Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/03/11

Non á violencia contra as mulleres (CXCII)


Amnistía Internacional e Women's Secret veñen de lanzar unha campaña co lema "A violencia de xénero non pode ser un segredo" co obxectivo de facer máis visible este tipo de violencia, así como para contribuír á súa erradicación. Para isto, a firma de roupa deseña unha colección especial que Amnistía destinará a accións contra esta lacra social.
A campaña lembra que a violencia de xénero non pode ser un segredo en ningunha das súas manifestacións. A violencia e o acoso sexual ou laboral, a trata ou a mutilación xenital feminina tamén son parte da violencia ás nenas e ás mulleres. Calcúlase que unha de cada tres mulleres no mundo é golpeada, obrigada a manter relacións sexuais ou sometida a outros abusos ao longo da súa vida.

Máis información na páxina de Amnistía.

Vía

Galego con futuro

Presentación de Manuel Núñez Singala, sobre unha lingua, o galego, con moito futuro.



Vía

05/03/11

Shanghai World Expo Closing Ceremony Concert

Fusión de arte e música:

Entre las sombras


Chama a atención sobre todo deste cómic a súa estética. Entre las sombras, publicado por Glénat, é de Arnaud Boutle, conta a vida dun único supervivente despois dunha misteriosa apocalipse, da que nada sabemos. O único que nos interesa é a vida en soidade dese home, a súa procura de sustento e sobre todo o sometemento dos recordos: o amor como constante -en branco e negro- mentres percorre os lugares habitados en tempos mellores. O que máis estraña é, quizais, esa loita diaria por seguir vivindo; para que ou por que nos aferramos á vida aínda nesas circunstancias?
Como xa dixen, a min chamoume a atención polos debuxos. Predominan os verdes no presente, posto que semella que unha especie de árbores xigantescas ocupan todo e van destruíndo edificios, combinadas co branco e negro cando nos ocupan as lembranzas e o pasado, o que suxire unha certa nostalxia máis que entendible e que aporta coherencia á narración.
Gustoume.

O humano típico

Nun mundo con 7000 millóns de persoas, o humano máis común estaría representado por un varón chinés de 28 anos, destro, que gaña menos de 12000 dólares ao ano, que ten móbil pero non conta no banco.




Vía Microsiervos

O ano de Lois Pereiro (IV)

Escribe Manuel Rei Romeu en Terra e Tempo:




Foi o irmán, Xosé Manuel Pereiro, quen o definiu como "Un punk calado, irónico e amable, un dandy esguío entre quen son agora o núcleo duro da creación poética galega. Eran amigos seus, pero sempre preferiu frecuentar os labirintos da vida aos círculos literarios". Na mesma Fotobiografía sonora, que acaba de editarse, a foto co Grupo poético da Coruña De amor e desamor, amosa un Lois Pereiro cun certo aire desacougante, cunha excentricidade que supera con moito a de calquera outro escritor do seu tempo por moi dandi e extravagante que for.

En referencia a Poemas 1981/1991, Manuel Rivas, o seu irmán literario, caracteriza a súa poesía como "mestura de vídeo-clip, haiku, destello, pregaria e cantiga de escarnio".

O pasado 16 de febreiro, no IES Concepción Arenal de Ferrol, grazas á bondadosa iniciativa de Inés, a irmá de Lois que traballa de ensinante neste Centro, tivemos a sorte de poder celebrar unha pequena e sentida homenaxe ao poeta morto prematuramente. Seguramente foi unha das primeiras que se celebrou en Galiza, neste ano que a Real Academia Galega dedica ao escritor. Grazas á xenerosidade de Inés, repito, desde o Equipo de Normalización Lingüística puidemos organizar un acto no que participaron Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, o irmán de Lois. Previamente alumnos/as do Bacharelato de arte realizaron diferentes versións de caricaturas do poeta que se proxectaron ese mesmo día acompañadas de poemas seus. O Salón de Actos "Rosalía de Castro", ateigado de alumnos/as de segundo de Bacharelato, algúns profesores e mais público de fóra, recreouse tamén co recitado a cargo dunha alumna, seguido dunha poética interpretación musical por parte de dous mozos estudantes. A data non foi casual: un 16 de febreiro (domingo de Entroido) de 1958 nace Lois Pereiro; cumpriría agora cincuenta e un anos.

