Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/04/17

Algo más que amistad, algo menos que amor


Sorprendente cómic este de Yumi Sakugawa que publica Sapristi e que leva por título Algo más que amistad, algo menos que amor, un libro pequeno que me abraiou dende o primeiro momento, non só polo formato, senón tamén polo tema e o xeito de tratalo. Protagonizado por dous monstros, os sentimento son difíciles de explicar, aínda que o mellor é fuxir dese "amor romántico" tan estendido. A importancia da amizade e o respecto ocupan a maior parte das súas páxinas, procurando unha definición que non existe e e que saben que comprenderse absolutamente en todo e non quere máis que deixar espazo para outras persoas. Xa digo, é un libro especial, emotivo, que deixa unha pegada no lectorado porque precisa de seguir pensando en certas cousas.

Non á violencia contra as mulleres (DXIV)

Cando se nos bota a culpa por ser mulleres:

Vítimas dúas veces


29/04/17

Regreso a casa

Antes de falar das ilustracións, o cheiro do libro xa namora; logo, xa digo, as ilustracións, que sobrancean sobre o texto e non precisarían del: parecen un filme antigo, dos mellores do branco e negro, capaces de levarnos de paseo por mundos oníricos, lenes e doces, que transmiten un sosego espectacular. Pechar o libro supón pechar os ollos para seguir soñado, cun sorriso nos beizos, porque sentimos unha paz deliciosa. De que libro falamos que sexa capaz de transmitir tanta tenrura? De Regreso a casa de Akiko Miyakoshi, publicado por Océano Travesía. 
Despois de lelo, é inevitable desexarvos "boas noites"...


A golpe de versos

Falabamos o outro día de que a poesía serve para tirar a violencia fóra e denunciala. Volvemos a traer o vídeo novamente porque daquela non nos funcionaba:

28/04/17

Avións de papel

Dentro da colección Merlín da editorial Xerais podemos atopar esta Avións de papel de Xavier Estévez con ilustracións de Marcos Viso que foi finalista o ano pasado deste premio. Como conciliar mundos diferentes? Como superar dificultades sen axuda? Cal é o valor da amizade? Que entendemos por arte?
Hai moitos temas agochados tras estas páxinas que enganchan ao lectorado, e sorprende o final cunha lección graffiteira da arte urbana de Vigo; neste sentido, recórdanos a Reo, de Xesús Fraga, quen nos axudou a saber máis dese mundo. Quen pode discutir a día de hoxe que os graffitis axudan a facer as cidades máis fermosas? Que a arte urbana é arte debería ser indiscutible, pero hai voces que reclaman a súa destrución, coma no libro.
A amizade é o valor sobre o que sobrevoan todo o relato, unha amizade baseada no respecto ás diferenzas, na soidade procurada ou non polas circunstancias, marcada pola desgraza, pola lectura e escritura, e tamén pola importancia da educación e da escola.
Quedan algúns retallos mal pechados, para o meu gusto, pero o libro lese rapidamente, é quen de tirar algunha bágoa, de enternecer, de procurar asemade un sorriso. Só por isto paga a pena. E pola arte que pendura nas súas páxinas, unhe lene lección que se aprecia e que entra polos ollos da sensibilidade.


#ThatsHarassment (Isto é acoso).

O actor David Schwimmer é un dos promotores dun proxecto que loita contra o acoso sexual chamado. Trátase dunha iniciativa audiovisual que procura facer visibles algunhas das situaciósn de abuso que se producen en diferentes ámbitos profesionais e sensibilizar sobre este tema. Son seis baseadas en situacións reais dirixidas por Sigal Avin.

Visto aquí.

