Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/11/15

Lo que hay que recortar

Una caperucita roja


Tiña este pequeno álbum coma un tesouro agochado e o outro día, no curso da Bibliotecas Escolares, lembráronnolo. E eu acordei que non estaba neste blogue, algo imperdoable, por outra parte.
Falo de Una caperucita roja de Marjolaine Leray publicado por Océano Travesía. Despois de coñecer a Carapuchiña de toda a vida, é imposible non namorar desta tan espilida nena cun final traste que nos fará escachar coa risa. O máis chamativo do álbum é que parece demasiado sinxelo, sen complicacións, cunhas ilustracións en vermello e negro coma se fosen apuntamentos. Pero é un logro total.



The Library

Jason Motte, director desta curta, fala de canto lle impresionou a biblioteca do seu barrio cando era pequeno.
A curta conta a historia dunha nena que vai á biblioteca todos os días despois do cole. E comezará a recibir mensaxes misteriosas tiradas dos vellos libros dos andeis.... 
Unha curta sobre o primeiro amor, sobre as bibliotecas e a escritura.




Vía

29/11/15

Way Out

Atrapados polo teléfono, curta sen palabras:




Vía

O Mago de Oz

Outra estupenda oferta que nos fai a editorial Baía é este álbum ilustrado de Élodie Coudray e Anouk Filippini, adaptación do texto orixinal da novela de L. Frank Baum, O Mago de Oz. Pouco temos que dicir dun texto sobradamente coñecido, que está no noso imaxinario colectivo. É de agradecer que esta editorial galega nos agasalle con esta tradución en formato de álbum ilustrado, con ilustracións que ocupan toda a páxina e cun texto sinxelo para que o lectorado máis novo coñeza de primeira man a todos os curiosos habitantes do país de Oz.
Así pois, un novo regalo para engadir á compra.



Non á violencia contra as mulleres (CDXLII)

Vídeo titulado "Mi película", realizado polo alumnado do IES Celso Díaz de Arnedo, na Rioja, preimeiro premio do concurso "Ama en igualdad, di no a la violencia de género":

28/11/15

Unhas clases do social a tempo

As cousas que importan


 As cousas que importan é o primeiro libro de Borja Ramón e María Olmo, que asinan a súa obra co nome de "El primo Ramón" e publícano na editorial coruñesa Bululú. Un álbum tenro onde se rescatan anécdotas familiares que poñen en evidencia aquilo que é realmente importante na vida das persoas; aquilo polo que cómpre loitar é, ás veces, o menos custoso; o valor sentimental é o único valor importante. 
As ilustracións resultan moi expresivas utilizando negros e azuis. 




27/11/15

Submarine Sandwich

De remate

Onte estivemos no club de lectura con Héctor Cajaraville e o seu De remate, premio Xerais 2015. Así que esta foi a miña última lectura, o que constituíu unha boa elección, xa que houbo momentos lectores ben agradables e divertidos.
Emprega o autor unha prosa fresca, fluída, na que destaca a ausencia de dramatismo a pesar da realidade que vive o protagonista, algo que se desvela xa no prólogo do libro; este afastamento é quizais un dos mellores logros da novela, que reflicte unha vida calquera chea de sombras e de luces con final tráxico, sendo a pesar diso unha novela lúdica cun contrapunto final na última carta. Así pois, o optimismo que regala o libro agradécese sobre todo por esa retranca que domina os artigos, uns artigos que nos fan desexar comprar o xornal onde escribe o protagonista para seguir a lelo. Deses artigos, eu -deformación profesional- destaco os lingüísticos, pero o mellor de todos é, sen dúbida, "Castrofobia no autobús" onde consegue verdadeiras gargalladas; o feito de que este sexa un dos primeiros artigos engade valor ao libro, pois aumenta as ganas de seguir a lectura. Realmente, esa é a parte que máis me gusta pola aproximación irónica á realidade e o seu xogo de palabras constante. Unha retranca que botamos tantas veces de menos na nosa prosa! Con esta, o autor consegue fotografarnos como somos, retratar a nosa singularidade, construír retallos vívidos da nosa idiosincrasia. 
A destacar asemade a autocrítica que contén o texto. Dentro desta crítica ficcional realízase unha crítica ao mundo do xornalismo, profesión do autor, e unha crítica social que se entrevé mesmo nos correos que se escriben. A crítica é un fío condutor da novela, un elemento cohesionador importante.
Un libro diferente que paga a pena ler.

