Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/09/20

Sete chaves para abrir os soños


Q
ue precioso libro nos trae a editorial Kalandraka, baixo o título de Sete chaves para abrir os soños, unha homenaxe que o autor Alfredo Gómez Cerdá realiza a sete indiscutibles grandes da Literatura infantil: Gianni Rodari, Tomi Ungerer, Astrid Lindgren, Juan Farias, Christine Nöstlinger, Roald Dahl e Gloria Fuertes facéndoos protagonistas de sete historias, contando coas ilustracións de David Pintor. Este sete relatos mesturan realidade e ficción e resultan moi interesantes, porque tentaremos case saber que hai de real e que de inventado, xa que o autor amosa un coñecemento profundo dos e das autorxs homanexeadxs e fainos unha chiscadela literarua que nos leva de paseo polo vida lectora, unha vida máis profunda e unha lectura máis deliciosa, dominado todo isto pola arte de escribir e contar que amosa Alfredo Gómez Cerdá .
Moi interesante o dedicado a Gloria Fuertes, onde mestura os seus versos e mesmo nos trae unha versión madrileña de Polgariño.
 
 


 

23/09/20

Polvo y sombra

 


P
asáraseme a publicación deste libro e tan pronto souben del, "ataqueino", porque nestes momentos tan complicados das nosas vidas víñame ben unha lectura así, dun autor que coñezo, que me divirte e me entretén e que ademais, resulta levadeiro. Falo de Antonio Manzini e o seu Polvo y sombra, sexta entrega deste comisario tan particular chamado Rocco Schiavone, publicado unha vez máis por Salamandra Black. Quizais esta entrega sexa do mellor da saga. Seguimos ante unha prosa chea de ironía e sarcasmo, unha das cualidades a destacar do autor, que consegue unha lectura divertida e entretida, e por suposto áxil. Semella que o autor vai "madurando" ao mesmo tempo que o seu personaxe principal, quen con cada entrega é máis desencantado do mundo e está máis farto de todo canto o rodea, e cada vez, asemade, está máis só. A soidade é, sen dúbida, un arquetipo dos protagonistas deste tipo de novelas, xa que acostumamos a ler protagonista enfuciñados coa vida, e este tamén o é. Unha vez máis, un acerto lelo e, como digo, máis nestes días de abafo pandémico.




19/09/20

La hora violeta


 Creo que non fun capaz de pasar unha páxina sen unha bágoa. Non significa isto que o libro vaia a páxina por bágoa, porque hai páxinas nas que tes que deter a lectura para chorar a moco tendido para logo proseguir. La hora violeta é unha lectura que te deixa noqueada, porque non hai nada máis terrible que a perda dun fillo, dunha filla. E cando esa perda cha van contando dende o minuto un, en que sabes que o cancro aposta pola morte e non hai outra solución, sentes a necesidade de ler porque tamén es nai e porque non queres saber nunca o que é esa dor, porque sabes que Sergio del Molino quere inventar unha palabra que na nosa lingua -a miña a galega, no seu caso, a española- non existe, porque vai contra natura ese tipo de perda. É tan dolorosa que a propia gramática nega a súa existencia. Xa falaramos disto mesmo con outra novela, lembrades? 

Esta lectura supón unha dor constante, ben é certo. Pero tamén arrinca unha admiración total por ese pai e esa nai. Como reaccionariamos de nos ver nesa mesma tesitura? Asemade, implica unha oda ao traballo da sanidade (que bo momento para falar tamén disto), ao traballo de médicas, enfermeiras, e de todo o persoal que poboa os corredores dun hospital cheo dun silencio doloroso quwsaaaaa3e acaba sendo o seu habitante máis fiel e poderoso.

Sobre todo, a emotividade será a sensación que domine a nosa lectura. Pero nela tamén hai cabida para a música e para a Literatura. Ambas resultan axudas terapéuticas e nos lembran a importancia da cultura (outra vez que vén nos ben arestora para lembrar a súa defensa, ferida de tal xeito como está en perigo de morte).

Si, é unha novela tremenda. Pero que vos recomendo con total sinceridade e devoción.

Publica Literatura Random House.

13/09/20

Miña guía, Meu Capitán


 A
gardaba con moito anceio a chegada deste álbum, non só polo que anunciaba a editorial Kalandraka, senón tamén porque coñezo o autor e sei da súa preocupación social e da solidariedade que exerce na vida cotiá. Así que sabía que ía ter nas mans un álbum comprometido. Pero non sabía cal era o seu contido, o seu argumento, e foi unha sorpresa. Unha sorpresa maiúscula porque ademais é un tema que me toca especialmente.