'O XEFE'




'O FOTÓGRAFO'




'O DOUTOR'




'O COMPAÑEIRO'




'O ACTOR'




'O POLÍTICO'

27/04/17

Arroz con leche

Fermosísimo poemario de Natalí Tentori que recibiu o IX Premio Internacional Ciudad de Orihuela de poesía para niños que publica Kalandraka coas ilustracións de Elizabeth Builes: Arroz con leche é un conxunto de poemas tenros e liberadores, poemas de solidariedade e lirismo que traspasan fronteiras para xogar co lectorado e a súa fantasía, a maxia do intanxible, daquilo que non se pode ver a pesar de estar aí, a maxia de tecer con fíos invisibles teas de cores imposibles que non precisan rima para ganduxar ouro coas palabras. E precisamente chama a atención que os poemas, para a ifancia, non teñan rima, algo que fai que gañe puntos dende o meu punto de vista. Porque incide en destacar os elementos que conforman cada poema, resaltar esas cousas cotiás que se mencionan neles, a figura feminina como vínculo, o ritmo do léxico que nos levas a terras afastadas, a natureza como protagonista de imaxes que trazan retratos que traspasan a fronteira dos bocetos, a cor, reivindicada polas ilustracións lenes, suaves, delicadas, sensibles.
Universo feminino:

Arroz con leche
yo quiero encontrar
a una compañera
que quiera soñar

que crea en sí misma
y salga a luchar
por conquistar sus sueños
de más libertad.


 

Girls of Paradise

Nunha semana, 600 homes que chamaron para pedir ao sitio Girls of Paradise (web www.girlsofparadise.sex) "os servizos dunha acompañante" souberon que todas esas mulleres elixidas estaban mortas, asasinadas por outros clientes. 
O sitio web é ficticio, e é parte dunha demoledora campaña dunha organización que traballa para abolir a prostitución. 
Pero esas mortes non son ficticias. Eran mulleres reais que foron asasinadas.
Aquí tedes mási información.



26/04/17

Nunca mascotas

Paula Carballeira achégase a un novo mundo poética a través da editorial Galaxia con Nunca mascotas, defendendo o punto de vista animal que non ten por que servir como "mascota" dos humanos posto que eles teñen a súa propia dignidade e independencia. Por iso o libro é unha reivindicación da liberdade, tanto persoal como colectiva. Unha liberdade tan necesaria como a existencia de leis xustas. Eu, non sei por que, pensei inmediatamente na maternidade subrogada, porque esas mulleres que "aceptan" levar no seu ventre o aluguer dun neno, non ten a liberdade necesaria para decidir, pertence a alguén, ou a algo, neste caso á necesidade de supervivencia. Por iso pareceume que o de "nunca mascotas" era unha metáfora especial, un sinónimo de desexo de liberdade, unha advertencia de que ninguén pode ser propietario doutro ser vivo. O feito de que o título escollido sexa feminino tamén me leva á loita pola igualdade. Paula Carballeira xoga coas palabras e cos recursos, procurando unha reflexión agochada tras emocións ou sentimentos. Nesta reflexión a liberdade é o punto principal a acadar.
Os poemas están protagonizados por animais de todo tipo: insectos, paxaros, peixes, mamíferos... e con eles como representates paseamos por unha sociedade dominada pola soidade, o medo, a discriminación... pero nesta sociedade, aínda así, queda espazo para a parte positiva: a tenrura, a amizade, a esperanza.
Así é a vida real, contraditoria.

O día a día do racismo

Seguramente, non sabemos que estamos a falar dun xeito racista. Moha Gerehou explica neste vídeo a orixe racista destas expresións que se utilizan a cotío.


25/04/17

Ernesto e Celestina, músicos da rúa





A editorial Kalandraka achéganos este álbum de Gabrielle Vincent titulado Ernesto e Celestina, músicos da rúa, un libro que forma parte dunha colección de trinta libros con estes dous protagonistas, Ernesto, un oso un tanto refunfuñón e a pequena rata Celestina, orfa acollida polo oso. Dous personaxes diferentes que saberán convivir grazas a esas diferenzas e que neste libro apreciámolas nas actitudes que toman ante un problema concreto e cotián: ela é todo optimismo e iniciativa mentres que el representa o pesimismo e a covardía. Pero o que destaca é a tenrura co que se trata todo o conxunto, e como a amizade e a xenerosidade que esta conleva son as verdadeiras artífices dunha perfecta convivencia e dun amor especial que destilan nas emocións do relato, un relato adobiado por ilustracións brillantes realizadas en acuarelas.