Xosé Manuel Pereiro fixo un percorrido cronolóxico pola biografía do irmán poeta, con moitas claves e cun humor moi celebrado polos mozos e mozas alí presentes. Tamén Lois Pereiro insistía en levar a vida con humor: "O humor será o que nunca perderei: Nin a paus!- deixou escrito na Conversa ultramarina.

Como moitos nenos galegos, a súa vida abalou entre o mundo rural e o mundo urbano ou semiurbano. Os verán pasábaos coa familia nas aldeas do Incio (Reádigos, Santa Cristiña), dísenos, cando aínda estaban cheas de nenos e nenas. Sen dúbida, ese espazo deixaría fonda pegada na súa vida. Os invernos, outonos e primaveras pasábanos en Monforte: os Escolapios, as rúas, as hortas, os edificios en construción, onde se aventuraban a entrar. Monforte tiña xa neste tempo e ten a traza de punto neurálxico ferroviario, de cidade inacabada na súa fasquía ou de museo dos camiños de ferro. Desta encrucillada puido xurdir en Lois Pereiro a ansia por viaxar e esa tentación á extravagancia (percorridos en tren por Centroeuropa, viaxes á Gran Bretaña, Irlanda...).

Raro e extravagante tiña que ser un mozo tímido, calado, aberto aos mundos da literatura e da música moderna que, non obstante, ousaba recitarlle ás mozas nas discotecas poemas dos simbolistas franceses.

En Madrid discorre a súa formación. Precisamente, lonxe de Galiza vai descubrir e facer unhas das súas primeiras contribucións á cultura galega. Xunto con Antón Patiño, Manuel Rivas, Menchu Lamas, Fermín Bouza vai axudar a crear a revista Loia.

A intoxicación con aceite de colza en 1981, con case 400 mortos e máis de 17.000 afectados, será un feito determinante na súa vida e tamén na súa obra. Por culpa da afección chegará a unha febleza física tal que mesmo lle impide vestirse só. Acaba abandonando as sesións de rehabilitación en Madrid a pouco de comezalas ("non podo ver nenos que son só ollos", díxolle á nai). E volveu para sempre a Galiza.

Non parece casualidade que este feito coincida co inicio da súa escrita poética. Seguramente pode ilustrar ben até que punto condicionan as circunstancias a obra dun escritor. A primeira entrega poética súa reúne poesía dunha década: Poemas 1981/1991, publicado en 1992. O segundo poemario, Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995), publicado neste último ano, completa case o seu percorrido vital. Morre o 24 de maio de 1996 na Coruña. Atendendo á súa vontade, sotérrano no cemiterio de Santa Cristiña, o Incio, ao son das gaitas que tocaban "A marcha do Antigo Reino de Galiza".

Unha actitude poética esencial

Lois Pereiro é autor dunha obra poética breve mais intensa. Máis que a propia poesía, a súa actitude e a súa figura son as da extravagancia e a excentricidade. Tivo dificultades para comezar a publicar. Atopou, segundo parece, a receptividade de Edicións Positivas; non sabemos se procurou a de editoras máis grandes. O premio que recibe como escritor é o dunha entidade de base, a Asociación Cultural O Facho da Coruña. Un clásico noso, Manuel María, é o poeta que realiza as presentacións dos seus libros en Monforte en 1992 e 1996.

O propio epitafio seu, que figura como colofón tamén do último poemario, semella obra dun poeta nada convencional: Cuspídeme enriba cando pasedes/ diante do lugar onde repouse/ enviándome unha húmida mensaxe/ de vida e de furia necesaria.

