Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/04/18

El soñador

Pablo de Bella é o autor de El soñador, publicado por Fondo de Cultura Económica. Un álbum que me pareceu precioso e nada sinxelo, a pesar da súa aparencia. Que é realidade e que non o é? O noso protagonista durme diario, sempre ten sono e non sabe cando está dentro do mundo dos seus soños e cando está na realidade, cando está durmindo e cando está soñando. Por iso este xogo entre realidade e ensoñación é continuo no libro e convídanos a pensar sobre esta dicotomía. O libro remítenos insistemente ao soño dentro do soño e así sucesivamente. Esta é a filosofía da existencia.


Story of Flowers

Vinllo a Mar no Facebook e namoroume. Fermosísimo este vídeo:

29/04/18

Cuando sale la reclusa

A verdade, está comezando a me preocupar este crise lectora que me vén de invadir hai xa un tempo. Este libro acabeino hai un par de semanas, e dende entón non collín ningún outo que non fose álbum ilustrado. 


Fred Vargas volve con Cuando sale la reclusa publicado en Siruela. E non defrauda. Non defrauda se o que procuramos é unha novela negra con todos os mecanimos deste xénero, que ela domina. Ela e o seu comisario Adamsberg. Xénero puro mesturado con ironía e ás veces con tenrura, con anécdotas policiais e narración complexa. Un relato que contén saltos temporais porque será a intrahistoria das vítimas a que poida explicar o que está a suceder. E o que ocorre é, aparentemente, nada. Pero o comisario sabe ir máis alá. Por iso pasearemos por algunha páxina de tratado zoolóxico, psicolóxico, lingüístico, histórico e mesmo gastronómico. Todo cómpre para entender. A cultura como base. Asemade, estamos ante un abano de reaccións humanas, porque o ser humano é complexo e así nolo demostra a autora: vinganza, envexa, amor...
Se non lestes nada, non vos recomendo comezar por aquí. Coido que é necesario saber algo destes personaxes que teñen unha longa traxectoria. De non ser así, creo que hai veces que poderiamonos perder. Os secundarios son importantes, tanto que están sempre. Se é que son secundarios; sobre todo non son perfectos, o que resulta marabilloso. O principal é gozar da lectura e dun comisario que nos encanta. Porque semella vivir na brétema. Na interior. Desa que non se sae. Que ás veces deixa ver entre tebras; outras veces é demasiado imbricada.

Non á violencia contra as mulleres (DLVI)

NO SIGNIFICA NO 



28/04/18

El río que se secaba los jueves

El río que se secaba los jueves  (y otros cuentos imposibles) é un libro de contos de Víctor González con ilustracións de Pablo Amargo que vén de editar Kalandraka e que fora publicado hai anos por Anaya. É un deses libros con moitos contos que convida a ler por separada, cada día un, un par deles, algúns máis... porque esa maxia precisa do seu tempo para ir apoderándose do lectorado. Cando menos, eu creo que hai darlle ao padal pequenas doses para que perdure o seu gusto. A colección  desprende moito enxeño con humor, son contos moi ricos que abren portas e ventás que convidan a seren abertas e a seguir abrindo máis. Porque así, teremos máis posibilidades de seguir soñando. A receita, a maxia, deliciosa e doce. Porque a maxia impregna todas as palabras dos case cen contos do libro, acompañada de diversión e reflexión, de personaxes curiosos e sucesos imposibles, de amizade. E de ilustracións que se convirten en pequenos manxares exquisitos.


«Los habitantes de Chelm conocen una manera infalible de distinguir un pato de una pata. Le tiran un trozo de pan. Si el pato correo en su busca, es pato; si es la pata la que corre a buscarlo, es pata.»

#Condenados a salvar vidas

26/04/18

La lámpara maravillosa

Publica a editorial Alvarellos en edición facsímil La lámpara maravillosa. Ejercicios espirituales de Ramón del Valle-Inclán, unha xoia de 1916 ilustrada por  José Moya del Pino. É un deses libros para ollar con moita curiosidade, que conta autobiograficamente a paixón polo ocultismo e que necesita transitar por camiños diferentes aos que xa coñece para seguir creando, de aí que probe con drogas como o cannabis. De aí que sinta Santiago como unha rosa, unha rosa de pedra chea de misticismo, unha rosa que non murcha porque é eterna, coma o tempo compostelán.
Esta edición conta cun estudo a cargo de Olivia Rodríguez-Tudela, con fotografías de época e un prólogo feito do neto do autor Jooaquín del Valle-Inclán Alsina.
Unha lámpada marabillosa, en todos os sentidos.