 

"Bogotá, Bacatá, yo que sé..."

Sen diálogo, só coa xustaposición das primeiras imaxes captadas dende hai cen anos da capital, Juan Andrés Rodríguez amosa o pasado da cidade nesta curta documental: a natureza virxe, as faces dos colonizadores, a construción da urbe... unha reflexión sobre a orixe da cidade e as persoas que nela viven.
Vía


24/04/17

Leer en corto

Storia dell'Umanità

Ilustracións de Milo Manara para representar a historia da Humanidade, ou sexa, do patriarcado, do machismo e da cosificación da muller: guerras para conseguir máis sexo, máis guerras para xerar riqueza para ter máis sexo...
Visto en Cultura Inquieta.











23/04/17

Una cita de mierda

Director: Roberto Montalbo
Guión: Mateo Garlo
Actores: Natalia Rodríguez e Alfonso Bassave
Curta finalista do premio Self Bank -Hazlo a tu manera- da pasada primavera.


A cazadora de estrelas

María Canosa está a se converter nunha das grandes da nosa LIX. Coido que pouco a pouco ten ido mellorando e converténdose nunha boa escritora que sabe redondear os libros dirixidos á rapazallada. Volve a demostralo arestora con este libro que publica Xerais (ilustrado por Dani Padrón), e que curiosamente foi Finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil nos anos 2015 e 2016. Ou sexa, estivo dous anos seguidos entre os tres primeiros. E non é de estrañar (lembremos que tamén o foi no ano 2014 con Rubicundo, para min o seu mellor libro), xa que A cazadora de estrelas ten unha como protagonista unha moza afouta que non precisa de ninguén para saber que a honradez é o ben máis prezado que temos e que debemos defendelo por riba de todo. Tamén hai, subrepticiamente, outros temas de interese agochados na narración, curta, que temos diante: a sociedade patriarcal e a aparencia pululan entre as liñas que María Canosa deita sobre ese mundo fantástico que nos describe. Un mundo que pode non resultarnos alleos xa que tamén hai que loitar contra unha trama de corrupción e a envexa que calquera ser humano pode sentir.
De certo, un libro que vai gustar a nenos e nenas.

Non á violencia contra as mulleres (DXIII)




Aranya Johar recita un poema contra o machismo e o abuso sexual na India.
Unha iniciativa chamada "UnErase Poetry" propón difundidr polo seu país o "spoken word", un xénero poético vinculado á oralidade, ao ritmo e á memoria, é unha platafomra para expresar emocións e sentimentos sobre temas significativos.
«El primer chico que cogió mi mano dijo
los chicos no queremos saber nada de vaginas sangrantes
y mi joven yo pudo oler la misoginia
las vaginas solo valen para ser folladas,
los pechos solo valen para ser chupados,
las bocas solo valen para chupar».
«Cuando tenía 12 años los tirantes
de mi sujetador fueron sexualizados.
Al mismo tiempo, no teníamos malditos derechos sexuales.
Mi tía fue violada por su marido
pero la violación marital está bien».





 

22/04/17

Dernier Acte

Dernier Acte from Chabrier Daphné on Vimeo.
 
Vía

Mi querido gatito


Unha vez máis, é a editorial Barbara Fiore a encargada de nos traer o mundo máxico e poético cheo de cor de Jimmy Liao con Mi querido gatito, un libro que fala de soidade dende o punto de vista gatuno; un punto de vista moi humanos pois as palabras serven para nos transmitr o que é a tristura dun xeito poético. Jimmy Liao ten esa capacidade que observamos en moitos dos seus libros: con el sentimos empatía ata por un animal que nos podería deixar máis ou menos indiferentes. Pero el sente un amor especial cara a eles e nós canda el coa súa lectura.









