Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/06/20

A vinganza dos homes bos

Está ben a proposta que realiza Manuel Esteban en Xerais coa terceira entrega do inspector Manso: A vinganza dos homes bos presenta dous espazos (e dous tempos) ben diferenciados: Vigo e Fuerteventura, pasado e presente, pasado que pesa sobre o presente, pasado que marca o presente. Disto vai a novela, dun pasado que sempre volve porque sempre estivo aí. O pasado axúdanos a entender o presente, axuda a comprender a actuación e o sentir do personaxe principal. Asemade, a presenza de Vigo volve a marcar unha parte da novela amosando uns túneles descoñecidos (cando menos para min) e percorrendo parte da paisaxe vital do protagonista e da trama. Os dous espazos son importantes, ao igual que os dous tempos e alternamos a historia sabendo que son importantes porque a solución final vén dada por elas, sen deixarnos de sorprendernos e comprendendo tamén a resolución, xa que logo de descender ao inferno o perdón é imprescindible. Pero máis imprescindible é perdoarnos a nós mesmxs. Sen este perdón, non podemos seguir adiante, imposible camiñar e trazar a nosa andaina. Quizais tamén buscando o perdón da sociedade. Non sei se este é necesario realmente.



27/06/20

Plasticus maritimus

Imprescindible este libro na actualidade. Falo de Plasticus maritimus, unha especie invasora, de Ana Pêgo, un libro para concienciar sobre o coidado dos océanos que vén de publicar Kalandraka na nosa lingua e que conta coas ilustracións de Bernardo P. Carvalho. A relación perigosa entre océanos e plástico, como comprender o problema, informándonos sobre os problemas que arrastra o plástico nos mares, contribúe a que este libro sexa unha guía para que nos poñamos as pilas e loitemos por eliminar unha especie invasora que nós mesmxs inventamos. Cada hora botamos ao mar mil toneladas de plástico no mundo. Algo debemos facer para evitalo, non si? Todxs podemos axudar con pequenos xestos na nosa vida cotiá.
Aprendamos dous termos: beach cleaner e beachcomberUnha persoa que se dedica á limpeza de praias é unha beach cleaner; beachocombe, no só recolle lixo da praia, senón que se converte nunha especie de coleccionista que se interesa, tamén, pola orixe e a historia deses obxectos encontrados.
Ao final do libro hai unhas poucas páxinas en cor sepia que nos axudan a saber máis sobre o plástico, unha información interesante e práctica. 
Ademais de datos, que son importantes, o libro ofrece solucións, que é moito máis importante, e lémbranos a importancia das 7R: repensar, rexeitar, reducir, reparar, reutilizar, reciclar e revolucionar ante o consumo de plásticos.
Deses libros que debemos ter xa nas bibliotecas escolares e traballar con eles activamente.





26/06/20

A xenialidade de Marie Curie

Dende Mujeres con ciencia:

24/06/20

Por que é tan difícil que os homes cambien

Conversa do sociólogo Jorge García Marín con Luisa Abad

23/06/20

Hermann

Preciosa curta cuxa historia podedes ler aquí:

22/06/20

Resistencia

"Resistencia", unha homenaxe a quen loita sen descanso.
Médicos do mundo

21/06/20

Unha fábrica de bicos

Pensei nun principio que María Canosa ía aproveitar o álbum para falar do esaxerado e pouco educador costume que temos as persoas maiores de pedir bicos a nenos e nenas que vemos pola rúa, e a autora, xunto co ilustrador Dani Padrón, constrúen en Unha fábrica de bicos, publicado por Xerais, un divertido relato de como a personaxe principal acaba por descubrir que damos bicos e somos quen de fabricalos cando queiramos e onde nos dea a gana, porque está na nosa liberdade individual elixir a quen, o onde e o como. Porque os bicos son como os sorrisos, unha decisión propia e non unha imposición. María Canosa apela así, baixo unha alegoría constante, ao dereito a elixir  momentos e persoas para bicar. O dito, algo necesario que debemos fomentar na sociedade.

20/06/20

Meigas fóra!

Ramón D. Veiga coas ilustracións de Iván R. constrúen neste Meigas fóra! publicado por Xerais un relato irónico de rivalidades e localismos exacerbados (disto sabemos un pouco) e que culminarán na noite de San Xoán, que tan preto queda e que no libro deixa patente a súa virtude curativa para escorrentar envexas e maldades. Un alcalde e unha alcaldesa levan ao desastre á veciñanza por mor de ser a vila mellor, e será esta veciñanza quen decida o seu futuro vivindo en harmonía e en liberdade superando dese xeito a intolerancia e o autoritarismo levado ás súas últimas consecuencias. Así pois, lectura con final esperanzador que seguro gusta ao lectorado máis novo.


19/06/20

Hadidance

18/06/20

Contaxio

Di LEDICIA COSTAS:

Hoxe desvelamos que hai detrás de #ConCde: un conto en formato audiovisual para a #infancia e a adolescencia en tempos do #covid19 
Escrito a 6 mans por @MariaSolar2 @franalonso e mais eu, ilustrado por Leandro Lamas e narrado por marabillosos actores e actrices de Galicia para UNICEF. 
Síntome afortunada de formar parte dun proxecto tan fermoso coma este.



En UNICEF trabajamos para que todos los niños del mundo puedan disfrutar de ser niños sin preocuparse de nada más. En más de 190 países, defendemos los derechos de la infancia por encima de todo, con pasión, dedicación y rigor. Nos sostiene y empuja la solidaridad de la sociedad española con la causa de la infancia y estamos convencidos de que, todos juntos, tenemos la fuerza necesaria para cambiar la vida de millones de niños.

