Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/02/19

Vilaine Fille

Sen subtítulos; as imaxes contan o que non se pode contar. Magnífica e durísima curta de animación.

VILAINE FILLE | César 2019 (EN/FR) from Les Valseurs on Vimeo.

27/02/19

Niña entre niños

26/02/19

A furgoneta branca

Emotivo álbum este que nos trae Xerais da man de Fina Casalderrey con ilustracións de Lucía Cobo: A furgoneta branca fala de coidado, amor, respecto, e comuñón cos animais. A tenrura domina as súas páxinas polos sentimentos e a sensibilidade coa que está escrito e ilustrado. Namentres, unha báoga foxe da ollada do lectorado porque sente a anguria dese animal só.

Xoana - Mártires

25/02/19

A orde do día

Publica Kalandraka A orde do día de Éric Vuillard, interesante lectura sobre a Segunda Guerra Mundial, a economía e a política. Unha obra para ler e pensar, pero tamén para tremer e sabérmonos vendidos.
Quen logrou eu Hitler estivese no poder? Que houbo detrás? Cartos, apoios. Industriais alemáns déronlle grandes cantidades. Logo, políticos pusilánimes e covardes. Entre todos eles forxouse a lenda dunha besta que conseguiu asasinar a millóns de persoas.
Un punto de vista moi chamativo o do narrador, xa que o libro está contado coma se fose unha conferencia; nela sinala culpables con nome e apelidos. Moitos deles seguen vendendo con marcas ben coñecidas na nosa economía actual. E isto fai que o presente e o pasado, xuntos, sexan máis terribles. Porque o poder económico é camaleónico, capaz de adaptarse a calquera ideoloxía por non perder a súa influencia. Cantas veces é a política a dominante e cantas a dominada? Non podemos deixar de lembrar aquilo de "poderoso cabaleiro é don Diñeiro".
Que medo.


24/02/19

Manifesto Nosa Señora das Letras 2019

Dende A Sega:

Escachar a palabra

 
Apoiada no espello, unha treboada. Ninguén é capaz de contela, nin sequera o texto. O universo enteiro ábrese no seu puño contido. Desafíanos e desacóuganos porque sabe que as imaxes que nos contaron non son certas.
Ela, a treboada apoiada no permanente espello, pariu o fillo do que ninguén nos falara. Fíxose corpo. Deunos voz. Perseguiunos coa súa forza, intemperiadas, ata un infinito que chegou demasiado axiña. Arrasou os marcos, desbotou as imaxes para quedar coas palabras.
E a palabra permanece. Permanecen os seus anacos que non buscan recompoñernos, senón escacharnos por dentro. Transgredir e transcender. Cada palabra escrita co sangue da vida. Na poesía, na tradución, na edición. Abrindo dun lado e doutro un cento de espellos nunha imaxe súa que quixeron presentarnos solitaria, mais que agora é nosa para multiplicala, porque nela nos recoñecemos.
Non é tempo de pararse a mirar. Nun mundo do que sempre se sentiu parte activa, dende o coidado e a ollada atenta, sensible á imaxe que fixeron dela, rebelde contra a estampa sexualizada do gusto de señores que dan títulos de poeta nova, ela fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario. Retorceu as palabras, escachounas. E no seu xesto inconmensurable aliméntanos cos anacos para converternos nós tamén en escachadoras, para espallar a súa rebeldía e talento incomparable, como espallamos a partir de hoxe o seu nome que tamén é noso: Xela Arias.

23/02/19

Que é o xénero?

Primeiro programa de "Manos a la obra", que procura xerar debate e reflexión. Para públicos diversos.
Entrevista a Lidia Sellés.



22/02/19

Día de Rosalía - A Estrada 2019

Precioso vídeo realizado no Concello da Estrada e no que participa o noso Anxiño. Parabéns!

21/02/19

Reserva de Vida

20/02/19

el Diluvi - E ti, só ti (con SÉS)




Serás aquela que quixeches ser
 serás a indómita muller
 serás no ar un puño a arder
 e ti, só ti
 a Terra ti farás tremer

 Emancipada xa de calquera dor
vas sorrindo como aquela que non ten temor
 sabes ben que mañá
sabes ben que mañá será mellor

Xa liberada en calquera lugar
 non deixarás que ninguén te free máis
serás a luz que traerá
 serás a luz que a liberdade traerá

Es a dura tormenta de abril
 para os teus inimigos un edén hostil
 es a dura tormenta de abril
 o sol que rebenta a flor
 para os inimigos un edén hostil
 o lume na noite febril