Estamos a falar de Miña guía, Meu Capitán de Gonzalo Moure con ilustracións de María Girón.

Tal como afirma o autor, este álbum non é só un libro sobre a tenrura que pode provocar o que lemos -e o que vemos grazas ás ilustracións- senón que é un libro sobre a reciprocidade: a miña man na túa e a túa na miña. Porque así é: desde o primeiro momento sabemos que as luces e as sombras son repartidas entre pai e filla porque a cegueira, porque o maxín, porque o amor, úneos constantemente. Non hai posibilidade de saír por algunha fenda rompida sen as súas mans: entre elas e as súas palabras constrúen un zoolóxico universal onde casas e coches, semáforos e pasos de peóns están feitos para o seu camiñar e o seu sentir. As súas mans tocan o mundo, e o mundo transfórmase na separación de ambas ata que volven a unirse: esa é a grandeza do amor, onde este non é cego, senón que todo ao contrario, somos os cegos quen non sabemos velo.

 

11/09/20

Pandémica educación

 Non falo aquí normalmente de asuntos persoais ou relacionados co meu traballo. Pero a día de hoxe estoupo. Non podemos seguir caladxs ante unha situación que ata a Valle Inclán lle resultaría demasiado esperpéntica como para poder escribir sobre ela. 

Falamos de Educación Pública. Esa que non interesa a ninguén... segundo as urnas. Non logro entendelo. Estou enfadada, indignada. Pero tamén triste, moi, moi triste. De ver como este noso país non entende que a única clave para seguir adiante é a formación. Que sen formación non hai futuro. E sen futuro, non hai esperanza.

Gustaríame anotar agora moitas máis palabras das que posúo neste momento. Levo toda a mañá ao teléfono despotricando. Ao mesmo tempo, cáenme as bágoas de impotencia. Impotencia ante unha situación cambiante porque dende arriba (eses entes que maxino no seu despacho nun planeta exterior) non nos respectan.

Se o queren facer peor á mantenta, non o conseguen. Isto é un cachondeo maiúsculo onde a consideración polo noso labor brilla pola súa total ausencia. Convivo a diario cun equipo directivo desbordado, cunha inspección atada de mans e pés impotente que chora e maldi polo baixo porque non pode alzar a voz. 

22 de xullo: 1 metro de distancia. 

Medimos as aulas. Sacamos pupitres. Sacamos taquillas. Sacamos libros.

O equipo directivo non ten vacacións. Fai os grupos. Mide e volve a medir. Súa. Sacan material. Pregúntanse todo o verán que vai vir no curso.

31 de agosto: 1,5 metros

Collemos un rabo da vasoira, medimos e colocamos pupitres. Vai haber desdobres. En  segundo de Bacharelato, ese alumnado que se está a xogar o seu futuro máis inmediato que acaba de ver como a maior parte dos seus compañeiros e compañeiras non puideron entrar nas carreiras soñadas polas notas de corte, non caben nas aulas. Non vai haber aula de Música: necesitámola. Non vai haber laboratorios: necesitámolos. Non vai haber aula de Plástica: necesitámola. Non vai haber aula de Tencnoloxía: necesitámola. Respéctanse a biblioteca e o Salón de actos como "respiradeiros" (Hurraaaaa!!!!)

Orgánizanse cargas horarias. Vai haber máis grupos porque no noso centro as aulas son ananas e non se pode manter a distancia de 1,5 metros. Pídense 5 profesorxs. Desdóbrase Bacharelato. Convócase claustro.

Desconvócase claustro.

Convócase claustro.

Desconvócase claustro.

Convócase claustro.

Desconvócase claustro.

Convócase claustro.

9 de setembro: repartimos as cargas horarias presumindo que nos van dar ese profesorado. Xefxs de Departamento en funcionamento segundo as recomendacións do equipo directivo.

Desconvócase claustro. 

O traballo do reparto non serve. Inspección avisa: non van mandar o profesorado que se pedía. Non se poderá desdobrar bacharelatos.

 10 de setembro: 1 metro con mamparas. Obxectivo: non contratar profesorado

Non sabemos cando será o primeiro claustro. Non sabemos que cursos imos ter, non sabemos cantos grupos vai haber. Por non saber, non sabemos nada. Mirámonos impotentes. Volvemos a coller o metro???  

