Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/05/17

La maestra

Clarice Tartufari é a autora de La maestra, novela curta publicada por Ardicia. Un libro que pon sobre o mantel a situación da muller a finais do século XIX, en Italia (ou en calquera outro lugar de Europa, temo). A única saída laboral para unha moza que quere estudar é ser mestra. Isto significa tentar ser independente e iso está moi mal visto. Se unha muller elixe a independencia como modo de vida terá que saber que está elixindo tamén a soidade e a incomprensión social; polo visto, mesmo, ata a maledicencia. Non esquezamos o acoso sexual. Vaia, que estamos a soñar co imposible, volvamos ao mundo real. A muller na súa casa é onde debe estar, coidando dos fillos e do marido. Así non sufrirá, ese é o seu destino. Para que ser unha persoa completa sendo muller?
A novela é curta, si, pero amarga, triste, e o que é peor, realista. Sen adornos nin grandes artificios. Amargo é sabor que deixa.


Denébola a Roxa

Achego a lectura da  miña alumna Noa Villar, de 3º de ESO, do libro de Héctor Cajaraville publicado por Baía, Denébola a Roxa.


Denébola, unha rapaza con moitas ansias de coñecer mundo e vivir aventuras, vese obrigada a ingresar nun convento de clausura.  Ela non está disposta a pasar toda a vida entre esas catro paredes e, marcada pola superstición que se lle asocia á súa cabeleira roxa, decide loitar por un futuro moito máis interesante ca o que o seu pai tiña escollido para ela.
Ambientada no século XVII, amósanos as dificultades e os retos aos cales a nosa protagonista se tivo que enfrontar. Unha muller intelixente, áxil, brava e curiosa, sen ningún tipo de prexuízo e que sabe que para lograr o que queres, tes que loitar para conseguilo. Denébola ensínanos que os coñecementos e o saber nunca están de máis,  que nunca te tes que deixar levar polo que os demais digan e que debes aproveitar todas as oportunidades que teñas de cambiar algo que non é do teu agrado.
Unha novela cuns personaxes únicos, unha trama moi interesante e unha escrita  bastante sinxela. O que máis me gustou, sen dúbida ningunha, foron os personaxes; o feito de que todos sexan tan distintos, e que as súas personalidades se poidan apreciar segundo o xeito no que falan ou os actos que realizan. Penso que unha das cousas máis complicadas nunha novela é lograr que a forma de expresarse dos personaxes vaia acorde coa súa personalidade, e iso é algo que o autor logra facer neste libro.
Recoméndolle esta a lectura a calquera que queira pasar un anaco tranquilo, lendo, e sen pensar moito. É un bo libro, pero quizais demasiado sinxelo para o meu gusto. É perfecto para ler en momentos nos que non queiras mergullarte nunha lectura moi complicada e que supoña moito esforzo.

03/05/17

¿Qué le pasa a Uma?

Cheguei con moita ilusión a este libro de Raquel Día Reguera porque teño que recoñecer que me encanta e porque fala de acoso escolar. ¿Qué le pasa a Uma? está publicado por Nubeocho, editorial comprometida con todos estes temas. Pero tras a lectura síntome decepcionada. Dubido que o tema estea ben tratado, coido que precisamente trata de "rara" á nena protagonista, e tampouco me gustou a solución da mestra, ríndose dese "todos los demás" e individualízandoa a ela, algo do que preciasamente debería fuxir, menosprezándoos, case. E si, gústanme as ilustracións, por suposto, pero o texto coxéame; estamos ante un tema moi difícil e achegarse a el resulta ben dificultoso, pero aquí foxe por entre as liñas.
O positivo desde o meu punto de vista é como fala do acoso en canto á exclusión. Moitas veces pensamos que o acoso é só violencia e non é así, por iso este libro gústame dende ese punto de vista: a marxinación. Que pode ser tanto ou máis dura que a violencia visible, porque é daniña e reconcome á persoa que o sofre. Que os demais fagan o baleiro a unha persoa é un tipo de acoso que moitas veces pode resultar máis invisible que outros.

