Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/03/11

Sechu Sende en Forcarei

Onte á mañá acompañounos Sechu no IES. Falou co alumnado de 3º e 4º de ESO de prexuízos lingüísticos, fixo maxia, amosou os seus dotes adiviñatorios, leu a Lois Pereiro, abraiounos cos seus debuxos, fíxonos rir... e conquistounos definitivamente.
Tamén contou esta historia.

036

En calquera lugar



Vía Miguel Calvillo chegamos a esta fermosa fotografía que nos transmite o mellor da lectura e dos soños.


Tío Lobo


Tío Lobo é un conto popular adaptado por Xosé Ballesteros e ilustrado por Roger Olmos, publicado por Kalandraka. Un libro para falar de mentiras e traizóns, mesmo de egoísmo.

Nontodovanserlibros (XL)



D
escubrinos nunhas festas patronais, nun concerto dos moitos que adoita haber nos veráns galegos, e o que máis me chamou a atención deles foi a súa proximidade e empatía co público. O seguinte paso foi bucear entre a súa música, as súas letras e o seu son psicolélico. E aí foi onde descubrín que nas súas orixes alá por finais dos noventa empezaron cantando integramente en inglés, que foron a banda sonora de varias campañas publicitarias e que, ao meu entender, teñen un dos mellores discos que escoitei ultimamente e do que estou totalmente prendado (Costa azul, Sony, 2007)

É posible que algún de vós descubra a partir de hoxe a Marc Ros, Jesús Senra e Alex Pi: Sidonie.


Coca-Cola 125 aniversario

Coma decote, Coca Cola chama a atención publicitándose:


14/03/11

Xadrez

Otar


Seica os verdadeiros perfumes deben ir en frascos pequenos. Pois o mesmo ocorre con este pequeno libro: é unha xoia en si mesma. Cando o vin, así de pequerrecho, chamoume a atención; estaba pendente das novidades de Barbara Fiore, pero non agardaba isto: non me fixara nas medidas que a web da editorial nos ofrecía. E, claro, ábrelo e quedas pampa: as ilustracións provocan un chimpo.
Estamos a falar de Otar de Kaatje Vermeire. Ides alucinar con el, seguro. Un libro que nos fala dun estraño paxaro que voa, ou non, que quere ser o mellor, ou non...


El pájaro negro


El Pájaro Negro é de Suzy Lee. Con isto xa digo bastante, non si? Sempre nos abraia esta autora-ilustradora en cada un dos seus libros. Neste fálanos de soidades, de tristuras, de amizades estrañas, de voos (de soños, finalmente) que podemos facer para fuxir da nosa propia realidade. Ou para lembrarnos que esta non sempre a provocamos nós: un soño que nos axude a nos reencontrar, a contemplar os problemas dende outra perspectiva. Un voo inesquecible da man dunhas ilustracións que nos lembran outros libros de Suzy Lee: trazos en branco e negro cheos de intensidade expresiva.
Edita Barbara Fiore.

Día π

Hoxe 14 de marzo é o Dia Pi. Por alguén non sabe o motivo, basta con que lle bote unha ollada ao calendario anglosaxón e se decate de que a data de hoxe se escribe 3/14. Esta celebración foi unha ocorrencia do físico Larry Shaw e foi gañando adeptos ata o punto de contar no 2009 cunha resolución favorable da Cámara de Representantes dos Estados Unidos, na que se declaraba ao 14 de marzo como día nacional de π.

Para celebralo traémosvos esa ¿fermosa? canción onde podes aprender os 150 primeiros decimais do número Pi. Atréveste?

O ano de Lois Pereiro (VI)

Coma adoita ocorrer, é Román Landín quen me pon ao día:

Tras o documental didáctico As armas da paixón, Sara Paz e Luís Aldegunde complementan o seu contributo ás Letras Galegas 2011 coa achega de tres novos traballos sobre Lois Pereiro: Pereiro por Pereiro, unha aproximación ao poeta da man do seu irmán, Xosé Manuel Pereiro; Unha cartografía de Lois Pereiro, análise literaria do autor monfortino feita polo profesor Arturo Casas; e Cinco poemas de Lois Pereiro, lectura de textos a cargo do propio Casas, Antón Losada, Paco Macías, Antón Patiño e Antón Lopo.







13/03/11

Lala

Curta nominada aos Goya 2010. De Esteban Crespo.