17/06/20

Porno dende a casa

Vía El País:

Unha campaña publicitaria do Gobierno neozelandés amosa dous actores de cine x presentándose na casa dun menor que mirou un dos seus vídeos

16/06/20

Yo no soy racista, pero...

Vía El diario.es

15/06/20

Cando saiamos

Cuando Salgamos

12/06/20

Dime

Chego a esta curta grazas a Pilar Aguilar, quen afirma: 

"Este corto es buenisimo: buen guión, buena realización, magnífica actuación. Y, sobre todo: trata el tema del abuso de menores. Habría que difundirlo masivamente también entre padres y madres".


11/06/20

O Chispas

Manuel Rivas agasállanos unha chea de palabras douradas adobiadas con denuncia medioambiental e social nun libro con chispa, xa que o seu protagonista dá nome ao mesmo, O Chispas, con ilustracións de Sonia García e publicado por Xerais. Unha aventura de ciencia ficción científica, xa que viaxaremos a un planeta fóra do sistema solar onde os seus habitantes gostan de imitar as modas humanas: outra crítica velada sobre a escravitude do consumismo e das modas efémeras que nos abafan cada temporada. Aproveita Rivas cada ocasión para deixarnos unha denuncia clara, coma no caso da Fonte da Fala, que sabía preservar ditos e cantares e que calará por mor da mala xestión medioambiental dos seres humanos. Así, constrúe o autor un universo único, onde se deitan voces que podemos escoitar só se queremos: aquelas que nos falan dende a natureza e dende unha perspectiva crítica ante unha sociedade que destrúe máis que constrúe, dende o máis pequeno ata o máis universal, como é unha lingua.


06/06/20

O derradeiro libro de Emma Olsen

Gustoume a novela no seu momento e gustoume o cómic que agora vén de adaptar Pablo Prado da orixinal de Berta Dávila e que publica Galaxia co mesmo nome: O derradeiro libro de Emma Olsen. A verdade, parecíame un libro ben difícil de adaptar a cómic e o autor soubo resolvelo ben: saltos temporais, monólogo... adáptanse a recursos visuais dun xeito que semella "doado". Por exemplo, as cores e a súa viveza, máis vivas para o pasado (idealizado) e máis grises para o presente (derradeiro); mesmo o uso das tonalidades verdes para falar do cancro parecen ben axeitadas.
Como sabemos, o libro fala, entre outras cousas, das emocións e da dificultade da súa expresión verbal que sente a protagonista cando escribe. Estas emocións reflíctense arestora graficamente. E chégannos, que é o importante. O que supón un bo traballo, claro está. Falar da homosexualidade e do que supón esta nunha vila pequena reflíctense asemade mesmo cun esputo sanguento, o que provoca que o cómic nos dea novos detalles que non nos ofrecía a novela orixinal, polo que estamos ante unha adaptación pero tamén ante unha reescritura: ambas pagan a pena.




05/06/20

Vampira de biblioteca

Que Ledicia Costas ten a palabra máxica para escribir é sabido, e vólveo demostrar novamente con este libro que fará as delicias da rapazallada: Vampira de biblioteca conta coas ilustracións de Víctor Rivas e está publicado por Xerais. O gusto polo estraño mesturado habilmente co cotián fan deste libro unha desas lecturas que se devoran, igual que a nosa protagonista fai coa tinta. Porque estamos ante unha vampira que ama os libros e odia o sangue e que procurará a axuda de humanos para salvar os libros dun gran perigo: ser comidos polas couzas. E conseguirá formar un exército pequeno e curioso que aman a lectura e que viven nun mundo diferente pero non paralelo. Morcegos, vampiras e case case, marcianos. Que máis se pode pedir para vivir unha aventura bibliotecaria?

02/06/20

A proba de auga

Interesante cómic científico para rapazallada este que nos propón Xerais: A proba de auga de Anémona de Río mereceu o I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. Se non sabemos nada de antemán, toparemos moitas sorpresas, como o feito de que estamos ante unha viaxe polo interior do ser humano, e de aí a súa frescura e interese. Por se isto fose pouco, temos un apéndice que nos ensina algo máis sobre o corpo , os glóbulos vermellos, as neuronas, os leucocitos... un xeito de aprender divertíndose que resulta ameno e ben construído. Un deses cómics que cando les pensas "por fin hai algo deste tipo", é dicir, unha lectura científica, na nosa lingua (e non tradución) pensada para a rapazallada e en formato cómic, cuns debuxos preciosos e unha letra moi doada de ler. Aventuro que terá unha grande proxección nas nosas bibliotecas.       

01/06/20

O pintor cego

Non hai mellor xeito de comezar un mes que falar dunha alfaia, unha desas xoias que colles con delicadeza entre as mans para que non esvare e que ollas con amor en plena éxtase emocional. A portada é só un pequeno indicio do que imos atopar. Pero é moito máis ca un libro, polo que supón todo amor de amizade e comuñón que hai detrás das dúas persoas que o construíron e modelaron. Saber que é o derradeiro supón aumentar a estima polo libro. Hai que abrilo, ulilo, contemplalo, demorarse nas ilustracións e logo dun tempo acudir de novo ao principio para ler a historia e soñar como cando eramos pequenas e habitabamos nun mundo lector de príncipes e princesas, de amores e de soños.
O libro en cuestión non podía ser outro que O pintor cego do tándem formado por Xabier Docampo e Xosé Cobas, publicado cun coidado marabilloso por Kalandraka. Personaxes que nos levan da man a referencias pictóricas que podemos estudar grazas a ese legado cultural que nos abre a porta a pinturas e pintores. Unha delicia absoluta é esta metáfora á que volveremos de cando en vez para acariñar os nosos soños e que pon en valor as artes sen as cales o ser humano non podería ser o que é: humano.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.