De víctima a superviviente

02/05/17

Once portas

Héctor Cajaraville sorpréndenos con esta novela curta, Premio de Narrativa curta Ánxel Fole o ano pasado, Once portas publicada por Xerais. Novela que combina historia real (referencias históricas como que os restos do Apóstolo estiveron desaparecidos entre 1589 e 1879, datas de construcións das igrexas...) e ficción, cun protagonista inventado que é un historiador que lembra un episodio crucial da súa xuventude. Episodio que xirará arredor da maxia do número once, un once que marca o número de portas da desaparecida muralla compostelá, así como marca o número de igrexas que dentro destas murallas había ou moitas outras coincidencias. Por iso o libro xirará arredor do que supón este número para a cidade de Santiago e algúns dos seus segredos máis relevantes. E isto porque a cidade concíbese como protagonista, ese que serve de espazo e de recurso, de escusa e de orixe. Así que Cajaraville dálle unha reviravolta para falar desta cidade fantástica dun xeito que consegue ser ben verosímil.
O peor, o final. Aínda así, ben recomendable.

La décima, la milonga uruguaya y la guitarra española

Charla TED de Jorge Drexler en Vancouver, Canadá.


01/05/17

Distancia de rescate

Impactante e curta novela de Samanta Schweblin que publica Random House: Distancia de rescate non deixa indiferente, aínda que agora mesmo non sabería dicir ata que punto me gustou, porque deixa sobre todo un pouso amargo e un interrogante eterno. Nin sequera sei dicirvos se estamos ante un relato longo de terror psicolóxico ou se hai uns monstros infantís que non poderedes tirar da cabeza. A autora é quen de mesturar en pouco máis de cen páxinas este aspecto terrorífico e monstroso con traxedia ecolóxica (trasfondo dos cultivos transxénicos e contaminación por pesticidas ou herbicidas) e crueldade infantil, así como o medo maternal a perder o contacto visual co fillo ou a filla e que a estes poida ocorrerlles algo (de aí o título: canta distancia é necesaria para salvar un fillo?). O novidoso tamén vén da forma: un diálogo entre un neno-adulto e unha muller-abraiada (un diálogo que non sei se produce no limbo pero que procura o desastre quizais para entendelo). Así que mesturando todo isto estamos ante un relato ben incómodo que se le dun tirón, por moito que te queira erguer do sofá para ir comer un bocado. Tes que acabalo. Pero... hai un final? Porque non me queda nada claro. Por iso póñome a falar do libro sen saber que opino eu del. 
A pesar de que falamos dalgún tipo de terror non hai sustos, non hai golpes de efecto; hai nese diálogo constante un cambio de puntos de vista que nos van informando do que ocorre... ou non. Porque eu, na miña ignorancia, sigo sen saber que significan os "vermes" que dan continuidade ao relato. Así que imaxinade! Creo que hai pezas que ou ben non encaixan ou ben eu non as sei encaixar. Pero non lle vou dar unha segunda lectura. Quizais algún de vós me axude algún día. Quizais estamos ante unha especie de veleno que paraliza e por iso eu quedei así, agardando a que alguén me salve.


     "Son como gusanos.
     ¿Qué tipo de gusanos?
     Como gusanos, en todas partes.
     El chico es el que habla, me dice las palabras al oído. Yo soy la que pregunta. ¿Gusanos en el cuerpo?
     Sí, en el cuerpo.
     ¿Gusanos de tierra?
     No, otro tipo de gusanos."

Sempre hai un lugar para a poesía (CXLV)

Muere lentamente 

Muere lentamente quien no viaja,
quien no lee,
quien no oye música
quien no encuentra gracia en sí mismo
Muere lentamente
quien destruye su amor propio,
quien no se deja ayudar.
Muere lentamente
quien se transforma en esclavo del hábito
repitiendo todos los días los mismos
trayectos,
quien no cambia de marca,
no se atreve a cambiar el color de su vestimenta
o bien no conversa con quien no conoce.
Muere lentamente
quien evita una pasión y su remolino de
emociones,
justamente éstas que regresan el brillo a los ojos
y restauran los corazones destrozados.

Muere lentamente
quien no gira el volante cuando está infeliz con
su trabajo, o su amor,
quien no arriesga lo cierto ni lo incierto para ir
atrás de un sueño
quien no se permite, ni siquiera una vez en su vida,
huir de los consejos sensatos.

¡Vive hoy!
¡Arriesga hoy!
¡Hazlo hoy!
¡No te dejes morir lentamente!
¡No te impidas ser feliz!

