Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/09/25

La Maleta



 Precioso álbum este publicado por La Galera de Chris Naylor-Ballesteros: La Maleta trata o tema da emigración que está baseado na solidariedade e na esperanza. Porque esta é a que destaca sobre todo o álbum e o que o fai realmente especial. 

En forma de fábula, onde os animais son os protagonistas, este álbum ilustrado comeza cun animal que debe fuxir do seu fogar e debe traer con el todas as súas lembranzas agochadas metaforicamente nunha maleta. O xeito de estar contado espertará sen dúbida ningunha o corazón das persoas, máis nestes tempos tan difíciles nos que a extrema dereita está a maltratar aos inmigrantes. Destaca a bondade e a empatía ante todo destes animais que acollen sen fisuras ao recén chegado.

As ilustracións son sinxelas, coloridas sobre fondo branco, utilizando asemade diferentes tipografías para cada personaxe. Ideal para contar entre varias persoas e para entender o conflito da emigración



"Un día llegó un animal extraño. Estaba sucio, cansado, triste y asustado. 
Cargaba con una maleta grande" 

21/09/25

Maniac

 


Había que ir a Maniac de Benjamin Labatut publicado por Anagrama. Unha obra inclasificable a medio camiño entre a novela e o ensaio que conta achádegos para comprendermos a historia recente a través da ciencia. Un xeito de poder entender un pouco mellor como o ser humano pode ser completamente irracional e se este fai política xa temos o cóctel molotov máis perigoso feito.

Un paseo polos últimos cen anos englobando a física cuántica, a computación e a intelixencia artificial, sempre tendo en conta a fabricación da bomba atómica a través das vidas do físico Paul Ehrenfest, o matemático Johnny Von Neumann e Lee Sedol, xogador de go. Cada un deles ten unha parte do libro, con maior extensión para o segundo.

O libro que temos entre as mans vén a ser un retrato dos xenios, humanos que son xenios, pero que ao mesmo tempo das súas luces teñen as súas sombras, ou mesmo tebras. Como luces e sombras hai na sociedade e no pasado século, Maniac repasa a súa política axitada, revisa o presente e pregúntase sobre o porvir, e aí ten moito que dicir a ciencia, quen -de seguro- axuda a deseñar un futuro que, dubidamos ante a nosa actualidade, non será mellor.



07/09/25

La biblioteca de la medianoche


 Lin nalgún sitio que este era un libro moi bo e decidinme por el. Pero o certo é que me defraudou. Estou a falar de La biblioteca de la medianoche de Matt Haig, publicado por ADN. Por momentos, case semellaba un libro deses de autoaxuda que convida a reflexionar sobre os erros que cometemos na vida e como debemos de mirar cara adiante porque no noso interior gardamos a forza suficiente para loitar contra o que nos veña e conseguir o que nos propoñamos.
Si é unha reflexión sobre a vida, xa que no libro á protagonista danlle a oportunidade de cambiar a súa vida e vivir outras vidas que elixiu desbotar, ata que topa o que ten que facer: ser ela mesma. Por iso, a lectura convídanos a vivir canda ela e sermos partícipes das súas inquedanzas e das súas angurias, que a levan nun principio a non querer vivir.
A idea principal que serve de fío condutor é a depresión e o intento de suicidio. Ao seu arredor, a esperanza, a aprendizaxe, o pesimismo... todo o que significa vivir. Ou sexa, loitar, xa que a vida é precisamente iso: unha loita continua. Pero é canto temos.
Así que si, sorprendeume a lectura pero, repito, non é un libro que recomende. 




05/09/25

Sin transición. Una nueva historia de la energía


 Unha sorpresa libresca... e enerxética, cando menos para min, que pouco sei destes temas. Jean-Baptiste Fressoz escribe en Sin transición. Una nueva historia de la energía, publicado por Arpa, un libro que nos instrúe sobre como esa transición enerxética da que nos falan, é falsa.