25/04/18

El prisionero sin fronteras

Boísimo e imprescindible este álbum (ou cómic?) sen palabras de Jacques Goldstyn que publica PicaronaEl prisionero sin fronteras é un alegato pola liberdade. Un home que cre nas súas ideas e deféndeas publicamente, pero precisamente por iso lévano ao cárcere. Si, no século XXI pasan este tipo de cousas. A solidariedade fará posible a liberdade.
Unha iniciativa de escritura colectiva de Amnistía Internacional que trata de sensibilizar sobre o respecto a opinar doutro xeito ao establecido, a poder expresar esa opinión con total liberdade e a non temer as posibles represalias dos gobernos por este motivo. É dicir, o libro fala de democracia plena. Sóavos???


24/04/18

Elmer

Sempre sentimos unha ledicia especial cando un clásico imprescindible (data de 1968 aínda que se fixo moi famoso no ano 1989) como é Elmer de David McKee publícase na nosa lingua; desta volta, grazas ao labor da editorial Kalandraka. Non hai nada novo que dicir deste libro que nos presenta un personaxe pintoresco, diferente, e único. E sobre todo alegre, tanto, que transmite esta ledicia continuamente, unha ledicia que se traduce na felicidade de quen o rodea. Sen el, as cousas non semellan tan doadas. E aceptarse a si mesmo si que pode selo. 
Debemos dar as grazas a este autor que tanto ten feito pola pola tolerancia, a paz e o respecto.

23/04/18

Poemas con canela

Poemas con canela é o título deste álbum de poemas -musicados pola pianista Bárbara Mourelo-  de Miguel Anxo Romero con ilustracións de Leandro Lamas que publica Edicións Embora. Poemas da natureza onde os bechos son protagonistas cos seus ruídos, onde as mestras aloumiñan e onde as nenas fanse amigas de estraños seres xigantes que poden vivir baixo as pedras.



Lúa

Pepablo Patinho Penya pon o texto e Nuria Díaz a ilustración para un libro de poemas publicado por Edicións Embora co título de Lúa. Lúa porque será a lúa a protagonista indiscutible deste monllo de poemas que traen dende tan lonxe problemas sociais, eses que parecería que a lúa non ve pero a quen lle preocupan. Así, o lectorado máis novo achegarase a través da poesía e da lúa a temas tan importantes como as guerras, os muros, as diferenzas sociais ou o egoísmo. Como vai poder durmir a lúa con tanto barullo como facemos aquí na terra???



22/04/18

Bonus Track

A poeta Rosalía Fernández Rial chega á narrativa co relato curto -acompañado da música- publicando na editorial Galaxia o libro Bonus Track. Relato curto (22), como dixemos, onde a música é protagonista, como fío que tece, como agulla que cose, letras que ganduxan esperanzas, melodías que permanecen na memoria, estilos variados nunha banda sonora de historias que amosan situacións diferentes. E nelas radica a esperanza. Quizais nesta estea ese voo para ir máis aló, ou a solución a aquel pensamento, ou o sorriso que nos salve. Quizais a salvación estea no baile, o baile sorprendente da vida. O baile da auga dos ríos, o baile das ondas do mar, o baile das estrelas da maxia. 
E nos relatos toparemos de todo, situacións límite que viven homes e mulleres, a violencia de xénero, a homofobia, a precariedade laboral, a crise económica... pero nesas tremendas realidades haberá asemade xiros soprendentes, incribles pasos de baile, que serán quen de reverter as situacións. A música como influencia, transformación, frescura e realidade. Porque a música é poesía, os relatos ateigánse de híbridos poéticos, rurais e urbanos, narrativos e cinéfilos. Unha mestura que é unha explosión de lingua oral e asfáltica.

Non á violencia contra as mulleres (DLV)

Despierta 
Esperta



21/04/18

Guau, guau, guau!

Carlos López e Eva Seoane son os artífices deste álbum, Guau, guau, guau!, onde os cans son protagonistas indiscutibles; 20 relatos curtos que publica Edicións Embora. Diferentes razas para diferentes situacións que deixan un sorriso e moita tenrura para amantes destes animais. Porque os cans son diferentes, como as persoas, así serán as situacións ás que se teñen que enfrontar nestes contos.


