Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/10/17

¿Dónde se escondieron las notas del piano?

Impresionante álbum de Alfredo Asensi e Davide Ortu publicado en Tramuntana co título ¿Dónde se escondieron las notas del piano? e que serve para facer unha reflexión sobre o propio eu baixo unha profusión de ilustracións que impactan dende a primeira páxina e que nos convida a nos perder durante tempo en cada unha delas. Na procura dun mesmo, podería tamén ser o título do libro, pois ese é o eixo principal do álbum, un libro que con poucas palabras fala desa música que a partitura da vida toca para nós e que queremos apreixala para soñar, para medrar, para rir ou para chorar, xa que cada nota é esencial para construír a nosa propia vida.

30/10/17

Silbo del dromedario que nunca muere


Lóguez publica este fermoso álbum de Gonzalo Moure ilustrado por Juan Hernaz: Silbo del dromedario que nunca muere é un poema no deserto, é unha partitura no silencio. O protagonista atopa nas palabras que conforman os versos unha música diferente, unha ollada roubada ao esquenzo, unha poesía xamais escrita. Un tesouro que non pode nin debe agocharse. O autor realiza un especial homenaxe a Miguel Hernández (como non se namorar dos seus versos aínda non coñecendo todas as palabras?) construíndo unha ponte magnética entre dúas culturas afastadas -ou non tanto-, que o lectorado será quen de percibir grazas a unhas moi especiais ilustracións que nos mecen co vento do deserto.





29/10/17

A arte de trobar

Recoñezo que case o lin dunha atacada e que agardaba outra historia diferente, xa que non me fixei na contracapa, ansiosa como estaba da súa lectura e de saber se podería recomendalo en 3º de ESO, ao fío das explicacións que andamos a dar na aula sobre o trobadorismo. Así que mergulleime na  lectura d' A arte de trobar de Santiago Lopo, premio Xerais de novela 2017,  para degustala e paladala, xa que é unha novela curta, entretida e mesmo suxestiva para achegarse a un mundo afastado, o medieval. Canda ela poderemos pasear por castelos, poderemos cantar cantigas, poderemos ter medo á Inquisción e poderemos saber algo máis dos cátaros e dos provenzais, mesmo poderemos escoitar música que convida ao baile; asemade, volveremos tremer coa fraxilidade das linguas. E presumiremos de personaxes femininas, xaora!
Situémonos, pois, no século XIII, aínda que non en Galiza: Cruzada albixense da igrexa católica e o goberno de Francia contra os cátaros. Cruzada da Inquisición por rematar, entre outras cousas, cos textos sagrados en linguas que non sexa o Latín (unha volta de reflexión á que nos empurra o texto,  a situación da nosa lingua). As ciencias ocultistas e os libros de nigromancia. Amais das cruzadas, as cantigas, os versos de noso e os provenzais, os códices, os produtores das cantigas e a súa difusión. Realmente, este é o grande marco no que situar a acción, esa que ten dous eixos fundamentais arredor dunha protagonista, esa que nos conquista coa seu papel e que premoniza a importancia da cultua. Benvida a un mundo que non só foi escuro na Idade Media, Elvira-Martine. Seguimos precisando da luz.


(fala María Balteira) “Farta estou de que se rían de min e me critiquen nas súas trobas. As súas risas ebrias supoñen unha barreira infranqueable para as miñas creacións. Xamais respectan o que fago, nunca admiran as cancións que eu compoño. Róubanmas e din que as escribiron eles (...) Cansa estou, amiga, cansa estou de ser nai, amante e criada de todos eles" (p.109)

Fóra da aula, o prestixio da lingua de Oc decaía fronte ao francés falado polos mestres e estudantes foráneos. O occitano levaba camiño de converterse nunha fala de campesiños” (p.154)


Non á violencia contra as mulleres (DXXXIII)

 Visto en Tribuna Feminista:
A curta sobre violencia xuvenil de xénero “Comando VDG” dirixido por Ana Rosa Diego e Mercedes M. del Río, producido por Páginas Violeta, obtivo o Premio na modalidade de ficción no “Certamen Internacional de Cortometrajes por la Igualdad”, XI Edición, que outorga o Instituto Valenciano de Cultura da Consejería de Educación, Cultura e Deporte da Generalitat Valenciana.