s/t

Publica a editorial Xerais o III Premio de Poesía Gonzalo López Abente, s/t de Emma Pedreira, un "S/T" do "sen terra" por estarmos ante poesía da desposesión e da perda, da morte e da morriña. Hai dor por non sermos quen de pór nome a aquilo que nos importa, aquilo que nos conmove. Ao seu carón, a memoria e o esquenzo, esa memoria que pode permanecer para sempre na escrita, para tentar que nunca pase ao lugar das sombras, a unha ferida permanente que non cicatriza. E para non esquecer, para gardar a memoria, para que as palabras flúan como flúe o "Eume", pema final, está este libro de poemas, que reconstrúe e evoca espazos, lugares, tempos, unha infancia case afastada e unha luz que ilumina os pasos arrincados da soidade, os pasos que marcan o camiño da vida, os pasos dados sobre os que non se pode volver doutro xeito que non sexa a palabra.

O exilio só existe con retorno.
O outro chámase olvido.

21/04/17

I Got That Flow

Venezia

David Pintor ofrécenos agora a súa particular visión desta cidade marabillosa e única, Venezia, como xa fixera anteriormente con Compostela, Lisboa e Barcelona, todos eles publicados por Kalandraka. Venezia é un caderno de viaxe que nos leva polos lugares máis emblemáticos, eses que visitamos co corazón en tantas películas e que resultan inesquecibles para o viaxeiro que tivo a oportunidade de chegar ata alá. Así que abride ben os ollos e sentide a luz que vos asolaga neste paseo en bicigóndola, mentres imaxinación e realidade se mesturan porque ambas teñen cabida neste libro de viaxes tan particular baixo a atenta ollada de gatos e pombas.
Por certo, o libro trae sorpresa!
 
 

20/04/17

Offshore

Meu pai, 97 anos, é fan dos libros de Petros Márkaris, así que tan pronto soubo que tiña novo libro pediume que llo mercase. Logo, xa mo pasaou. Pero teño que dicir que non me gustou tanto como en anteriores ocasións, non sei se porque todo cansa ou polo meu propio momento lector. Offshore, publicado por Tusquets, insiste no tema da crise económica como telón de fondo para entretecer toda a historia da novela e da procura detectivesca; desta volta, o que fai o autor é inventar unha Grecia que sae da crise de xeito milagreiro e que en realidade será grazas aos paraísos fiscais e ao diñeiro negro, unha sociedade que pode matar impunemente para que os negocios sigan a estar ocultos; pero a sociedade prefire en xeral mirar cara ao outro lado e pensar que todo vai así ben, non importa a procedencia dos cartos, importa o benestar social.
Unha vez máis, Márkaris pon a novela negra en función da novela social, os asasinatos deste libro son ocultos polos poderes instaurados e o inspector, semella, deberá amoldarse a esta nova situación, porque é perigoso saírse do establecido. 
Corrupción. Diso vai. Vaia, podería situar a acción en España e resultaría igual de crible.




Fíos Fóra. Historias de obreiras entre costuras e patróns

Fíos Fóra. Historias de obreiras entre costuras e patróns from Illa Bufarda on Vimeo.

19/04/17

Tam, Tim e Tom

OQO publica Tam, Tim e Tom de Roberto Mequita e Paolo Domeniconi, un álbum infantil escrito a partir dun dos contos dos irmán Grimm que fala do valor de compartir, de realizar tarefas en común e sobre de equidade e de xustiza. Pero para chegar a esta conclusión necesitamos dun animal que aparentemente serve para crear discordias, como é o caso do corvo, que nos fai lembrar outros contos nos que sementa precisamente inimizades. Porén, o que nun principio parecía non ter solución, remata cun equilibrio necesario.






Refugiada. La odisea de una familia

Este álbum ilustrado que nalgunhas páxinas achégase ao cómic,  Refugiada. La odisea de una familia,  é obra de Tessa Julià  coas ilustracións de  Anna Gordillo publicado pola Editorial La Galera, un libro solidario xa que unha parte dos seus beneficios son para a ONG de rescate de refuxiados Proactiva OpenArms. Chama a atención polas súas ilustracións, moito azul, algún branco e moita escuridade, que repasan a vida dos refuxiados protagonizados por unha nena sen nome que fala da dureza do camiño de fuxida, das rabietas que como nena sente por verse despoxada daquelo que tiña, da estrañeza de atopar tantas caras coñecidas na súa fuxida, e sobre todo as súas propias necesidades como nena: queres xogar? Unha obra dura e necesaria que repasa os sentimentos de millóns de persoas, procurar vivir nun novo fogar que vén a ser un teito precario e un lugar inexistente.