Ensino semipresencial: "e-streaming" significa inextremis, porque vai todo a última hora e improvisando, ou sexa, bandazos sen ton nin son que só responden ao desleixo e á incompetencia dunha Xunta a quen nada lle interesamos.

 A quen lle importa a educación pública? Agora, cambian os altos cargos e chegan cun cepillo que nos arrasa. Non hai cartos. Para a educación pública nunca os haberá, porque os pobres -INSISTO- (os ricos xa van á privada) non contan.  

Claro que aínda non falamos de todos os cartos que temos que gastar do presuposto do centro en limpeza, carteis... A secretaria compara cada día prezos, tenta comprar en tendas locais, tenta facer o correcto. Chama á sanidade con dúbidas que nin alí saben resolver... 

O centro semella un aeroporto, sen pantallas de momento.

E seguimos traballando.

 

10/09/20

La disculpa

 

 Eve Ensler arrásanos -literalmente- con La disculpa, publicada por Paidós. E digo que nos arrasa porque o libro, a "carta", o relato, é unha desculpa que as mulleres vítimas de agresións sexuais agardan, pero non chegan. Neste caso, a autora ponse na pel do seu pais, o seu violador, para obter ese perdón dela que nunca pediu.

Conta a propia autora como leva case toda a súa vida agardando unha confesión do pai, unha petición de perdón. A traizón dese ser querido provocoulle un sufrimento permanente. E esa desculpa nunca chegou. Así que tivo que escribila ela mesma, poñendo as palabras en poca do pai. A intención: erixir un camiño novo polo que poder andar sen mirar atrás continuamente. Escribir un texto así debe ser terrible, e esixe ante todo unha capacidade de perdón ilimitada, pero tamén pide valentía extrema. Porque ten que imaxniar o qeu significaría escoitar dun abusador algo tan sinxelo e tan necesario como "síntoo". E a necesidade de escoitar esta única palabra fai que escriba un libro onde o pai pide perdón polos seus actos: abusou da súa filla dende os cinco anos.

Así que lemos esa desculpa -inventada- mentres nos horrorizamos, mentres o corazón desgárrase ante tanta dor, ante tanta inxustiza. Unha nena que vai medrando, vítima, e que seguirá sendo vítima dun maltrato emocional e psicolóxico constante. E preguntámonos: pódese saír indemne de algo así???



08/09/20

VIVAS, Mujeres con discapacidad intelectual cantan por la igualdad

 Afirma Marian Moreno:

 Este vídeo es de las cosas más bonitas que he visto en tiempo, La Mare graba esta joya, para poner en clase casi en bucle, para el respeto a la diversidad, para aprender de todas y cada una de las mujeres que levantan el puño para luchar por sus derechos:



06/09/20

A natura exposta


 E
ncántame Erri de Luca. E cando descubrín que tiñamos esta tradución á nosa lingua, non o dubidei. É a editorial Rinoceronte quen se encarga de nos traer A natura exposta: unha obra sobre a procura da beleza de mans dun escultor. Unha vez máis, destaca a escrita do autor, a súa prosa lenta e fermosamente sinxela, a súa prosa poeticamente profunda e concretamente abstracta. O autor é unha persoa moi comprometida socialmente e isto reflíctese nos seus libros; neles hai decote unha reflexión sobre o ser humano, sobre a caridade, a solidariedad, a fraternidade, as relixións -que destacan neste libro- e sobre a emigración -tamén moi presente neste-.

Todo o libro é unha reflexión en si mesmo, agás un episodio que me deixou un pouco anonadada e que non cheguei a comprender. Quizais sexa o menos importante pero pareceume un elemento discordante e sobrante. Logo, coma sempre, é unha obra mestra de reflexión onde a conciencia da dor allea é un eixo sobre o que discorre a obra.