28/10/17

Vermello

Sabiadelo? As mulleres temos o sangue vermello. Si. Non somos de sangue azul. Ningunha de nós. E iso a pesar de que durante anos a publicidade de compresas estaba empeñada en facernos crer o contrario: que sangramos azul. Ou será que se transforma nesa cor só cando temos a menstruación?
Pois ben, un anuncio de compresas trunfa arestora por amosar a verdade por séculos oculta: menstruamos en vermello. Ou sexa, que a proba de absorción dunha compresa realízase con líquido vermello (coma o sangue!) e asemade presenta escenas nas que ese líquido é -incluso!!!- protagonista.



82 frases machistas



A empresa de comunicación Lola compila no seu twitter (@BuzzFeedLola) nun vídeo de catro minutos un total de 82 frases machistas que as mulleres temos que escoitar. 
Para vermos o vídeo temos que ir aquí.

27/10/17

Muriel

Tenrura cunha miaxiña de intriga é a fórmula que utiliza María Canosa para presentarnos unha obra merecente do Premio Merlín de Literatura Infantil 2017 que vén de publicar Xerais baixo o título Muriel, con ilustracións de Luz Cobo. Un libro brillante que convida a soñar, a sorrir, a crer. María Canosa consegue unha vez máis que cada palabra encaixe nun seu lugar para que o lectorado sexa seducido pola historia e pola imaxianación, pero sobre todo pola esperanza. É esa esperanza a que sostén a tristura da perda dun ser querido, dun ser especial que podería significar case a esencia da vida. Ás veces, pode resultar tan difícil vivir a vida! E isto... a calquera idade. Porque o noso protagonista é un neno, un neno que sofre e un neno que quere e ten que saír adiante, que amosa a súa afouteza entre a sensibilidade de acotío, esa que lle permite mirar o ceo, as nubes, os animais, os humanos, coa certeza de que se pode crer neles. E canto necesitamos crer! Necesitamos crer que hai algo máis, que cando cae -desaparece?- unha parte de nós a outra parte poderá revivila, sexa polo medio que sexa. Ás veces, este medio é un descoñecido, un misterio, unha luz; algo que escintila no universo e que ollamos coa insistencia da sedución. Esa que sostén un carballo. Que non nolo queimen. Que medre canda nós.
A superación da existencia. O esquenzo da tristura. O sorriso como forma de vida contaxiosa.



26/10/17

A batalla da pequena Chañan Curi Coca

Con este longo título ofrécenos Rosa Aneiros un libro para o lectorado novo, un libro sobre desfiuzamentos e foutezas, sobre amores e soidades. Porque de todo hai e con todo conforma Rosa -xunto coas ilustracións de Almudena Aparicio- nesta coidada edición de Xerais, un relato áxil e actual que se sustenta no maxín dunha nena que ama a lectura e atopa nesta a salvación familiar. Porque será grazas ao optimismo infantil como se resolverá unha tráxica situación que, a pesar dun final feliz, servirá para tentar entender unha realidade social da que agora mesmo apenas se fala pero que segue a existir, desgraciadamente. Asemade, o breve texto aborda un outro tema necesario, como é a soidade das persoas maiores e a súa negativa a deixar o seu propio mundo por outro que lles resulta alleo, aínda a costa do medo e a anguria, o temor de non poder enfrontar cada día sen necesidade de ninguén máis.
Chama a atención o tema escollido, o das lendas incas e os personaxes que as poboan, para esta nena que necesita crer nos relatos e nos libros para saír adiante e para amosar unha tenacidade sorprendente e necesaria.

25/10/17

Just Breathe

#BeEmotionalInsideOut é unha campaña de Twitter que difunde o profundo significado e a importancia de sabermos manexar as emocións.
Visto aquí.

19/10/17

Violeta quere ser vampiro

Ramón D. Veiga e David Sierra son os artífices deste álbum que vén de publicar Xerais, Violeta quere ser vampiro. Un conto do Samaín. Un novo libro, un novo recurso -que sempre se agradece, por certo-, para este día que vén a se sumar a algúns xa publicados anteriormente na nosa lingua, ese que nos lembra que temos as nosas propias tradicións e que non debemos deixarnos envolver por aqueloutras que veñen de alén do océano. Este, ademais, trae "extras" de información, xa que ser vampiro non é cousa doada e debemos aprender se nalgo nos queremos parecer.
E acabo de saber que está baseado nunha historia real. Pois vaia!!!

