Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/05/17

O que nunca che contaron

María Canosa e Kike Gómez xunto coas ilustracións de Dani Padrón publican en O que leo este libro de relatos chamado O que nunca che contaron, un monllo de historias onde se mestura o fantástico co real con esa delicadeza propia de María, para nos aprender por que brillan as estrelas, por que as bolboretas nos fan cóxegas no estómago en determinadas ocasións, ou canto custa unha idea. Un libro para que o lectorado goce con relatos curtos cheo de sensibilidade fantástica ben acompañada de fermosas ilustracións.


30/05/17

علان زين رمضان 2017

A multinacional kuwaití de telefonía móbil Zain Telecom vén de publicar un vídeo antiyihadista, rexeitando o terrorismo dos islamistas violentos e promovendo a tolerancia, anunciando o Ramadán.




vía

Arredor do fotolibro

Non temos máis que pasear polo noso arredor para aprender; hai que andar paseniño, olleando aquí e alá, para nos sorprender cada día co traballo dos nosos compañeiros e compañeiras. Na Biblioteca do IES Fiz Vergara Vilariño veñen de realizar unha experiencia ben interesante que desexo recoller aquí, unha experiencia de Club de Lectura sobre o fotolibro como fenómeno editorial e creativo:

 No estado español experimintouse unha explosión editorial deste tipo de máquinas creativas da man de autores e autoras coma Cristina de Midel, Ricardo Cases, Julián Barón ou Miren Pastor.


O propósito de fondo é, fundamentalmente, testar a posibilidade de crear un club de lectura baseado nos fotolibros para desenvolver outros modos de lectura e cinguir o club a un proxecto didáctico máis extenso e derivado.

Pareceume unha idea ben interesante e innovadora. Parabéns!

29/05/17

Unha verdade amarga

Celia Díaz Núñez achega en Unha verdade amarga, publicada por Galaxia, unha ollada cara ao pasado, un percorrido pola dor e o intento de solución. Polas súas páxinas paseamos polos sentimentos de varios personaxes que xiran arredor de Aurelio, un home de 90 anos, que garda as súas lembranzas ata que a enfermidade llas rouba. O seu paso polo mundo deixa un ronsel de amor e desamor, de agradecemento e de resentimentos. Aínda que o libro é de lectura moi doada e engancha, eu boto de menos a non existencia de profundidade dos sentimentos dos personaxes, afondar en case todos eles e elas, posto que coido que podería dar máis de si o tema. Un tema ben interesante por certo, como o é a cruel verdade que hai detrás e pola que se pasa de crequenas, outra mágoa na novela. Aínda así, deixa un pouso de reflexión, de bos sentimentos, unido a que o libro lese nun salaio e non aburre en ningún momento, cualidades a destacar nun traballo que precisaría, ao meu entender, dunha maior demora psicolóxica.

28/05/17

Bajo el árbol de los Toraya

Encántame Philippe Claudel e a sensibilidade que amosa en todo canto escribe. Este último libro seu, Bajo el árbol de los Toraya publicado por Salamandra, non é unha excepción. Unha reflexión sobre o paso do tempo e a pegada que este deixa, a morte de seres queridos, o amor, a amizade, a fraxilidade da  vida... E, claro está, os recordos, as imaxes que tantas veces quedan impresas na nosa retina, algún aroma que non foxe, algún recuncho na nosa alma que pode florecer por calquera motivo. Se chego a subliñar frases que me atrapan, non pararía. Quedo co libro impoluto cal tesouro sen abrir, porque ten miles de citas ás que volver.
O narrador coñece os ritos funerarios dos Toraya, que enterran os nenos no tronco dunha árbore que cando medra vai levando as almas ao ceo. Este costume e o seu coñecemento é a escusa para reflexionar sobre as perdas que a vida vai deitando sobre o noso corazón, porque o seu mellor amigo ten cancro con inexorables consecuencias. Temos unha idade, os 50, na que aínda perdemos pouca xente da nosa idade, pero que nos va avanzando que a morte está máis ou menos próxima, esa morte que ata este momento semellaba tan afastada. Por iso, convértese nunha sombra que acompaña. Esta sombra dá pé ao libro, porque as follas da escrita son as pólas da árbore dos Toraya, un xeito de que o amigo permaneza canda el. Pero a vida segue, salferida de dor pero tamén de sorpresas, de ledicias, de momentos intensos. Aí radica a diferenza, a vida segue a dar momentos pracenteiros aínda que a alma estea ferida e doa a perda. Por iso, porque a vida avanza, a novela remata cunha nova vida.
Si, é unha novela máis sobre a morte, a vida, a amizade, a arte... unha máis si, pero a min Claudel non me decepciona porque a sensibilidade que destila é emocionante, porque a súa prosa é tenra poesía que deixa pegada no lector, na lectora.