18/04/17

21 relatos contra el acoso escolar


Traballando no centro contra o acoso escolar e mergullados no programa TEI (son titora dun 3º de ESO) chegamos hai tempo a este libro moi recomendable sobre o tema que publicou a editorial SM co título 21 relatos contra el acoso escolar. Por suposto, e como ocorre en todo libro de relatos, uns gustan máis ca outros, pero en xeral é un libro moi bo que axuda a reflexionar sobre o tema.
Ana Alcolea, Montserrat del Amo, Elia Barceló, Lola Beccaria, Martín Casariego, Agustín Fernández Paz, Carlo Frabetti, Espido Freire, Ricardo Gómez, Alfredo Gómez Cerdá, César Mallorquí, Andreu Martín, Gustavo Martín Garzo, Gonzalo Moure, Emilio Pascual, Rosa Regàs, Marta Rivera de la Cruz, Jordi Sierra i Fabra, Care Santos, Lorenzo Silva e o  ilustrador Carlos Giménez procuran unha atemática común dende diferentes perspectivas. Así, por algunhas das súas páxinas pasearemos polo silencio das vítimas, outras falarannos da desolación que provoca a violencia e outras farannos saber os problemas psicolóxicos que magoan unha vida enteira.

17/04/17

O oso e o piano

En Hércules ediciones atopamos este libro de David Litchfiel co título O oso e o piano, un álbum de calidade que recibiu numerosos premios como o Waterstones como Mellor Libro Ilustrado 2016.  Un libro que fala sobre todo de amor, amor pola música pero tamén pola familia e polos amigos, máis alá de calquera ambición ou egoísmo. Por iso o texto é sobre todo lírico e delicado, un libro que lemos cal partitura musical, xa que tanto a ilustración como o texto está impregnado de sensibilidade e refinamento.






Teoría do riso

Na editorial Xerais, na súa colección de Poesía, podemos atopar esta Teoría do riso de Antón Patiño, que máis ca un libro de poemas semella un libro de intervencións poéticas, dada a raíz do autor, a pintura; así como é posible realizar intervencións pictóricas o autor agasalla desta volta con intervencións poéticas onde a ollada pinctórica é visible tras as palabras; o pincel pinta retratos a base de sílabas que se unen con espazos para separar, con frases para transmitir; unha paleta de cores que é unificada por unha palabra que baila sobre o lenzo, o riso. Unha ollada non exenta de ironía e subversión que ofrece con humor unha diferente percepción da realidade. Ben nos cómpre rir, abofé.

Home invisíbel busca
     muller transparente
para facer cousas
     nunca vistas
(Un riso transversal
      percorre o texto)

16/04/17

Caramulo e a carpinteira dos soños

Na mesma colección có anterior, tamén con texto de Anxo Moure e ilustracións de Cristina Ouro, a editorial Baía preséntanos Caramulo e a carpinteira dos soños, unha pequena homenaxe ao traballo dos carpinteiros que dan vida coas súas mans á madeira, pero tamén unha homenaxe aos contos tradicionais e á fantasía popular. De fondo, como é habitual neste autor, a defensa ecolóxica, desta volta das árbores, esas tan necesarias para o medio ambiente e que no noso país semella que esteamos empeñad@s en que desaparezan a base de queimalas -non esquezamos que estamos en abril e xa comezaron os incendios, sobre todo na provincia de Ourense como vén sendo habitual-.

A xacia Luviñas

Reedita Baía este conto de Anxo Moure con ilustracións de Cristina Ouro en tapa dura, un libro xa coñecido nos colexios porque o seu autor é un contacontos ecoloxista que deixa pegada alá por onde vai. Neste libro fálanos da importancia de coidar os noso ríos, por iso a protagonista é unha muller-peixe que vive neles e que necesita que estean limpos. 
Un conto deses que forman un ronsel de intencións que debemos cumprir.