20/04/18

Cambio de roles

Majorité Opprimée (Mayoría Oprimida)
Unha curta de Eléonore Pourriat que conta como os roles de xénero invírtense e as mulleres actúan como homes e os homes como mulleres.

 

19/04/18

Los Liszt

Na editorial Impedimenta topamos este álbum de Kyo Maclear e Júlia Sardà: Los Liszt é unha familia afeccionada a facer listas de todo o que nos parecería impensable, do inusual, do raro, ou de cousas que nos parecen prescindibles. O caso é facelas, porque iso permítelles manter unha certa orde. E é que as listasnon son outras cousas que manter o mundo baixo o control, non permitindo que ningún tipo de caos se achegue nin o máis mínimo. O problema reside en que non todo é susceptible de ser acatado, nin todo é previsible. Será entón cando haxa que sortear os problemas.

18/04/18

¡No quiero el cabello rizado!

Precioso álbum ilustrado de Laura Ellen Anderson publicado por Picarona: ¡No quiero el cabello rizado! lémbrame sobre todo unha alumna que sempre tenta alisar ese marabilloso pelo cheo de caracolas que ten. A protagonista tenta de todo para estirar o seu cabelo... ata que coñece unha nena que ten o pelo liso e pásalle o mesmo ca a ela, non se gusta a si mesma nin lle gusta o seu pelo. A aceptación dunha mesma ou dun mesmo é a fin do libro, con poucas palabras, con ilustracións super-expresivas e con moito humor. É un álbum delicioso que se le cun sorriso constante.

Lumi Book

Lumi Book from Lumi Book on Vimeo.

17/04/18

Mirando a los ojos de los refugiados

16/04/18

Todo lo que pudimos

Chamoume a atención na libraría e collino. E fixen ben. Todo lo que pudimos de Thi Bui, publicado por Kraken, é unha crónica dunha vida, ou de moitas vidas, de como as guerras e a acción humana rompe canto temos e canto desexamos ser. É a crónica dunha familia que debe deixar o seu país, é a crónica dunha familia de refuxiados. Neste caso, de Vietnam. Importa o lugar de procedencia? Cun libro cargado de emocións, exploramos os sentimentos -que poderían ser nosos- e percorremos as dificultades que vive esta familia, a anguria, o drama, e tamén a sensibilidade, pero sobre todo a fouteza. Porque esta é imprescindible para seguir adiante, para ollar un futuro posible, para reconstruírse e construírse, para saber máis dun pasado que non se debe esquecer. E para valorar canto temos.

ProEmAid - Condenados a salvar vidas

15/04/18

Caderno de fume

Se hai un libro escrito por Antonio García Teijeiro e ilustrado por Leandro Lamas, que podes agardar? Pois claro, unha xenialidade! E así é Caderno de fume (antes ilustrado por Xosé Cobas, ou sexa, outra xenialidade) publicado por Embora, unha fermosura para todos os sentidos, porque a poesía de Antonio convida a ler en alto e a ser compartida, mesmo a ser tarareada. Poesía como fonte de inspiración e de imaxinación, poesía musical, musicable, musicada. Esta poesía é unha partitura, e no seu pentagrama as notas son palabras que nos levan pola primavera, pero que non esquecen o inverno, un paseo polas catro estacións onde o mar e a natureza convértense en claves (de sol, de fa...). O instrumento témolo, a nosa voz. Agora, interpretemos a partitura coa que nos agasalla este fermoso libro.


Caderno de fume,
en ti escribirei
os ventos das noites
e non durmirei.
Caderno de fume,
eu vouche contar
mentiras, segredos,
que debes gardar.

Non á violencia contra as mulleres (DLIV)

Abolir la prostitución, ¿por qué? 



14/04/18

O deporte galego fala galego

"O deporte galego fala galego", dezasete deportistas de elite do país reivindican a lingua galega neste vídeo realizado para os XX Encontros para a Normalización Lingüística, que tiveron lugar antonte e onte no Consello Da Cultura Galega. #odeportegalegofalagalego


La souriante madame Beudet - 1923

Esta película considérase a primeira na historia do cine que se centra no punto de vista psicolóxico dunha muller.