Non á violencia contra as mulleres (DXVIII)

"PERO SI YO NO LE HE HECHO NADA"



Unha curta interesante para as aulas.

27/05/17

Sapos e sereas

Na editorial Galaxia topamos este Sapos e sereas de Ana Cabaleiro, un libro de catro relatos (precedidos de catro citas) que recrean argumentos, contos, mitos, personaxes da literatura infantil e xuvenil,  lugares case comúns que son transformados (en espazos galegos con chiscadelas a lugares coñecidos) e cuestionados, deitando á luz prexuízos establecidos para seren reescritos cunha perspectiva de xénero, que descobren prexuízos avalados pola tradición (literaria e social). E esta nova cara faise dende a ironía e o humor (permitindo distanciamento e multiperspectivismo) para lavar a face da sociedade patriarcal que só ofreceu un lado da lúa, sempre agochando unha meixela das caras que teñen dúas ben diferentes. Así, o libro ofrécenos unha viaxe por estereotipos e convencións sociais que debemos desbotar para suxerir reaccións ou reflexións, desexarnos por tanto unha nova viaxe que tire, literalmente, maletas pesadas que lastran o camiño para iniciar esa nova viaxe lixeiras de equipaxe. 
En dous dos relatos a realidade é a protagonista, querendo destacar o terceiro, que fala de acoso.
O libro remata cun epílogo non narrativo que dá unidade aos relatos.
 


Santiago de Compostela, a cidade do milagre

O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia publican neste ano Carlos Casares o libro Santiago de Compostela, a cidade do milagre, reunindo dous textos del. Textos escritos en castelán no ano 1993 para seren publicados na revista “Leer” e en “Ronda Iberia” e que neste libro que agora temos están tanto en galego coma en inglés. Ambos os dous artigos son viaxes pola cidade compostelá, unha guía que percorre rúas e ruelas e asemade fala da lenda do Apóstolo.
Ademais, o libro ofrécenos un monllo de fotografías de Santiago, ilustrando axeitadamente fragmentos dos textos: rúas, prazas, espazos da catedral, igrexas, edificios, esculturas...


Ilustrada misoxinia

En Voces Feministas topamos este artigo e ilustracións de Ana Karenina que vos queremos traer:













26/05/17

Sonia Lebedynski: Inventario do Prohibido

25/05/17

Circus

E seguimos con Ana Juan. Desta volta a marabilla chámase Circus e está publicado por Edelvives. Un álbum ilustrado sen texto que conta unha historia en imaxes: dúas xemelgas que xogando descobren un circo cheo de personaxes misteriosos. E o toque de Ana Juan, por suposto, dálle a este circo un ar maléfico, de terror, tráxico. As ilustracións en branco e negro de cando en vez gozan dunha pincelada de cor qua a medida que avanzamos na "lectura" destacará con vermellos e amarelos. Unha pasada, claro.



24/05/17

El hombre del traje negro

Unha ten moitas debilidades ante as que sucumbir e contra as que loitar, pero... como non rendirse ante a arte de Ana Juan? É que cada vez que vexo un libro dela é superior a min, sexa quen sexa o autor ou o texto que ela ilustre. E se aínda por riba estamos ante un libro publicado pola editorial Nórdica, que fai das súas publicacións pequenas obras de arte, pois xa estou perdida.
Así que en canto vin este libro de Stephen King ilustrado por ela, souben que estaba perdida. Hai algo máis escuro, máis ameazante que El hombre del traje negro? Un relato que se sitúa en 1914 e o protagonista ten tan só nove anos. Con esa idade ve un home cun elegante traxe negro, de aspecto terrible, quen lle deixará unha pegada terrorífica, que non será quen de esquecer. Se o relato de King podía non gustar, o libro trae tamén o relato no que se inspiraba, El joven Goodman Brown, escrito por Nathaniel Hawthorne no século XIX. Ou sexa, ata podemos comparar e quedarnos con aquel que nos guste máis.