É ben sabido que o signo de moitos escritores, quizais máis aínda en literaturas periféricas como a galega, é a extravagancia ou a excentricidade; noutros casos versións achegadas como a bohemia, o dandismo, a loucura. É dicir, o que está fóra da norma e "vaga" sen rumbo establecido. A extravagancia susténtase nunha vocación de singularidade e de orixinalidade. Non poucas veces escoitamos a consideración de Rosalía como estrafalaria ou louca. Transgresora, por riba de todo! Á súa maneira, poderíase aplicar a Pondal, a Castelao na aparencia estética, a Valle-Inclán -"eximio escritor y extravagante ciudadano", como o consideraba Primo de Rivera, a Óscar Wilde, ... A excepción á norma establecida prodúcese, como podemos supoñer, por cuestións diferentes, xa sexan morais, sexuais ou políticas.

No caso de Lois Pereiro a transgresión provén do aparencial; trátase dunha provocación asumíbel. Non actuaba contra o establecido, contemplaba en silencio con ollada irónica. Hai un evidente dandismo ("o espello da elegancia dediante dos meus ollos"), xunto a unha vontade de fuxida permanente. No difícil contexto dos anos oitenta e pertencendo a unha xeración que viviu os estertores da Ditadura e as frustracións da transición, resulta difícil entender tanto individualismo no existencial e no creativo, resulta difícil evadirse dos compromisos do momento. Seguramente foi por unha deliberada desvinculación entre o fenómeno da creación literaria e o feito social, moi propia dos vangardismos. Os finais dos setenta e os oitenta son anos de expectativa e de grandes mobilizacións no noso pobo: a Constitución española, o decreto de bilingüismo, a campaña contra o Estatuto, o reforzamento da monarquía e os recortes do proceso autonómico (23 F), a entrada na OTAN, a loita contra a reconversión naval, as mobilizacións agrarias, as loitas do estudantado universitario.

Na poesía e nas confesións de Lois Pereiro hai grandes doses de narcisismo ("eu son un deus sensual") e de escepticismo. O disfrace e a máscara dos que se recubriu evidencian sen dúbida a insatisfacción e a desconformidade coas circunstancias persoais e cos tempos que lle tocou vivir. Esa foi a súa forma de protestar. Esa é a mensaxe que nos transmite aínda a súa imaxe, unha pose ou un xeito de situarse á marxe.

Galiza tamén é patria

Malia toda a súa posmodernidade hai, porén, unha maneira comprometida e humana, quizais algo clásica tamén, de concibir a función da poesía no mundo: "a poesía é un xeito de fuxir da barbarie", di na súa autopoética. Aínda que non contribúa a mellorar o mundo, tampouco pode contribuír a empeoralo. Ao menos crese na posibilidade de facer pensar e cambiar as persoas. Tamén é un xeito de autodignidade, de expurgación da agresividade interior ("A min sérveme para salvarme do meu propio espírito"). Ou como xeito de consolación perante un destino que se presentía cruel ("...esta vez non haberá resurrección/ e o futuro é por forza alleo a min", declara en Poesía última de amor e enfermidade). Recoñecese tamén nun forte impulso autorial, nunha vontade por sobrevivirse.

Xa dixemos que hai en Lois moito de poesía de evasión individualista, de exilio cosmopolita, de espírito vagabundo. No que respecta a Galiza, percíbese unha tensión de amor e desamor, que non semella allea a outros moitos escritores. Galiza é espazo e perspectiva; é paisaxe interior, parafraseando o poeta. Hai un fondo telúrico e panteísta, unha identificación cun atlantismo envolvente ("esa fonda ironía de orixe atlántica"). Contraposta, evidénciase unha "tradición oculta dun pobo que cultiva o silencio, o negativismo" e mesmo "unha lenta malicia intensa e meditada", até chegar á brutalidade. A caracterización máis pesimista é aquela que fai súa e recrea o poeta: "Fago meu ese fondo subconsciente escéptico e suicida".