O autor explica que a historiografía ten unha visión "fasista" da evolución dos materiais pero a realidade é que todo se superpón en lugar de substituírse, é dicir, unha adición. En lugar de producirse unha competencia entre os recursos, ocasiónase unha relación simbiótica; de aí que non se reduza o consumo dalgúns materiais, senón que cambian de función.

Un exemplo moi chamativo resultou ser o dos coches eléctricos, eses que nos venden como os de enerxía máis limpa. Pois ben, para facelo utilízase grande cantidade de aceiro, que emite moitísimo CO2. Falamos da eliminación do plástico, pero atopámolo nunha cantidade inxente de embalaxes.

E moitísimos exemplos máis.

Con todos eles, amosa o autro como os recursos enerxéticos e materiais relaciónanse entre eles e compleméntanse. Así pois, existe a evidencia histórica que contradi as teorías gubenamentais e empresariais das transicións enerxéticas.

Queda unha co ánimo pesimista. A tecnoloxía non vai solventar os problemas medioambientais que xa temos e que van en aumento, e os gobernos seguen amparándose tan só nun paraugas económico que non se detén a contemplar un planeta que se deteriora a pasos axigantados.

.

04/09/25

Volver

Volver. Volver ao blogue. Volver á lectura. Volver a vós.

Nunca pensei, e dóeme ata verbalizalo, que ía vivir unha crise lectora semellante. Un tempo de transición que me levou lonxe deste espazo.

Teño que dar as grazas a algunhas persoas que me comprenderon, e a outras que me animaron. Entre elas, houbo dúas que neste verán déronme un empurrón vital que que quizais fose determinante: Fran Alonso, que me transmitiu o moito que se botaba de menos este blogue na rede, e unha veciña de Lalín que me parou un día para trasladarme o seu pesar polo meu silencio blogueiro. 

Así que aquí estou, de volta. Ata temos Instagram, grazas á miña Lara querida, por suposto.

Volver tamén ás aulas.

Isto significa pensar nos quefaceres e materias deste curso inminente. E xorde a palabra NEUTRALIDADE que nos ofreceu o Conselleiro de Educación como despedida do curso anterior. Así que hai que repensar o que -case- esquecemos no verán. 

Eu, como tantas outras compañeiras de profesión, non entendo esta sen actividades. Actividades que axudan á formación do alumnado fóra das materias. Actividades para reflexionar sobre a Igualdade, o racismo, a violencia de xénero, o medio ambiente, a identidade propia, o bullying, outros modelos de sexualidade... Tentamos formar o noso alumnado, e sobre todo desexamos que teñan un espírito crítico co que andar por esa vida exterior que os agarda ao rematar os estudos nos institutos.

Significa a "neutralidade" non tocar ningún destes temas?

Pretenden que eu, como profesora de Lingua e Literatura Galega, non dea unha parte do currículum chamada "Sociolingüística"?

Pretenden asemade que non realicemos comentarios críticos sobre textos de actualidade?

Como anceian que formemos ao noso alumnado pasando de crequenas ante o que sucede ao noso arredor, sen que aprendan a abrir os ollos, sen que aprendan a distinguir unha "fake new"? 

Non, o noso deber como ensinantes non é a neutralidade. O noso deber é abrir as fiestras con olladas críticas que saiban ir máis alá dos silencios. O noso deber é ENSINAR. Palabra máxica que aínda nos conmove. E que non debemos deixar morrer tran unha ficiticia "neutralidade".


31/08/25

Fantástica historia de amor


 Gustoume moito esta proposta da editorial NórdicaFantástica historia de amor de Sophie Divry. Gustoume aínda que a ollada que eu dirixira ao libro era diferente; ou sexa. eu agardaba unha lectura máis feminista (a autora é unha activista dos movementos feministas) e menos intrigante, a pesares de que a contracapa xa avisaba que o libro toma prestados os códigos do "thriller".