Illas Atlánticas Patrimonio da Humanidade

23/05/17

Corredora

María Reimóndez achéganos en Corredora, publicada por Xerais, a historia dunha nena etíope que leva no sangue as ganas de correr, esas que admiramos tantas veces cando vemos as Olimpíadas e abraiámonos ante a resistencia e a velocidade que amosan. A autora recolle os datos reais dunha atleta, Tiki Gelana, as súas marcas, carreiras e tempos, algo que fai que o libro resulte aínda máis interesante posto que é moi necesario sabermos un pouco máis sobre a tradición atlética de Etiopía, das penalidades que sofren miles de persoas que tantas veces ignoramos por preferir mirar para outro lado ou do traballo desas nenas e nais que pola súa condición de mulleres teñen un destino feroz, algo que se nos lembra en poucas páxinas. Poucas, pero contundentes. Como contundente é a nosa ignorancia. Cantos e cantas coñeciades a Tiki Gelana? Sabemos pórlle face?



22/05/17

O segredo da casa de Formoso

Héctor Cajaraville publica na nova colección de Santillana "O que leo" esta novela dirixida a un público xuvenil titulada O segredo da casa de Formoso. Unha lectura áxil, moi sinxela, que agocha un pequeniño misterio, que non é para nada o centro do argumento, senón que este xira arredor dos sentimentos dun rapaz que comeza a ser adulto e comeza a descubrir que non todo é o que semella; e será nesta iniciación a unha nova etapa da vida a que lle sirva para coñecer unha Galicia descoñecida que procura as súas raíces. Pasearemos polas súas páxinas por lugares coñecidos que o protagonista descobre con abraio, sen fuxir de pequenas críticas de canto temos arredor. Asemade, sobrevoa a Guerra Civil e as inxustizas que a rodearon, para darlle á novela un pequeno arrecendo de crítica social que non sobra, aínda que non afonde moito e que teña algunha resolución que non me acaba de convencer por bastante incrible, dada a descrición do ser humano que tiñamos en mente.
Un libro que, xa digo, é unha proposta axeitada para o lectorado máis novo do instituto.

21/05/17

15 primaveras

Na editorial Galaxia, dentro da súa colección "Sonárbore" topamos este disco co que Mamá Cabra celebra o seu 15 aniversario. Este libro-CD ilustrado por María Lires serve ademais para colaborar co proxecto de investigación da biopsia líquida desenvolvido por Oncomet contra o cancro. Así que temos dobre razón para sorrir: cantando coas súas cancións frescas, pegañentas e ledas coas que é imposible non mover os pés, e pola solidariedade que agocha.

Non á violencia contra as mulleres (DXVII)



Vía

20/05/17

Formig4s. Misión Tokyo

Se un libro transcorre en Tokyo, tenme gañada, indubidablemente e por razóns obvias. Neste caso, aínda era máis doado, posto que xa coñecía as aventuras destas Formig4s na súa primeira entrega, e parecérame unha boa proposta para a rapazallada; así que volvemos a ter a Pere Tobaruela e a Andrés Meixide ofrecéndonos unha nova entrega destes superheroes que publica Xerais: Formig4s. Misión Tokyo. Como digo, un paseo pola capital de Xapón, con información precisa dalgunhas palabras propias de alá e algúns lugares emblemáticos. Un enigma que resolver e de novo unha vitoria que engadir. Coido que é unha lectura que gustará aos peques da casa.

10 mitos sobre o sexo das mulleres

De xeito divertido a Psicowoman desmonta moitos mitos que atinxen á sexualidade feminina.


