Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/11/17

AS NEVES ZONA 0



Vía Praza Pública

E así quedaron os arredores de Vigo:


29/11/17

Os arquivos secretos de Escarlatina

Cando estaba a follear este Os arquivos secretos de Escarlatina, de Ledicia Costas coas ilustracións de Víctor Rivas que vén de publicar Xerais, tan pronto o recibín, comecei a pensar na gran sorte que ten a nosa rapazallada con estes libros que se lles ofertan, pero como o meu maxín é imparable, fun máis alá e pensei en todos os produtos que a casa "Disney" botaría ao mercado de telo nas súas mans: así, pensei nas sobriñas pedíndome que lles comprase canto accesorio inimaxinable existise no mercado de Escarlatina: carteiras, estoxos, gomas, lapis, bolis, gomas, gomas para o pelo, diarios, petos, mochilas, bolsos, bolsas, pixamas, zapatillas... eu que sei cantas cousas máis pode haber no mercado cando se trata de promocionar unha película desa factoría. Película que pode vir dun libro, como é o caso: a ver se houbese unha mente preclara que convertese a nosa protagonista do alén nun bo filme de animación. E pensei nos escaparates da libraría da miña vila, arestora ateigados das "Gorjuss", coas Escarlatinas monecas -e todos os seus looks-, o "xardín da oca fúnebre", a panda do "Circusmortis", coches e condutores da "Gran Carreira Anual", o álbum de cromos, o libro de receitas... Si, xa sei, teño moita maxinación, pero é ben doado tela tendo na man este álbum e paseando polas súas follas. Un libro atractivo que non me cabe dúbida será agasallo estrela este Nadal, un marabilloso universo que me fixo lembrar as aventuras da súa protagonista, que ofrece xogos e chiscadelas, enigmas e ilustracións magníficas. 
Espero de verdade que este dúo Ledicia-Víctor teña un futuro no que os camiños converxan moitas veces, dáme que a complicidade que aquí se respira debe ser semellante a de Docampo-Cobas, e iso non se pode perder. Máis ben, hai que cultivala como tesouro que é.





Graduando violencias cotiás

Carmen Ruiz Repullo:


Onde está Nubebebé? / O pintor de flores


Dous títulos dunha peque-colección de libros que Anxo Fariña presenta para a rapazallada máis pequerrecha, un achegarse aos libros para unha idade temperá. Onde está Nubebebé? / O pintor de flore, ambos os dous títulos publicados por Xerais, achegan unha unida familia de nubes aventureiras que estarán ben coidadiñas por un pastor de nubes chamado Gliz. Pero non pensedes que é tan doado exerces esta profesión... Non, ten os seus riscos, porque as nubes non paran quietas e pode ocorrerlles calquera cousa, dende perderse ata mancarse. Por iso o pastor terá que estar preparado para ser valente e ocorrente, porque a súa fidelidade será esencial para que a familia siga adiante.

28/11/17

XINFU na maldición guauchuky

Moi boa suxestión esta titulada XINFU na maldición guauchuky de Adrián Morgade, cómic infantil publicado por Xerais. Ben cómpren iniciativas deste tipo, xa que non é doado atoparmos cómics infantís na nosa lingua (estou pensando na serie de Marcopola e non me vén á cabeza ningún máis). Unha aventura de superheroes que non son humanos, xa que os nosos protagonistas son dous cans que vivirán aventuras grazas a un óso misterioso que nos -a eles e ao lectorado- transporta a outros mundos. Como non, a capa de superheroe non poderá faltar, aínda que veremos como un dos douos cans será quen teña a responsabilidade de levala.
Unha boa achega que agardamos siga medrando.

Feminazi

¿Por qué deberías dejar de usar la palabra feminazi? 
Por que deberías deixar de utilizar a palabra "feminazi"? 



27/11/17

A ver si lo he entendido bien... ¿Machismo? ¿¿Dónde??

26/11/17

Non á violencia contra as mulleres (DXXXVII)

25/11/17

25 N: a semente da igualdade

Afectadxs como estamos por todo canto está a suceder ao noso arredor, máis preocupadxs ca nunca coa sociedade que queima, que maltrata, que viola e que culpabiliza ás vítimas, tentamos un ano máis pór o noso gran de area cun novo vídeo cada 25N. Desta volta, non podiamos esquecer os montes queimados, arrasados por mans asasinas, que asasinan mulleres, fillos e fillas. A metáfora vén dada e regalada: mentres non nos respectemos a nós mesmxs non saberemos nin sequera respectar a natureza. Pero temos confianza no futuro, nas novas xeracións, no noso alumnado. Sen esa fe non seriamos quen de ir dar aulas cada día. Cremos neles e nelas, cremos neses nenos e nenas que poderán sementar a igualdade e os nosos montes.