"...os ríos tendes que escoitar cantar, as árbores tedes que abrazar, e moitas cariciñas tendes que dar..."

Os fillos da fame

Ismael Ramos é o autor de Os fillos da fame publicado por Xerais e galardoado co Premio Johán Carballeira de poesía no 2015. Poesía sorprendente case narrativa onde o mar, un mar lírico e profundo, é o protagonista indiscutible e ao mesmo tempo memoria de morte e de soidade. Por iso as palabras falan dende o máis profundo do océano, ese agocho que as persoas tentamos permaneza na memoria esquecida de nós. Polos seus versos pasea o amor, a morte, a vida, o misterio... todos os sentimentos cos que as ondas do mar fan subir e baixar as mareas.


Negar o azul é máis que nomealo. Non falarei do mar:
xa non se pode. Pero entón de que? O amor sucede nun
coche e case nin vemos o mar pola néboa pero está aí.
Case non hai pobo pero está aí. O amor é un corpo. O mar
é un corpo cheo de corpos que non poden falar. O amor
é un pobo que non pode falar.

Non á violencia contra as mulleres (DXII)

Ahora o nunca
Agora ou nunca

Unha alumna de Bacharelato de Albacete protagoniza esta curta presentada ao  7º Short Movies Festival do IES Diego de Siloé, denunciando os alicerces dunha lacra dende o promeiro día de nacemento e convidando a reflexionar sobre como só educando se pode facer fronte a esta traxedia.



15/04/17

As Irmandades da Fala

Pepe Carreiro achéganos dun xeito lúdico á nosa Historia, como xa fixo en anteriores ocasións. Desta volta agasállanos a historia d' As Irmandades da Fala, no meso formato e na mesma editorial, Baía. Non pode haber mellor maneira de aprender que con estes libriños tan xeitosos, que con texto e viñeta profundan nun momento tan importante para nós como foi o primeiro terzo do século XX, ese que se veu truncado por unha guerra inxusta que nos quitou tanto conseguido. O autor analiza e peneira o máis relevante do movemento, tanto do contexto no que se sitou como o nacemento e a súa posterior evolución para nos mastigalo con esa dose de humor que o caracteriza; humor e ironía, ou sexa, a nosa retranca que vén xa dada no subtítulo: “Nin provicialismo, nin rexionalismo, nin galeguismo: nacionalismo!”. 
Unha vez máis, por tanto, acerta Pepe Carreiro con este tipo de libros que ofrecen honestidade histórica, humor, ilustración e atractiva síntese. Saberemos un pouco máis de quen somos grazas a el.


Agni e a chuvia

Dora Sales describe en Agni e a chuvia a difícil vida nos barrios pobres da India, coas ilustracións de Enrique Flores o libro está publicado por kalandraka na nosa lingua. Si, estamos a ler unha historia triste pero real, a que viven a día de hoxe millóns de nenos e nenas que non teñen dereito a ir á escola, que teñen que erguerse moi cedo para ir traballar e axudar no sustento familiar, que é ben escaso. Porén, a historia non está contada dende a melancolía, senón dende o optimismo, dende a esperanza de poder ir mudando pouco a pouco a sociedade tan inxusta que mantemos. Por iso este é un libro necesario, porque os nosos nenos e nenas deben coñecer que existen outras realidades tan diferentes á que eles e elas viven e que non dan valor ao que teñen. Detrás desta historia temos a reivindicación necesario dos dereitos humanos para a infancia. E por eses dereitos debemos loitar.
Un libro que fala do día a día dun neno que olla o futuro con esperanza, un neno que non sabe ler, pero que é espelido e sabe situar xeograficamente ese mundo que quere percorrer. Un neno que non ten auga na súa casoupa e debe ir por ela, un neno que traballa arreo o día enteiro, pero aínda lle quedan folgos para xogar ao fútbol, un neno que sabe que a pobreza é invisible porque así non se fala dela.
Un libro necesario? Non, o seguinte.