18/10/17

La Máquina de Trinar

Roubado do Facebook de Helena Pérez:


La Máquina de Trinar - The Twittering Machine from Jose A. Soto (Jas) on Vimeo.

Detrás da máscara

Interesoume este libro tan pronto chegou ao instituto ao ver quen era a súa autora: Louisa May Alcott, así que me puxen a lelo sen ter ningunha referencia: falo de Detrás da máscara publicado por Hugin e Munin. A súa lectura provocoume unha anguria certa debido ao tema, non polo libro en si, senón porque sempre me acontece con estes personaxes que procuran algo tan diferente ao que aparentan, unha muller maquiavélica e intelixente que saberá chegar ao seu fin último. A protagonista é unha moza fría e calculadora que ten unhas intencións claras dende o principio, porque o único que busca na súa vida é a riqueza e, por tanto, a estabilidade económica. E con esta meta enganará a todas as persoas que ten ao seu arredor, porque é unha gran actriz que sabe agochar as súas decisións e que non permite que se intúa o seu propio eu. E a narración déixao claro, pero aínda así, atrapa por sabermos como se vai desenvolver, como vai evoluíndo a acción e como van respondendo os personaxes.
A autora rompe coa idea dunha muller sufrida que debe resistir todo canto lle acontece e desde logo afástase completamente do ton da súa novela máis coñecida. Aquí amósase unha muller con poder, con astucia, mesmo cunha falta de escrúpulos e moral total e absoluta. Pero tamén deixa claro que o que quere a autora é que esta muller non pode deixarse vencer, que vai saír da súa situación como sexa. E farao, vaia se o fará! De feito, o subtítulo é "O poder dunha muller". Tamén temos que ter en conta cando foi escrito.
Aquí vola deixo. Eu sufrín pola lectura pero é realmente atraente. Así que vola recomendo.




16/10/17

Imagine

Publica Flamboyant (xunto con Amnistía Internacional) este texto de John Lennon que deu a súa canción máis famosa, Imagine, ilustrado por Jean Jullien e que conta asemade cun prólogo de Yoko Ono Lennon. O álbum acompaña a viaxe dunha pomba que voa cunha póliña de olivera no peteiro, de xeito que leva a súa mensaxe de paz a todos os paxaros do mundo.
 Outro xeito de coñecer unha canción que se converteu no mellor alegato para a paz. E que non perde a súa forza nin a súa necesidade.

Imagine es un alegato lleno de fuerza, escrito con un amor impresionante y profundo por la humanidad y su futuro“.


15/10/17

Non á violencia contra as mulleres (DXXXII)

Recollo directamente este post do blogue da Profa:

Esta curta fálanos desoutra violencia de xénero que nunca se denuncia, desa que non aparece nos titulares dos medios de comunicación nin nas estatísticas mais que está aí violando o noso dereito a que se respecte o noso espazo de seguridade.


14/10/17

Pequeñas cosas


En Nube de Tinta podemos atopar Pequeñas cosas de Mel Tregonning, cómic sen palabras, en branco e negro, que chega ao corazón deseguida. Un neno illado, un neno triste, un neno que ten medo a todo canto lle rodea, un neno con feridas, feridas que sente como propias; ata que pouco a pouco irá entendendo que el non é único, que as persoas que o rodean tamén senten dor, tampouco teñen resistencia. Porque o sufrimento é inherente ao ser humano. 
Extraordinario e sinxelo, un libro que chega para quedar.
«Porque el arte de verdad es capaz de dar voz a las partes mudas de nuestras vidas.» Shaun Tan

13/10/17

El zorro y la estrella

Fermosísimo este libro ilustrado de Coralie Bickford-Smith publicado por Penguin Random House: El zorro y la estrella é unha historia marabillosa que fala de constancia, valor e superación. A súa estética semella un libro antigo, co que só o exterior namora. Logo, a historia, pura prosa poética que se fusiona con estas ilustracións para elevarnos ata esas estrelas tan importantes, tanto como as follas, todo fusionado para que o lectorado sinta unha fábula como un pracer que se contaxia por todos os sentidos.
Unha gozada!