Dez pasos para revitalizarmos o galego


Campaña da Mesa, invitando a dar dez pasos adiante. Está fundamentada nun decálogo do lingüista  alemánTilbert D. Stegmann




Vía Carta Xeométrica

26/11/15

Driving

Atascos sinónimo de enfados. Curta sen palabras:




vía

Ruda

Documental que dá a coñecer as experiencias de oito mulleres indíxenas guatemaltecas que acompañan outras mulleres en situación de violencia nas súas comunidades:

Ruda: mujeres indígenas organizadas por una vida libre de violencia en Guatemala 


25/11/15

Non á violencia contra as mulleres (CDXLI)

Nas aulas de galego do Cañada Blanch de Londres realizaron esta campaña contra os esterotipos de xénero e contra a violencia:



25 N. Novamente

Un ano máis, dende o blogue.


Si, dende o ano 2007, tal día coma hoxe, Anxo e mais eu, ou sexa, este blogue, pretende aportar un pequeno gran de area na nosa loita cotiá en forma de vídeo. Botamos a vista atrás e semella que non só as cousas non melloraron senón  que hai unha regresión social evidente e perigosa que mesmo nos mete medo. Pero nós queremos seguir nesta loita, na nosa vida como educadores e na nosa vida virtual, dende este blogue que dedica todos os domingos unha entrada contra a violencia de xénero.

Ano 2007, que lonxe quedas! Este foi o noso primeiro vídeo, que podedes ver aquí, e que está incluído naqueloutro no que lemos un texto de Begoña Muñoz.
Ano 2008. Desta volta o vídeo  aporta información.
Ano 2009. Non desistimos. Non calamos.
Ano 2011. O río que trae vida, futuro, esperanza.
Ano 2012. Miramos sen ver.
Ano 2013. Lembras, Anxo, que estabas enfermo? Pero aquí seguimos.
Ano 2014. A vulnerabilidade proporcionada polas novas tecnoloxías. Carlos Negro comentou que utiliza este vídeo cando vai falar do seu libro Penúltimas tendencias. Todo un orgullo!
Ano 2015. A liberdade vén dada por unha mesma. A loita de sermos quen de rachar as ataduras. O vídeo está cheo de metáforas das que pendura unha mensaxe de optimismo, de futuro.


24/11/15

Convidados de pedra

Boísima curta do IES Poeta Añón de Outes contra a violencia de xénero:


Sempre hai un lugar para a poesía (CXXIX)

Avelina Rodríguez Gil escribiu este poema contra a violencia de xénero que Paz Raña subiu ao Facebook e eu roubeille para aquí:

Klonk, klonk,
tap, tap, tap.
Porta de madeira de cor laranja
bátese.
Tac, tac, tac.
Perna branca de olor de hidranja,
tírase
escaleiras abaixo
o ar de hematís
énchese,
colar de groselhas desenfiado
aqui e alá salpicando ao mundo.
.
"Non está, non está",
dúas lindas bocas
de labios rosados,
expulsan palabras como gabiáns,
unha trala outra.
"!Shhh, tranquilas!"
O xesto feo baixo o bigode
non frea
a caída
da gota
de suor,
que,
se precipita
contra o chan,
estala,
como Laura,
miña nai,
convertida en río,
o derramarse,
de sangue.
"Non está, non está",
dúas lindas bocas
de labios rosados.
 

23/11/15

Filthy but Fine

Nova curta sen palabras:



vía

Drácula




A editorial Baía ofrece un moi bo álbum ilustrado baseado na novela de Bram Stoker, Drácula, con adaptación de Dominique Marion e ilustracións de Jérémy Fleury. Pouco hai que engadir dun libro sobradamente coñecido e indispensable na Historia da Literatura. Celebrar, iso si, que unha editorial galega nolo ofreza neste formato de gran tamaño, con ilustracións que enchen a dobre paxinación e que achegan un texto clásico e fantástico a un lectorado máis novo. E o máis importante aínda, que está na nosa lingua.
Un agasallo perfecto!

