Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/11/10

Emilita Dago

Emilita Dago cantando na televisión cubana de mediados dos anos 50 unha canción do compositor Tony Fergo "Me Río del Amor"; a gravación foi enviada a cinecubano.net por un namorado daquel país da actriz neses tempos.


Un libro fala e a alma responde

Alfarrabistas do centro da cidade do Porto:

You Know

Unha das miñas "nenas" de sempre, quen sempre o será, a que participaba en todas as miñas andrómenas (lectura, revista, teatro...), Rocío, pídenos colaboración. Preséntase a un concurso co videoclip You Know do Colectivo Oruga con David Perdomo. Só tedes que votar aquí. Dende este blogue, grazas no seu nome.


You Know
Cargado por chuvisca. - Ver más clips de música, videos en HD!


Facédeo axiña, o prazo remata xa!

Facer maxia

Publicidade producida por Enlazando Alternativas sobre as políticas aplicadas pola Unión Europea como parte da campaña contra a Europa do capital, a guerra e as súas crises; pola solidariedade entre os pobos.

05/11/10

Mamá Lucchetti

Deste tipo de publicidade que che arrinca un sorriso seguro: marcha chilena de pastas "Lucchetti".




Vía

Todo é silencio

A miña querida amiga e colaborada Rosa adiántaseme na lectura (o meu segue agardando na mesiña: imposible achegarse!) de Todo é silencio de Manuel Rivas -editorial Xerais- para agasallarnos coa súa recomendación lectora cun texto fermosamente lírico, certeiro e áxil:

Hai escasamente un mes que chegou ás librerías Todo é silencio, a última novela de Manuel Rivas. Pareceume unha obra moi lírica, moi galega, moi universal e, por suposto, moi retranqueira; isto é, unha obra “moi Rivas”. Daquela, non debeu ser simple e feliz casualidade que buscase o seu título nun verso de Rosalía, “Todo é silensio”, máxime cando ten como asunto central a reconversión do contrabando en narcotráfico na costa galega.

A novela presenta dúas partes ben diferenciadas e significativamente denominadas “O silencio amigo” e “O silencio mudo”, porque o silencio é o cerne da máxima vital do capo denominado Mariscal: “Teñen boca e non falan. Teñen ollos e non ven. Teñen oído e non oen”.

Na primeira parte, a etapa do contrabando, os personaxes ocupan o primeiro plano e as súas actividades son máis ben un pano de fondo que axuda a definilos. Cada un deses personaxes parte dun arquetipo que o autor recrea con mimo, con dedicación, rompendo os moldes típicos con mestría e cun dominio da lingua extraordinario tanto nos diálogos como nas descricións.

A segunda parte, a etapa de “modernización”, é dicir, do narcotráfico, ten un ritmo máis rápido, os acontecementos sucéndense case sen tregua, van cos tempos. A trama desta parte resulta, por veces, previsible para quen coñeza a actualidade, pero aí seguen Mariscal, Brinco, Leda, Fins, Chelín... termando dela, aínda que cada vez se van semellando máis a marionetas controladas por fíos alleos.

En definitiva, porque temos boca e falamos, temos ollos e vemos, temos oído e oímos, recomendámosvos a lectura desta novela.


O poder de cambiar o mundo

Pedir a igualdade das mulleres e das nenas: a cara da pobreza é a muller. O 70% da pobreza no mundo é a das mulleres e as nenas, producen máis da metade dos alimentos do mundo e só lles corresponde o 1%; dos millóns de de persoas que non saben ler nin escribir o 2/3 son mulleres.
A presidenta de "Care" pide un cambio nesta situación. Dende a súa organización axudan ás mulleres e ás nenas proporcionando coñecemtos, ferramentas e recursos para loitar contra a pobreza porque son elas as que conseguen dar con solucións nas súas comunidades: o recurso natural contra a pobreza é a muller, ela ten o poder de cambiar o mundo.



04/11/10

Día da Ciencia en Galego (II)


Por suposto, o noso centro tamén se uniu a esta iniciativa promovida por numerosas asociacións e entidades (ENCIGA, AGAPEMA, APETEGA, Coordinadora galega de equipos de normalización lingüística, SGAPEIO, IGACIENCIA, Universidade da Coruña, Santiago e Vigo, ILG, NEG, AS-PG, CIG- Ensino, STEG e un longo etc.) que propoñen instituír o día 4 de novembro como Día da Ciencia en Galego. Nunca puxemos en dúbida que a nosa lingua é apta para a divulgacións do coñecemento científico, idea que semella querer impoñerse na sociedade actual.
O noso centro, aínda que pequeno, realizou un fermoso traballo; o Departamento de Ciencias da Natureza achegounos unha mostra de cunchas cos nomes en galego e o Departamento de Tecnoloxía a terminoloxía na nosa lingua:



O pouso do fume

Sorprende Dores Tembrás con este libro editado por Espiral Maior, O pouso do fume. Poesía chea de intensa brevidade e lembranzas que pode ir sacodindo para facer unha viaxe máis lixeira pero non exenta de emoción; porque lembranza significa bágoa, perda, maxia... vida. E ese retorno ao pasado paga a pena, porque forma parte de nós, porque podemos ouvilo a pouco que prestemos atención; podemos apreixalo se o tentamos. E sempre, sempre, quedará a esperanza.


deixar a busca de Hansel e Gretel
porque o pasada regresa sempre cheo
de trampas adorabeis
elaboradas con premeditación e aleivosía.


desaprenderme
executar esta ausencia
que me aceda o corpo
ser só
o sal na chaga
a febre no beizo

Sen piedade

Isto é tan só unha instantánea, unha mostra do que sucede todos os días nas rúas de Hebrón. Os xudeus son quen de lles botar calquera cousa aos palestinos, incluídos excrementos humanos. Nesta fotografía todama por Rita Castlenuovo para o "New York Times" un home xudeu crúzase cunha muller palestina: este é o resultado.