12/10/17

Pippi Mediaslongas

Un pracer inmenso poder ler Pippi Mediaslongas na nosa lingua, grazas á editorial Kalandraka, o clásico de Astrid Lindgren. Imposible non volver á infancia con esta lectura, rememorando tantas horas de admiración por esta nena libre e extravagante que nos marcou dende o primeiro momento, con envexa por poder ser quen ela quería realmente. Tela agora nesta edición é un luxo porque sempre provoca ledicia poder volver á infancia, rememorar aquela serie que nos mantiña pegadas á televisión e percorrer agora a narración na nosa lingua mesmo coas ilustracións orixinais.

10/10/17

O valo

Publica Xerais a obra de teatro de Carlos Labraña O valo -Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2016-, ilustrada por Nuria Díaz, unha reflexión excelente sobre a emigracións, os valados, as fronteiras, a situación dos exiliados, a paz e a súa procura. Con tan só dous personaxes, o libro é unha homenaxe aos refuxiados, sobre todo a nenos e nenas que padecen estes desprazamentos tan inxustos pero ao mesmo tempo tamén conta coa visión do neno que debe cumprir ordes sen cuestionalas, aínda que non sexan comprensibles. Por iso, ambos puntos de vista son importantes na obra, ese espazo de paz e liberdade que necesitan os personaxes para mellor entender o mundo que lles tocou vivir. Un mundo que, por outra parte, segue empeñado en construír cada días máis barreiras, mesmo psicolóxicas, e onde os valados que existen convértense en perigosos asaltos á dignidade e á liberdade.
Imposible non lembrarse de Valados de Agustín Fernández Paz ao achegarse a esta obra de teatro.



09/10/17

Isokivi



Vía

Os tres mosqueteiros

Tráenos Baía a adaptación da novela de Alexandre Dumas Os tres mosqueteiros en formato de álbum ilustrado a cargo de Bénédicte Rivière con ilustracións de Camille André e tradución de María Reimóndez. Pouco hai que dicir deste clásico imprescindible en toda biblioteca, agás que ao se tratar dunha conversión ao álbum ilustrado facilita o seu achegamento ao público infantil, tanto co texto como coas ilustracións, que axudan a nos situar no século XVII francés.
E con esta publicación, eu xa vou cavilando nos agasallos de Nadal!

La souriante madame Beudet

Esta curta de Germaine Dulac de 1923 conta a historia de Madame Beudet, quen está atrapada nun matrimonio sen amor. Durante o día, ela soña cunha mellor vida, e mesmo maxina a morte do seu home.

08/10/17

Non á violencia contra as mulleres (DXXXI)

‘Upskirting’, acoso sexual baixo a saia






Vía

07/10/17

O segredo do avó

Publica Xerais este libro de Carles Cano con espléndidas ilustracións de Federico Delicado, O segredo do avó,  Premio Lazarillo de Creación Literaria, 2016. Baixo a argucia dun avó cheo de maxinación que non dubida en entreter aos seus neto Miguel e á súa neta María con historias a partie de tres elementos que tope ao seu arredor fóra de lugar, o libro compila conco contos clásicos con vestidos populares  ou mesmo con algún máis realistas ou surrealistas, pero con personaxes que poboan os contos de sempre, con reis, magas ou piratas, e por suposto con humor e sorpresas, base principal para fornear. E Carles Cano sabe os mesturar ingredientes. Queda claro.
Unha gozosa homenaxe á capacidade de fabulación, coido que aos nosos ás nosas contacontos, porque me fixo lembrar ao meu veciño e amigo Celso Fernández Sanmartín que procura sempra a sabedoría dos maiores e a comunicación interxeracional mentres nos atrapa coas súas narracións.



Salvemos Galicia



Podes asinar aquí

06/10/17

Museo en Pijarama

Michaël Leblond e Frédérique Bertrand conseguen neste Museo en Pijarama novamente, como xa fixeran nos outros libros anteriores que nos achegara a editorial Kalandraka, divertirnos e sorprendernos, e mesmo culturizarnos, posto que o noso paseo desta volta será polo mundo da arte, e poderemos contemplar obras impresionistas ou abstractas, pararnos ante un Miró ou un Mondrian, xogar con esculturas ou mover mesmo a ollada dun personaxe. Todo, grazas a este pequeno teatro que é quen de animar as ilustracións e deixar que un libro colla vida para lembrarnos que a maxia existe. Vaia se existe!!!
Con esta colección é imposible aburrirse. Imos durmir???