14/04/17

Mycelium

Willy y la nube

Anthony Browne é un dos grandes e sempre paga a pena achegarse a algún dos seus álbums; desta volta tocou turno para Willy y la nube publicado por Fondo de Cultura Económica. O protagonista é coma decote o pequeno chimpancé, quen ten que se enfrotnar a unha nube que o tolea; outra vez mestura imaxes hiperrealistas con situacións absurdas para falar de sentimentos e superacións de situacións medoñentas.







Nos podes ser o que non podes ver

Campaña dun club escocés para visibilizar o deporte feminino con dúas estrelas do equipo, que son descoñecidas porque a cobertura deportiva no Reino Unido (e aquí) só se interesa polo deporte masculino: 


13/04/17

Hermano de hielo

Unha amiga especial -ou guía espiritual lectora- agasalloume este libro mencionando o especial que é. E cando o comecei, quedei estupefacta, porque non tiña nin idea de a que me enfrontaba. Un ensaio? Un tratado sobre os polos? Pero vindo de onde viña decidín proseguir coa lectura (seguramente se non viñese tan recomendado tería a tentación de deixalo). E que ben fixen seguir! Hermano de hielo de Alicia Kopf (nome artístico de Imma Ávalos) publicado por Alpha Decay é un lugar de convivencia entre ensaio e ficción, entre metáfora e realidade, entre información e novela, entre amor e desánimo. Así que ademais da información que se nos dá na primeira parte do libro (a de ensaio) sobre aqueles homes que querían ir máis alá do coñecido para conquistar os Polos (Scott, Amundsen, Shackleton), os tipos de neve, as viaxes..., temos o relato autobiográfico dunha moza que vive, que loita por vivir e independizarse, que fala das súas relacións familiares e amorosas cun só eixo: o do seu irmán autista, sen facer que isto sexa protagonista nin dote ao libro dun manual de autoaxuda. O libro lembra a precariedade laboral, a dificultade da xente nova por ter un traballo digno, da emigración imposta, da crise: denunica social que tampouco é protagonista. A última parte, a súa viaxe a Islandia, é quizais a peor porque é unha crónica lineal que nada aporta á liña xeral.
O libro é pois unha novela diferente, que sorprende, que pode facernos preguntar que estamos a ler, que se afasta de calquera arquetipo. Por iso ten mérito. E por iso é recomendable. 
E tamén, porque ter un irmán de xeo é un xeito doce de achegarnos a un mundo para tantas persoas descoñecido: o do autismo. Unha metáfora da sociedade na que vivimos, esta que conxela tantas veces os procesos de comunicación.





12/04/17

Legal eyes

Videoclip con distintas técnicas de animación e para pedir a legalización da marihuana.
Vía


Paseo


Se es amante dos libros, se che gustan as ilustracións sobre libros, non vas deixar escapar este álbum. De seguro! Paseo de Jungo Lee publicado por Barbara Fiore fundaméntase neste amor, unha homenaxe preciosa á literatura e á súa función de nos pasear por outros mundos, aqueles que non teñen límites, aqueles que sen eles non percorreriamos. Abre as fiestras e asómate a ese mundo poético que nos ilumina, un mundo de libros, de metáforas, de soños, de maxia. E non as peches nunca.





11/04/17

A cloudy lesson



Vía

Airiños aires Rosalía

Precioso libro que Xurxo Lobato dedica a Rosalía baixo o título Airiños aires Rosalía: 57 fotografías entre as que se atopan os lugares polos que ela paseou ou os monumentos no seu honor erixidos, recreando así o mundo rosaliano tanto cos lugares que ela habitou como aqueloutros que lle serviron de inspiración.


10/04/17

En só tres minutos

A complexa guerra de Siria explicada en tres minutos a través dos ollos dunha nena


09/04/17

Primeira semana na escola de vacas

A editorial Patas de peixe volve agasallar á nosa lingua cun divertido álbum de Andy Cutbill ilustrado por Russell Ayto: Primeira semana na escola de vacas é a continuación de A vaca que puxo un ovo que xa nos sorprendera daquela. Con esas ilustracións cheas de humor e un texto que nos leva da man cara á diferenza e a aceptación pero con xeito paseamos por unha escola onde as vacas aprenden aquilo que lles é "normal"... e se es filla dunha vaca pero es diferente??? Pois a escola tamén pode dar resposta a iso. Aínda que sexa cunha pequena axuda.

