Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/09/19

Tarde en el acuario

Poemas de mar e vida de Nono Granero con ilustracións de Carmen F. Agudo que publica Kalandraka. Imos de visita por un acuario da man da poesía, así que falemos en verso con aqueles que alí viven, sabendo que a nosa conversa estará chea de respecto, de ritmo, de rima, de humor. A visita é tan completa que mesmo nos dan consellos para realizala como é debido, porque non todo está permitido, xa que debemos lembrar que imos conversar con seres vivos, aínda que algúns sexan perigosos e outros sexan tímidos. Unha gran variedade de fauna marítima contemplará as nosas páxinas, xa que a biodiversidade é riqueza, e a poesía é plenitude. Xuntando ambas conseguimos un libro salgado e delicioso que incide na idea de como o plástico está acabando cos mares e que se non aprendemos a nos comportar doutro xeito acabaremos con esta riqueza que nos contempla asaolagada de tristura porque o ser humano non sabe convivir. 
Mergullémonos para coñecelos nadando con versos cristalinos.





29/09/19

O poder transformador da música

Uxía conta como xorde "María Fumaça" como agasallo para Ruí.



28/09/19

Bechopoemas e outras bestas

Celebro moito a publicación deste libro de poemas de Leire Bilbao con ilustracións de Maite Mutuberria que agora Kalandraka traduce grazas a Isaac Xubín. Se gozara coa lectura de poemas onde os animais son os protagonistas para construír un novo baile ao son dos versos, lelo agora en galege é un grao máis de satisfacción poética e mesmo divertida. Escoitalos en galego, porque paga a pena berralos en voz alta e reconstruír as súas onomatopeas, é un novo pracer cheo de emoción e sensibilidade. Porque

A ra cruzou a autoestrada,
a autoestrada cruzou a ra.


E isto non é un xogo poético...

27/09/19

Yeruldelgger, la muerte nómada

Gustei desta saga dun comisario de Mongolia, algo máis ca infrecuente na novela negra e que serviu para achegarme a un país completamente descoñecido para min. De aí, sobre todo, o seu interese. Aínda que teño que recoñecer que esta terceira e última parte da saga gustoume ben menos cás anteriores. Yeruldelgger, la muerte nómada de Ian Manook, publicado por Salamandra, pecha un trío de ases que serve para descubrir como Mongolia está a ser arruínada por un capitalimos feroz onde as multinacionais están dispostas a todo con tal de salvagardar os seus intereses económicos. Non importa a ecoloxía nin a terra, só os cartos prontos e dispostos. E sobre esta premisa xira o libro, que máis ca unha novela negra chega a ser unha novela ecoloxista que nos leva a cabalgar polas estepas deste país que está a destruír a súa propia historia e os seus ancestros, aínda que -unha vez máis- algunhas persoas resístense e loitan contra o xigante. E isto non resulta nada doado. Aínda máis, temo que non estamos a ler ficción, senón que o que está a acontecer en moitos lugares do planeta plásmase nesta obra dun xeito totalmente verídico. Independenteme da trama negra que se lle asocia.


26/09/19

Benzimena

Chamoume poderosamente a atención este cómic na libraría, así que deixei que me atrapase sen saber nada del. E atrapoume, de que xeito! Benzimena é de Nina Bunjevac, publicado por Reservoir Books. Leo que é unha adaptación do mito de Artemisa e Sipretes. Nin idea. Investigación: no mito grego Artemisa converte en muller a Sipretes, un mozo cretense, despois de que tente violala. No noso libro convérteo en Benny, o protagonista da historia, un neno cun problema grave: non sabe controlar os seus impulsos sexuais; a súa vida estará marcada polo escándalo que o reclúe na súa casa ata que topa un traballo no zoo. Un mozo raro que sabe pasar inadvertido... ata que se desata.
A obra é escura, inmensamente escura -tanto que hai páxinas completamente negras-, como o tema. Os debuxos, sobreexpresivos, resultan perturbadores -tamén en branco e negro-. Ás veces non sabemos se lemos en clave onírico ou críptico, pero nos sobrecolle o seu contido sexual que pretende xogar connosco adentrándonos na psique dun obseso sexual e que nos deixa sen alento ao final. Cando falo do final falo da nota da autora que fai que entendamos todo o libro e que saibamos o que non queriamos, no fondo, entender. Por desgraza, resulta tan duro que pechamos o libro e tentamos esquecelo. Tentamos pensar que o ser humano non pode ser así, que é un mito, unha fantasía, literatura ao fin e ao cabo.
Pero non poderemos durmir.
Porque as ambigüidades, as emocións, a turbación... é enorme.
"Este libro está dedicado a todas las víctimas olvidadas y sin nombre de la violencia sexual". "Que encontréis la paz, que encontráis la luz y hagáis disipar la oscuridad que os rodea".





