acerto. Punto final. O resto, incluído o mérito da lectura, está fóra do seu alcance.

Mil hogares

Hoxe tráiovos un álbum algo diferente porque Carson Ellis constrúe en Mil hogares, editado por Alfaguara,  un muestrario de casas diferentes segundo os países, segundo o tamaño ou segundo a quen acubillen, xa que o libro vainos atrapar sen que haxa un argumento ou unha historia que seguir, tan só gozaremos paseando por entre as casas que nos amosa contrastándoas e podendo comparalas. E de paso que trata o tema da diversidade -algúns fogares dos animais son realmente fantásticos- fala asemade de emocións nun tratamento delicado das ilustracións en gran formato, a dobre páxina, coidando todos os detalles.
No remate, ata teremos un espazo para amosar o noso propio fogar, de querermos.




Carromatos, iglús, castillos, cuevas, tipis, chozas, rascacielos, nidos, cabañas, goletas, huecos de árbol... ¡y hasta una casita hecha de chocolate y caramelos! Este delicioso álbum  constituye un divertido catálogo planetario de viviendas, pues ilustra algunos de los muy diferentes espacios que humanos, animales y 'seres de dudosa procedencia' han adoptado según sus necesidades o -en el caso de los más afortunados- gustos. Austeras, lujosas, prácticas, cómodas, rodantes, imposibles... casi todas las casas tienen algo que las hace especiales y apetecibles, porque, a ver, ¿quién no querría conocer lo que se siente viviendo en las profundidades marinas -como los atlántidas-, en el cráter de la luna -como los selenitas-, o en la inconmensurable sabana -como muchos africanos-? Ciertamente, son infinitos los lugares interesantes para vivir, lo importante, salvado un cierto nivel de confortabilidad y de recursos, es hacer de una casa un hogar. - See more at: http://canallector.com/22769/Mil_hogares#sthash.DjlwQQ5e.dpuf

iFala

Vino no Facebook de Goretti Sanmartín cando o ía traer para aquí:

Magnífico e divertido traballo de síntese. Un moi bo guion, un execicio de actualización de referentes estupendo, unha voz que nos conduce de xeito frenético e sen decaer... Parabéns pola iniciativa e por crear materiais de indubidábel utilización didáctica. Esperemos que o ano das Irmandades teña continuidade e que o curso 2016-2017 sexa o momento de aplicar, de distribuír e levar todos estes materiais ás aulas, aos encontros culturais,..., para deixar pouso, para nos reinventarmos a partir deles...
Unha única cuestión para reflexionarmos para o futuro: sendo certo o machismo existente naquela altura (e diferente na súa materialización ao de hoxe, mais con moitos eixos transversais que perviven e están ao noso redor) e, por tanto, a presenza masculina é a que prevalece en toda a actividade sociopolítica nesta altura, fica aínda por afondar ben -e, sobre todo, por divulgar- no papel das mulleres. Moitas delas estiveron nun papel "secundario", nun posto non principal, é verdade. Mais isto tamén acontece porque decidimos que é o prioritario, que é o principal. A relevancia, de maneira especial, das mestras da época, está por estudar. A práctica dunha pedagoxía avanzada, innovadora, era unha revolución na época. Tamén cómpre detérmonos no xermolo das xornalistas. Cada día imos coñecendo máis e máis o papel dalgunhas mulleres. Hoxe xa podemos nomear algunhas. Mesmo algúns labores, como o editorial de Ánxel Casal, non existiría igual sen a enorma contribución á causa de María Miramontes. Debíanos preocupar que traslademos a idea de seren feitos individuais, illados (Elvira Bao, Micaela Chao, Amparo L Jean, María Miramontes, Mari Luz Morales...) e trazar liñas en común para pór en valor o seu papel, sen dúbida máis importante do que pensamos e do que está estendido entre nós. Nese sentido, unha recomendación para comezar: ler, de principio a fin, o A fondo do Sermos Galiza sobre A Galiza das irmás.

iFala from Illa Bufarda on Vimeo.