Nun dos poucos poemas dedicados a un escritor, a Ánxel Fole concretamente, a terra abala da luminosidade do verán ("voo das vésporas ó sol") á ameaza das "sombras letais". É unha terra de lenda con mananciais de "líquidos telúricos". Mais na súa vertente máis brava e profunda acaba sendo "maina e cruel/violenta, visceral/secreta, infame, inmemorial" (Poemas 1981/1991). Por tanto, amada e odiada. Case toda a súa poesía se pode encadrar nas coordenadas da nostalxia, do amor e da morte ou da autoaniquilación.

Nun poema, a modo de guión alfabético, emitido por TVG o 25 de xullo de 1988, faise unha interpretación de Galiza que se move nas claves simbólicas antes apuntadas. Parafraseando, Galiza é esa alma atlántica, onde hai esperanza e lugar para a alegría, "ledicia do espacio circundante". Galiza é "conciencia Céltica do Cosmos" e "Espiral no Espacio Esférico"; tamén é emigración e "eterno Estrañamento do espírito"; "kilowatios por terra asulagada". A historia foinos adversa: "A nosa indiferencia alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos". Mais cabe a esperanza de que "Tantos séculos de Ofensas e Olvido crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia vai xenerar no Orgullo deste pobo apacible o destrutivo Osíxeno do Odio...". En conclusión, "A Terra é o principio",...; Galiza é "Poesía. Patria. Paixón". Galiza é "25 de Xullo".

En Terra e Tempo, tamén: Manuel Antonio e Lois Pereiro, náufragos do paraíso.

04/03/11

Legendary Biru

Fermosa e ben feita esta publicidade con percorrido lendario:

A cidade sen roupa ao sol

Gustoume este poemario de Margo do Val cun título tan fermoso: A cidade sen roupa ao sol publícao Espiral Maior. Un percorrido vital cheo de inquedanzas, de preguntas que admiten resposta ou a procuran, de torres frías onde poder salvagardarse, de metáforas que constrúen as páxinas, de poemas que son unha declaración de intencións: seren poesía dunha poeta muller. Porque a roupa tendida está a secar, coma a vida que evolúe, que anda paseniño, que se declara e que reflexiona, que olla o pasado para chegar a ser presente e ter a posibilidade de se converter en futuro. E nesa ollada ao pasado hai melancolía, conscente ou non, por unha nenez perdida, pero hai tamén frustración que emigra, e a emigración é mesmo vergoña ante a hiprocrisía. E sobre todo isto planea o amor á lingua, á terra, á nai. E á poesía, tal como declara nas súa lecturas: "Arden as palabras".

Ela
Única moneca desta terra
Garda
Que ninguén vulnere o seu espazo
E se deteña diante da máis feble das fronteiras
A que leva ao país da soidade
Tantas veces elixido
Fóra na cidade
Nada importan os papeis ciscados polo chan
Nin os libros pousados en zapatos de tacón
A memoria dos obxectos revolve o seu armario
Onde garda os pantalóns de Valie Export
Ela
Caon arma na man sabe que a cidade aínda
Debe vivir o Genitalpanik
Ese ataque necesario
Das monecas princesiñas das casas coma esta
De Laurie Simmons
Para quen cose a súa mamá costureiriña de aldea.

Chega co amor

Documental que amosa a normalidade das parellas homosexuais. O seu director viaxa a nove cidades europeas en busca de historias. Son nove relatos que falan do cotián a través das entrevistas: coñeceremos a lei que rexe as parellas homosexuais en diferentes partes do mundo e a opinións sobre o concepto da familia ou a adopción.




Vía

03/03/11

The Deep

Vídeo de animación stop motion creado pola factoría PES, onde podemos ver ferramentas e pezas metálicas representando a forma de vida dos océanos.




Vía Recogedor

Manuel Núñez Singala en Forcarei

Este martes 1 de marzo visitounos Manuel Núñez Singala para falar co alumnado de 4º de ESO do seu enganoso libro Menú de enganos. E aínda que o tentou, non nos enganou. Porque con tanto engano que hai na vida, tiñamos medo de que nos quixese enganar. Cando menos, quedamos coa dúbida de que o tentase, cousa moi afastada de que o conseguise!

