Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/07/09

The Soliloquist

Outra fermosa curta de animación, realizada por Keats.

The Soliloquist from Keats on Vimeo.



Vía Recogedor

Burbujas

Este cómic de Daniel Torres, Burbujas, supón un achegamento ao eu interior adulto, con todas as súas dúbidas ante un presente ñoño e un pasado pouco convincente, posto que as preguntas que nos facioamos seguen a estar sen resposta, unha resposta que nunca chegará, por moitos anos que transcorran. Chea de referencias cinematográficas, con trazos en branco e negro, e con reflexións e monólogos, o protagonista representa a calquera home que se enfronta á rutina diaria, a unha esposa pola que xa non lembra se sente algo, a unha sociedade que o vai denigrando a medida que cumpre anos.
Unha viaxe cara ao interior dun home de 50 anos, con todas as preguntas, as dúbidas, os medos, e ata a guerra entre os sexos que podería ser a viaxe de calquera de nós, unha reflexión filosófica sobre nós mesmos e as nosas dúbidas existenciais, representadas nun diálogo aburdo cuns peixes que representan a monotonía da nosa existencia.
Unha nova proposta de banda deseñada a ter en conta nas nosas recomendacións.

Non á violencia contra as mulleres (LXXXIX)

Cactus: spot publicitario para a campaña de Telecinco contra a violencia de xénero, do ano 2007:


Como hai 25 anos

No ano 1984 , un total de 187 alcaldes galegos asinaron en Compostela unha declaración que, impulsada polo Concello de Santiago a proposta da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, definiu as liñas mestras do proceso normalizador nos concellos do país.

Vinte e cinco anos despois, e tamén a iniciativa da AFNLG, a Federación Galega de Municipios de Provincias, convocará outra asemblea de alcaldes para "darlle un novo pulo á galeguización das actividades nas policias locais e asesorías xurídicas", segundo explica a AFNLG na súa web.

O texto da nova declaración apunta a que "nestes 25 anos o uso do idioma que nos é propio retrocedeu socialmente como lingua inicial e como lingua de uso espontáneo".

Ante esta situación, propón a adopción de medidas como o uso do galego por parte de todos os cargos do Concello; o estabelecemento de "normas xerais e uniformes para a avaliación axeitada dos coñecementos de galego nos procesos de acceso á función pública e no desempeño desta función de acordo con cada posto, e realización en galego de, cando menos, unha das probas de todos os procesos selectivos" –proposta que vai en contra da recente decisión do goberno do PP de suprimir a proba obrigatoria de galego nas oposicións– e o uso do galego como lingua inicial por defecto en todos os departamentos e órganos do Concello e por parte de todos os traballadores e traballadoras da administración.

Tamén defende que as convocatorias de axudas públicas valoren para a súa concesión o uso do galego na realización das accións subvencionadas; a inclusión nos pregos de condicións e concursos da entidade local dunha cláusula na que se estabeleza que as ofertas e estudos técnicos que se presenten deberán, cando menos, estar redactados en galego, e preferencia por aqueles produtos e servizos que usen o galego e que o Concello contrate, utilice ou merque.

As Universidades, unidas

As tres universidades galegas enviaron o venres un comunicado no que informaban da constitución dunha Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística “que nace co compromiso do fomento do uso da lingua galega no espazo de educación superior”.
A creación desta comisión coincide nun momento no que parte da sociedade galega comeza a mobilizarse contra as políticas que pretende levar a cabo a Xunta de Galicia con respecto ao uso do galego no ensino. Fontes das universidades aseguran que a iniciativa xorde neste momento, aínda que non motivada especialmente polas directrices que está a implantar a Conselleria de Educación. Non obstante, a intención desta comisión interuniversitaria é “rendibilizar recursos e homoxeneizar a planificación normalizadora neste ámbito”.
A comisión estará constituida polos tres reitores das univerdidades galegas, quenes ostentarán a presidencia de forma rotatoria por períodos dun ano. Actualmente, o reitor coruñés, José María Barja, é quen ostenta este cargo.