19/05/17

Dorothy. Déjale entrar

En A buen paso sorprendente álbum de Javier Sáez Castán e Pablo Auladell: Dorothy. Déjale entrar (Premio Concurso Internacional de Álbum Ilustrado Biblioteca Insular de Gran Canaria en 2016) abráianos en cada nova páxina polo surrealismo da historia e o realismo das ilustracións, que confunden ao lectorado e que ao mesmo tempo divirte e nos transporta a un mundo onde as referencias literarias e cinematográficas son tan importantes que levan a historia ás súas páxinas. Son dous puntos de vista ante unha mesma circunstancia, pero son antagónicos, tanto que mentres lemos non intuímos cal pode ser o desenlace.



Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro

Xosé Mª Lema adapta a novela Costa do Solpor a unha novela dirixida á xuventude co mesmo título e cun subtítulo: Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, publicada arestora na colección Fóra de Xogo da editorial Xerais. Unha novela de aventuras que elimina digresións históricas que ralentizaban a novela orixinal para conseguir arestora unha lectura máis áxil e arestora axeitada para a  adolescencia. 
O autor utiliza a técnica do manuscrito atopado presentándose como un tradutor deste. Nel, un escritor en lingua inglesa narra o regreso ao porto de Bristol da goleta Hispaniola, cargada cun fabuloso tesouro. Tal viaxe de volta non fora tan breve como a describira Stevenson no derradeiro capítulo d’A Illa do Tesouro, pois unha violenta tormenta obrigou o navío a buscar refuxio na nosa Costa do Solpor. Así que a novela comeza onde remataba esta gran obra.
 A acción desenvólvese en pé de aventuras na Costa da Morte, xa que o barco caerá nas mans dun pirata con moita sona de cruel e o seu socio, home de negocios que pasa por ser un home de ben na Coruña. Abordaxes, enganos, fuxidas, persecucións... sucédense para deixar tamén cabida para o amor.
Acción trepidante nunha novela de piratas  que deita un bo sabor de boca logo dunha travesía pola nosa marabillosa e ás veces descoñecida Costa da Morte. A quen somos de interior e pasamos algún tempo sen ver o mar, unha gozada pelexar a través destas páxinas cos "malos malísimos" que nos queren arrebatar o que é de noso, procurar tesouros e soñar.
 

18/05/17

1000 nenos e nenas cheos de vida

Emocionante, sobre todo, marabillosa iniciativa.
Necesitamos estar cheos da nosa lingua.

Por unha lingua chea de vida
por un ensino cheo de vida
por unha mocidade chea de vida
por unha vida chea de música.


16/05/17

Glosario ilustrado básico para entender o feminismo

Visto en Nueva Mujer
Para coñecer o básico sobre feminismo, dun xeito ben claro e ilustrado:


Imagen foto_00000027

Imagen foto_00000028
Imagen foto_00000001
Imagen foto_00000010

Imagen foto_00000002

Imagen foto_00000003


Imagen foto_00000005

Imagen foto_00000004

Imagen foto_00000008
Imagen foto_00000007

E o vídeo:

15/05/17

Afortunadamente

Afortunadamente a editorial Lata de Sal decide recuperar este divertido álbum de Remy Charlip para a nosa lingua, Afortunadamente. Un libro que ademais de entretido resulta curioso e intrigante, pois cada páxina é unha nova aventura na que algo ocorre, "afortunadamente" (en cores alegres e vivas) ou "desafortunadamente" (en branco e negro); iso si, o protagonista non cae no abatemento e segue a súa loita no camiñar.


Guerreras unidas

Comezamos a semana con música feminista, rap, que vén dende Venezuela. Anarkía Ruiz é unha precursora desta corrente musical no seu país que reivindica o papel das mulleres nos procesos históricos de resistencia e insurreción.