13/04/18

'Muiñeira de Chantada' en danza

12/04/18

La magia de la lectura

 Campaña de fomento da lectura do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte xunto con Disney: un vídeo de 20 segundos protagonizado por diferentes personaxes desta factoría que ten como lema: Los libros están llenos de historias emocionantes. Descubre tú también la magia de la lectura





Vía El País

11/04/18

El otro lado del silencio

E xa postos, seguín con Philip Kerr, agora co último libro publicado en español por RBA, El otro lado del silencio que vén a ser máis unha novela de espionaxe que negra. 
Arestora, a historia sitúase en 1956 e o noso protagonista, Bernie Gunther, vive na Riviera francesa. Leva unha vida máis ou menos monótona, pero coñece un personaxe ben coñecido, William Somerset Maugham -escritor que deita un cinismo particular na sociedade que o rodea-, quen o contrata para axudalo nunha chantaxe que o presiona. Así, volveremos, como non, á Alemaña nazi para lembrarnos os horrores da Segunda Guerra Mundial (e ensinarnos algo de historia: a vinganza rusa, a maior traxedia da mariña da hisotira, o misterio da Cámara de ámbar). Dende esta chantaxe, todo se torna máis e máis complicado para amosarnos como as axencias de intelixencia británicas loitan en plena guerra fría coas da RDA. Así que a partir de aquí a novela vén a ser, como indicamos ao principio, unha novela de espionaxe; como tal, é difícil saber que é certo e que non. Coma sempre, personaxes reais andan canda personaxes ficticios polas páxinas do libro.
Teño que dicir que foi a entrega que menos me gustou, pareceume moi enrevesada e ás veces resultábame demasiado liosa. Pero, por suposto, lerei os libros que faltan deste autor que nos deixou hai pouco: é de agradecer a investigación que realizou para escribir estes libros.



 

Golden



Visto en repaso de lengua

10/04/18

¿De qué color es un beso?

Divertido álbum de Rocío Bonilla publicado pola Editorial Algar: ¿De qué color es un beso? establece a difícil cuestión que o propio título indica. A nena protagonista vai falando das cores que coñece e establecendo a conexión coas cousas que a rodean e que lle gustan ou non. E a pesar do título, non pensedes que é empalogoso nin romanticón, senón orixinal e imaxinativo. E as ilustracións, divertidas e expresivas. 
E ti, como pintarías un beixo???




Romper estereotipos

Dende Mulleres con Ciencia:

A Dra. Alexandra Olaya Castro é física teórica, coñecida polo seu traballo en física cuántica biomolecular, en particular pola súa investigación sobre os efectos cuánticos na fotosíntese. En 2016 recibiu a Medalla Maxwell do Institute of Physics.
Nesta conferencia de TEDxBogotaMujeresAlexandra Olaya Castro fala sobre estereotipos e de optar pola "opción B".



09/04/18

Ío

Preciosa novela gráfica de Daniel Piqueras Fisk (coas pinturas de planetas de Pedro López) que publica Narval co título Ío: Hai moita vida aí fóra. Ío é o satélite de Xúpiter que lle dá título ao libro. A historia comeza cando unha nena descobre no faiado un libro e unha mensaxe nunha botella. Coas páxinas deste libro atopado chegamos ata a historia dun náufrago que viaxa polo sistema solar nun globo aerostático; coñece o amor, deixa a súa pegada na Lúa, goza coa liberdade e tamén sofre. Unha viaxe chea de chiscadelas. Pero sobre todo, de paixón, paixón que viviremos dende a nosa cadeira e desde a cadeira da nena que se emociona e fai emocionar. O universo enteiro nas nosas mans.
Todo isto, sen palabras. 
As palabras que poñemos nós son de admiración absoluta. Porque é imposible non devoralo dunha atacada para logo volver a ver a el e demorarse nas súas páxinas



Chile Reserva de Vida

08/04/18

A soidade do asasino

Carlos G. Reigosa é o autor desta pequena obra de teatro publicada pola editorial Xerais, A soidade do asasino. Un diálogo entre vítima e asasino, un díalogo de descuberta da realidade, da personalidade, do coñecemento. Estamos predestinados? Podemos evitar o destino? Estas preguntas son as que nos provocarán ler porque agardamos a resposta, unha resposta que se amosa trampeira nas súas páxinas, que nos confunden. Asemade, ademais deste diálogo principal que nos leva a unha posible solución, as historias secundarias explícannos o porqué do enfrontamento existente entre vítima e asasino. 
Cal é a causa de que o asasino non leve a cabo o encargo para o que está cualificado? Vítor e Claudio gañan tempo, un tempo importante para un, un tempo quizais perdido para outro. Pero ese tempo é o que nos sostén. Son en realidade almas xemelgas ao coñecérense? 
Unha chea de preguntas en poucas páxinas que atrapan a cobiza da lectura.