04/07/09

Anchored

Fermosa e curiosa mestura de 3D e stopmotion da norteamericana Lindsey Olivares, cun leitmotiv de esperanza e fe: todo o que pensas e desexas ocorrerá.

Anchored from lindsey olivares on Vimeo.



Vía Recogedor

Emma Zunz

Emma Zunz é un famoso conto de Borges, convertido nunha curta animada con estética de xogo por ordenador.



Vía No sólo libros

Con Antón Fortes

O día 1 de xullo tivemos a última reunión do noso club de lectura deste curso, e probablemente a derradeira, tal como están as cousas. Prolongouse no tempo porque queriamos contar coa presenza de Antón Fortes, autor de Fume, para falar da Segunda Guerra Mundial, o holocausto, o mundo xudeu... e abofé que resultou ben interesante!
Grazas Antón, por acompañarnos, e por amosarme a Sarria que eu descoñecía.

Dinero fácil

Nada como a novela negra para fuxir da realidade e do cansazo da fin de curso. E por seguir a tradición que marcou este curso, nórdica. Nesta ocasión tocoulle o turno a Dinero fácil, de Jens Lapidus, o último descubrimento editorial. Teño que dicir que ao principio sorprendeume un chisco, porque é diferente. Nesta obra non hai un detective que investigue, senón que hai tres personaxes principais dos baixos fondos que nos van desvelando un mundo hostil onde droga, extorsión e asasinato campan por todas partes. E ao mesmo tempo, actas policiais e xurídicas vannos desvelando informacións sobre como a policía leva a cabo o seu traballo. Unha visión totalmente diferente da novela negra e desmoralizante da sociedade na que nos movemos.
Por suposto, o nexo de unión, como reza o título, son os cartos. Cartos fáciles de conseguir e difíciles de blanquear. Tres protagonistas completamente diferentes unidos pola avaricia. E cun final que agarda un segundo libro, para asegurar a venda. Quizais un pouco forzado, nese destino común que iamos intuíndo desde o principio da lectura.
O peor do libro é o estilo. Frases curtas, telegráficas, que semellan un escaso dominio da linguaxe do autor, que acaba facéndose un tanto cansino. E excesiva descrición de como blanquear cartos, creo eu, que engaden páxinas innecesarias á novela.
De todos os xeitos, un libro ameno para uns días de verán que vos apeteza a novela negra.




XXXI Marcha del Orgullo LGBTTTI, 2009

Feliz día

03/07/09

Amor mi señor

Non me gustou este libro de Luisa Castro, Amor mi señor, que segundo a propia autora comezou a escribir en galego e que logo pasou ao castelán, non sei se porque se sente máis cómoda nesta segunda lingua ou porque o público é maior. A verdade é que non semella dominar a nosa lingua, xa que a edición ten o detalle de incluír os poemas orixinais en galego, que por certo están tamén traducidos. Un libro de amor, de desamor, de campos de batalla, de renuncia e abandono.
Quizais por deformación profesional -e sentimental- gustarónme máis os poucos poemas en galego que nos ofrece.

Eu vou facendo preguntas
que ó sair da miña boca
son coma flores murchas.

Ti non contestas ningunha.

Quedan prendidas no ar
coma bandeira suicidas
nesta loita desigual,
preguntas que son roupa solta
no tendal da miña boca
que axita este temporal.

Alí quedan destrozadas,
As bandeiras da derrota.



Eu non quixen ser mendigo,
pero ¿a onde van parar
as preguntas que non se contestan?,
me pregunto eu.

Preguntar é pedir asilo,
preguntar é franquear a porta
dun país aterecido.

Os tolos son eses que vagan buscando
respostas.

