Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/03/22

Es mío (Mine) (Sobre series orientais VIII)

 


C
oma case todas as series coreanas que vexo esta longa temporada, nada sei delas nin referencias teño. Esta, simplemente, veu porque a miña "filla adoptiva" Lara comentoume que comezara a vela e non tiña mala pinta. Debido a que estou intentando coñecer a sociedade coreana a través das series, esta interesoume a medida que avanzaba por un motivo: a sororidade que presentaba. Dende logo, teño claro que o amor romántico ten feito moito mal en todas as sociedades e as series que vexo "románticas" así mo deixa ver claramente, pero hai apartados que me chaman a atención destas series; xa os irei comentando. Xa volo dixen: esta serie gustoume sobre todo pola sororidade que desenvolve entre as mulleres protagonistas, cando todo parecía que ía ser ao revés. Hai tamén unha historia encuberta de homosexualidade feminina que me chamou a atención... logo comprobei nas outras series que vexo que a homosexualidade é case un tema tabú na sociedade coreana e que non o deben ter fácil.

Unha vez máis, a serie desenvólvese na sociedade alta coreana. Outro detalle: ser rico en Corea non é doado, pero as series presentan xente rica, moi rica, e deixa entrever as grandes diferenzas sociais que existen, pero a maior parte delas non constrúen unha crítica, simplemente pretenden que gocemos véndoas. E canto máis rico, mellor. Ou sexa, o 1% da sociedade.

A serie enfócase en tres mulleres, algo polo que tamén  me chamou a atención, xa que son elas as protagonistas indiscutibles, xunto a outras que tamén andan por alí. Como tamén lles encanta os "flashback" e as repeticións temporais, a serie comeza cun asasinato para seguir presentándonos os 60 días anteriores. Logo, o de sempre nestas vidas luxosas: corrupción, histeria, infidelidade...


Que é violencia de xénero?

Que é violencia de xénero?

09/03/22

El Gabinete de los Ocultistas


 O segundo libro de Armin Öhri tamén publicado por Impedimenta é El Gabinete de los Ocultistas, que creo que gocei máis aínda que o primeiro. Un thriller algo gótico que está escrito, novamente, de xeito moi intelixente. Volvemos contar con Albrecht Krosick e Julius Bentheim, e como telón de fondo a vida amorosa deste e, por suposto, a sociedade berlinesa de mediados do século XIX. Neste pasean personaxes ben interestantes e unha historia que nos convida a visitar a Berlín.

Seguiremos atentas a canto se publique deste autor.



07/03/22

Be a Lady They Said

La musa oscura


G
ustoume esta proposta diferente,  La musa oscura de Armin Öhri publicado por Impedimenta. Un argumento moi diferente e unha época e un lugar pouco habituais: a Prusia de Bismarck. Asemade, vemos como funciona unha ciencia forense que comeza a agromar nesta época, e o uso da fotografía para plasmar os detalles das escenas dos crimes. Asemade, o libro afástase do que hoxe entendemos por novela negra, posto que sabemos quen é o asasino dende o primeiro momeneto pero aínda así o final é bastante sorprendente. Sabendo quen é o asasino dende o principio, a historia non decae en absoluto, ao contraio, e aí radica o mérito desta obra. Diferente tamén é o punto de vista do narrador, que neste caso é o debuxante das escenas dos crimes; tamén servirá para que a subtrama sexa protagonizada precisamente por este mozo e a súa historia amorosa. 

O mellor, que xa temos continuidade deste libro nun segundo publicado pola mesma editorial.

06/03/22

Non á violencia contra as mulleres (DXCII)

"La sociedad aún no entiende lo que es la violencia de género". Marina Marroquí, educadora social

05/03/22

Disfraz - Andrea Pousa

03/03/22

Cultivando Igualdad

02/03/22

The Lies Within (Sobre series orientais VII)


 E
ste é un thriller onde misterio e corrupción van da man. Como podedes comprobar, o tema da corrupción é moi común nas series coreanas, supoño que como espello do que ocorre na sociedade. Asemade, de fondo, outro tema co que flipei e que aparece noutras series: os matrimonios concertados. Aínda existen? Semella que na alta sociedade coreana, si. Por certo, nas series deste país tamén lles encanta retratar ricachos moi ricachos a carón de xente humilde: semella que as clases sociais tamén están moi afastadas entre si. Nun principio, a serie parecía feita para lucimento do protagonista, un heroe actual que debe loitar contra a maldade humana; pero a protagonista feminina, nun principio tan inxenua, vai desenvolvendo un carisma e un liderado importante: é unha personaxe interesante porque evolúe a medida que avanzamos no tempo.

Unha serie que paga a pena, porque sabe manter o ritmo e non avanzar o final.