Certo é que se nota que o libro está escrito por unha muller, polo coidado que deitan as palabras cando describe a paixón e a sexualidade dos personaxes principais, e porque hai detalles que o reconfirman ao longo de toda a historia; a intriga vén dada por unha investigación desenvolvida no CERN, que dá asemade máis interese á historia.

A historia resulta moi áxil porque se alternan os capítulos entre o "el" e o "ela". E a medida que avanzamos na lectura as coincidencias sucédense mentres o lectorado desexa que se topen xa dunha vez. "El" narra en primeira persoa; "ela" en terceira. Haberá algúns capítulos cara ao final que serán protagonizados por algúns outros personaxes, pero serán moi poucos e necesarios para resolver a trama do "thriller". 

Fóra do misterio por resolver, está a soidade. Unha soidade que ela cura con encontros sexuais e que el cura coa igrexa; por suposto, nin a unha nin o outro serán felices ata que se topen. E este enxalzamento do amor chamoume a atención, xa que aínda que a maior parte do libro estea dedicado a topar a solución requirida (non hai detectives nin asasinatos pero si un problema), o título deixa claro que o importante é precisamente este amor que xurdirá entre as tebras dos protagonistas, un amor que por outra parte semellaba formar parte do destino de ambos por esas coincidencias que mencionamos anteriormente. Quizais estas coincidencias se circunscriban ao fantástico: os personaxes son reais e confiren veracidade á lectura. Pero tamén a Amizade é unha parte moi importante no libro, para ambos personaxes, porque poden sosterse nos verdadeiros amigos e amigas cando o precisan. E isto, así como as preocupacións que calquera de nós pode sentir en determinados momentos, están moi ben reflectidos no libro.


28/08/25

La vida perfecta de Wiliam Sidis

 


Morten Brask é o autor de La vida perfecta de Wiliam Sidis, publicado por Duomo. Tal como di a contracapa, unha novela sobre a vida de unha das mentes máis prodixiosas de todos os tempos. Unha mente, por certo, totalmente descoñecida para esta que escribe.

Unha vida que é contada marabillosamente grazas ao xeito de escribir do autor. Non só é a historia do xenio, senón que é unha novela que axuda a emocionarse, a entender e comprender que ser un xenio non é unha "graza divina" senón unha maldición enorme. Tanto, que seguramente o feito de non sabermos de quen trataba este libro é precisamente o que mellor lle puido ocorrer a Sidis. O que fai o autor é un traballo de biografía onde os flashback, analepses e prolepses  axúdannos a camiñar un territorio solitario, fanagoso e triste. Seguramente, aquí reside a maxia do escritor, en saber conducirnos lonxe dos logros para entender unha vida complexa onde a palabra "Amor", con todo o que esta conleva, non existe. O autor ten claro que presenta un cerebro excepcional que non quere selo, un xenio que destaca e que é sinalado polo resto da sociedade como un fenómeno tal que só provoca soidade, esta que illa por medo, por envexa, ou por falta de empatía. Claro queda que o privilexio da intelixencia nada ten que ver coa felicidade, en toda a súa extensión. 


25/08/25

Te receto un gato

 


Aclaro: Xapón por un lado e Gatos polo outro. Quen se resiste? Eu non, por suposto. Quen me coñeza, saberá ben o porqué.

Antes de falar do libro temos que falar dunha corrente literaria que provén de Oriente: o "healing fiction" ou literatura que cura; historias cotiás que rematan con optimismo e que conseguen un ánimo positivo no lectorado, un respiro para o espírito canso occidental.