Cómo NO hacer una campaña contra el machismo

22/11/15

Oh Willy...

Curta sen palabras en stopmotion gañadora de 80 premios.




vía

El señor X


Publica Narval este álbum de Iratxe López de Munáin, El señor X, unha fábula sobre o poder de sermos diferentes, sobre tiranías e utopías, e sobre todo de esperanza na infancia, aquela que aínda non foi "tocada" e pode mirar un futuro diferente.

Non á violencia contra as mulleres (CDXL)

Hoxe viaxamos ata Xapón, onde o machismo é secular e difícil de combater. Eu mesma vin como no metro hai vagóns só para mulleres -nas horas punta- para evitar tocamentos. Segundo as estatísticas, o 35% das mulleres niponas sufriron algún tipo de violencia. A cadea Yaocho vén de lanzar unha campaña nos seus pousavasos para que os clientes sexan conscientes da violencia machista, tentando cmabiar os patrós de conduta con advertencias directas: Nos pousavasos vese unha cara de muller, tranquila e sorrindo; pero como están elaborados cunha tea térmica que reacciona cada vez que o consumidor pousa o vaso frío, a tea vai cambiando de cor ata podermos ver a fotografía desta muller maltratada. E cun lema: "non permitas que o exceso de bebida remate en violencia de xénero".






Vía

21/11/15

Moschino Barbie!

Nunca antes nun anuncio viramos un neno xogando cunha moneca. E tiña que ser da man de Moschino e coa Barbie!!! (ou sexa, cambiamos sexismo por clasismo e consumismo)
 



vía

20/11/15

Goutte d'Or



Vía

Os elefantes de Sokúrov

Comecei con ilusión a nova novela de Antón Riveiro Coello -un dos mellores escritores do país dende o meu punto de vista- publicada por Galaxia, Os elefantes de Sokúrov, pero debo dicir que desta volta non consegue conquistarme, aínda que xa estaba, xaora, ben predisposta. Desta volta, o libro non me enche, é máis, custoume seguir a lectura nas case primeiras cen páxinas, se ben debo recoñecer que a partir da segunda parte interesoume moito máis, aínda que non alcanzase unha plenitude que eu, por ser el quen é, lle presupoñía. Iso si, a historia medra e o interese canda ela a medida que avanzamos no número de páxinas.
Riveiro Coello ataca diversos temas de actualidade na novela, como son os desafiuzamentos, a crise económica, a corrupción, a educación... pero teño para min que cae nun didactismo impropio dun gran escritor, que nos ofrece estes temas clave xa mastigados sen darnos opción á nosa propia crítica, e ese é para min un dos grandes defectos que presenta a novela.
Demostra o autor o seu amor polos libros, por algunhas cidades europeas -Santiago de Compostela, espazo propio e espazo soñado, terceiro protagonista da novela: en breve faremos paseos literarios da súa man- e descóbrenos un amor descoñecido -por min- polo cine ruso e sobre todo polo director Alexander Sokúrov, de quen mesmo colle o nome para titular este seu libro, servindo de base para unha portada deliciosa que convida á compra e lectura do volume e que nos agasalla un final espectacular e tenramente curioso.
Historias diferentes para moitos personaxes que se mesturan e pululan polo libro para nos deitar unha ollada múltiple. A vellice é un pano de fondo, como a soidade ou o desexo. Non só temos dous protagonistas principais senón que arredor hai un abano de sentimentos particulares trazados en diversos personaxes que nos conmoven. Historias de vidas e de mortes, historias agres e doces.
Quen escribe ben ten oficio, e así o demostra o noso autor. Riveiro Coello sabe alcanzar a beleza coa palabra, e déixao demostrado en moitas das súas frases e das súas páxinas. Permitídime que desta volta me distancie dos eloxios porque non acabo de ler unha obra mestra. E así o teño que dicir. Pero debo engadir que temo estar nunha crise lectora que comeza a ser preocupante.