05/09/20

Yo soy Adila


 Y
o soy Adila
é a Historia ilustrada de Malala Yousafzai, contada por Fulvia Degl'Innocenti e Anna Forlati, publicada por Miau en colaboración con Aministía Internacional. A historia de Malala é sobradamente coñecida, e servirá á profesora de Adila para poñela de exemplo ante seus pais, un exemplo de liberdade e igualdade. Falar destes dereitos non é doado, xa que semella que os nosos nenos téñeno todo e isto pode resultar demasiado incrible, pero é absolutamente necesario conciencialos e educalos en igualdade en respecto. Por iso este álbum subliña a importancia de loitar por manter uns dereitos que nesta parte do mundo temos pero non así noutras. Ao mesmo tempo, nun álbum infantil, englóbanse palabras que para a nosa infancia poden ser descoñecidas, palabra doutras culturas que tamén inciden na necesidade de igualdade da que falabamos; ao ser unha historia real a veracidade non sen pon en dúbida, polo que tamén  transmitimos con esta lectcura un valor engadido: unha referente á que ollar.



04/09/20

A viaxe culinaria de Kukinhas


D
ar a volta ao mundo grazas á cociña é agora moi posible e doado grazas á proposta que nos fai a editorial Xerais: "A volta ao mundo en 50 receitas" con  A viaxe culinaria de Kukinhas de Elisa Kukinhas. Un gran valor, teño para min, é que é un libro en galego con receitas non galegas, algo que quizais sexa a primeira vez que sucede. Por suposto, de todo hai no libro, tanto receitas doces coo salgadas, sinxelas de facer e rápidas de cociñar (eu odio a cociña así que tentarei facer algunha tendo esta base inicial); ademais, puiden observar que os ingredientes son "normais", e non deses que nunca sabemos nin do que falan...

Como imos dar a volta ao mundo, o libro está dividido en 5 apartados e continentes: América, Europa, África, Asia e Oceanía. Cada continente ten 10 receitas de países diferentes. Ao inicio de cada apartado, hai un pequeno índice co nome da receita e o país. Por se isto non fose suficentemente aclarador, ao final do libro hai outro índice coas receitas.

Ademais, ao final do libro, hai outro índice con tódalas receitas xuntas.

Como bo libro de receitas, hai fotos esclarecedoras, que para min son esenciais. Se non me explican todo paso a paso -e aquí sucede- non sei facer algo novo.





 




 

03/09/20

Lendas de recreo

 



C
omo cada publicación de El Hematocrítico, un acerto. Agora temos estes dous en galego, coa colaboración de Albert Monteys, publicados por Xerais: A media hora dos heroes e Campións do mundo. En formato cómic (creo que por vez primeira) en colaboración con Albert Monteys, ambos libos sitúanse nesa hora de lecer do colexio, onde o autor sitúase novamente con toda liberdade e coñecemento cheo de humor nas mentes infantís, ben para "recuperar" un fanático do fútbol ou para xogar ás agachadas cun campión ben entrado en anos (lembremos os "Guinnes").

Unha boa achega para o mundo do cómic na nosa lingua.



01/09/20

Contrahistorias de Galicia


 Un fermoso e novidoso libro de Antonio Reigosa que conta coas ilustracións sorprendentes de Rita Gutiérrez e publica Edicións Embora. Un deses libros gorentosos que presta ter na mesa de noite para ler unha historia antes de botar un sono, para volver a sorprendernos co que nos conta o autor e para deleitarnos coas súas ilustracións: un libro alfaia, un obxecto deses que presta ter e ollar, ler e reler, deterse ou apurarse. Deses libros que constitúen o agasallo perfecto porque sabes que con el sempre vas atinar. Garantido. 

Reigosa ofrécenos un monllo de relatos, nos que as situacións ou os personaxes quedaron esquecidas -ou ben por completo ou ben algún dato- e que debemos ter no noso imaxinario colectivo. Realiza, pois, un labor documental amplo e preciso para facernos chegar o que anteriormente quedara (na súa grande parte) agochado. Asemade, quen fardamos de coñecer o autor, sabemos do seu sentido do humor e a súa retranca, algo tamén presente no texto e que consegue, non podía ser doutro xeito, arrincarnos un sorriso no que está presente, por decontado,  a súa face pícara e que imaxinamos á perfección á hora da escrita.

De todo hai neste libro, xa que ao ser historias tan curtas nel caben amoríos, andanzas e realidades.. e ata vacas!. Por iso, ademais de pola escrita, é tan ameno e levadeiro. Asemade, non podo deixar de facer fincapé nas ilustracións dunha artista descoñecida para min e á que lle queda moito por dicir. Non hai máis que axexar se se quere a portada: magnífica!

Dá gusto termos libros así na nosa lingua. Parabéns á editorial, ao autor e á ilustradora por conseguir este estupendo agasallo.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.