Apostrofe (2010)

                            Martha Medeiros

30/04/17

Algo más que amistad, algo menos que amor


Sorprendente cómic este de Yumi Sakugawa que publica Sapristi e que leva por título Algo más que amistad, algo menos que amor, un libro pequeno que me abraiou dende o primeiro momento, non só polo formato, senón tamén polo tema e o xeito de tratalo. Protagonizado por dous monstros, os sentimento son difíciles de explicar, aínda que o mellor é fuxir dese "amor romántico" tan estendido. A importancia da amizade e o respecto ocupan a maior parte das súas páxinas, procurando unha definición que non existe e e que saben que comprenderse absolutamente en todo e non quere máis que deixar espazo para outras persoas. Xa digo, é un libro especial, emotivo, que deixa unha pegada no lectorado porque precisa de seguir pensando en certas cousas.

Non á violencia contra as mulleres (DXIV)

Cando se nos bota a culpa por ser mulleres:

Vítimas dúas veces


29/04/17

Regreso a casa

Antes de falar das ilustracións, o cheiro do libro xa namora; logo, xa digo, as ilustracións, que sobrancean sobre o texto e non precisarían del: parecen un filme antigo, dos mellores do branco e negro, capaces de levarnos de paseo por mundos oníricos, lenes e doces, que transmiten un sosego espectacular. Pechar o libro supón pechar os ollos para seguir soñado, cun sorriso nos beizos, porque sentimos unha paz deliciosa. De que libro falamos que sexa capaz de transmitir tanta tenrura? De Regreso a casa de Akiko Miyakoshi, publicado por Océano Travesía. 
Despois de lelo, é inevitable desexarvos "boas noites"...


A golpe de versos

Falabamos o outro día de que a poesía serve para tirar a violencia fóra e denunciala. Volvemos a traer o vídeo novamente porque daquela non nos funcionaba:

28/04/17

Avións de papel

Dentro da colección Merlín da editorial Xerais podemos atopar esta Avións de papel de Xavier Estévez con ilustracións de Marcos Viso que foi finalista o ano pasado deste premio. Como conciliar mundos diferentes? Como superar dificultades sen axuda? Cal é o valor da amizade? Que entendemos por arte?
Hai moitos temas agochados tras estas páxinas que enganchan ao lectorado, e sorprende o final cunha lección graffiteira da arte urbana de Vigo; neste sentido, recórdanos a Reo, de Xesús Fraga, quen nos axudou a saber máis dese mundo. Quen pode discutir a día de hoxe que os graffitis axudan a facer as cidades máis fermosas? Que a arte urbana é arte debería ser indiscutible, pero hai voces que reclaman a súa destrución, coma no libro.
A amizade é o valor sobre o que sobrevoan todo o relato, unha amizade baseada no respecto ás diferenzas, na soidade procurada ou non polas circunstancias, marcada pola desgraza, pola lectura e escritura, e tamén pola importancia da educación e da escola.
Quedan algúns retallos mal pechados, para o meu gusto, pero o libro lese rapidamente, é quen de tirar algunha bágoa, de enternecer, de procurar asemade un sorriso. Só por isto paga a pena. E pola arte que pendura nas súas páxinas, unhe lene lección que se aprecia e que entra polos ollos da sensibilidade.


#ThatsHarassment (Isto é acoso).

O actor David Schwimmer é un dos promotores dun proxecto que loita contra o acoso sexual chamado. Trátase dunha iniciativa audiovisual que procura facer visibles algunhas das situaciósn de abuso que se producen en diferentes ámbitos profesionais e sensibilizar sobre este tema. Son seis baseadas en situacións reais dirixidas por Sigal Avin.

Visto aquí.

'O XEFE'




'O FOTÓGRAFO'




'O DOUTOR'




'O COMPAÑEIRO'




'O ACTOR'




'O POLÍTICO'