19/11/15

Un elefante rosa

Lucía Serrano é a autora d' Un elefante rosa publicado por Narval. Unha fábula sobre a pouca comunicación que impera nalgunhas casas, cada membro absorbido polas súas circunstancias sen mirar o que teñen arredor. De aí a orixinalidade deste álbum, que me gustou moito.


Inventario ilustrado de insectos

A editorial Kalandraka aporta un novo volume a esta colección de Inventarios, desta volta cun Inventario ilustrado de insectos, con texto de Virginie Aladidi e ilustracións de Emanuelle Tchoukriel. Unha información rigorosa e detallada sobre a vida duns bechiños que levan millóns de anos entre nós... e que xa estaba mesmo antes cós dinosaurios. Hai tantos que representan máis do 80% dos animais que cohabitan connosco (grrrr). Aínda que un non sexa moi amante destas especies, é imposible non demorarse nas páxinas dun álbum que nos ilustra dende unhas cores a acuarela, cores cálidas que atraen sobre un texto ameno que nos informa sen aburrirnos.

18/11/15

Dos hermanas reciben visita

A editorial Takatuka conta entre os seus fondos con este álbum de Sonja Bougaeva, Dos hermanas reciben visita fala de intransixencia e de fidelidade a un mesmo, de que non debemos facerlle aos máis o que non queremos que nos fagan a nós. Porque temos dereito a ser como somos, nin mellores nin peores, simplemente, nós. A autora combina elementos de adultos con elementos infantís, posto que a situación é vivida tanto polas dúas señoras protagonistas como polos animais que lles fan compañía, o que achega tanto texto como ilustracións a un lectorado máis novo.


Ás armas!!!


Unha serie de anuncios producidos pola organización ‘Moms Demand Action for Gun Sense in America’ quere chamar a atención sobre algunhas normas norteamericanos para obter un maior control das armas.




Nesta foto vemos dúas nenas, unha cun rifle na man e outra cun libro da "Carapuchiña Vermella".  A frase asegura: "unha destas nenas sostén algo prohibido en América para protexelas; adiviña cal".
O lóxico sería dicir que a arma, pero a clave desta foto é que nas escolas de Estados Unidos está prohibido ler o conto porque a nena lévalle á avoa unha botella de viño.




Nas outras dúas fotos ocorre algo semellante cun balón e unha chocolatina.




Vía

17/11/15

Tsunami

 
Tsunami from The Animation Workshop on Vimeo.

Susana


 Aínda que xa ten uns aniños, cheguei agora a este precioso álbum da editorial Juventud chamado Susana, con texto de Marie-Ange Guillaume e ilustracións de François Roca. Susana é unha nena afouta que sae a coñecer mundo porque ela non teme a nada nin a ninguén, polo que é quen de atravesar ríos e montañas para ver canto hai de fermoso no mundo e para regresar e contarllo a quen sabe que a espera: o seu fiel cadeliño. Mentres, as ilustracións, enormes, anotan tremendas e fermosas paisaxes, grandes composicións... aínda que as figuras semellan un pouco estáticas, ríxidas.
E o que menos me gusta é a edición, porque coido que o texto faise bastante ilexible, cunha icona entre as liñas e un texto enormeeee, tanto que parece querer fuxir da propia páxina na que está situado.



Ruido

Divertido álbum publicado por Narval de Pablo Albo e Guridi, Ruido é un despropósito ruidoso, que nos pode servir para lelo en voz alta coa rapazada e procurar moito ruído para que participen activamente. Claro que hai que partir do silencio absoluto! Todo o malo é conseguilo para logo destruílo convenientemente.

16/11/15

La historia de Justino

O anuncio da lotaría de Nadal este ano vén en modo animación, así que... ENCÁNTAME!!!
Pero di Kiko da Silva no seu Facebook que non a fixeron en España. Vaites! Coa boa animación que se fai en España. Non entendo que teñan que ir ata Suecia.

