Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/01/10

A miña planta de laranxa lima

Cheo de lembranzas, un libro marabilloso para todas as idades que hai que ler nalgún momento da vida: A miña planta de laranxa lima de José Mauro de Vasconcelos, publicado pola editorial Primerapersona. Iso si, cun pano ao voso carón, non coñezo a case ninguén que sexa capaz de reprimir as bágoas.
Cando llo levei por primeira vez ao Departamento, leuno a miña querida Teresa. Cando mo volveu, prohibiumo ler. Sempre desexa evitar que eu sufra! E daquela obedecín, claro. Pero como non lelo? Si, efectivamente, o libro é dunha tristura inconmensurábel. Pero, tan sumamente tenro...
Foi o último libro proposto no club de lectura. Pero, curiosamente, acabouno lendo medio instituto. Sobre todo, gran parte do profesorado. Un boca a boca que funcionou sen case a miña intervención. Do Departamento de Galego ao de Español, deste ao de Inglés, de aquí ao de Historia, Música... Todo un éxito!
Seguramente a maior parte de vós xa o coñecedes. Se non o lestes aínda, non tardedes moito, é unha auténtica fermosura. Dá igual os anos que teñas, podes lelo con dez ou con oitenta: vaiche gustar. O contario é impensábel. Ou imposíbel.

Clases de ballet

Máis cervexa, máis machismo, máis...


27/01/10

Publicidade pola PAZ

Vino no Blogue do IES Fernando Esquío:

Bali Rai n'O Carballiño

Adiándonos ao Decreto(!!!), o ENDL, o Departamento de Galego, a Biblioteca e o Departamento de Inglés do centro realizou unha actividade o pasado mércores día 20 ben interesante: coñecer e escoitar o escritor Bali Rai, de quen lemos en lingua galega o seu libro Un casoiro ben mal amañado. En dúas sesións, unha para 4º de ESO e outra para 1º de Bacharelato, queremos destacar sobre todo o comportamento do alumnado de 4º, quen escoitou atentamente as explicacións do escritor en inglés sen necesitar en ningún momento que a tradutora acompañante axudase. Fixeron un montón de preguntas e saíron moi satisfeitos da experiencia.
Agradecemos á editorial Sotelo Blanco esta oportunidade. E a Bali Rai á súa disposición.

Contra a SIDA

A asociación francesa que loita contra a SIDA, Aides, encargou a Creativity realizar un anuncio que comunique aos máis novos a necesidade de utilizar o preservativo nas súas relacións. O resultado é esta orixinal publicidade que ademais pode servir como denuncia do estado dos W.C. públicos. A imaxe fala por si soa, como adoita suceder.


26/01/10

Made in heaven

Con dirección de Marc Gibert, a partir da idea de Carlos Alejandro, unha homenaxe a dous grandes mitos da música.



Vía Recogedor

Que parvos son os camaleóns!


Escrito e ilustrado por Pablo Prestifilippo Que parvos son os camaleóns! é un álbum cheo de cor que paga a pena tan só polas ilustracións, aparentemente sinxelas, que rebelan que un libro SEMPRE ensina algo, algo tan doado como "atopar un camaleón". O neno protagonista teno tan claro que ata é quen de debuxar o camaleón coméndoo... Para evitalo, inventará varios xeitos de atrapalo, igual que fará a súa nai con el cando chegue e tope todo destrozado.






Con texto adaptado dun conto popular ruso por Eva Mejuto e ilustracións de Sergio Mora, A casa da mosca chosca ten como protagonista unha mosca -estraño, non?- que decide instalarse en lugar de andar dun lado para outro. Con tal motivo organiza unha festa e co arrecendo da torta van chegando personaxes que se van engandindo á historia (novamente, o recurso de engadir para aprender a contar da literatura infantil) ata que ao final un oso...
As ilustracións "abranguen" o propio texto, en plena comuñón ambos, enormes cores e figuras deliciosas.
Topeino aquí contado por nen@s.

Outro xeito de escoitar Imagine

O Imagine de John Lennon cantado en linguaxe de signos. Este fragmento pertence a un capítulo da serie de TV Glee que na actualidade emite a canle americana FOX e que está protagonizada por un coro estudantil.



Grazas, María.

25/01/10

Le petit dragon

Curta realizada en stop-motion dirixida por Bruno Collet. Mellor curta europea en Anirmau 2011.