Vía

14/05/17

Los cinco y yo

Non me gustou tanto como pensaba este libro de Antonio Orejudo titulado Los cinco y yo publicado por Tusquets. A priori, contaba con moito en común coa lectura, xa que eu son da mesma década dos 60 e eu tamén fun lectora da serie "Los Cinco", pero esa serie non foi tan importante para min como se presupón no narrador da novela, posto que a miña serie de libros de cabeceira, que lin e relín mil veces, era dunha nena chamada "Puck" e as súas aventuras; así que si, lía as aventuras dos Cinco, lia todos os libros que daquela caían nas nosas mans (que diferenza coa oferta que teñen agora!), pero non eran os meus libros fetiche.
Así que, xa digo, achegueime con curiosidade a este libro porque sabía que ía topar moito de min mesma nas súas páxinas. E certo é. Hai moitas referencias que, a pesar de ter nado nunha vila pequerrecha, son iguais, mesmo a devastación que causou a droga ao meu arredor. Tamén me fixo lembrar ese xeito de nos criar nas rúas, que non semellaban perigosas coma agora (en Lalín había un par de rúas e tres coches).
Como dicía, estaba a ser unha lectura interesante, amena, gustaba desa amizade tan importante para o narrador, cando chega un momento en que entrei de cheo nun libro de autoficción (... ou non?) que mesmo me aburre, xa que a novela After Five, coa vida dos Cinco unha vez superada a adolescencia, non me di nada. Non sei, semella un nobelo que dá voltas todo o tempo ao mesmo, infancia e paso á madurez.
O mellor, é o exercicio ao que nos somete o autor, ese tentar separar realidade de ficción, ou ficción de metaficción, un xogo difícil que fai do autor un bo artesán das letras.

Álex e o rato da corda

 Leo Lionni é un dos grandes, indiscutiblemente. Por iso, lelo, é sempre gozar, gozar da lectura, gozar da ilustración, gozar da mensaxe, gozar en plenitude. Porque estamos ante unha historia fermosísima que vén acompñada de ilustracións cheas de luz neste Álex e o rato da corda que vén de publicar Kalandraka. Libro de 1969 que non envellece, como todo bo libro, Medalla de Honor Caldecott en 1969.
Temos dous ratiños ben diferentes que estarán unidos pola amizade que vén de pequenos momentos aventureiros e felicidade compartida. Unha felicidade que pode resultar efémera e que pode ser salvada por un sentimento de cariño e empatía. Xa que a empatía é a que procura a xenerosidade, esa cualidade tan necesaria para podermos falar do valor da amizade. Un valor ás veces esquecido que nos sorprende neste álbum cun sorriso tenro nos beizos.




Non á violencia contra as mulleres (DXVI)

 Dez formas de violencia de xénero dixital

É violencia de xénero dixital:
1. Acosar ou controlar a túa parella usando o móbil
2. Interferir en relacións da túa parella en Internet con outras persoas
3. Espiar o móbil da túa parella
4. Censurar fotos que a túa parella publica e comparte en redes sociais
5. Controlar o que fai a túa parella nas redes sociais
6. Esixir á túa parella que demostre onde está coa súa xeolocalización
7. Obrigar a túa parella a que te envíe imaxes íntimas
8. Comprometer a túa parella para que che facilite as súas claves persoais
9. Comprometer a túa parella para que che amose un chat con outra persoa
10. Amosar enfado por non ter sempre unha resposta inmediata online

13/05/17

Desde o altar

12/05/17

Amar Pelos Dois

A gozar!


Salvador Sobral - Amar Pelos Dois (Thought of You by Ryan Woodward) from Creativehole on Vimeo.

Vidas extra

11/05/17

First and Final Frames

55 inicios e finais de películas neste vídeo realizado por Jake Swinney. Visto en Cultura Inquieta.

First and Final Frames from Jacob T. Swinney on Vimeo.

Micro?





Via

10/05/17

Dechen

Fermosa curta sen palabras sobre a necesidade de aprender a non termos o control de todo.





Vía

Inventario ilustrado de flores

Chéganos da man de Kalandraka un novo inventario, desta volta de flores. Fermosísimo libro ilustrado con texto de Virginie Aladjidi e ilustracións de Emmanuelle Tchoukriel, Inventario ilustrado de flores semella espertar todos os nosos instintos de beleza, tanto visuais como olfativos, pois cando abrimos as súas páxinas ata o arrecendo desas flores tan ben debuxadas chega ata nós. 62 tipos de flores cos que percorremos o mundo, dende o máis próximo ao máis afastado. De todo hai, flores silvestres ou flores cultivadas, chama a atención a sinxeleza da súa clasificación, xa que será a súa cor determinante para sabermos onde está. Novamente, temos o seu nome común e o científico, xunto con outros datos básicos para un estudo cientifíco, incluídas as alertas sobre o seu nivel de conservación.
Por iso, é un álbum necesario para comezar o estudo das flores. Ideal pola súa beleza e o seu contido.