Syou Ishida é a autora deste Te receto un gato, publicado por Planeta. Un libro entrañable, que contén cinco historias diferentes cun só fío condutor: a clínica Kokoro, unha clínica peculiar que se sitúa nunha calella escura de Kioto un tanto misteriosa (é a clínica a que atopa ao doente e non ao revés). E esta parte foi a que menos me gustou, porque sería prescindible ese desconcertante dato máxico e deixar que a peculiaridade do tratamento psicolóxico fose máis real. Porque un gato, ou unha gata, é quen de axudar a cambiar as vidas dos clientes da clínica. Así nolo fai saber esta lectura. Por suposto, non tedes por que crelo. Pero eu convídovos a probar. Sorprenderédesvos. No libro, cada un dos protagonistas topa o seu espazo porque os gatos os levan a lugares aos que nunca chegarían por si sós. Porque ter un gato significa, asemade, preocuparse por alguén máis que por si mesmo.

Por outro lado, e a pesar de que teño o prexuízo de pensar que a literatura xaponesa é moi lenta, o libro narrativamente déixase ler con facilidade e mesmo con dozura. Porque vai engatusando ao lectorado como o farían os mininos curativos. A lectura flúe soa e deixa un pouso de calma cando se pousa o libro. Resulta ser unha lectura engaiolante e lixeira, xa que a pesar da dor dos protagonistas que precisan ir a unha clínica psicolóxica, todas as historias acaban sendo acolledoras, cómodas. Se aínda por riba unha lectora coma min coñece a fermosísima Kioto, xa se pode gozar plenamente. 

Respecto e amor polos felinos é o destacable. As historias, curtas e doadas de ler, séntense amigables. En conxunto, unha lectura acolledora. Coma a miña gatiña!!!



20/08/25

Olvidadas


 Neste peculiar caos existencial de meu, mergullada nun afastamento lector/literario, volvo pouco a pouco a recuperar o bo costume da lectura, e para comezar -ou case- escollín unha novela negra; a escolla tampouco é fortuíta, xa que a miña necesidade de evadirme destes incendios que asolagan o país é evidente. Entre todas as novelas negras que me agardan nos andeis, despositadas pouco a pouco e sempre coa esperanza de seren lidas nalgún momento, fun a Bernard Minier; concretamente a este Olvidadas, publicado pola editorial Salamandra, porque me chamou a atención a sinopse: unha parte da acción desenvólvese na Galiza. Que un autor francés veña á nosa terriña, obviamente, empurroume para esta escolla. Seguramente tiña que ter empezado polo libro anterior que xa presentaba a esta protagonista, pero deume igual: o libro encantoume e cumpriu a súa función, a de non cavilar na estupidez humana que prende lume tras lume e nos deixa orfas de vexetación, de verde.

O que máis me gustou do libro, teño que recoñecelo, foi que este autor se convertese nun aliado, con toques feministas moi evidentes ao longo da lectura. A violencia contra as mulleres, o odio dos "incels"... reflexións moi pertinentes e ben traídas que dan valor engadido á lectura.

As páxinas transcorren por dous lugares de investigación e dúas tramas paralelas que nada teñen que ver entre si, agás a protagonista; por un lado, Galicia; polo outro, Madrid e Cuenca. No lado galego temos asasinadas mulleres anónimas; no lado madrileño as asasinadas son persoas moi ricas. Isto tamén dá pé a diversas reflexións de como a sociedade actual é totalmente inxusta,  e un certo xuízo político; movementos sociais, importancia mediática, e o pensamento lúcido de que, como non, hai vítimas de primeira e vítimas de segunda. Con todo isto temos unha novela negra atrapante (axuda o feito de termos capítulos curtos e ritmo intenso que non decae en ningún momento) e trepidante, que non queda na beira senón que chega ata o fondo con todo tipo de análises, incluída a web escura, a psicoloxía das persoas, a arte; ante todo, a denuncia do poder.

"No es fácil descubrir que nuestra capacidad de juicio moral depende del contexto, de la época y sobre todo del grupo al que pertenecemos, de nuestro entorno, y no de unos valores morales supuestamente universales(...)" (páx. 252).