05/10/17

La semilla del recuerdo

04/10/17

Mar...usía. Relatos salpresados


Presenta Baía Edicións este monllo de relatos que Paco Rivas denomina Mar...usía. Relatos salpresados, unha homenaxe en forma de 15 relatos ás xentes do mar (máis concretamente da Mariña luguesa), ao traballo realizado, pero tamén ás súas vidas e aos seus afáns. Porque son vidas que merecen ser contadas e respectadas, como tamén o merece a súa lingua, que o autor quere recoller con toda a súa viveza, tanto, que para a xente do interior será mesmo un descubrimento achegarse a ela e atopar un novo léxico enriquecedor, como o é asemade un mundo de microtopónimos tan afastado do noso. A carón, o misterio, como misteriosa é a vida no mar, homes e mulleres nunha loita que pode ser titánica ou conciliadora, unha ollada afastada, un salaio cheo de palabras non ditas. 
Un mundo. Un mundo enteiro.



03/10/17

Saltón no camiño

A editorial Kalandraka recupera este Saltón no camiño de Arnold Lobel para a nosa lingua. O saltón ten unhs postura ante a vida ben envexable, atopando todo tipo de personaxes no seu camiñar: prepotentes, obsesivos, cotiás, maniáticos, egoístas... de todo hai e a todos respecta o saltón, xa que el entende que só baixo o paraugas do respecto á diversidade poderá el realmente gozar da vida e do "camiño" que está a facer; por iso, pululan polo libro, encontrándose no camiñar do noso protagonista Saltón, unha serie de personaxes ben estraños e variopintos, reafirmando a idea de valorar o diferente, e dándonos unha lección de civismo e de optimismo, porque, a verdade, dá gusto estar con Saltón a calquera hora do día, sempre procurará unha palabra amable en compañía.

Nemo. O xigante de pedra

Volvín gustar desta segunda entrega de Nemo que nos trae a editorial Xerais na nosa lingua. Desta volta o libro de Davide Morosinotto chámase Nemo. O xigante de pedra e a acción trasládase a Praga, como consecuencia dos acontecementos da primeira entrega; en Praga vivirán no barrio xudeu e contarán a inxustiza á que é sometida este pobo. Pouco a pouco imos sabendo algo máis do noso misterioso protagonista e da súa vida anterior, así como das súas habilidades e intelixencia, pero ambas necesitadas dos seus fieis compañeiros de viaxe, que asemade gozan do coprotagonismo na obra, ocupando mesmo máis páxinas, xa que os seus pensamentos son clave na evolución da historia. Tanto Daniel como Ashlynn son necesarios nas aventuras infantigables destes libros.
Unha lectura moi áxil e amena para o lectorado novo dos nosos centros de secundaria, moi acaída para aquel alumnado que goce do xénero de aventuras e que se deixa atrapar pola lectura, pois esta saga é precisamente idónea para enganchar ata o remate da mesma.


02/10/17

As tres curuxiñas

Con texto de Martin Waddell e ilustracións de Patrick Benson temos este fermoso álbum que publica Kalandraka na nosa lingua baixo o título As tres curuxiñas. Tres pequenas curuxas que agardan con temor a que volva a súa mamá nunha historia chea de tenrura. O lectorado sofre canda as tres protagonistas unha inquedanza na espera da mamá protectora, sobre todo a repetitiva frase da máis pequena, que tan só pide con insistencia ese regreso necesario e desexado. Unhas ilustracións magníficas que nos trasladan unha atmosfera case con tebras, unha noite triste que xoga cos sentimentos de indefensión e de afouteza, agardando mesmo poder acariñar esa plumaxe que se sae do papel e uns ollos que nos miran directamente para manter un diálogo necesario de coraxe e confirmación dese regreso temperá.


Liberadas del olvido

Documental sobre as primeiras mulleres universitarias e a situación actual da muller no ámbito académico e profesional. 




Dende Docugénero

01/10/17

BINTA Y LA GRAN IDEA

Non á violencia contra as mulleres (DXXX)

Hoxe imos pola segunda.

Árbore 


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.