LALA_Subt. English from quieneslala on Vimeo.



Vía

El Rey Pájaro y otros esbozos

Se digo tan só Shaun Tan, non credes que é suficiente?
Se logo engado Barbara Fiore editora, non estades xa na libraría?



Si: El Rey Pájaro y otros esbozos é o último álbum de Shaun Tan que vén de publicar Barbara Fiore. Pero ollo! non vos chamedes a engano: non ides atopar o típico álbum ilustrado; non. Este libro é unha recreación dos seus traballos; un fermoso libro que desexaredes contemplar de cando en vez, abrir algunha das súas páxinas ao chou para alucinar cos seus debuxos e bocetos. Un universo que quereremos descubrir e compartir.
Unha pasada.

Lois Pereiro, náufrago do paraíso

(Unha chiscadela a Marcos Calveiro)


Martes do antroido, pola mañá, en Lalín.

Entro na libraría. Vexo o libro, folléoo. Como non, mércoo. Gustoume o plantexamento da biografía, que ollei por riba.
A lectura debe agardar. Quizais poida ao día seguinte.

Mércores de cinza, pola tarde-noite, dentro.

Por fin, podo comezar a lectura do libro. Non podo lelo enteiro, como quixera. Debo poñer un exame e organizar as clases do día seguinte. En contra do que se fai normalmente, comecei polo final: lin os poemas, a biografía, detívenme nas fotos.

Xoves pola tarde, dentro.

Por fin, podo gozar plenamente coa lectura do libro. Avanza rápido, déixase ler tan facilmente que ata dá mágoa rematalo. Gústame o xeito de encarar a operación biográfica: retallos da súa vida, lembranzas dos que estiveron con Lois Pereiro, curta vida e longos anceios.

Venres pola noite, dentro.

Releo de novo. Detéñome en detalles, boto contas das idades, anótoas no libro, subliño. Soño esperta, recupero imaxes de lugares, versos de Lois que amei dende que os descubrín... cantos anos hai xa?

Sábado pola tarde, dentro.

Achégome ao blogue. Falar dos libros custa traballo, máis dalgúns coma este. Decido "copiar" a fórmula que tan bo resultado dá: parabéns a Marcos Calveiro pola sinxeleza, pola forza, pola escrita, polo achegamento. Unha lectura ideal para o meu alumnado, ese que tan preocupada me tiña: como achegarlles este poeta? Quizais agora sexa máis doado.
Cada capítulo, un ano da súa vida. Un repaso, unha historia, un chisco da curta vida dun home que nos deixou escritos algúns dos poema máis fermosos da Literatura Galega.

Marcos Calveiro publica esta Biografía e Antoloxía de Lois Pereiro en Xerais: Lois Pereiro, náufrago do paraíso. Imprescindible.

Non á violencia contra as mulleres (CXCIII)

Copio directamente dende este blogue:

A violencia de xénero ensínase fundamentalmente nas casas, e o terreo de prácticas é, en primeira instancia, a escola. Parece difícil que un rapaz (ou rapaza) que na súa casa recibira unha educación mínimamente igualitaria se convirta en macho alfa por simple contaxio escolar. Aínda que pode haber de todo nesta vida. En todo caso, e dado que poucos referentes serios teñen estes cativos entre a infancia e a vida adulta agás o colexio e o instituto (descontada a familia, se é o caso) poucas esperanzas hai de que exista outra oportunidade de reeducación temperá mais alá das aulas.
Un video dun instituto galego sobre este tema:

Rec Play Stop Violencia! from Rec Play Stop Violencia on Vimeo.


O ano de Lois Pereiro (V)

De Caderno da crítica:

J. Luís Calvo e Carlos Gegúndez López
Lois Pereiro. O negro leite da aurora

Toxosoutos

Vanse cumprindo as expectativas e as publicacións, que dalgún xeito provocou a decisión da Real Academia Galega ao dedicar este Día das Letras Galegas a Lois Pereiro, van sucedéndose a un ritmo case vertixinoso pois xa se suman tamén estes días reedicións da súa obra e algunhas biografías como a que presenta Marcos Calveiro.

Nesta ocasión ocúpame un traballo asinado por dous investigadores que, no seu caso particular, ofrecen un ensaio que é resultado dun vagaroso labor de investigación e interpretación, tamén dunha actitude de devoción e sedución confesadas pola obra do autor de Monforte.