El árbol de los bebés

Publicado en Kókinos, El árbol de los bebés é de Sophie Blackall, que decide dar resposta á típica pregunta que fan os nenos e nenas cando agardan un irmán: de onde veñen os bebés? Algo tan sinxelo remata non séndoo e cadaquén dá unha resposta diferente: dunha semente, do hospital, dun ovo, da cegoña... Cando o protagonista averigua a verdade, percátase de que terá que lle explicar a seu avó a verdade, pois sente que este está moi lonxe de sabelo.


Baixo a auga



A  organización científica Climate Central amosa graficamente como quedarían varias cidades do mundo co nivel de auga producido polo cambio climático, xa que moitas rexións do planeta sufrirán grandes cambios se isto segue ao mesmo ritmo que os últimos anos.

                              Río de Janeiro en 2100 cun aumento do clima de 4 graos centígrados

                                                Sidney, cun aumento de 4 graos en 2100

                                         Mumbai, cun aumento de 2 graos centígrados en 2100



Vía

15/11/15

Ice Age: Collision Course

Namorada estou destes filmes de animación, e máis deste esquío e a súa landra imposible:


vía

La ballena azul

Cando vin este libro pensei inmediatamente nunha persoa que ama as baleas. Así que lino por ela e aquí vai.
Para ti, María Jesús.

Publica Kókinos La ballena azul de Jenni Desmond, un álbum sobre esta especie protexida en perigo de extinción -de aí a importancia de coñecela-, onde nos ofrece datos de interese coma o peso, o seu corazón, os seus ollos, o seu alimento... toda a información que precisemos se nos dá dun xeito claro e asemade tenro, polo que se converte nun axeitado libro de divulgación científica sobre esta especia animal. E todo isto, dirixido a un neno que le e aprende antes de durmir. Grazas tamén ás ilustracións, este documentl resulta máis doado de ser comprensible para un lectorado novo.
Imprescindible nunha biblioteca escolar.


Non á violencia contra as mulleres (CDXXXIX)

O mía o de nadie, documental:

Unha reflexión sobre as causas da violencia machista a través das experiencias que relatan os seus protagonistas.

Manifesto QUEREMOS GALEGO NA ADMINISTRACIÓN LOCAL DE CEE!