Non á violencia contra as mulleres (DXI)

Fuera pulpos
 CCOO 


08/04/17

Carlos Casares. Vida e literatura

Publica Xerais este Carlos Casares. Vida e literatura de Damián Villalaín para achegar a figura do homanexeado nas Letras Galegas á rapazallada dun xeito ben ameno, convértendoo deste xeito nun libro esencial para o ensino nestas datas. Estou certa de que o feito de que o autor fose amigo de Casares resulta esencial para que o libro  goce dun agarimo especial que se nota en cada páxina de lectura, xa que consegue que esta biografía sexa un percorrido vital interesante, ben documentado e ao mesmo tempo sinxelo e acaído para unha franxa de idade que podería rexeitar a lectura de biografías.
A infancia, esencial para a creación de personaxes literarios. A adolescencia, tempo de descuberta da súa inquedanza literaria. A etapa universitaria, formación de galeguismo. Publicacións, traballos... nove capítulos para debullar unha vida esencial para a nosa cultura. Entre as páxinas, transcrición das palabras do autor e fotos.

    

Valentía, non perfección

Reshma Saujani, fundadora de "Nenas que codifican" (Girls Who Code): Ensinemos ás nenas valentía, non perfección


07/04/17

Abejas

Ultimamente a editorial Maeva sorpréndenos gratamente con cada novo álbum que edita. Este que vos traio hoxe merqueino para a biblioteca porque é importante dar a coñecer e transmitir a importancia das abellas, por iso leva por título Abejas, sendo de Piotr Socha. Impresionantes ilustracións para lembrarnos que son imprescindibles para a nosa supervivencia e que están nun momento crucial. Polas súas páxinas veremos como o ser humano se beneficia do seu traballo, dándonos asemade información sobre a súa estrutura social, a súa linguaxe, o seu xeito de comunicación... As abellas son responsables da polinización, e mediante esta fecúndanse as flores e dan froitos e sementes. Semella pouco, quizais, pero é importantísimo para a nosa propia supervivencia. Por iso hai que protexelas. E para darnos conta de, entre outras cousas, todo isto, temos este álbum xenial de gran tamaño.

Feminismo Radical. Introdución.

Aclarando conceptos básicos:


Ter o máis modesto

Cada día, 2000 nenos morren por culpa da diarrea, enfermidade que ten a súa orixe na ausencia de auga potable. Cales son as causas? Mirade este vídeo:




Hoxe é o Día Mundial da Saúde.
 Vía

06/04/17

Marcopola: Avoa Power

Jacobo Fernández Serrano realiza unha nova entrega das aventuras desta Illa Remeira que publica Xerais: Marcopola 4. Avoa Power vén cos personaxes que xa coñecemos e uns novos, xa que a protagonista desta volta será unha avoa cun marabilloso poder pintor. Semella que Jacobo mellora con cada entrega de cómics, este pareceume xenial e con moitísimo traballo, xa que ten páxinas abafadas de viñetas e de información. Unha pasada! Sinceramente, coido que é unha das mellores ferramentas que temos hoxe en día para achegar un cómic na nosa lingua á rapazallada, esa que, curiosamente, quedou esquecida deste xénero literario que a min conformoume como lectora. Moi necesaria esta Marcopola e calquera outra iniciativa comiqueira infantil en galego. Aquí temos orixinalidade e humor, pero sobre todo temos maxia, e iso é un ben moi prezado. A personaxe da avoa é impagable, pero todas as páxinas teñen unha construción impecable.
Por certo, aínda pensades que as patacas veñen da terra??? Teredes que ler o libro para saber a verdade verdadeira.
"Xapó". Xa podes seguir, Jacobo. Esperamos máis entregas.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.