Verbas de sal


Un libro de sal, de poesía, de esperanza, de sorrisos, de libros, de dozura, de soidade, de enigma, de fantasía, de mar... Así é Verbas de sal de Antonio García Teijeiro publicado por Xerais con ilustracións de Alberto Vázquez. Encantoume. Poesía feita relato baseado en soidades que rematan en amizade, poesía cantada polas ondas do mar nunha biblioteca pechada, poesía recitada nos versos da mirada e da esperanza. Poesía case anónima que nos devolve a mirada a Vilamollada. Poesía que nos fai cóxegas nos beizos para arrincarnos un lene sorriso na mirada.
Metáfora continua, o libro achega a salvación: da soidade saímos grazas á palabra, da irritación salvaranos a poesía, da superficialidade aboiaremos coa salvadora maxia verbal. O valor da palabra é, xustamente, a forza da poesía. Con esta abonda para resistir.
Por iso poderemos gozar plenamente coa lectura deste libro. Poesía para todas as idades en prosa. Poesía da palabra e da imaxe, posto que tamén as ilustracións son deliciosas.
E todos quereremos escoitar a Evaristo. E queremos coñecer a Xulieta. Mesmo, ter ao noso carón a Pinturo, porque a súa compaña será imprescindible. A amizade, a música, a poesía, todas unidas neste fermoso e pequeno libro, farannos unha compañía excelente.

Autoxenofobia

Sobre o xa famosísimo vídeo de GH, estoutro compara esa actitude chea de complexos da moza cos prexuízos raciais:



Vía Brétemas

02/03/11

Mighty Antlers

Mighty Antlers from The Animation Workshop on Vimeo.



Vía

O tren

Fermoso, fermosísimo álbum ilustrado de OQO: O tren é de Silvia Santirosi con ilustracións de Chiara Carrer. Un libro que nos achega á perda dun ser querido, tan querido como unha nai para unha nena; esa terrible dúbida á que debe facer fronte o pai cada día; esa tremenda ausencia que cada día nos mira dende o ceo. Só o tempo axuda a mitigar a dor, e así nolo fará entender o texto.
Lene, suave, delicado... texto e ilustración foxen de dramatismos e mentiras para falarnos dun tema tan especialmente duro para a infancia.
Un dos álbums máis fermosos destes últimos tempos.

Como podo dicirche que as persoas que queremos morren, nos deixa e se van? Como podo dicirche que o amor e a alegría forman parte da vida igual que a dor e a tristeza? (...) Como podo dicirche todo isto, miña nena?
Entón cóntoche unha historia.


Os contos do camiño


Publica OQO este Os contos do camiño, Los cuentos del camino, Os contos do caminho, Les contes du chemin, un libro que recolle as ilustracións de relatos tradicionais de pobos polos que discorren as rutas xacobeas.
Dirixido a escolares para espertar e alimentar a curiosidade por viaxar e sobre todo por achegarse aos contos populares e á tradición oral. Ilustrado por eses nenos e nenas que interpretan as historias ás que se achegan.

Optimismo e Ilusión













A segunda parte podes vela tamén en YouTube.

01/03/11

Eye of the Storm

Clip creado para a canción Eye of the Storm, do grupo Lovett, dirixido por Christopher Alende.




Vía

O Fillo da Furia



Manolo López Poy e Miguel Fernández asinan este cómic, O Fillo da Furia, que nos ofrece Demo Editorial. Un libro escuro como o é a historia, tanto que o lector permanece agochado nos seus negros para ir revivindo as aventuras do mítico bandoleiro que eu veño de descubrir. Con escenarios reais, con lenda e historia, constrúese este interesante cómic que dan refuxio ás aventuras deste personaxe. Un personaxe que antes pasou polas mans de Emilia Pardo Bazán e de Valle Inclán.


Música para mártires

Unha fermosa canción para recordar os cidadáns exipcios asasinados por pedir pan e liberdade no seu país.




Vía

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.