27/04/17

Arroz con leche

Fermosísimo poemario de Natalí Tentori que recibiu o IX Premio Internacional Ciudad de Orihuela de poesía para niños que publica Kalandraka coas ilustracións de Elizabeth Builes: Arroz con leche é un conxunto de poemas tenros e liberadores, poemas de solidariedade e lirismo que traspasan fronteiras para xogar co lectorado e a súa fantasía, a maxia do intanxible, daquilo que non se pode ver a pesar de estar aí, a maxia de tecer con fíos invisibles teas de cores imposibles que non precisan rima para ganduxar ouro coas palabras. E precisamente chama a atención que os poemas, para a ifancia, non teñan rima, algo que fai que gañe puntos dende o meu punto de vista. Porque incide en destacar os elementos que conforman cada poema, resaltar esas cousas cotiás que se mencionan neles, a figura feminina como vínculo, o ritmo do léxico que nos levas a terras afastadas, a natureza como protagonista de imaxes que trazan retratos que traspasan a fronteira dos bocetos, a cor, reivindicada polas ilustracións lenes, suaves, delicadas, sensibles.
Universo feminino:

Arroz con leche
yo quiero encontrar
a una compañera
que quiera soñar

que crea en sí misma
y salga a luchar
por conquistar sus sueños
de más libertad.


 

Girls of Paradise

Nunha semana, 600 homes que chamaron para pedir ao sitio Girls of Paradise (web www.girlsofparadise.sex) "os servizos dunha acompañante" souberon que todas esas mulleres elixidas estaban mortas, asasinadas por outros clientes. 
O sitio web é ficticio, e é parte dunha demoledora campaña dunha organización que traballa para abolir a prostitución. 
Pero esas mortes non son ficticias. Eran mulleres reais que foron asasinadas.
Aquí tedes mási información.



26/04/17

Nunca mascotas

Paula Carballeira achégase a un novo mundo poética a través da editorial Galaxia con Nunca mascotas, defendendo o punto de vista animal que non ten por que servir como "mascota" dos humanos posto que eles teñen a súa propia dignidade e independencia. Por iso o libro é unha reivindicación da liberdade, tanto persoal como colectiva. Unha liberdade tan necesaria como a existencia de leis xustas. Eu, non sei por que, pensei inmediatamente na maternidade subrogada, porque esas mulleres que "aceptan" levar no seu ventre o aluguer dun neno, non ten a liberdade necesaria para decidir, pertence a alguén, ou a algo, neste caso á necesidade de supervivencia. Por iso pareceume que o de "nunca mascotas" era unha metáfora especial, un sinónimo de desexo de liberdade, unha advertencia de que ninguén pode ser propietario doutro ser vivo. O feito de que o título escollido sexa feminino tamén me leva á loita pola igualdade. Paula Carballeira xoga coas palabras e cos recursos, procurando unha reflexión agochada tras emocións ou sentimentos. Nesta reflexión a liberdade é o punto principal a acadar.
Os poemas están protagonizados por animais de todo tipo: insectos, paxaros, peixes, mamíferos... e con eles como representates paseamos por unha sociedade dominada pola soidade, o medo, a discriminación... pero nesta sociedade, aínda así, queda espazo para a parte positiva: a tenrura, a amizade, a esperanza.
Así é a vida real, contraditoria.

O día a día do racismo

Seguramente, non sabemos que estamos a falar dun xeito racista. Moha Gerehou explica neste vídeo a orixe racista destas expresións que se utilizan a cotío.


25/04/17

Ernesto e Celestina, músicos da rúa





A editorial Kalandraka achéganos este álbum de Gabrielle Vincent titulado Ernesto e Celestina, músicos da rúa, un libro que forma parte dunha colección de trinta libros con estes dous protagonistas, Ernesto, un oso un tanto refunfuñón e a pequena rata Celestina, orfa acollida polo oso. Dous personaxes diferentes que saberán convivir grazas a esas diferenzas e que neste libro apreciámolas nas actitudes que toman ante un problema concreto e cotián: ela é todo optimismo e iniciativa mentres que el representa o pesimismo e a covardía. Pero o que destaca é a tenrura co que se trata todo o conxunto, e como a amizade e a xenerosidade que esta conleva son as verdadeiras artífices dunha perfecta convivencia e dun amor especial que destilan nas emocións do relato, un relato adobiado por ilustracións brillantes realizadas en acuarelas.



 

"Bogotá, Bacatá, yo que sé..."

Sen diálogo, só coa xustaposición das primeiras imaxes captadas dende hai cen anos da capital, Juan Andrés Rodríguez amosa o pasado da cidade nesta curta documental: a natureza virxe, as faces dos colonizadores, a construción da urbe... unha reflexión sobre a orixe da cidade e as persoas que nela viven.
Vía


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.