01/03/22

Es cosa tuya

 A Chirigora Las Madrinas volve a clavalo:



28/02/22

Rookie Historian Goo Hae Ryung (Sobre series orientais VI)

 


Outra desas series de época polas que teño debilidade: esta historia ten lugar en Joseon a principios do século XIX, época na cal as mulleres non deberían saber ler nin escribir. Aquí temos mulleres afoutas que non só puideron acceder á cultura, senón que loitaron ante a sociedade por ela. Por suposto, hai unha historia de amor polo medio, pero o máis importante é para min esta visión da muller que loita pola súa liberdade, pola súa verdadeira paixón, que é a lectura, e que a muller debe escribir a súa propia vida. Esta é a mensaxe máis importante, por moito que nos queiran vender a serie como outra historia de amor imposible; coido que esta queda nun segundo plano e que non ser "a muller perfecta" (aprender a camiñar, ser ama da súa casa, parir...) é o fío verdadeiro da serie. A loita destas mulleres historiadoras permite ademais cambiar o rumbo da historia e a visión dos homes que traballaban no mesmo rol. Son, sen dúbida ningunha, o que fai que esta serie mereza ser vista.


Golpes de luz

 


V
olve Ledicia Costas cunha novela para adultxs e, novamente, non decepciona. Publicada en Xerais, co título Golpes de luz, podemos ler a vida de tres xeracións que viven baixo un segredo e que teñen como tea de fondo o narcotráfico galego pero tamén a violencia de xénero e o mundo dos anciáns. Tres xeracións e tres voces narrativas para ir revelando pouco a pouco a traxedia do ser humano, as luces e sombras dunha vida que merece ser contada. Porque toda vida agocha segredos, quizais non tan grandes como os da nosa vella protagonista, pero estes moitas veces golpean o presente deixándoo demudado; e este que se vive, con agonía e con humor, como demosta Ledicia, ás veces é pouco previsible e outras é un xogo de equilibrio. O narcotráfico deixou un ronsel de precariedades, de hostilidades, de xogos suxos, de vinganzas e de temores; deixou, sobre todo, vítimas, e algunhas destas vítimas serán as que nos leven polo relato. Un relato no que agroma a esperanza, a luz, porque a pesar da dor, o amor que nos permite a vida é o camiño máis espléndido a seguir.

Unhas páxinas para pasear pola soidade, pola loucura, pola impotencia, polo enigma; unha ponte que atravesa xeracións e constrúe un mundo mitolóxico que foxe da violencia a todos os niveis: bullying, violencia de xénero, violencia nas rúas...


27/02/22

E logo por que? Virus e bacterias


 Un deses libros que deben estar en todas as bibliotecas escolares, un libro de ciencia na nosa lingua, sempre tan necesario, e de divulgación sinxela para aprender sobre os virus e as bacterias de xeito ameno e doado, nun formato de preguntas e respostas que de seguro contestan as dúbidas que sempre nos fixemos sobre estes temas. Publícao Xerais  e é de Jordi Font Barris.

 

Iris (Sobre series orientais V)


 E
sta serie, xunto coa anterior da que falei onte, foi unha das que me conquistou para "traballarme" as series coreanas. Realmente, con esta cheguei á conclusión de que xs coreanxs non teñen piedade e poden rematar unha serie así, como fan con esta; afastada de Disney. Claro que logo o tempo non me deu a razón. De todo hai en Corea. As series de amor romántico asolagan o catálogo, pero xa vos falarei delas.

Unha serie de espionaxe que nos leva a Budapest, a Corea do Norte, a Xapón... Moita acción, amizade e inimizade e amor combínanse á perfección en "Iris", un amor que por outra parte -e visto agora dende a perspectiva de ver outras moitas- afástase do habitual nas series coreanas, nas cales darse un bico xa é algo inaudito, tan mexeriqueiros eles. A trama é veloz, algo que tamén se afasta das outras series (encántalles repetir escenas xa vistas) e hai continuas sorpresas. E un final totalmente inesperado que semella que podería dar paso a unha segunda temporada, aínda que sei que é unha serie pechada. Realmente boísima.

26/02/22

Eternity


 T
iña moita curiosidade polo regreso de Xosé Monteagudo, autor da que para min é unha das mellores obras narrativas dos últimos tempos da narrativa galega: Todo canto fomos. Agora chego a Eternity, publicado pola editorial Galaxia e merecente do Premio Narrativa Breve Repsol 2021. 

Monteagudo ten oficio e nótase. Vese na narración que lemos, cun texto ben elaborado. E gustoume a proposta que nos achega neste libro: un lugar en internet que preserve a memoria dxs falecidxs, un cemiterio virtual. Unha idea, por outra parte, ben interesante que nos fai reflexionar sobre a trascendencia do ser humano. Pero o autor, asemade, desenvolve ao mesmo tempo outro fío argumental que nos lembra que ás veces descoñecemos as persoas máis próximas. Ao mesmo tempo, e aínda sendo unha novela curta, hai reflexión ben interesantes sobre o acto da escrita ou da calidade literaria, e mesmo sobre a procura de traballo da xente nova na nosa sociedade.