Vía Recogedor

Día da Paz (I)

Desde O Segrel, esta recopilación musical pola PAZ:





No blogue do cole de Mondego, aínda máis propostas de música.
E un recurso interesante para traballar coas cancións.
Na Biblioteca Canistrel agasállannos coa súa propia produción musical.

E algo máis:
Irmaus
Paz a través da música

O nadal de Thalía

Thalía, coma decote, aproveitou o Nadal para ler, ademais de estudar Bioloxía, claro. E achéganos as súas reflexións.



El Aleph
Borges

Este libro en principio facíase moi pesado e non me animaba moito a lelo, pero segundo ían pasando as páxinas comeceino a entender e a disfrutar. Non é un libro que pola miña propia iniciativa lería, pero doume conta a posteriori que sería un erro non facelo.



Amanecer
Stephanie Meyer

O último libro desta saga é o máis completo e á vez extenso. É tamén o que máis me gustou.
Saber finalmente como rematan os acontecementos desta gran historia de amor esperta en min un sentimento magoento, porqeu non vai haber máis, pero tamén de satisfacción porque descubro o final.
Neste libro temos a transformación, o nacemento tan anceiado e temido. Unha das partes que máis me gustou é a da batalla cos Vulturis: mantíñame intrigada o final. Non me defraudou nada. Ten partes moi divertidas e outras que quizais sexan menos amenas, pero sen dúbida paga a pena lelo.



Plenilunio
Antonio Muñoz Molina

Este é un gran libro. É moi duro, reflcte moi ben a dor, a crúa realidade dunha violación; fala do que senten as vítimas, a familia, o propio violador. O libro invita á reflexión, a dármonos conta da nosa propia inconsciencia. Tentar pedir axuda sen conseguilo; a desesperación non tería importancia para os máis. É un gran libro que TOD@S debemos ler.



La fundación
Antonio Buero Vallejo

Esta obra de teatro gustoume moito. É unha forma moi animada de representar o que era estar no cárcere.
O personaxe de Tomás pareceume moi entretido. Ao principio non entendía por que el vía todo iso, pero finalmente todo ten sentido.
Gustaríame vela representada, porque se está ben léndoa, que será vela no teatro???


Moitas grazas, Thalía, unha vez máis. Xa sabes que seguimos contando contigo e as túas lecturas.


24/01/10

En perigo de extinción

Protexe a túa lingua


(des)prestige

Texto de Marga Romero en A Nosa Terra:

Esta vez non son 77.000 toneladas de petróleo. Mais botaron o barco á Ría, quéreno levar a mar aberto e afundilo ben lonxe. Como se pesa, como se mide, como se conta a dignidade dun pobo, a súa existencia. Como se poden achar as toneladas que vale unha lingua. Din levar o paquebote esmaltado cara ás Illas Británicas, mais volven enganar, saben que así ninguén aprendera a ler as súas liñas no horizonte. Afástano, arrédano das costas portuguesas, non vaia ser o demo, que no varadoiro prenda na silveira. Estamos tod@s no barco e ese NÓS, é inconmensurábel. Quen non desexa navegar por novas rotas polos infindos ríos da Europa. Polos mares do sur. Descubrir as fontes do Nilo. Hai quen arela outros portos sementados nas beiras do Orinoco ou do Amazonas, petar noutras portas e entrar nunha casa en Chachauí, sobre do cume do Cúndur-Cundúr ou en políglotas tabernas, paradas necesarias para ascender polas serras do Cáucaso ou polas neves do Himalaia. Aprender outras rotas non é cegar camiños que ascenden polo Xares a Trevinca ou coma serpes acompañan o paso dos mil ríos do país. É saber do estripeiro, aínda que aéreas, as raíces nesta terra. O 21 de xaneiro nós con roupa de domingo pola rúa coa forza da razón e da palabra, en chegando de todos os nomes do mapa de Fontán,constataremos na mellor das descubertas que leda vai a nao. E contra tanto mercenario, nós, que soñamos camiñar do Courel a Compostela por terras liberadas, demostraremos que tanto amor non pode ser inútil. Sen teas soñadoras, nin un paso atrás Galiza. En galego, coma sempre, nós, tamén navegar.