25/09/19

Conta nove estrelas

Gañador do Premio Lazarillo 2018, Conta nove estrelas está escrito por Andrea Maceiras e conta coas ilustracións de Paula Mayor. Fermosa novela de ciencia ficción na que a aventura e afouteza dos seus protagonistas engaiola o lectorado pola posibilidade de conquistar un mundo mellor. Mellor pola aceptación da diferenza, pola tolerancia como raíña das páxinas, e a superación como máxima dunha aprendizaxe nun mundo intergaláctico que non coñece a tolerancia porque a distopía deste mundo é a regularización máxima dos seus habitantes. Algo do que se debe fuxir e contra o que se debe loitar. Quizais exista a posibilidade de construír un futuro salvable ollando o firmamento. Porque este firmamento é unha alegoría da esencia do ser humano, un ser humano capaz de amar a harmonía, de respectar a natureza, de convivir coa diferenza. Un mundo, por tanto, que non coñecemos. 
Convídovos a coñecer a Galaxia Oma e quen a habita.

24/09/19

O colar de bágoas

Foi abrir o paquete que a editorial Kalandraka ten a xenerosidade de me mandar e exclamar un "ohhhh" enorme que semellou devolverme aquela ledicia que crin murcha de amor polos libros, do seu arrecendo e, sobre todo, da súa lectura; desencadeouse a paixón da ollada e de follear, sen ler, un extraordinario álbum ilustrado; foi permitir que as súas páxinas me dominasen sen a lectura, posterior, e me transmitisen aquilo que só uns poucos libros posúen a capacidade extra de agasallar. A portada e o título conquistáronme; as páxinas foron quen de me dominar; a lectura foi capaz de facerme sorrir e de -como non- chorar. Que fermosura teño entre as mans! Sei que aínda non estou curada de todo, pero ter este libro ao meu carón, mirando de cando en vez para el, rexorde a necesidade de volver a entrar no "cuarto dos libros" para acariñar os seus lombos e saber que seguen a conservar a miña amizade. Saber que volverei a ler e a gozar.
Grazas. De corazón. Por este agasallo.
Un agasallo que non é outro ca O colar de bágoas. Maxinades cantos colares puiden elaborar nestes últimos meses? Pero este colar de bágoas tan especial é moito máis xeneroso có meu, porque está construído con miles de bágoas indefensas que atrocidades, mentiras e insolidariedades foron edificando no noso mundo. Pero é tamén tan xeneroso que permite que quedemos coas bágoas da ledicia, esa que tanto necesitamos e pola que compensa verter miles de gotas mesturadas de sorrisos. A felicidade das pequenas cousas que nos rodean e que ás veces esquecemos ata que un acontecemento nos fai deter na nosa apurada vida para saborealas e darlles valor. Este álbum ilustrado posúe forza, riqueza, fermosura, pensamento. Franca Perini e Anna Pedron son artífices dun soño real, dunha chamada de atención, dunha obriga moral e ética a sentar neste mundo e cavilar no que realmente é necesario. Cadaquén de nós pode construír o seu propio colar: pero que non sexa egoísta e único, senón solidario e infinito.

19/09/19

Emerxencia feminista

 20 motivos para o 20 de setembro.

15/09/19

Sempre hai un lugar para a poesía (CLVII)

Llegamos aquí presurosas…
Hemos venido,
convocadas por un sueño.
Las mujeres
recorremos las plazas del mundo
desplegando palabras.

Hemos llegado de todas partes
unas tristes,
otras alegres
algunas rotas.
Trazando arcoiris
con nuestros colores de piel,
constelaciones
con nuestras miradas.
Nos encontramos
proclamando la soberanía de nuestros cuerpos,
defendiendo la libertad de nuestros pasos.
Haciendo resonar nuestra voz.
de continente a continente.
Transgrediendo mandatos,
construyendo metáforas amables
con la fuerza de nuestros deseos.
Enlazándonos,
más allá de nuestra edad
y nuestras nacionalidades.
Acarreando esperanzas
en la desesperanza.
Tejiendo redes,
laboriosas arañas.
Construyendo ciudadanía
centímetro a centímetro.
Transformando la realidad
con nuestros caminares,
incursionando el viento
vestidas de cometas,
despeinadas de flores,
deliberadas,
presentes,
en esta marcha por la vida.


GUISELA LÓPEZ. "PRESENTES"

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.