A denuncia:

"También sabía que los hombres blancos heterosexuales como él se habían convertido en el blanco de las neofeministas, los homosexuales, los negros, los izquierdosos y otros LGTBQIA+" (páx 374).

As reflexións sobre a internet tamén son ben interesantes. Lembrar que a perversión xa non está soa, senón que ten eco e expansión dentro da web. Cavilar en como os peores aspectos dos humanos chegan a estar protexidos, aínda que ás veces prefiramos esquecelo, dá medo. Por exemplo, como xa mencionei anteriormente, o caso dos "incels", homes que fan comunidade na web e desenvolven unha misoxinia indubidable e monstrosa: acusan ás mulleres de todos os males do mundo e pretenden sometelas.

O feito de que sexa unha muller a protagonista tamén é relevante, porque é (e será, coido, proximamente) unha vítima destes incels. Por iso, aínda que novela negra, destaca esta parte feminista onde se amosa sen andrómentas a manosfera e o machismo social.


11/08/25

Un verdor terrible



 Un bo libro para ler sobre algo que nos pode ser tan complicado como é mecánica cuántica, ou tan afastado para algunhas persoas como son as matemáticas. Porque este libro trata ambos temas e asemade de científicos xeniais e humanos, persoas que non deixan de ser persoas e deben convivir co resto da sociedade sendo como son.

O autor, Benjamín Labatut, parte de sucesos reais para crear unha obra de ficción a medio camiño da divulgación científica. Catro relatos que deambulan pola Historia e os seus personaxes, viaxes polo século XVIII e polos campos deconcentración, un paseo pola Arte pola Química e mesmo pola Política. O autor ten oficio e sabe construír esta especia de literatura científica levándonos da man comodamente, incluída a metafísica.

Resulta que no fondo, coma a todo ser humano, o libro procura ENTENDER, así con maiúsculas, xa que se asoma ao que resulta incomprensible, no senso científico e non filosófico. Porque a ciencia procura explicalo todo e que non quede ningunha dúbida sen resolver. O interese, en parte, do libro vén da mestura entre o literario e o científico que se traduce á súa vez na mestura entre ficción e realidade.


19/06/22

O cervo e a sombra


 N
on sei por que nin como, pero pasáraseme este libro de Diego Ameixeiras: nin me enteirei da súa publicación! Pero agora puiden susbsanar o erro e achegarme a O cervo e a sombra, publicado por Xerais. Un libro desacougante onde cada folla contén o seu propio gume, polo que debemos extremar as precaucións na lectura. Isto é polo ritmo que nos ofrece o seu autor, nun Ourense de hai dúas décadas, nunha atmosfera abafante cun protagonista que se move entre o pesimismo e a esperanza; e isto é así, porque o mundo non é branco nin negro, o mundo ten toda unha paleta de cores que queremos atrapar para refuxiarnos nalgunhas delas, mentres esa negrume pretende asolagarnos ou mentres a brancura afástase silandeiramente. O abismo está aí, agochado. Dependerá de nós abrirlle as portas? Existe o destino contra o que nada podemos facer? Por iso a novela convídanos a ollarnos e a ollar, a remexer esas cicatrices que procuramos non agromen con facilidade; o autor convídanos, outravez si, a sentírmonos nós tamén protagonistas atormentados. Violencia, amizade, amor, desexo, almas que viven nos nosos corpos lectores para tentar permanecer na memoria. Na colectiva e na familiar.

 

18/06/22

Está bien no estar bien (Sobre series orientais XIV)


It's Okay to Not Be Okay
pareceume unha serie interesante porque dun xeito complexo e ben construído trata o tema da saúde mental, a través dunha existosa escritora de contos infantís con trastorno de personalidade, e un empregado dun psiquiátrico que coida do seu irmán autista. A aparencia, novamente, é unha historia de amor, pero vai máis alá. Detrás da soidade, da necesidade de cariño, ou quizais da súa ausencia, está sobre todo a baixa autoestima, a depresión, as chamadas de atención que ás veces non chegan onde se precisa. Nesta serie amósase como non só hai que aprender a querer aos demais, senón aprender a quererse un mesmo, a respectarse e a entenderse. Por iso a serie tamén chega a outros personaxes con problemas psicolóxicos, trastornos patolóxicos, traumas familiares e persoais, onde comprobaremos que cada persoa é un mundo e afronta estes problemas, ou son afectados por eles, de diferentes xeitos.