24/11/17

Négome

Oxfam IntermónM "Me niego a":


23/11/17

A hora de espertarmos xuntos

Veño de ler con paixón e aprendizaxe este libro que vos recomendo encarecidamente: A hora de espertarmos xuntos de Kirmen Uribe publicado por Xerais. A partir cun cadro do pintor Antonio Gezala técese o libro no que o propio autor cobra voz para nos indicar que realiza unha investigación sobre as persoas retratadas nese cadro, involucrándose así persoalmente na historia, facendo que a novela sexa máis real porque dende o primeiro momento o autor indícanos que o que temos nas mans é o produto da súa investigación persoal, case un personaxe máis que nos explica con detalle os pasos que foi seguindo para averiguar canto nos quere contar e as lagoas que quedaron sen resolver, mesmo as súas propias suposicións nalgúns momentos. De aí que ficción e realidade se mesturen sabiamente, ata o punto de non sabermos cando espertar para contemplar a verdade ou cando mergullarnos no mundo novelístico e ficticio das súas páxinas. Aínda así, nos momentos de datos eu aprendín moito sobre a historia do pobo vasco. Son cicuenta anos de historia as que nos ofrece, sempre dende o seu punto de vista, claro está. Sobre estes anos pesa a longa sombra da guerra civil e a ditadura fascista que se vinga e impón, que mata e castiga por pensar, por falar, diferente.
Ritmo pausado para amosar a vida dos protagonistas, voltas e reviravoltas da vida que sofren, aman e resisten ao abeiro dun gran amor: o da terra e o da linga, que se agochan baixo unha palabra soñada: liberdade.



"Refugiés"

22/11/17

Allumette

Un máis que fermoso álbum este titulado Allumette de Tomi Ungerer que vén de publicar Kalandraka, un libro que se publicou por vez primeira no ano 1974 e que é unha volta moi volteada do arquicoñecido conto de Hans Christian Andersen "A vendedora de mistos". En realidade, ambas teñen pouco en común agás a primeira parte, aquela onde se nos describe a penosa vida da protagonista, esa que pretende malvivir vendendo uns mistos que ninguén quere nin precisa; viste farrapos e está soa no mundo. Ungerer cambia logo a miseria e a morte orixinal para agasallarnos con felicidade a base de cooperación e colaboración. Un sorriso de esperanza ilumina as nosas faces mentres lemos un conto de paz, un milagre que ninguén sabe explicar (ou a explicación vén dada pola fe de cadaquén). A esperanza  aquí cobra nome e esquecemos a dura e cruel realidade que vivimos nunha sociedade pouco solidaria que levanta muros difíciles de derrubar.
Un libro necesario, un álbum que hai que ter. E lembrar.

Nos Queremos Fuertes

Querémonos fortes de Cecilia Griffa :


21/11/17

Os caimáns van de paseo

  Os caimáns van de paseo. Un alfabeto é un deses pequenos álbums de Maurice Sendak absolutamente deliciosos que temos a sorte de termos na nosa lingua grazas á editorial Kalandraka. Imposible non aprender o alfabeto deste xeito, con humor e un sorriso constante, xa que a expresividade das ilsutracións é tan notoria que realza o goce de aprender e axuda a que sexa marabillosamente doado. Porque os caimáns viven situacións de todo tipo para que cada páxina sexa unha nova letra, dende levar perrucas ata facer imitacións. Todo vale se paseamos canda eles polo seu restaurante elegante.
 

20/11/17

Home

Yann Arthus-Bertrand realiza unha homenaxe á beleza do planeta e á súa delicada harmonía, levándonos nunha viaxe única arredor do planeta, para contemplalo e entendelo. Cada imaxe deste filme ensínanos os tesouros da Terra que estamos destruíndo e todas as marabillas que é posible conservarmos aínda. "Home" abarca os principais temas ecolóxicos aos que nos enfrontamos e amosa como todo no noso planeta está interconectado.

19/11/17

O un era Xoán

O un era Xoán. Un libro para contar é un deses libros de Maurice Sendak que a editorial Kalandraka está a rescatar para nós na nosa lingua. Historia rimada dun neno que nos ensinará a contar cara adiante e cara atrás, poeticamente, con versos que se apoian nunhas ilustracións que se afastan de calquera posible ñoñería que se puidese advertir noutros libros para pequerrechos. Contemos, pois, cun neno que quere ler tranquilo e que é interrompido por animais que estragan o seu pracer lector en soidade. Para recuperalo, deberá despedir todos os personaxes que foron aparecendo en orde inversa, sen perder o ritmo e a sonoridade. A última páxina é un canto á lectura, un sorriso compartido, unha aportación ao fomento da lectura que non pode pasar desapercibida e que é unha copia exacta da primeira páxina, da placidez e da concentración lectora.

Non á violencia contra as mulleres (DXXXVI)

Impactante Tabú de Jon Sistiaga sobre el machismo con Blanca Portillo:


18/11/17

A horta de Simón

Un ano máis chega o Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados da man da editorial Kalandraka, que desta volta vai na X edición. E recae neste álbum de Rocío Alejandro titulado A horta de Simón. Unha horta que nos lembra o ben que presta o traballo colaborativo e a harmonía, o respecto a todo canto nos rodea, en forma de natureza, animal ou persoa. Porque todos somos necesarios e debemos escoitar os consellos e opinións, porque aprendendo facémonos grandes e mellores. Unha vez máis, un álbum infantil onde a estrutura acumulativa é cómplice do texto e dos personaxes que se van sumando á historia. Asemade, podemos reinterpretar o texto en clave ecolóxica, que ben cómpre vivindo este cambio climático que os nosos políticos semellan esquecer para falar doutras historias que eles coidan máis importantes. Só educando no respecto á natureza poderemos evitar unha catástrofe próxima.

16/11/17

Al otro lado

Na editorial La fragatina, álbum de Roberto Parmeggiani e Anna Forlati: Al otro lado fala da morte dun ser querido, un tema sempre difícile de tratar na infancia; neste caso o protagonista comprenderá a ausencia despois de preguntarse que significa a ausencia prolongada do pai e a tristura que o rodea.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.