Tomar a palabra

Artigo de Henrique Monteagudo no País:

A estas alturas, é claro que a axitación demagóxica contra o galego dos dous anos pasados se inscribiu nunha tentativa deliberada de escachar o consenso lingüístico, con dúas finalidades básicas: degradar a situación do propio idioma e procurar vantaxes políticas tanto en Galicia coma cara a Madrid. Como parte desa estratexia, despregada con estronicio na campaña electoral e febrilmente escenificada nos tres primeiros meses do flamante goberno, estase facendo correr a aloia de que a cuestión lingüística foi determinante na vitoria electoral de Núñez Feijóo. Dous inquéritos realizados polo Centro de Investigaciones Sociológicas (un anterior e o outro posterior ás eleccións de marzo) ofrecen datos suficientes para desmentir ese interesado ruxerruxe.
Canto influíu a polémica lingüística no resultado electoral? A política lingüística do goberno bipartito conseguiu unha ampla aprobación no electorado: na enquisa postelectoral, era considerada como moi boa ou boa polo 27,3% dos enquisados, regular polo 39,8% e mala ou moi mala polo 23,2%. As respostas á pregunta sobre como o faría un goberno do PP van no mesmo senso: un 24,5% considera que o faría peor, un 32,3% igual, e un 22,5% mellor. Doutra banda, as trucadas de Feijóo contra o galego obtiveron moita menos atención do electorado do que se adoita pensar: os temas que se perciben como máis debatidos durante a campaña electoral foron a economía (29,2%), o paro (8%) e o Audi de Touriño (4,1%), e só un magro 1,8% apunta á política lingüística.
Doutores ten a socioloxía para debullar máis polo miúdo eses inquéritos, pero o máis que se pode dicir é que a propaganda anti-galego mobilizou un sector extremista do electorado e atraeuno cara ao PP; un sector que, aínda de dimensións minúsculas, dada a situación de virtual empate, puido resultar decisivo para mudar o resultado. O risco obvio é que a forza gañadora quede presa desa franxa marxinal e acabe perdendo apoios dentro da ampla maioría moderada. De aí, probablemente, o frenético activismo da Xunta durante estes meses, verdadeiramente digno de mellor causa: hai que convencer a cidadanía de que acaba de ser liberada dunha feroz ditadura lingüística, para o cal é imprescindible popularizar o conflito lingüístico. É que se continuamos sen decatarnos, nunca poderemos agradecer o inmenso favor que nos fixeron... O que se deduce de todo o dito é que o idioma galego tornouse en pura carnada electoral. Lamentable.

- O bombeiro pirómano

Debemos recoñecer que Feijóo nos colleu a contrapé. Quen subscribe estas liñas advertía hai un par de anos que coa súa oposición á política lingüística do Goberno bipartito (que consistía nunha aplicación fiel do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004, gobernando o PP e con Feijóo como vicepresidente), o daquela líder da oposición se metía nunha silveira. Emporiso, á volta das eleccións que acababa de gañar, en marzo deste ano, aventurabamos que, unha vez no poder, feitas un par de concesións ao seu discurso preelectoral, Feijóo procuraría saír da silveira. Craso erro pola nosa banda. Estamos perante un auténtico campión do pragmatismo nihilista, un trazo autodestrutivo que Ortega y Gasset apuxo agudamente á Galicia aldeá (o filósofo non enxergou que tal actitude é conxenial coa Galicia señoritinga). Ben metido na silveira, o presidente decidiu plantarlle lume. Difícil de acreditar.
Tal como están as cousas, ninguén pode dubidar de que a decisión de Feijóo de rachar o dito consenso era estratéxica, estaba coidadosamente calculada (custos, beneficios e implicacións políticas) e non ten marcha atrás. Enganámonos moitos ao pensar que algúns acenos do recente presidente da Xunta debían ser interpretados en termos de procura dun certo acordo transversal: tratábase de arteiras xogadas políticas no marco daquela estratexia de bombeiro pirómano. Arestora, a aposta polo todo ou nada está directamente sobre a mesa, e sería de parvos chamarse a engano.
En máis dunha ocasión tense argumentado que ao degradar o galego o señor Feijóo non fai máis ca cumprir o seu programa electoral. Pero o que en realidade está a facer este goberno é escachizar, contando cunha maioría exigua (de feito, con menos votos cá oposición), un consenso sobre a lingua que se foi construíndo laboriosamente ao longo de case tres décadas, e que se apoia en normas aprobadas por unanimidade no Parlamento, desde a Lei de Normalización Lingüística de 1983 ata o devandito Plan Xeral de Normalización (nos dous casos, gobernando o partido conservador). Non se cuestiona a legalidade da viraxe política do PP, pero si a súa lexitimidade. Acordos básicos para a convivencia dun país non se desfán (porque tampouco se fan) unilateralmente, con apoio en maiorías pola mínima. O peor é que o que custa ferro e fariña facer entre todos, poden desfacelo uns poucos dunha patada. E o consenso lingüístico non levou unha patada, pegáronlle unha auténtica malleira.