 


16/06/22

Paleta planeta

Un álbum ilustrado dun tándem que xa coñeciamos:  Yolanda Castaño e Xosé Tomás. Ambos asinan o álbum Paleta planeta, publicado por Baía, que nos achega poesía e ilustración, fórmula máxica que nos conquista. Un xogo de cores combinadas con sensacións e imaxinación, coa ollada posta na natureza e na irrupción do fantástico, mesmo  no onírico, todo preparado para un camiño senlleiro, o das emocións. Un camiño que non queremos esquecer e si agrandar porque aí está a natureza, o pacifismo, a paixón. Sobre todo, está o respecto, ese don esquecido: non hai máis que os últimos lumes para lembralo.

 

 

13/06/22

YOU ARE MY SPRING (Sobre series orientais XIII)


Eres mi primavera é unha mestura de drama, thriller e romance que coido pode ser interesante porque, en primeiro lugar,  fala da violencia intrafamiliar e abusos a menores e o que sucede a nenos e nenas que a sufriron; porque tamén se tenta achegar ás mentes criminais; e o máis importante (aínda que se oculte baixo a historia amorosa, que encanta neste tipo de series) parte da exploración das enfermidades mentais, como a depresión. Quizais o fío argumental sexa tentar resolver un caso de asasinato, pero namentres afloran conflitos internos dos personaxes coa fin de que reflexionemos sobre moitos temas vitais. Asemade, fala da empatía entre os seres humanos, e da necesidade que sentimos ás veces de pedir axuda e non saber facelo, de acudir a un profesional cando a vida nos supera e non sabemos manexala.

12/06/22

Misión Princesa

 


S
e está asinado por El Hematocrítico, xa sei que me vou divertir e que vou atopar outra cara do conto, a que debería ser e por fin é. Desta volta, Xerais publica Axente Riciños. Misión Princesa, con ilustracións de Mar Villar e moito, moito empoderamento. Porque as princesas desaparecen e non se sabe o motivo. Haberá un secuestrador? Unha banda organizada? Maléficos recursos? No entanto, os príncipes correspondentes preocúpanse. Todos iguais e todos coas mesmas preocupacións e características. Como diferencialos? Axente Riciños comeza a investigar e chega ata as princesas; unhas mulleres afoutas que viven afastadas de prexuízos para faceren o que lles vén en gana. Mulleres que non necesitan ser salvadas.

Estamos a cambiar o conto!


11/06/22

Quen son? Crias de animais. Australia

 


D
e Tándem Seceda e Ester García. Publicado por Kalandraka, temos unha nova entrega de Crías de animais. Quen son? Desta volta viaxamos a Australia. Sete crías marabillosas preséntanse a si mesmas e ás súas curiosidades así como as circunstancias nas que se defenden. Canguro, Koala, cucaburra, ornitorrinco, equidna, diaño de Tasmania, petauro do azucre (deste nin idea, pero encántanlle os doces coma a min!!!) son os poboadores deste libro e de Australia. 

Para non se cansar de ollar! Desexando levarllos ao netiño!


10/06/22

Quen son? Crias de animais. América


 Fermosísimo. Non podía ser doutro xeito, porque xa coñeciamos esta serie de Quen son? Crias de animais. Sete crías que se presentan nunha páxina dándonos pistas para que adiviñemos a que especie pertencen. Na seguinte páxina, a solución ao enigma. Difícil non sabelo polas marabillosas ilustracións que semellan fotografías pintadas. Textos rigorosos que plasman a realidade e nos dan valiosas e sinxelas informacións e curiosidades. O mapache, o tucano, o armadillo, o xaguar, o preguiceiro, a vicuña e o can das pradarías protagonizan este libro. Ao final, unha reflexión importante para compartir coas crianzas, futuro do planeta.

