Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/07/18

Azul de Prusia

Claro, sigo con Bernie Gunther. Máis cando sei que este pracer remata porque o seu autor, Philip Kerr, deixounos. Unha gran mágoa, xa que realmente esta serie, situada na Alemña nazi, é unha gozada. Azul de Prusia é o penúltimo libro. E está publicado por RBA
O mellor destas novelas non é o seu aspecto de novela detectivesca, senón vivir os horrores daquel momento: ese que non deberiamos esquecer e que cando ollamos arredor dános medo pensar que a historia podería repetirse, a teor de canto lemos e vemos na actualidade. Sempre sorprende, ademais, o contexto que nos ofrece o autor, a documentación exhaustiva, os personaxes reais -tremendos-, e mesmo o sarcasmo que ás veces poder resultar xa menos crible do noso protagonista.
Nesta novela conxúganse dous tempos e dúas tramas: o presente, en 1956, e o pasado, en 1939. O espazo, ás veces, será o mesmo, e iso dálle o sentido á existencia desas dúas historias. Sobre estas, a corrupción e o terror, o abuso, a amoralidade, a falta de conciencia...
Imposible non cavilar sobre este réxime de terror e outros posteriores, ou os posibles que poidan vir, sobre os réximes autolitarios e sobre como a masa dos seres humanos aprende a mirar para outro lado.





30/07/18

En el bosque

Nunha soa palabra: Im-presionante. Así é En el bosque, publicación de Libros del Zorro Rojo con textos de Ana María Matute con ilustracións de Elena Odriozola. En realidade, non estamos ante un álbum, estamos ante un xogo: nove tarxetas que se poden poñer de diferentes xeitos para crear múltiples relatos sobre o bosque. Ademais, un texto de fabulación que é un anaco do discurso que a escritora pronunciou cando ingresou na RAE. Unha pasada que deixa coa boca aberta.


«El bosque era el lugar al que me gustaba escapar en mi niñez y mi adolescencia; aquél era mi lugar. Allí aprendí que la oscuridad brilla, más aún, resplandece; que los vuelos de los pájaros escriben en el aire antiquísimas palabras, de donde han brotado todos los libros del mundo…»


29/07/18

Estamos todas bien

Publica Salamandra este cómic de Ana Penyas: Estamos todas bien, un libro que dá voz a mulleres que non a tiñan, neste caso, as avoas da autora. Un xeito de entenderse a un mesmo e a canto ten arredor é saber o pasado, e nese pasado viviron mulleres que tiñan un rol único: seren mulleres. E sobre esta experiencia, baséase o cómic que temos nas mans. E precisamente por iso resulta ser tan comovedor. Porque con tenrura pasearemos polo salón ou pola cociña familiar, manterermos conversas cos maiores e darémoslles voz, unha fala en alto que non sempre estivo permitida pero que permanecía latente. Esta historia transmítese asemade pola cores, a cores familiartes, o universo dos rosas e vermellos, pero tamén, non podía ser doutro xeito, dos grises e dos ocres. Estamos antes dous tempos, dúas narracións, dúas avoas, o presente e o pasado de ambas. E non esquezamos: a ollada e a perspectiva nace dunha muller, dunha voz feminina e feminista, por iso é rotunda a súa voz cando convirte en palabras e en debuxos esa mirada: hai loita cotián nas súas viñetas.

28/07/18

El castillo sin sol

José Sanabria e Ayako Kato son os artífices deste precioso álbum que nos trae a editorial Thule: El castillo sin sol. Unha fábula, unha nena afouta e curiosa. Unha lenda. De fondo, o absurdo que resulta prohibir e non educar, porque as prohibicións non ensinan nada. E neste álbum dáselle a volta precisamente para demostralo. E será unha protagonista feminina quen terá ese poder, o poder de cambiar as vidas.


26/07/18

El sueño del caracol

Carlos Ortin e Raquel Catalina son os artífices de El sueño del caracol, álbum precioso publicado por Thule. Un libro que se basea no xogo da Oca: unha nena que vén de descubrir como se xoga e soña con ser ela a protagonista. Mentres fala, o pai permítese tomalo con humor e corrixir os erros da fala. A historia reinterpreta os acontecementos da vida con sorpresa, con aventura, xa que non todo é esperable, e todo é reinterpretable.
Un libro moi chamativo.