Non á violencia contra as mulleres (DLIV)

More than mean
  (Máis que cruel)

O podcast estadounidense Just not sports (Non só deportes) lanzou en 2016 o vídeo More than mean (Máis que cruel), onde algúns homes lían ás xornalistas deportivas Sarah Spain e Julie DiCaro os ofensivos chíos que algúns espectadores lles enviaban. Os homes tiñan algúns problemas para lelos e sentían vergoña, pedindo perdón.
"Non llelo diríamos á cara, entón non llelo escribas"




Visto aquí

07/04/18

El futuro es femenino

Hoxe, é Alba Gómez Barros quen recomenda un libro feminista, un deses que lemos para o Club de Lectura de Igualdade de 4º da ESO. Trátase de El futuro es femenino, publicado por Nube de Tinta, onde ilustran Agustina Guerrero, María Hesse, Ana Santos, Naranjalidad, Lady Desidia, Laura Agustí, Elena Pancorbo e Amaia Arrazola.



Este é un libro que recolle relatos de varias autoras e ilustradoras. Contos curtos inspiradores sobre situacións nas que se encontran as mulleres ou rapazas a diario e as que se teñen que enfrontar. Neles móstrase como as protagonistas se transforman para logra empoderarse.
Cómpre salientar que para min os relatos destacaron todos, tanto pola súa orixinalidade como polos temas que tratan.
Este libro curtiño e cuns relatos apenas de dúas páxinas logrou que espertara en min un gran interese por lelos. Ademais conta cunhas ilustracións magníficas.
Estes relatos paréceme que tratan temas moi interesantes, xa que tratan temas presentes na realidade como que un neno se sente nena, que elas intentan a igualdade ou que queren practicar deportes dos que se din que son para os homes, pero relatados dunha maneira na que resultan entretidos e amenos.
En conclusión, pareceume un gran libro, moi fácil de ler e a súa vez moi fermoso. Recomendaríallo a todos, xa que é un libro para gozar da lectura e a súa vez reflexionar sobre situacións cotiás nas que se encontra a muller a día de hoxe, e polas que debemos loitar para conseguir a igualdade.

06/04/18

No es país para coños

No club de lectura de 4º da ESO estamos a aprender moito sobre Igualdade e Feminismo. Temos tanto para ler! Na última sesión cada integrante pediu ler un libro diferente. Laura Soto escolleu No es país para coños, de Diana López Varela publicado por Península. E falou así:


No es país para coños é unha obra da xoven escritora galega Diana López, probablemente non escoitarades o seu nome ata o de agora, pero estou segura de que algún día será unha distinguida e portentosa escritora, bueno, portentosa xa o é, o que necesita é moito máis recoñecemento.
  O certo é que sen esaxerar dende que lin esta refrescante e rompedora obra feminista a miña vida mudou dalgún xeito. Non sempre fun feminista, de feito tan só hai un par de anos que me intereso por este tema, cousa da cal me avergoño, pero tampouco tivera moita marxe de tempo para saber que persoa quería ser. Pero agora hai unha parte do meu ser que ten clara o que é, e esta é a de ser feminista. 
A verdade é que non creo que este libro intente convencer a ninguén sobre o que ten que ser, simplemente penso que nos responde a todas esas dúbidas que algunhas persoas se poden chegar a plantexar sobre a necesidade dunha sociedade feminista, e tamén contribúe a abrirnos os ollos, xa que nos mostra pequenos detalles que antes podían ser imperceptibles, porén son estos pequenos detalles os que marcan a diferenza entre unha sociedade igualitaria ou non.
   Como dixen antes este libro convertiuse nun símbolo importante para min, porque comecei a ver as cousas doutro xeito moito menos común nesta sociedade de masas. Está claro que a muller sempre é a do carácter brando e que entón cede ás presións ou a aceptar as opinións contrarias con moitísima máis facilidade que os homes. Estas series de prexuízos están totalmente insertados nos cerebros de gran parte da poboación e ata o de agora eu sabía que tanto eses ideais como as persoas que os defendían eran totalmente repugnantes, entón intentaba ser o máis feminista posible, sobre todo co entorno que me rodeaba. Pero logo de ler este libro deime conta de que iso non é suficiente, Diana convídanos a loitar, a manifestarnos, a levantarnos cada día coa cabeza ben alta orgullosas de sermos quen somos, a que ninguén nos mande calar, a que non lle permitamos a ninguén dicirnos que baixemos a voz que así estamos máis guapas, porque non, non queremos nin eu, nin a escritora, nin ti calar, queremos liberdade, e berrar.