- Ollar para adiante

O futuro, pois, non vai ser doado. O que lles queda aos partidos da oposición é definir unha nova política lingüística e enxeñar unha maneira distinta de levala á cidadanía. Ambos os dous precisan facelo, e non debera ser imposible chegaren a posicións compatibles. O PSdeG está en condicións de forxar un discurso integrador en clave federalista, que para ser crible necesita dunha boa articulación no conxunto de España e dunha defensa coherente en toda Galicia. Zapatero acaba de dar bo exemplo, cos 29 millóns de euros transferidos para o galego (por favor, señorías, vixíen o destino deses fondos!!). O BNG puidera facer da necesidade virtude e aproveitar a situación para renovar da cima ao cabo o seu diagnóstico, as súas propostas e os seus modos de defender o galego, todos eles enferruxados: carece de sentido aferrarse á caduca teoría do conflito lingüístico, á falsa e nefasta (por excluínte) asociación entre o galego e o nacionalismo, e á defensa do monolingüismo como única opción de futuro. O momento require unha severa autocrítica, pero esta non consiste en laiarse polo que puido ser e non foi.
De certo, existe unha Galicia ben máis viva, capaz e amorosa do seu idioma do que algúns medios queren crer, e esta Galicia non vai deixarse asoballar pola vella nin a nova Galicia retorta, badoca e servil. O idioma galego está comezando a dar mostras dunha renovada vitalidade, albíscase unha recuperación histórica e no camiño gañado non imos recuar da noite para a mañá. A oposición ten que ser capaz de erguer un proxecto atractivo de país. Se o consegue, os designios do Partido Popular cara ao atropelo do galego e a deturpación do autogoberno obterán a resposta social que merecen, o que a medio prazo pode reportarlle ao PP uns custos insoportables. Entrementres, é a Galicia culta, dinámica e consciente a que ten que erguer a voz e tomar a palabra.


The Life

Fermosísima curta sobre a descuberta de algo novo: a vida.



Vía Todas

Arte en banda deseñada

Unha divertida e irreverente campaña publicitaria para o Museo Nazionale del Fumetto, en Lucca (Italia). Porque a banda deseñada é Arte, con maiúsculas.


02/07/09

Patrimonio da Humanidade

Recollo en Brétemas esta iniciativa á que vos convido a asinar. Este é o texto:

Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consensos básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos. Ese valor partía da subordinación histórica dun idioma que foi sempre o das maiorías populares pero que tamén estivo sempre discriminado ou proscrito, salvo nos períodos en que Galicia e España gozaron da democracia. A liberdade e o dereito ao uso do idioma propio foron historicamente da man.

A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán. Os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas.

Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía, e da vixente Lei de Normalización Lingüística. As sentenzas do Tribunal Constitucional así o confirman. Sen embargo, o PP saíu do consenso. Pero gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país.

A sociedade galega que sente aprecio cara a súa lingua –independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente– debe reclamar unha volta do PP a un terreo común, así como mostrar o seu acordo coas políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que o propio PP impulsou desde a Xunta, e que non buscan senón a súa protección. O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e de creación.