 





25/07/18

Historia do feminismo

Neste vídeo explican de xeito moi resumido o que é o feminismo, a diferenza entre feminismo liberal e feminismo radical.. todo en 10 minutos

 #EducarNoFeminismo

 

24/07/18

Tres Kuchulús sin historia

Divertido álbum, idóneo para a lectura en voz alta e buscar a complicidade dos nenos e nenas oíntes: ata os números das páxinas fan historia!!! Tres Kuchulús sin historia é un conto fantástico de Mandana Sadat que publica Kókinos. Aquí toparemos varias lecturas, podermos ler todo seguido, como un conto tradicional (a opción menos válida) ou seguir as ilustracións, axudarnos da paxinación, seguir o texto... E todo porque os tres protagonistas, estraños protagonistas, por certo, necesitan unha historia porque perciben que lles falta iso para teren unha vida completa. Saben que teñen ollos mirándoos, os nosos, e iso pertúrbaos. Ante si, varias opcións: O Camiño dos Contos Antigos, a Rúa das Futuras Aventuras, o Carreiro da Poesía, ou o das Cancións Infantís... Cada camiño é diferente e toparán diferentes particularidades.
Pero o mellor de todo, ademais do humor que destila cada páxina e do que será imposible escapulirse, é o desafío que supón a interacción co lectorado. Absolutamente xenial!

23/07/18

Combi

Unha auténtica pasada este álbum ilustrado de So Yun-Kyoung que publica Libros del Zorro Rojo: Combi, unha historia de ciencia ficción que destaca polo coidado da edición e da propia ilustración. Un álbum que vén a ser unha distopía, unha historia que sucede cando o planeta vén de padecer unha nova e definitiva guerra mundial. Logo desta, pouca vida permanece, e os supervivintes son unha nova especie chamada "combi". O resultado da lectura é unha inquedante melancolía chea de desesperanza. A esta súmase a ausencia de cor das ilustracións, xa que poucas veces atopamos unha cor que nos afaste do gris. Desolación.
Unha viaxe cara a un futuro que non queremos realizar.






22/07/18

Doctor de Soto. Dentista de animales

Un clásico que nos trae a editorial Blackie Books de William Steig: Doctor de Soto. Dentista de animales. Steig é un dos grandes da Literatura Infantil, autor orixinal que combina o humor e a tenrura de xeito excepcional. Neste libro temos unha fábula divertida que fala da importancia da intelixencia e non do tamaño do animal.

20/07/18

Teño dúas mamás

Documental prohibido pola Fiscalía dos Menores:


Visto aquí

19/07/18

La entrada de Cristo en Bruselas

Simpático, curioso e diferente este álbum publicado por Libros del Zorro Rojo: La entrada de Cristo en Bruselas de Andrea Antinori. O álbum baséase no cadro homónimo de James Ensor, pintado en 1889, realizado un diálogo con este para propór un xogo e un diálogo entre ambos. Unha obra rexeitada no momento e que serve arestora de inspiración para que Andrea Antinori maxine unha historia, un antes e un despois dese momento que se ve no cadro. O resultado: una fábula totalmente surrealista onde Cristo chega a Bruselas e toda a cidade será engalanada para recibilo como merece. E tal como se pode ver no lenzo orixinal, unha serie de personaxes disparatados terán a súa presenza no libro e, por tanto, na historia.


18/07/18

Libro

Precioso este Libro sobre a historia do libro de John Agard que publica Comanegra: "Me llamo Libro y te voy a contar mi historia". Unha autobiografía diferente e atraente. Fala do alfabeto, de como foi evoluíndo e mesmo de como convive co libro electrónico, en clave de humor.
A historia comeza lembrando a importancia da transmisión oral: "Antes que el libro, existió la voz". Logo, inicíanos na historia da escritura, os símbolos, as técnicas que se utilizaban antigamente -dende a arxila ata o pergameo-, a chegada da imprenta... Non esquece nada, contado en primeira persoa, porque é o Libro quen fala. Con humor, con intelixencia e de xeito ameno, é todo un descubrimento que penso utilizar en Literatura Universal. Asemade, conta coas ilustracións de Neil Packer e citas intercaladas.