Vía

03/11/10

Granny O Grimm's Sleeping Beauty

A avoíña conta a historia da Bela Adormecida desde a perspectiva da fada anciá, que proxecta unha vinganza por non estar convidada ao bautizo real coas fadas máis encantadoras e novas que aínda conservan o seu ton muscular.


El de-sastre perfecto


Rocío Martínez achegános en El de-sastre perfecto un perfecto alegato a favor da paz. Un xastre que debe facer traxes militares e que converte estes en traxes que favorecen o entendemento e o diálogo, simplemente, por seren diferentes, e por ser quen, eles só, de falaren noutro idioma diferente.
O libro foi galardoado co Primeiro Premio do V Concurso Internacional de Álbum Infantil Ilustrado Biblioteca Insular, Cabildo de Gran Canaria.
Da man de Edelvives, como adoita suceder con este premio.


En cuanto el sastre recibió las telas comenzó a trabajar. Pasó las medidasaal patrón. ¡Tenía muchas ganas de extender la tela, deslizar el jaboncillo y cortar!

Al abrir el paquete, sin embargo, se llevó una gran sorpresa: ¡DESASTRE!

-Esto no era lo que yo había pedido- aseguró pasmado.


Erguede o sombreiro

02/11/10

A memoria da lingua (II)

Falamos o outro día deste documental no que son entrevistadas vinte persoas que achegan a súa memoria histórica da lingua galega. Agora podemos velo enteiro. Paga a pena.


A memoria da lingua from as candongas do quirombo on Vimeo.

La báscula

Curta realizada por Daniel Iriarte, Francisco Martínez e Andrés Mourenza, gañador do concurso Amal Express 2009, convocado pola Fundación Araguaney, no marco do Festival de Cine Euroárabe Amal, que se realiza cada ano en Santiago de Compostela.

Melodía en la ciudad



Edelvives volve deleitarnos coa publicación deste marabilloso e enorrrrrrrrrrme álbum ilustrado froito da palabra e da ilustración dun autor que nos ten namorad@s desde hai moito: Benjamin Lacombe, autor do inesquecible Los amantes mariposa e que agora volve con forza con este Melodía en la ciudad, unha obra sobre o amor por riba de diferenzas sociais, étnicas, e en contra dos prexuízos. As ilustracións son deliciosas, en gran formato, asolagando os nosos sentidos. A historia é unha historia de igualdade e dozura. Queredes algo máis? Claro, posuílo! Non pode ser doutro xeito!


Saír do armario

Dan Savage, xornalista homosexual, lanzou a iniciativa "It gets better", unha campaña para reforzar a autoestima dos mozos e mozas homosexuais. Por que? Porque moitos adolescentes téñense suicidado por sentírense acosados polos seus compañeiros e compañeiras de instituto, simplemente pola súa condición de seren gays ou lesbianas.
A campaña consiste na creación dun arquivo audiovisual no que gays, lesbianas e bisexuais adultan dan o seu testemuño, contan como foi a súa vida e aconsellan como superara os ataques e as presións de quen non entende a súa opción sexual. Tamén os heteresoxuais poden expresar o seu apoio.



Vía

01/11/10

Let There Be Sound

Unha criatura planetaria vai ao garete polo espazo, devorando asteroides e rochas e excretando novos mundos.


Pinoquio


Baía Edicións agasállanos con esta fermosa adaptación da clásica novela de Carlo Collodi, con texto de Guillaume Frolet e ilustracións de Estudio Escletxa. Nada temos que engadir a este libro hipercoñecido por todos e todas vós, agás da ledicia que nos procura contar cun libro destas características na nosa lingua, algo que botamos de menos nas editorias clásicas e que nos reconforta atopar en Kalandraka e OQO. O álbum que temos nas mans resalta pola súa exquisita edición en tapa dura, tamaño e coidado final. Parabéns!

Un pobo unido

Lipdub pola independencia de Catalunya e o resto dos Països Catalans, realizado o 24 de outubro de 2010 na cidade de Vic. Este vídeo ten o record mundial de máis xente participando nun lipdub, 5.771 persoas, segundo a World Records Academy. A iniciativa xorde da xente do pobo catalán que quere amosar a todo o mundo que Catalunya é unha nación e como tal necesita a independencia para asegurar a súa supervivencia e o seu futuro. A canción escollida foi La Flama, do grupo Obrint Pas.
Xa vedes que, tal como asegurabamos o outro día, a moda dos lipdub é imparábel.



Credes que algo así sería posíbel en Galicia, xa non para pedir independencia, senón para unirnos... por algo?

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.