SC. Atréveste a vivir a experiencia?

09/05/17

4 xinetes

Deixei en mans da miña mellor alumna lectora Noa Villar Gallego este libro de Anxo Fariña que vén de publicar Xerais: 4 xinetes. Aquí deixo a súa reflexión:


Cando tiven esta novela por primeira vez entre as miñas mans, unhas tremendas ganas de comezar esta nova lectura xurdiron en min, pero unha vez que xa a rematei, quédome cunha sensación un tanto agridoce. A novela cóntanos a historia de catro rapaces que se convirten de xeito inesperado nos xinetes da Apocalipse, cada un deles desenvolverá un novo poder que traerá a desgraza ao mundo, queiran facelo ou non.
Anxo Fariña plantéxanos como sería unha Apocalipse no século XXI, nun mundo no que as redes socias teñen o poder de unir a xente de todo o mundo para loitar polos seus dereitos. O autor céntrase en cada un dos personaxes dun xeito moi minucioso, tanto que pode chegar a parecer lento. Os personaxes nun principio non teñen nada que ver uns cos outros e ata mais alá da metade do libro segue sendo así, isto fai que eu non saiba moi ben que pensar en canto ao desenvolvemento da historia. 

Na miña opinión, a idea principal do libro é moi boa, pero non se aproveitou todo o que se podería. O libro comeza moi ben, pero a medida que a historia vai transcorrendo, vai perdendo fol. Todo comeza co que semella unha novela para adolescentes e adultos: escura, orixinal, inquietante e inesperada; pero que despois acaba sendo unha novela moi confusa, cun final moi precipitado para o meu gusto, e que deixa demasiadas incógnitas por resolver. 

Non entendo o motivo, pero non me dou aclarado con este libro, non me parece que sexa ningunha xoia pero, en cambio, mentres a estaba a ler, sentía a necesidade de rematalo e saber que sucedía. Para min é unha novela que ten moitas cousas a favor, pero tamén moitas en contra. Ao longo da historia plantéxansenos varios dilemas morais que fan que te poñas na situación dos protagonista e que reflexiones sobre que farías ti se foras un dos catro xinetes, tamén se fai unha crítica sobre o uso excesivo das redes sociais e de como inflúen estas na nosa visión do mundo; por outro lado, penso que a historia de amor que se dá entre Noa e Adán é un pouco forzada e innecesaria. Teríame gustado máis que o autor se centrara máis na Apocalipse e un pouco menos nas tramas secundarias.

Algo que si que me gustou da novela é o feito de que os protagonistas non foran os heroes destinados a salvar o mundo, senón que foran os destinados a destruílo. Para rematar, direi que esta novela produciu en min moita confusión e non sei se debería recomendala ou non, polo tanto, déixovos escoller a vós.

Xa me diredes se vos interesa!

¡Qué coñazo con el feminismo!", por Marta Flich

08/05/17

¿Entonces?

Kitty Crowther propón en ¿Entonces?, publicado por Corimbo un xogo divertido onde os xoguetes agardan o momento de ir para a cama co seu neno dono. Cada páxina supón a presentación dun deles, esperando a ver se chega dunha vez ese momento. Unha proposta sinxela que encantará ao lectorado pequerrecho.

Un día perfecto

Como é o día perfecto? Nada máis sinxelo para sabelo que abrir as páxinas deste que nos propón a editorial A buen paso: Jennifer Yerkes ten claro cal é o seu: Un día perfecto é unha sinfonía de verán, tormenta incluída. E é que este álbum, dirixido a un lectorado moi pequeno posto que está editado en todas as súas páxinas para ser manipulado por eles, con cartón duro, estimula o goce da música e o sabor do verán, repetindo sons e voces.