17/07/18

Océano


Precioso pop-up publicado por Libros del Zorro Rojo de Anouck Boisrobert e Louis Rigaud: Océano é un libro medioambiental, un libro para gozar do seu despregue e da defensa a ultranza das profundidades marítimas, esas que están a ser castigadas unha e outra vez pola man humana. O libro fai fincapé nas dúas vidas diferentes que podemos ver -ou non- nos océanos, a que se observa a simple vista porque estamos arriba, riba dun barco, ou a que se nos oculta aos nosos ollos cotiás e que é unha auténtica marabilla natural; unha marabilla estragada polos millóns de residuos humanos que botamos cada día sen control. 
Un libro para concienciar ao lectorado máis novo sobre o coidado dos océanos mentres goza da beleza do pop-up.

 


16/07/18

O exército de fume

Estaba eu en plena crise lectora cando chegou Un exército de fume para me salvar. Pásame decote: remato tan cansa o curso que nin ganas de ler teño. Pero aquí está Xerais, publicando a nova novela de Manuel Gago, para lembrame que xa vai mediado xullo e xa son quen de volver á miña afección máis prezada. O exército de fume mantívome atada ao papel, un papel que fun devorando devagariño porque el era quen de me devorar asemade. E é que Gago consegue que dubidemos de que canto lemos fose real ou non, sabendo que estamos ante unha ficción engaiolante.
Hai  personaxes que nos namoran, algúns que semellan non seren principais e que pasan de secundarios a outra categoría, porque brillan con luz propia, como é o caso do canteiro coa súa propia lingua e a súa honestidade. Logo, a acción contudente, os espazos, os heroes anónimos... Luces e sombras nunha Galiza máis chea de sombras que de luces, a Galiza da posguerra que nos trae reminiscencias da fame e da pobreza, pero tamén de heroicidades anónimas que foron agochadas pola historia formal das letras escritas pero que permaneceron nas lendas orais, esas que contan verdades disfrazadas para poder fuxir das olladas que curtan liberdades.
En fin, novela que atrapa e que fai que nos preguntemos moitas cuestións, como ata que punto a presenza dos alemáns na España fascista podía ser determinante, ou como a espionaxe pode ser tan decisiva, e, sobre todo, a férrea resistencia daqueles que seguiron a loitar pola súa propia liberdade.
 


15/07/18

Vacaciones

Marabilloso álbum sen palabras pero riquísimo en ilustracións e lectura: Vacaciones de Blexbolex está publicado por Libros del Zorro Rojo. Podemos pasar moitas horas contando a historia que transcorre neste libro, xa que nos ofrece diversas interpretacións e diversas liñas argumentais. Tanto é o poder deste libro que, en principio, fala dunha nena que pasa unhas agradables vacacións co seu avó ata que chega onda eles dous un inesperado amigo en forma de animal de compañía, un precioso cachorro que non é do agrado da protagonista. Significará isto que rematan as felices vacacións?
Imaxes a dobre páxina con pequenas viñetas que nos suxiren soños, retallos ou atallos da historia.
Para se perder e soñar espertxs. 






Non á violencia contra as mulleres (DLXIV)

Ilustracións contra a violencia machista, en bibliocolors.


Ilustración de Tae Hyuck Park




Ilustración de Justyna Stasik

Ilustración de Trini García


Ilustración de Carlo Giambarresi


Ilustración de Nerina Canzi


Ilustración de Vin Ganapathy



Ilustración de Milo Lockett



Ilustración de Tute



Ilustración de Chanti


Ilustración  de Blanca Bk



Ilustración  de Ben Tour



Ilustración  de Mónica Carretero



Ilustración de Valeria Cis



Ilustración de DNT-Dante César Segovia


Ilustración  de Kiti





14/07/18

Bromas na escuridade


De Daniela Kulot podemos gozar arestora en galego grazas a Kalandraka de Bromas na escuridade, un álbum infantil sobre un momento especial: ese de ir durmir á casa dun amigo ou amiga por primeira vez, ese momento especial no que un neno ou unha nena sepárase da seguridade do seu fogar para vivir unha aventura tan doada como durmir fóra. Queda claro que o poder da imaxinación é poderoso e que cadaquén vive esta aventura dun xeito diferente, pero tamén queda claro que é dese tipo de vivencias que deben ser reincidentes. Porque forman parte da nosa aprendizaxe como individuos. E porque resulta claramente enriquecedora.