CeeEuQueroGalego


A Mesa Pola Normalización Lingüística vén de convocar un acto de apoio ao Regulamento de promoción do uso do galego no Concello de Cee, que foi rexeitado no último Pleno. Para este acto, que vai ter lugar o domingo 15 de novembro ás 12h, diante do Concello de Cee, Miro Villar, quen me manda esta nova, participou na redacción deste Manifesto que xa conta con moitas adhesións, nomeadamente de xente da cultura e doutros ámbitos da Costa da Morte, e que tamén se pode partillar aquí. E ao que seguirá o luns unha táboa redonda na Casa da Cultura, que contará coa presenza da sociolingüísta e profesora da UdC Pilar García Negro, da profesora de dereito da USC Alba Nogueira López, de Nel Vidal Barral, presidente da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua, e Marcos Maceira, presidente da Mesa.
Manifesto
QUEREMOS GALEGO NA ADMINISTRACIÓN LOCAL DE CEE!
Gonzalo López Abente, sobranceiro escritor e académico muxián, traballador da banca «depurado» polos franquistas polo seu galeguismo, foi quen de reivindicar a defensa do uso da nosa lingua aínda en pleno vigor do réxime, cando o 27 de xullo do 1941 pronuncia en galego o seu discurso de entrada como membro numerario na Real Academia Galega (RAG) no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, co título A Terra e a poesía de Eduardo Pondal. Nun dos seus parágrafos sobre o uso da nosa lingua afirma:
«Non usala nesta hora adicada á sua recordanza non sería doado, mais ben sería un pecado cometido contra o Bardo e contra a terra en que se erguéu altivo e sonoroso como un pino lanzal. (…) que non caia sobre nós a sua condenación cando excrama irado:
A lingua tiveran,
por lingua de escravos;
esqueceran os patrios acentos,
suidosos e brandos,
dos propios acentos,
tiveran vergonza.»
Gonzalo López Abente aínda conservaba o espírito das Irmandades da Fala (1916), entidades das que axiña imos conmemorar o seu centenario, que naceran para visibilizar a nosa lingua en todas as vilas e cidades galegas, na procura de novos ámbitos de prestixio, de socialización e de uso.
A día de hoxe existen outros colectivos e persoas (dos propios acentos, / tiveran vergonza) que se encabuxan en lle poñer atrancos aos temesiños avances da nosa lingua, como é o caso de quen teima en frear unha ordenanza que pretende a normalización do galego no concello de Cee e para iso fan uso de cativos e trapalleiros argumentos sobre a suposta marxinación do castelán.
Unha ordenanza que só pretende favorecer actitudes positivas a prol da normalidade no uso da lingua galega, que os máis recentes inquéritos oficiais sinalan en constante devalo no seu uso, por mor da ausencia de medidas e de políticas de protección.
De pouco serve que todos os partidos con representación parlamentaria asinasen unha Declaración de Unidade a prol da normalización da lingua galega, na que se insta a votar a favor do impulso mínimo á nosa lingua galega para desenvolver disposicións legais como a Lei de Normalización Lingüística, a Carta Europea das Linguas, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), que se aprobou por unanimidade no Parlamento galego.
De pouco serve se isto non vai acompañado de políticas activas, que promovan o empoderamento da lingua galega, para a converter en lingua de comunicación habitual na administración e nos servizos públicos, na educación, na sanidade, na xustiza, nos medios de comunicación, no comercio, na industria ou en calquera ámbito.
Hai que darlle a volta ao menosprezo de quen queren coutar a nosa lingua máis unha vez ao ámbito coloquial e familiar, coma acontecía no franquismo, e para iso cómpre defendermos os dereitos lingüísticos con lexislación como a proposta para a súa aprobación no concello de Cee e, despois, con medidas activas e orzamentos axeitados para facermos do galego un idioma natural na súa comunidade de falantes.
Caso contrario, han continuar os prexuízos sobre o uso da nosa lingua que están a favorecer a perda da súa transmisión interxeracional e, como consecuencia, a desgaleguización dunha parte da nosa mocidade e da sociedade no seu conxunto.
Como xa ben dicía Gonzalo López Abente, nun artigo publicado na revista Nerio (Corcubión, 1921): «A fala nai, abafada moitas veces por fillos desleigados, e esquecida as máis, por fillos inconscentes; uns e outros desexosos, ao parecer, de dar terra á vella que aínda gusta das tradicións e do arrescendor das mazáns gardadiñas nas lacenas, antre a roupa branca».

14/11/15

ZAZ - "Sous le ciel de Paris"



Grazas, Mª Jesús

Retratos gatunos

Se es amante dos gatos, Edelvives ten o libro máis axeitado para ti, este Retratos gatunos de Sébastien Perez con ilustracións de Benjamin Lacombe. 15 poemas sobre 15 gatos diferentes de diferentes razas e procederes, coa súa personalidade propia, os seus caprichos e as súas obsesións. Busca o teu gato nesta galería de personaxes que son capaces de ofrecer grandes sorpresas.



Cambiando de face



Vídeo animado de aproximación que amosa a posible evolución do rostro "humano" durante os últimos seis millóns de anos, segundo os coñecementos que os científicos  chegaron a adquirir até o de agora polas investigacións que se levaron a cabo.




Via

13/11/15

Alicia para los pequeños

Publica Edelvives este marabilloso libro de Lewis Carroll coas ilustracións de Sir John Tenniel: Alicia para los pequeños publicouse por vez primeira no ano 1890, en edición especial para o lectorado máis novo, simplificando o relato orixinal. A editorial respecta o orixinal, unha breve pero deliciosa historia coas peripecias esenciais do libro principal, non pensado para a infancia nun principio.