Para asinar premede aquí.


Co médico

Publicado na Voz de Galicia:

A voltas co exame de galego nas oposicións do Sergas, un futurible médico apuntaba que se botaba de menos que o exame fose algo máis práctico e atendese ao que «realmente se escoita nas consultas nas que -especificaba- a xente di cousas moi raras e chámalle a case todo o que non é». Esas rarezas abranguen multiplicidade de disparates, de traducións imposibles e de bilingüismos nada harmónicos, pero sobre todo de incapacidade dos mesmos por adaptarse á situación lingüística. Porque hai que engadir á ignorancia habitual de quen non manexan os termos médicos (entre os que abundan os plis-plas [bypass], escais [escáneres], hematrocristos [hematócritos], etcétera) un bo feixe de situacións surrealistas na particular relación galego, médico, paciente. Como esa que me contaba unha amiga enfermeira que presenciou dun doutor que, a piques de rebentarlle a gorxa, ía subindo o ton de voz a medida que o vello enfermo non lle entendía o seu interese en forma de «¿Vostede con quen viño?, ¿Vostede con quen viño?», ao que o señoriño contestaba indignado: «Viño non, viño non tomo, viño non tomo, que é malo para o fígado». «¡Que con quen viño!», insistía irritado o médico ata que a enfermeira interveu: «Dígalle ao doutor con que veu», «Si, claro, coa miña filla que está fóra».

Desas hai a esgalla, como aqueloutro doutor leonés que sufría, en urxencias, ante as explicacións dunha nai que lle ía relatando con detalle que o seu neno levaba toda a noite «moi roncha, moi roncha» e só quería «colo, colo e colo». «Dígame, señora, ¿por dónde dice que le ha visto usted las ronchas al niño?». Logo está ese bo colectivo de médicos enrollaos que nun grande esforzo por usar o galego pensan que cun só termo no idioma propio [por moi escura que sexa a expresión] o paciente galegofalante comprenderá a mensaxe e quedará satisfeito do bo trato: «Hola, soy el doctor fulanito y voy a explorarle, por favor, desabróchese la camisa [coloca o fonendo no peito], cuando yo le diga, por favor, alente fuerte, alente fuerte». Nada disto é alleo aos hospitais galegos, nos que se contan por miles os casos dignos de libro e onde día a día se amplía o anecdotario, en especial nas consultas de xinecoloxía, nas que aos eufemismos habituais súmase o eufemístico uso do galego. «Dígame, por favor, ¿dónde dice que tiene picor?», e a señora, cunha infeliz metáfora, respondeulle sumisa: «No pracer do meu marido». Un clásico.

Moonwalking bird

Nas selvas de Sudamérica vive un pequeno paxaro que imita o paso de baile máis coñecido do recentemente falecido rei do pop, Michael Jackson.




Nesta montaxe podedes velo "no escenario":



Vía Fogonazos

01/07/09

Ross Ching

Ross Ching é un graduado norteamericano en cinematografía que comezou a experimentar coa técnica do "time-lapse" hai poucos meses, combinándoo con outras técnicas e conceptos da fotografía, conseguindo verdadeiras obras de arte.

Death Cab for Cutie - Little Bribes from Ross Ching on Vimeo.



Eclectic 3.0: The Roads Less Traveled from Ross Ching on Vimeo.



Eclectic 2.0: Earth, Water, Sky from Ross Ching on Vimeo.



Eclectic: My First Time Lapse Experiment from Ross Ching on Vimeo.



Vía

Para os días de choiva

Para que os tomedes con humor nas vacacións estivais... Xa sabedes que a min encántame que chova, polo que non me cómpre.



Vía Recogedor



Papiroflexia

Hai un tempo trouxemos ata aquí unha fermosa curta de Beatriz Alonso Aranzábal, "Los aviones noo saludan". Hoxe volvemos con ela e a súa última curta, "Papiroflexia", unha delicia para disfrutar en menos de seis minutos. Buscade que libro escolle a protagonista.





Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.