13/07/18

Lica

Encantoume esta proposta de álbum ilustrado: Lica de Beatriz Fraga está publicado por Euseino editores. A orixinalidade é total: é unha historia contada con figuras xeométricas e cores básicas. Realmente, é un pracer para os sentidos pasar cada páxina e sorprenderse con cada nova forma proposta, unha forma que convida a descubrir figuras fuxindo de estereotipos. Un xeito de achegar ao lectorado máis novoa a arte contemporánea, a linguaxe artística. Un pracer descubrir quen é a protagonista final a base de emocións visuais e tamén, claro está, conceptuais.







11/07/18

El viaje de Kalak

Precioso álbum que chama a atención polas ilustracións nun principio e logo polo texto, xa que é unha reflexión sobre a emigración, unha metáfora perfecta xa que a cegoña protagonista vive nun lugar onde todo está seco e non hai comida, polo que toda a familia debe emprender unha longa viaxe na procura de mellores lugares onde vivir; Kalak terá que se enfrontar a moitas adversidades, pero sobre todo ao rexeitamento daqueloutras cegoñas que xa vivían no lugar a onde a súa familia emigrou, así como a ausencia de comprensión e de oportunidades. Pero o libro tamén amosa un lado optimista xa que nese país de acollida tamén encontrarán familias de cegoñas hospitalarias que axudarán a que a vida sexa máis doada.
El viaje de Kalak é de María Quintana Silva e Marie-Noëlle Hébert e está publicado por Cuento de Luz.




10/07/18

Hoy eres más feminista que nunca por estos motivos

Hoxe es máis feminista ca nunca por estes motivos



09/07/18

Imaxina animais

Xosé Ballesteros e Juan Vidaurre son os artífices desta preciosidade que publica Kalandraka e que dá moito xogo: Imaxina animais non é un simple álbum que nos achega á curiosidade das cousas, proporciónanos ideas para ollar canto nos rodea dende outra perspectiva, aquela creativa que non só imaxina cousas senón que tamén as nomea, creando non só o animal en si senón a natureza na que vive, creando por tanto o obxecto e tamén o espazo, tanto coas palabras como coas ilustracións. Xogos surrealistas ou disparates ideas-obxecto. Cantos novos animais podemos maxinar nós???

08/07/18

ALEGRIÀ e LIBERTÀ

O rapeiro Valtonyc, fuxido a Bruxela, o grupo de cantareiras galegas afincadas en Bélxica Ialma e outros músicos do país fixeron unha versión da coñecida canción dos partisanos italiano Bella ciao.
A peza creada ten anacos en galego e está dedicada a Suso Vaamonde e ás "vítimas de toda ditadura". "Pola liberdade de expresión, pola liberdade de creación, porque a voz non a pode parar nin reixas nin paredes", reza o inicio da canción.
Vía  Diario de Pontevedra.

El hombre invisible

Coñecemos este clásico da ciencia ficción de H. G. Wells: El hombre invisible. Agora temos a oportunidade de lelo coas ilustracións de Luis Scafati, publicado por Libros del Zorro Rojo. O libro foi escrito en 1897 e fala da utilización sen escrúpulos do ciencia e do seu coñecemento e avances, así como das nefastas conseuciencias que trae consigo póla ao servizo  de persoas sen conciencia.
Un libro que gaña coas ilustracións de Luis Scafati porque sabe reinterpretar a atmosfera escura do mal e a impunidade dun ser trastornado.




07/07/18

Mi lado de la bufanda

A escritora infantil Carmen Parets é a autora deste conto que fala de cal é o valor da amizade.