Pancho

Antonio Santos é o autor e ilustrador de Pancho, un libro que nos fala da inocencia dun elefante que se namora dunha fermosa tea que os homes usan; desobedecendo aos seus pais, cae nunha trampa e é capturado para traballar nun circo, onde soñará coa liberdade e con seus pais. A última páxina ábrese á esperanza cun "case fin" que desexamos. As ilustracións son sinxelas, trazadas esquematicamente, o que lle dá, curiosamente, unha gran viveza ao texto, escaso pero suficiente, do libro. Son cartolinas recortadas de cores, un tanto ríxidas, coma un collage.
Como afirma o autor, o libro fala dos desexos erróneos que calquera de nós pode sentir, devecendo polo afastado e non priorizando o realmente importante: o que xa temos e non deberiamos perder.
Foi galardoada co II Premio Nacional de Ilustración Infantil, máximo recoñecemento á ilustración dentro de España, convocado polo Ministerio de Educación.


A cebra Camila



A cebra Camila, de Marisa Núñez e ilustrado por Óscar Villán presenta unha fermosa historia que segue os parámetros clásicos dos contos infantís: repeticións que van engandindo frases a medida que a historia avanza.
Unha cebra que chora por causa dun "vento bandido que lle esfarrapou o vestido" vai atopando a solidariedade do seu contorno que a axuda a ir perdendo bágoas e tristura para encontrar ledicia, unha alegría que será total canda a súa nai a acabe de protexer. Unha historia tenra que arrinca sorrisos continuos e conmovedores.
As ilustración son totalmente encantadoras: fixádevos na portada: a que é incrible ese xesto de alucine que ten? Ilustración e texto son dúas partes independentes que poderían vivir soas pero ao mesmo tempo conxuntas son unha auténtica delicia.
Topeina aquí en castelán.


Non á violencia contra as mulleres (CXXXI)

23/01/10

Kungfu Bunny

Especial e magnífica curta en tres partes do animador chinés Vincent, Kung-Fu Bunny; nelas combina debuxo xunto a imaxe real e conta a historia de que o autor tenta botar da súa casa un coello da súa propia creación. Pero este coello é experto en artes marciais e non se deixa, polo que Vicent adestrará o can para vencer.







Vía Recogedor

Valados

Agustín Fernández Paz demostra en Valados que non son necesarias grandilocuencias nin rimbombancias para denunciar a realidade do noso mundo; ese que nós, os humanos, nos empeñamos en empozoñar cada día, construíndo valados arredor nosa: coa indiferencia, co odio, co medo, co silencio. Cal é a explicación a tanta destrución? Falamos estes días e horrorizámonos coa traxedia de Haití, un valado máis, produto da destrución do home cara á natureza. Lembramos de cando en vez o que supuxo o nazismo e a construción do muro de Berlín. Aprendemos cada día sobre valados vergoñentos que ninguén quere destruír en tantos lugares do mundo: Palestina, Sáhara, Ceuta... Sobre todos estes en conxunto e ningún en particular escribe Agustín, unha lección de emoción sobre uns nenos que, afastados por un valado, inventan mil e un xeitos de destrozar ese muro. Por que non deixar paso ao optimismo? Seremos quen de erguernos un día e descubrir que por fin comprendemos que tod@s somos iguais e alzarnos da man para derrubar todos os valados -reais e imaxinarios- que existen? Serán eses nenos capaces de medrar coa intención de loitar contra as pantasmas dos adultos?
Un libro especial que o noso alumnado debe ler e traballar, para que a educación sexa tamén esa pinga de sentido común que a sociedade do futuro necesita.
As ilustracións de Xan López Domínguez, un dos nosos mellores ilustradores, son esenciais acompañantes neste texto fermoso e profundo que deixa paso á esperanza.

Lingua proletaria de mi pipol

Unha compañeira do PLAMBE mándanos este poema que quizais coñezades... se sodes convenientemente plurilingües. Viva o decretazo!





e outra compañeira mándanos tamén a súa versión, monolingüe, do mesmo poema. Para que logo digan que a poesía non serve para nada!

Eu fáloa porque si

Eu fáloa porque si, porque me gusta.

Eu quéroa porque si, porque me mola.

Eu quéroa porque é parte de min.

Eu quéroa porque é miña, e chega.

Eu síntoa miña porque me criou desde pequeño.

Eu respéctoa porque son as miñas raíces.

Eu elíxoa porque si, porque vale a pena.

Eu fáloa porque me sae pola boca.

Eu aloumíñoa porque me fai máis feliz.

Porque me dá a vida.

Porque me fai soñar.

Eu seméntoa para que se multiplique.

Eu régoa para que non se murche.

Eu sóñoa para que a abale a lúa.

Eu cántoa para que o vento a zoe.

Eu navégoa porque estou a salvo no barco que me leva.

Eu esquézoa para lembrala unha e outra vez.

Porque grazas a ela podo escribir estas palabras.


Moitas grazas a ambas as dúas

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.