   Estou segura de que algún día por sorte, estes libros desaparecerán por moi fermosos que sexan, serán coma un libro contra a escravitude na España de hoxe en día.

05/04/18

Profesión: cocodrilo


Xa sabedes que devezo polos álbums sen palabras. Ás miñas mans chega este Profesión: cocodrilo de Giovanna Zoboli e Mariachiara di Giorgio publicado pola editorial Adriana Hidalgo, na colección Pípala. Con este álbum-cómic acompañaremos ao señor Cocodrilo por un día da súa vida: erguerse cedo, saudar os veciños, facer as compras, almorzar... e traballar. 
Se dicimos que é un álbum-cómic é porque mestura ambos xéneros, hai páxinas onde se realiza un xogo de planos, outras onde se xoga cos tamaños dos encadres... e o álbum é un paseo humorístico en si.

Poémic

Encantoume esta proposta que realiza Laura Pérez Vernetti e Ferran Fernández: Poémic son 52 tira poéticas que contan cun prólogo de Jesús Jiménez e que está publicado por Luces de Gálibo. Como a propia contraportada afirma, estamos ante "un experimento sorprendente: poesía e cómic xuntos facendo poémic". A ilustradora Laura Pérez Vernetti aposta por esta innovación, e sáelle ben abofé; así, traduce a historiestas os poemas -visuais- de Ferran Fernández. Os temas son a política, o amor, o sexo. O personaxe principal é Tristan Tzara, vangardista que tratou de rachar coa lóxica da linguaxe. Con el, leremos poemas curtos, historias independentes que convidan á reflexión.
Unha nova posibilidade poética, que me encanta, por certo.


04/04/18

O Parrulo feo

Marcos Escudero debuxando con area ao son das bandas de música. Esta é unha actuación en colaboración coa Agrupación Musical do Rosal, que interpreta "Unha Sinfonía de fábulas", de Julie Giraux.


03/04/18

La dama de Zagreb

Tíñao na casa e aínda non lle tocaba, pero ao saber do pasamento do seu autor decidín lelo para pórme ao día porque xa hai outro libro del publicado. Si, deixounos Philip Kerr, un dos mellores escritores de novela negra actual, para min, con este comisario Berni Gunther situado na Segunda Guerra Mundial. Philip Kerr sitúa La dama de Zagreb, publicado por RBA, xa cara ao final da guerra, no declive do nazismo. Nesta entrega terá que traballar, para a súa desgraza, para o doutor Joseph Goebbels, ministro de Propaganda. Debido a este traballo terá que ir a Iugoslavia. Será nestas páxinas cando comprendamos o horror máis sinistro do que aconteceu despois e do que tivo que ser daquela: Serbia e Croacia nunca foron un país, por máis que as fronteira si o indicaran. Se pensabamos que os nazis foron o peor da nosa historia recente, viaxar ata ese antigo país supón indicarnos que non, que os peronaxes máis crueis vivían en Croacia; descubrimos (?) que en época de guerra a maldade do ser humano non entende de nada nin se couta ante nada. Terrible. Asemade, tamén é importante a realidade que nos amosa sobre Suíza: unha fotografía moi diferente do estereotipo que sabemos, xa que agora comprenderemos que o país helvético tamén tivo que "moverse" axeitadamente para evitar que os invasores alemáns os engulisen.
O mellor do libro é, sen dúbida, a ambientación. Se ante nos gustaba xa por isto, agora encántanos. Coido que é o valor da serie, aínda que este libro gustoume menos cós anteriores como novela negra, pero si como aporte á historia. Sóbranlle unhas cantas páxinas (pero isto está a me pasar con caste todas as novelas longas que leo) e ás veces semella que a historia sexa un pouco desmesurada, pero a ironía do noso protagonista é maxistral. Como o é a súa soidade ante un mundo tan ruín. 
Seguirei léndote, Philip Kerr.



02/04/18

Lili

A protagonista debe enfrontarse a medrar, a deixar atrás a súa infancia. Algo que non é doado. Curta sen palabras, vista aquí.