Os mitos gregos en xeometría

A complexidade dos mitos gregos é visualizada dun xeito simple neste vídeo do director Stephen Kelleher: Mythos utiliza abstraccións de cores, movementos e formas xeométricas.

Mythos from Stephen Kelleher on Vimeo.


 vía

06/07/18

Los tres gibones


En Thule topamos este álbum infantil para o primeiro lectorado de Kenji Abe, Los gres gibones. Un álbum sinxelo tanto nas ilustracións como no texto, tres caras redondas con brazos moi longos para xogar e facer acrobacias, que xogan e cantan e sempre manteñen o seu sorriso. O sorriso da feliciadade e o bo humor. Porque este permítelles medrar mentres van descubrindo novas facetas da vida.


05/07/18

Ola Azul

En Libros del Zorro Rojo podemos atopar este álbum ilustrado de Yoo Jun-Jae, Ola Azul, alegoría da paz e dun destino que si podemos cambiar; hai que ter forza e enerxía, hai que crer nun mesmo, hai que crer na solidariedade, no amor. Fermosos trazas e cores, que son os que manteñen a tensión da narración; esta que fala de ben e do mal, do poder e da submisión. As cores potentes contrastan coa delicadeza do texto, o xogo entre ilustración e letra, esa dicotomía que persiste no libro e que avanza ata chegar a un final auténtico.Unha dicotomía  na metáfora sobre a paz que domina o texto xunto coas ilustracións  presididas pola cor azul, unha cor que aporta unha chiscadela á mitoloxía clásica sen perder o seu propio orientalismo. Unha marabilla.


03/07/18

Los cochinos traviesos

Simpático álbum este de Manica Musil que publica Thule: Los cochinos traviesos é un libro infantil sobre o doado que é gastar bromas pesadas pero recibilas non o é tanto. Hai que aprender a lección para respectar a quen nos rodea: "non fagas aos demais o que non queres que che fagan a ti" é a lección que podemos aprender coa lectura deste álbum que sorprende polas súas ilustracións "esfiañadas" e pola potencia da posta en escena destas.




01/07/18

O que sei do silencio

 Escribe Andrea Maceiras unha novela altamente recomendable: O que sei do silencio publicada por Xerais. Como achegarse a un tema tan duro como é o acoso, o bullying? Andrea decide facelo dun xeito orixinal: a voz que narra en primeira persoa é a dunha rapaza arrepentida pola súa condición de acosadora pasiva; para explicar todo o que aconteceu e como se sente e se sentiu, abre un blogue; o feito de ter un blogue permítelle introducir outras voces en forma de comentarios, con estes engadirase información á acción e puntos de vista que serven de reflexión; asemade, no blogue hai de cando en vez un conto dun libro que a moza protagonista estivo a ler no seu club de lectura e que está escrito por unha persoa que sufriu tamén ela bullying e que serven de crítica aos roles sociais que se impoñen a homes e mulleres, modelos clásicos de comportamento cuestionados por este medio. 
Non é doado tratar un tema así, pero a orixinalidade proposta pola autora permite que nos acheguemos aos personaxes, e mesmo permite que a crueldade propia do tema fira dun xeito menos cruel. Porque Andrea Maceiras ofrécenos remorsos, reflexións, sentimentos, covardía e valentía, unhha mestura de accións propias na adolescencia. Non sei se será moi crible a actitude tan valente da personaxe acosada. Penso no meu alumnado e non sei ata que punto serían quen de ser tan decididas e dar a cara deste xeito que nos propón o libro, aínda que ao final nos informe de que había máis fachada ca outra cousa. Aínda así, resúltame estraño. Penso, si, na cantidade de problemas que xorden por algo así. En como caería calquera adolescente se todo un instituto está en contra.
Dito isto, creo que é un libro necesario e imprescindible que van devorar alumnas e alumnos e que pode servir de ponte de reflexión na aula. Sobre todo o feito de falar de "acoso pasivo" ou "deixar facer" polos motivos que sexan, poden dar moito xogo. Un tema que hai que abordar si ou si. Porque o libro deita desexos de actitudes positivas que temos que procurar que non afoguen e florezan na vida real.
Por certo, a cuberta de Antonio Seijas é realmente fermosa.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.