Nena e o mar

Érica Esmorís, gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil con este relato de superación no ano 2015, conta en Nena e o mar, publicado por Xerais, como a desidia pode ser enfrontada e superada pola forza do amor, e todo o que isto representa: a vontade, a esperanza, a fouteza... Porque son estes valores os que nos transmite un relato que se demora en describir unha vida sen futuro tras as pegadas inconscientes do pasado, os erros que non se solucionan, as rémoras que permanecen, os malentendidos non aclarados proxectados nun presente lúgubre... lembrándonos que na loita persoal está a consciencia da vida e a superación para seguir adiante. Esta é a base dun lugar sombrizo e vello que atopamos no relato, un lugar que terá que espabilar ante unha heroína de carne e óso de tamaño diminuto.O libro respira de xeito pausado co devalar das mareas, reconstruíndo pouco a pouco historias de vida e de desalento que poden cambiar, como cambia a lúa e como cambia o tempo, mudando a frustración en ledicia, en respecto.
Pululando sobre as palabras que ben encadeadas constrúen o texto, valores como a tenacidade e a valentía lémbrannos que podemos mirar adiante sen temor a mirar para os lados, porque a vida é unha construción de variables que debemos ir superando. Nin todo é bo nin todo é malo. O ser humano vai sufrindo e gozando a medida que o tempo avanza. Só debemos acordar que moitas veces na nosa loita persoal sitúase un tempo de mellora.


11/11/15

Quesia. Cifra y aroma

Precioso libro-disco poético que publica a editorial Kalandraka cheo de delicadeza, dozura e forza. Quesia Bernabé pon a música, Isabel Escudero o texto e Zuzanna Celej a ilustración. Poesía cantada e lida, música rítmica, melodías serenas, contundencia expresiva, letras adubiadas por ilustracións nas que paga a pena deterse. Xogos de contrastes en tres disciplinas artísticas que non cnasarán xamais.


Unha viaxe por Galicia

Documental de 1929 realizado co gallo da Exposición Iberoamericana de Sevilla, pretende dar a coñecer as paisaxes e monumentos de Galicia nun percorrido polas catro provincias. É a única longametraxe documental da Galicia da preguerra. Amosa arquitecturas desaparecidas, mutacións na morfoloxía urbana, contrastes entre o medio rural e a burguesía. Película restaurada polo CGAI en 1991. DVD dispoñible no CGAI.

10/11/15

Salir del armario

Parodia sobre o drama de ser autónomo:



Vía

Dip. Más allá de la oscuridad


Sinistro, case, este álbum ilustrado que vén de pubicar Edelvives e que logrou o IV Premio Internacional Álbum Ilustrado 2015 Edelvives; Dip. Más allá de la oscuridad é de Eva Sánchez,quen recolle unha lenda de Partdip, lugar de Tarragona, para falarnos do medo, ese algo que queremos apreixar e facelo noso e non o conseguirmos. Porque cazar o medo é case imposible, o único que podemos facer é miralo de fronte e respectalo para non caer nunha maraña de sombras.


Arte cotiá

 Alexey Kondakov, artista residente en Kiev, toma tradicionais obras de arte clásica e insértaas con Photoshop en diversos momentos da vida cotiá.

Alexey Kondakov Cultura Inquieta31

Alexey Kondakov Cultura Inquieta20
¿Quién quiere montar en el autobús con unos cuantos querubines?
Alexey Kondakov Cultura Inquieta21

Alexey Kondakov Cultura Inquieta23

Alexey Kondakov Cultura Inquieta24

Alexey Kondakov Cultura Inquieta25

Alexey Kondakov Cultura Inquieta26

Alexey Kondakov Cultura Inquieta27

Alexey Kondakov Cultura Inquieta30

Alexey Kondakov Cultura Inquieta

Alexey Kondakov Cultura Inquieta2

Alexey Kondakov Cultura Inquieta3

Alexey Kondakov Cultura Inquieta4

Alexey Kondakov Cultura Inquieta5

Alexey Kondakov Cultura Inquieta6

Alexey Kondakov Cultura Inquieta7

Alexey Kondakov Cultura Inquieta8

Alexey Kondakov Cultura Inquieta9

Alexey Kondakov Cultura Inquieta10

Alexey Kondakov Cultura Inquieta11

Alexey Kondakov Cultura Inquieta12

Alexey Kondakov Cultura Inquieta13

Alexey Kondakov Cultura Inquieta14

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.