 Serás aquela que quixeches ser
 serás a indómita muller
serás no ar un puño a arder
 e ti, só ti
 a Terra ti farás tremer


La novia gitana

Lina de contado, nunha soa palabra: brutal. Carmen Mola (pseudónimo) asina La novia gitana, publicado por Alfaguara. De lectura imparablemente áxil, mesmo trepidante, e a pesar da brutalidade e da crueza da lectura, resulta mesmo fresca, porque a pesar de que todo está inventado na novela negra, esta chega a ser curiosamente diferente e novidosa. Polas súas páxinas pasean temas como a violencia machista, a homosexualidade, o racismo... e aínda que hai algúns tópicos (semella case imposible) resulta orixinal e novidosa no seu conxunto. Así que se queredes lela, pensade en que non a ides deixar, polo que teredes que procurar unha fin de semana para ela... e para o voso goce.



19/02/19

Je suis le machisme ordinaire

Xa o tiñamos sen subtítulos. Agora xa os temos:

18/02/19

Hacia la Huelga Feminista

17/02/19

Cerráronseme os ollos

Moi bo o libro que nos trae Faktoría K de Patrick BardCerráronseme os ollos é un berro pola educación, pero tamén é unha chamada de atención ao drama, unha arma en forma de libro porque a literatura, ademais, é iso, un xeito de denuncia. 
Moi interesante que a narración se faga dende tantos puntos de vista diferentes. Poderemos chegar a entender que unha adolescente intelixente sexa tan facilmente convencible e se convirta a un Islam totalmente radical sen ter nada que ver con el a priori? Nestas páxinas acompañamos a Mäelle converténdose en Ayat, querendo salvar o mundo e errando. En tan só tres meses. Que medo! Internet como mundo real e como método de captación, o odio como mensaxe, como arenga. O final do libro, un dubidoso optimismo. Podemos salvar estes mozos e estas mozas? Vemos as novas ao noso arredor e semella case imposible. De momento, aquí queda esta chamada de atención.



Abolir la prostitución, ¿por qué?

16/02/19

A miña filla quere ser enxeñeira

15/02/19

Pioneiras 2

Celebramos a chegada deste segundo volume de Pioneiras, álbum de Anaír Rodríguez que nesta ocasión conta coas ilustracións de Abi Castillo e está publicado novamente por Xerais. Libros coma este son absolutamente necesarios, xa que na nosa lingua andamos constantemente escasxs de materiais, e máis nunha biblioteca feminista como a que estamos conseguindo no noso centro (podedes consultar se vos apetece o blogue que dá conta dos fondos que temos: http://biblioigualdade.blogspot.com/) . Mulleres galegas que foron capaces de rachar cos canons establecidos pola sociedade do seu momento e que abriron camiño para que poidamos seguir o seu ronsel de igualdade. Mulleres que os libros de historia sempre esquenceron e que, por fin, teñen nome  e apelido.
Por certo, as ilustracións deste libro son preciosas. E a portada unha gozada!

14/02/19

O segredo de Avó Oso

Unha lectura que o primeiro que provoca é un asolagamento de tenrura. Logo, pechas o libro cun sorriso debuxado provocado por un sentimento pacífico de emoción. Despois, recordas unha flor no medio da nada. 
Así é O segredo de Avó Oso que vén de publicar Kalandraka con texto de Pedro Mañas e ilustracións de Zuzanna Zelj. Fermosas, por certo, estas, que destacan pola delicadeza e a cor, que permite que a natureza e os animais protagonicen un segredo esquencido que será doado de descubrir a medida que avanzamos nas páxinas. Que fermoso soñar con bolboretas! Case podemos sentir o seu voo ao noso arredor.

13/02/19

É tempo de Entroido!

Perto está o Entroido e debemos lembrar este libro publicado pola editorial Xerais: É tempo de Entroido, de Ramón D. Veiga e David Sierra. Álbum ilustrado en verso que de xeito lúdico vainos levando pola xeografía galega para falarnos da cantidade e variedade que posuímos para esta celebración tradicional. A escusa é facer un bo cocido e non deixar ren. Pero o o que nos parece máis interesante é ese percorrido que realiza en cada páxina porque moitas veces se descoñece a nosa riqueza cultural, tanto neste eido coma noutros. Boto de menos un pouco máis de información, quizais ao final do libro, indicando os nomes que se corresponden cos lugares, xa que non en todas as estrofas queda claro. Aínda así, benvido sexas, entroido.

11/02/19

Día Internacional da muller na Ciencia



Vía

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.