Unha proposta literaria que non defrauda.




Stranger / Secret Forest (Sobre series orientais IV)

 



E
sta é unha das primeiras series coreanas (se non foi a primeira de todas) que vin e que me conquistou totalmente: unha historia de loita contra a corrupción xudicial e política que semella que en Corea debe ser moi común -parece algo coñecido, non si?-, por parte dun fiscal sen empatía e unha policía auténtica. Unha parella protagonista boísima que non cae en amores nin relacións innecesarias entre ambos. Encantáronme: o papel dela destaca por esa loita  independente que mantén como muller forte e rebelde fronte ao machismo social e o teito de cristal para ascender no seu traballo;  o traballo del non desemerece para nada a actuación, un home hierático e taciturno que non amosa emocións pero que loita pola honestidade e pola verdade.

Corrupción a mans cheas e esperanza de que haxa persoas que non a admiten. Podería situarse en moitos lugares do planeta. 




 

 

 

25/02/22

Rusia invade Ucrania

20/02/22

Chuvisca

 


Fermosísimo álbum de Fernando Pérez Hernando que publica Kalandraka: Chusvisca é un canto á familia e á oportunidade de enriquecemento que aporta cada persoa a un conxunto. Non sei se realmente pretendía o autor realizar unha metáfora da sociedade individualista que temos, pero ben o consegue a partir dun pequeno detalle: as letras. E con este xoto dunha letra por paxaro chegamos ás cinco vogais e a poder aprendermos e falarmos con todas elas. Por iso o libro é asemade un xogo, un deses que me lembra a infancia de "Canda Farnada sátama asaba pantalán" e que tiñamos que recrear con cada vogal por separado. Arrincoume máis dun sorriso con esa tenrura que desprende e cun final aínda máis evocador.

E as ilustracións, xogando cun escenario case único, coido que son perfectas e acaídas para conseguir o obxectivo proposto.

Xenial.

Navillera (Sobre series orientais III)


E
sta foi a última serie que vin pero apetéceme recomendárvola xa. As series coreanas son moi longas, o normal é que teñan 16 capítulos que duran aproximadamente unha hora cada un, pero esta ten uns poucos menos e boteinos de menos. Tardei en comezar a vela porque non estaba segura de que me fose gustar, e estaba moi equivocada. A razón pola que me decidín foi tan sinxela como ver un dos protagonistas, un rapaz novo guapísimo que xa vira noutras series. Nesta serei fai un papel moito máis atractivo e o seu copratoginsta, un señor maior réstalle importancia, porque o seu personaxe é o que nos namora de verdade: un xubilado que decide facer ballet. Por iso a serie é en realidade unha oda á superación persoal, á procura de realizar os soños que fomos deixando durante a vida sen procurar e que nos quedan pendentes. Fermoso canto á vida, si. Unha serie que me fixo derramar bágoas (iso que busco series que me procuren todo o contrario!!!) e rir e soñar e crer.

O mérito da serie é profundar nos dous personaxes principais e crear unha obra de arte humana, porque cadaquén ten moito que aportar, mesmo os secundarios. Non é que esteamos ante algo novidoso que nos deixe pasmadas, pero estamos ante a humanidade; neste caso desenvólvese en Seúl, pero podería ser calquera outro lugar. Os dramas humanos son universais. E de paso vemos uns cantos pasos de ballet. 

Destaco a serie pola súa calidez embriagadora.





19/02/22

Virtudes (e misterios)

 
G
ustoume a proposta que nos fai Xesús Fraga no seu Virtudes (e misterios) publicada por Galaxia, obra que recibiu o Premio Nacional de Narrativa neste ano 2021 e que asemade xa recibira o Premio de Novela Blanco Amor 2019: un libro que combina xéneros como a novela, a crónica e o diario, e que consegue ofrecer unha visión máis da emigración que emociona e conmociona, pois o sentido do humor que amosa é parte importante da trama, unha vida -varias vidas- reais que nos lembran a tantas persoas coñecidas que tamén viviron situacións semellantes. 

Comentábame un compañeiro que leu o libro canda min que el non se sentía identificado con esta emigración, que o seu punto de vista como fillo de emigrantes é moi diferente. Coido eu que non tentaba o autor con este libro escribir un libro universal sobre a emigración, posto que o relato da emigración é múltiple e hai moitas e diferentes vivencias, senón que realiza unha estupenda homenaxe á súa familia e a unha avoa imparable que si pode ser espello doutras mulleres inquebrantables que viviron a emigración. Dende aí e dende aquí, un libro que nos axuda a falar deste drama universal e galego, que explica moita idiosincrasia familiar da nosa terra e que ademais está ben contado e ben escrito e que resulta unha boa proposta para achegarnos a unha familia que podería ser moitas.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.