27/05/16

Five

 Esta curta é un documental que sen diálogos amosa as vidas cotiás destes cinco nenos que aparentemente son moi diferentes entre si pero que comparten moito máis do que parecía a priori. Con esta curta, os autores demostran que as diferenzas entre os humanos son moitoas, pero precisamente esas diferenzas hai que celebralas.

Five from The Mercadantes on Vimeo.

Visto en Cultura Inquieta

26/05/16

Goose's weekend



Vía

Camille

O último libro de Pierre Lemaitre chámase Camille e publícao tamén Alfaguara. Con Camille cérrase unha tetraloxía onde o protagonista é o detective Camille Verhoeven, un dos mellores personaxes que ten dado a novela negra actual, sen dúbida ningunha. O autor ten unha habilidad especial para a escritura, está claro, e se nas anteriores entregas chamaba a atención polo sadismo que nos ofrecía, nesta entrega cambia completamente de terzo para achegarnos unha lectura máis reflexiva que non defrauda en ningún momento. E como sabemos que o final agardamos o peor, quizais moito peor do que lemos ao rematar, pero si nos agasalla con imaxes inesquecibles e cun caso apaixoante que resolver.
Se amades o xénero, non esquezades este autor, coido que non me ides botar en cara a recomendación.


«El hombre que sostiene la repetidora se detiene, se da la vuelta, duda: es cierto que un disparo es la mejor forma de atraer a la poli antes de haber empezado, cualquier profesional lo sabe. Por un momento vacila sobre los pasos a seguir y, una vez tomada la decisión, se vuelve de nuevo hacia Anne y le lanza una larga serie de patadas. Ella trata de esquivarlas, pero incluso si hubiese tenido fuerzas se lo habría impedido la puerta contra la que está arrinconada. No hay salida».

25/05/16

Contos nerviosos

Publica en edicións Embora Fran Alonso este Contos nerviosos, con ilustracións de Dani Padrón,  un libro para ler en catro sentadas, ou nunha, como queira o pracer da lectura, xa que non provoca nervios a pesar do seu título, pero si provoca un divertimento, dende o neno nervioso polos ruídos -así temos unha critica a esta sociedade barulleira na que vivimos- ata o poder da ficción que provoca a fuxida da realidade, é dicir, a chamada realidade virtual ata esa nena parva que nunca está contenta con nada -esta si que nos pon nerviosos- ata que aprenda. 
Así pois, non nos poñamos nerviosos, ben ao contrario, relaxémonos para pasar un bo tempiño lector... teñamos a idea que teñamos.


Xeración sen machismo



E tamén pode cambiar de xénero ou sexo...

24/05/16

Ma’agalim - Jane Bordeaux



Vía

A amante nunca ten dentes postizos

O III Día das Galegas nas Letras celebra a María Xosé Queizán. Aquí, caras para darlle vida a este seu poema,  idea de Ánxela Lema París:



"A amante nunca ten dentes postizos", María Xosé Queizán from Anxela Lema on Vimeo.

23/05/16

Con Tango son tres

Moito celebro a publicación deste álbum do que hai ben tempo sabía; a editorial Kalandraka, sempre atenta, publícao por fin na nosa lingua, feito que nunca agradeceremos o suficiente. Estou a falar de Con Tango son tres, de Justin Richardson e Peter Parnell con ilustracións de Henry Cole. Un libro baseado nunha historia rela que acontecu no zoo de Central Park, e que fala de dous pingüíns machos que teñen a oportunidade de formar a súa propia familia. Quizais sexa porque no mundo animal todo é máis doado e existen menos prexuízos que no mundo humano. Un libro que chegou a ser censurado no seu país natal porque, precisamente, son os humanos os que non comprenden as diferenzas, pero que aínda así, recibiu numenoroso premios.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.