Feminismo para principiantes

Unha marabilla de libro de Nuria Varela, pedra base para comezar neste mundo, e que agora sae en formato ilustrado para unha lectura máis doada e atraente, tanto que, por suposto, será o próximo libro do noso club de lectura de igualdade de 3º da ESO. Feminismo para principiantes coas ilustracións d Antonia Santolaya está publicado por Ediciones B. Con el, podemos saber o que supuxeron e supoñen as reivindicacións feministas e as mulleres que as fixeron posible e que nos levaron ata onde estamos, explicando mesmo cuestións tan básicas como que é o feminismo ou o que este ofrece á sociedade; é un texto sinxelo e divulgativo, pero é un texto de acollida, de iniciación para logo achegarnos a outros textos. Sobre todo, entender que estamos onde estamos grazas a tres séculos de loita e que moito lle debemos a quen estivo aí detrás e que, cando menos, debemos coñecer. A loita do feminismo contra un patriarcado que semella invencible (e invisible) segue, e libros coma este son imprescindibles. En nós está seguir avanzando. E seguiremos. Porque a nosa loita é imparable.

Obsesión pola estética

O concepto de beleza imposto pola industria da estética é unha arma socio-política para frear o avance das mulleres.




Visto en Pikara

01/04/18

Orquesta japonesa fusiona a Beethoven con Peréz Prado dirigidos por Akira Miyagawa

Vidas extraordinarias

Si, proliferan estes libros, pero sexan benvidos. Hoxe falamos de Vidas extraordinarias. Lazos entre mujeres que han cambiado el mundo de Kate Hodges e Sarah Papaworth, publicado por Lunwerg. Outra vez vidas de mulleres, pero desta volta conectadas con outras mulleres que ou ben serviron como fonte de inspiración ou ben serviron como impulsoras. De aí a sororidade como motor. O libro comeza con Manuela Sáenz "a libertadora do libertador", estpía e defensora dos dereitos da muller que axudou durante a Independencia de América do Sur e que foi así chamada por Simón Bolívar, e que será seguida por Anita Garibaldi. Édith Piaf estará conectada con Isadora Duncan, Colette, Josephine Baker e Patti Smith... e así sucesivamente, nun lazo curioso que nos leva dunhas vidas a outras.
Fundamentalmente, as mulleres que están aquí van máis alá das nosas fronteiras. Poderiamos engadir uns cantos nomes que botamos en falta. Claro que isto sempre pasará nun libro sobre mulleres, xa que senón sería unha enciclopedia, digo eu.



Non á violencia contra as mulleres (DLIII)

Deixa ela trabalhar
#deixaelatrabalhar


Mulleres xornalistas do Brasil gravan este vídeo para denunciar os comentarios agresivos e machistas que sofren.


Visto en Verne:

Siempre fui una reportera que le encanta una fiesta de hinchas. No me importa que haya baño de cerveza, hinchas saltando y pisándome el pie... siempre me dejo llevar por la emoción y trato de sentir el momento para hacer mi trabajo de la mejor manera posible. ¡Siempre me he sentido orgullosa de tener una buena relación con todas las aficiones y por ser tratada con mucho respeto! Pero hoy, sentí en la piel la sensación de impotencia que muchas mujeres sienten en estadios, metro, o incluso caminando por las calles. Un beso en la boca, sin mi permiso, mientras yo ejercía mi profesión, que me dejó sin saber cómo actuar y sin entender cómo alguien puede sentirse en el derecho de actuar así.


Por supuesto, el chico no sabe cuánto me esforcé para estar allí. Lo que he estudiado y me he esforzado para tener el placer de poder contar historias increíbles y estar frente a las cámaras mostrando todo en directo. Facultad, cursos, muchos fines de semana perdidos, muchos partidos de fútbol analizados, estudio táctico, técnico, investigaciones, etc. Pero por el simple hecho de ser una mujer en medio de una afición, nada de eso tuvo valor para él. Se encontró en el derecho de hacer lo que hizo.



Hoy me siento aún más triste por lo que pasó conmigo y por lo que sucede diariamente con muchas mujeres, pero sigo adelante como lo hice en directo. Con la certeza que, con la cabeza erguida, vamos a conquistar el respeto que merecemos y que el ciudadano que quiso aparecer en cámara es quien debe avergonzarse de lo que hizo. Soy reportera de fútbol, soy mujer y merezco ser respetada.

En México, unha iniciativa semellante:


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.