 

Indesit

As mulleres ocupan sete de cada dez hora nas tarefas do fogar. Este anuncio xoga cun escenario inverso:

Visto en Verne

07/05/17

Te quiero

A editorial Impedimenta ofrécenos este pequeno e delicioso álbum sen palabras sobre o amor: Te quiero de Juan Berrio. Un mozo, protagonista de todas as páxinas, pensa en todos os xeitos nos que podería declarar o seu amor, soñando con ese amor e que é correspondido. E todas as maneiras que crea no seu maxín son tenras, claro está, pero ao mesmo tempo divertidas. Ao ser un libro sen palabras, estamos ante un momento no que é máis importante aquilo que non se di, ou que o lectorado intúe.
E esta intuición fainos sorrir.

Non á violencia contra as mulleres (DXV)

"Se na parella hai unha besta, non te comportes como unha princesa: déixao e denúnciao". Esta é a idea dun cartaz editado a partir do filme "La bella y la bestia" pola Policía Nacional de Ecuador.




06/05/17

Geografía humana y otros poemas

Noemí Villamuza é unha, literalmente, das miñas debilidades máis confesables. Se hai un libro ilustrado por ela, xa o quero. Así que este Geografía humana y otros poemas de Gloria Fuertes, publicado por Nórdica, pasa a ter un lugar privilexiado nos andeis da poesía cos seus corenta e un poema que foron publicados entre 1954 e 2005. Así que temos un libro de aloumiños, tanto en forma de verso como de ilustración, aloumiños que poden estar cargados con paixón ou cunha emoción torrencial. Ademais, un prólogo de Luis Antonio de Villena que nos fala dunha traxectoria vital marcada polos prexuízos da época. Que raro nunha muller!




AUTOBIO
Yo de pequeña quería ser monja
y mi padre (que era muy republicano)
me pegaba cada vez que lo repetía.
=
Yo de pequeña quería ser puta
y mi madre (que era muy beata)
me pegaba cada vez que lo repetía.
=
Yo de pequeña quería ser huérfana
y mis padres me pegaban
cada vez que lo repetía.
=
Yo de pequeña quería ser poeta
y la vida me pegaba.
¡Pero conseguí serlo!


Tu libro, tu elenco

Campaña lanzada en maio de 2014 pola libraría Steimatzky cunha mensaxe da liberdade que supón poder imaxinar os personaxes como queiramos.






Visto aquí.

05/05/17

amodiño

Xeniais. De Vacas


Machismos: de micro nada


O libro déixao claro: non existen "micro" machismos, senón machismo, e punto. Un libro colectivo que baixo o título Machismos: de micro nada aborda dende variados puntos de vista este tema; un libro posible grazas ao grupo de  traballo feminista dentro do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia chamado Fiadeiras, publicado por Edicións Embora. Participan no libro: Lucía Aldao, Pablo Andrade, Leo Arremecághona, Isaac Castro Neira, Luís Davila “O Bichero”, Eva de la Torre Conde, Mª dos Anxos García Fonte, Clara Gayo, Manuel González Prieto, Mai Insua, Tareixo Ledo Regal, Juanjo Lorenzo Castiñeiras, Andrea Nunes Brións, Sabela Núñez Singala, Ana María Pérez Rico, Patricia Porto Paderne (a Lileira), Sofía Riveiro Olveira, María Rosendo Priego, Xulia Santiso Rolán, Maite Sío Docampo, Gema Zunzunegui Lamas, Olalla López Barro, AS Quetas, asociación Nós mesmas, Sacha na Horta, con prólogo de Ana Iglesias Galdo e epílogo de Lola Ferreiro Díaz. Un libro comprometido que denunciao patriarcado en todas as súas formas das que moitas veces nin nos percatamos porque están no noso inconsciente aceptadas sen analizar.
Foi Lola Ferreirao quen deu a idea do título do libro posto que reflexiona sobre eses "micros" que non debemos aceptar porque non son micros. Quedo cunha frase que hai no seu blogue: "o libro axuda a graduar as gafas violeta que xa tiñamos postas". Así que o libro volve a ser unha recarga de esperanza, unha axuda de loita, unha compañía necesaria, unha obriga. Porque reflexiona sobre eses "micros" ou eses "nadas", que tamén poderían denominarse así porque non lles damos a importancia necesaria.




Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.