Deste xeito, o libro ábrese cun limiar de X. Manuel Pereiro no que, a xeito de presentación, apunta algunhas das claves literarias de Lois Pereiro como son a asunción e selección de compañeiros de viaxe literaria entre a tradición europea, pasada e presente; a posición a contracorrente do seu propio tempo, o seu universalismo militante e a vinculación coas raíces. Asemade repara repara na fotografía que serve de cuberta do libro, da autoría de Xosé Abad, na que posa o autor, con esa chiscadela pop depositada nunha botella de refresco xunto cun libro de Peter Handke, e mais reclamando a atención ao versos de Paul Celan escollidos polo poeta para presidir o retrato: “Schwarze Milch der Früe” (“O negro leite da aurora”) e que serven para titular o presente ensaio.

O libro subtítulase, acertadamente, “viaxe á xeográfía lírica de Lois Pereiro” e nel José Luís Calvo e Carlos Gegúndez subscriben un estudo de carácter integral, documentado e cheo de rigor, que parte da convicción por parte dos autores da orixinalidade da escrita pereiriana. O obxectivo confesado é, baixo o enfoque da socioloxía da literatura, contribuír a desvelar con argumentos esa orixinalidade e poder realizar, así, ademais dunha lectura emocional outra que sexa, se se quer, interpretativa.

No ensaio mestúrase a transmisión de experiencias lectoras, coa paixón sentida pola obra de Pereiro xunto con outros elementos máis propios da análise literaria e biográfica como é unha revisión de carácter vital, xeracional ou contextual do autor de Conversa ultramarina para ir salientando aqueles elementos clave do percorrido literario que representa: marxinalidade na que habitou, romanticismo poético, liberdade creativa absoluta ou raigames universalistas entre outros, axudándose de numerosos comentarios textuais de composicións consideradas, por distintas razóns, como relevantes.

Ademais dunha útil cronobiografía e mais dunha bibliografía “de” e “sobre” Pereiro engádese unha crestomatía poética en honra ao autor homenaxeado que agrupa composicións de Marica Campo, Lino Braxe, Manuel Rivas ou Xulio Valcárcel entre outros. En definitiva, outra meritoria reivindicación do legado literario de Pereiro.


12/03/11

Dilla



Vía

A princesa Sabela


Tan pronto como vin na libraría un álbum ilustrado publicado por Xerais, xa o collín. Neste caso é unha tradución dun libro que xa ten uns aniños (é do 97), a súa autora é Cornelia Funke e as ilustracións son de Kerstin Meyer. A princesa Sabela é un conto divertido que fala do aburrido que é ser unha princesa que nada ten que facer e loa pola contra o traballo e o feito de ser cadaquén independente. Claro que o comentario aquí pode variar: cando o lemos na aula o alumnado, que ten que traballar arreo ao saír do instituto, exclamou: "iso porque non ten que traballar! Se o tivese que facer todos os días non lle había gustar tanto". Así que xa vedes, o mundo é moi diferente segundo o cristal con que o miremos. Porque vendo o que vemos cada día na nosa sociedade, semella que ao que se aspira é, precisamente, a esa vida de princesa sen traballar que a protagonista do noso conto rexeita impaciente.

El señor cocodrilo está muerto de hambre


Debe ser casualidade: libros cheos de humor. Co que escasean! Pero El señor cocodrilo está muerto de hambre de Joann Sfar (publicado por Ponent Mon) é algo especial. Non me preguntedes se é un cómic, posto que non sei responder: abaixo indico que si porque quizais estea máis preto do cómic que do álbum ilustrado, pero en todo caso é un libro digno de ser comentado. Aquí non manda nin a ilutración nin a palabra: ambas son necesarias e complementarias. Chama moito a atención a historia -xa sabedes que procuro non falar dela-, pero, ollo!: se llo ides ler a algún neno ou nena só vos direi que o crocodilo, como famélico que está, zampa cantidade de xente. Pero é unha historia pintoresca, divertida, case irreverente que, seguro, vaivos deixar alucinados. Un deses libros cos que exclamas: "por fin o malo sae beneficiado". Se é que ser malo é ter fame e encher o estómago, claro.




Dende que nacemos

Con estas fotos, Dietrich Wegner denuncia a exposición que sufrimos no noso mundo occidental á publicidade dende que nacemos. Son tatuaxes temporais de marcas famosas realizadas sobre esculturas e bebés.











Vía No sólo libros

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.