De Tándem Seceda e Ester García. Publica Kalandraka



09/06/22

Mulleres imprescindibles. Educadoras na vangarda do século XX


Á
esencial colección de Kalandraka, Biblioteca de Pedagogía, chega este volume titulado Mulleres imprescindibles. Educadoras na vangarda do século XX,  onde comparten páxinas nove protagonistas, Rosa Sensat, María Barbeito, María de Maeztu, María Luisa Navarro, María Sánchez Arbós, Justa Freire, Elbira Zipritia, Marta Mata e Carme Miquel, nove imprescindibles que compartiron unha mesma inquedanza e un fondo compromiso: a educación en valores. Para as persoas que cremos nesa mesma educación, un faro a seguir; para as persoas que ás veces tornamos pesimistas nesta sociedade actual, un optimismo reconfortante; para as persoas que sabemos que o único camiño válido é a educación, unha lembranza de que houbo mulleres precursosas desta nosa crenza. Sempre, un mesmo obxectivo: lograr unha sociedade is xusta, libre e solidaria para todas as persoas.



05/06/22

A defunción dos sexos


 Daniela Fernández Pérez é a autora deste interesante libro que nos trae Xerais: A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea. Un libro que percorre a memoria de quen, dende finais do século XIX, cuestionou a norma sexual imperante en tres etapas, de 1875 a 1936 co título Invertidos na Galiza de hai un século; a ditadura,  Invertidos e disidentes durante o franquismo en Galiza; para chegar á  Transición, os primeiros colectivos gais militantes ou os frentes de liberación homosexual, de 1977 a 2017. Unha división que axuda a periodizar, unha máis, por poñer datas e nos aclarara un pouco mellor. Achegar a vista atrás é a parte máis difícil, a principios do século XX, cando só coñecemos a Elisa e a Marcela, referentes galegas. Como identificar a disidencia sexual daquela época? Meténdose mesmo en tradicións tan importantes como o antroido. A autora fala de disidencia sexual como eixo vertebrador do volume que temos nas mans, onde podemos ler sobre a moda do transformismo escénico de finais do século XIX, ou onde podemos entender a diginidade anónima das persoas que tiveron que loitar contracorrente. De dignidade, precisamente, é do que falamos.




03/06/22

O que fica fóra


 Chegamos a este libro polo "aspecto", ou sexa, adquirímolo polo obxecto en si, porque é desas xoias bibliográficas que desexamos posuír. Logo, vén o demais. Claro, é de Manuel Rivas, que... xa sabedes (aquí en Lalín dise que "se é de Lalín é bo"; eu digo que "se é de Manolo Rivas é bo"). Despois está o feito de que estea publicado por Apiario, e as querencias son as querencias. 

Así pois, unha alfaia mirémola por onde a miremos. Logo vén o resto. A poesía

Unha poesía que chama por nós e o que temos arredor. O valor da natureza. O valor da linguaxe. O valor do que adoitamos esquecer. O valor do marxinal, do que queda fóra. O valor do que non está no noso centro.

Rivas apaña palabras, esas palabras que están manuscritas, que rexistran o vento e a natureza, que bailan na liña do horizonte, que escoitan o murmurio do mar, que buscan estrelas no firmamemnto, que procuran o silencio agochado entre as máscaras do medo. O que fica fóra agárdanos sen necesidade de chamar; non hai portas nin ventás con ferrollo: abrámolas sen medo e entremos. Sobre todo despois de ler o primeiro poema, un poema de compromiso que escrito por Rivas sabemos que é un compromiso real, ético, social e político


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.