Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/01/21

Migrantes


 Marabilloso este álbum publicado por Libros del Zorro Rojo, de Issa Watabane: Migrantes é un álbum sen palabras, e é que non as necesita. Un tema durísimo para ser tratado con ilustracións que impactan.

A Organización Internacional da Migración considera que no mundo hai 258 millóns de inmigrantes, ou sexa, un 4% da humnaidade. Son persoas que foxen de guerras, de conflitos armados, de persecucións, de inxustizas. Un drama humano que está ao noso arredor e que tantas veces queremos obviar botando a vista para outro lado.  Pero este libro non deixa que iso ocorra, senón ao contrario, ponnos na diana achegándonos de tal xeito que nolo retrata con animais antropomorfos, de tal xeito que ao mesmo tempo afástanos e achéganos irremediablemente ao conflito. Destaca asemade a variedade de animais, porque así de variado é o mundo migrante humano, un mundo que medra e devece... e nós sabemos a razón. 

Un libro que non pode pasar desapercibido e que debe ficar entre nós para relembrarnos quen somos e como debemos comportarnos.




30/01/21

Marmuradoras

Por HABELAS HAINAS

29/01/21

Travesía

 Auténtica delicia visual e obra mestra esta Travesía que nos propón Peter Van Den Ende grazas a Libros del Zorro Rojo. Realmente, quedei estupefacta cando o abrín, xa que é unha gozada estética dende a primeira páxina, e precisa un mundo de tempo para paranos en cada pequeno detalle que cada páxina ofrece: unha verdadeira fermosura de diversidade beleza. 

Cun fráxil barco de papel, viaxaremos por todo un mundo extraordinario, toparemos icebergs, grandes buques, cidades, unha exuberante natureza marina e mesmo animasi fantásticos e reais. Unha viaxe metafórica da complicación da vida. E sobre todo, un agasallo para os sentidos que nos remite a grandes artistas.


 



28/01/21

La casa en el bosque


 D
esta volta, namoramos do álbum pola forma. Un despregable en forma de acordeón con 4 metros de lonxitude! La casa en el bosque de Laetitia Bourget e Alice Gravier está publicado por Libros del Zorro Rojo. Por un lado, o narrador fainos unha proposta: por que non o acompañamos a coñecer a súa casa? Así que con el percorreremos camiños, carreiros e bosques ata descubrila. Dende planos xerais aos máis detallistas, faremos unha viaxe exterior, que se convertirá en interior cando lle deamos a volta, é dicir, cando entremos na casa e coñezamos o salón, a cociña, os cuartos... todo cheo de luminosidade e hiperrealismo.

E si, lémolo en pouco tempo, se queremos. Pero constitúe realmente un xogo para gozalo durante ben máis tempo, xa que contén un sinfín de detalles onde poderemos buscar moitos elementos agochados entre tanta profusa ilustración.





27/01/21

La brecha de sueños

26/01/21

Un milagro para Helen


 A
na Juan
é marabillosa. Todo o que fai é unha obra de arte, e volve a demostralo neste álbum publicado por Libros del Zorro Rojo: Un milagro para Helen conta a historia de Helen Keller e Anne Sullivan. En 1882, con dous anos, Helen quedou cega e xorda, medrando como unha nena salvaxe. Os pais buscaron a axuda de Anne Sullivan, mestra que lle ensinou o alfabeto manual, ensinándolle os nomes das cousas. É en realidad unha homenaxe a estas mulleres que son precursoras na integración das persoas con discapacidade.

As ilustracións saben amosar perfectamente o mundo das tebras nas que vive a protagonista, destacando ante todo o medo e a soidade. Son tan plásticas que podemos sentir todas as emocións que pasan os corazóns das protagonistas.

 



25/01/21

¿Vegetariano?

 


D
ivertídisimo álbum publicado por Libros del Zorro Rojo, de Julien Baer e Sébastien Mourrain: ¿Vegetariano? está protagonizado por un rapaz de oitos anos acusado polos animais de ser as súas vítimas, polo que é xulgado polos seus "crimes", é dicir, será xulgado por animalicidio. O álbum convida a reflexionar sobre a relación entre os seres humanos e o resto dos seres vivos, non só cos animais, porque hai que chegar ata o final para velo. Todo o libro é unha alegría en si mesmo, logrando que temas tan sesudos como o vexetarianismo ou o veganimo sexa un diálogo tranquilo e expresivo. As ilustracións son igual de desenfadadas. 

Pero sendo tan divertido, pregúntome se a mensaxe que transmite faino dun xeito correcto. Non sei se lido dende a perspectiva infantil pode causar algo de medo.




24/01/21

Diversidade

Nerina Canzi

23/01/21

La hija única


 U
n libro para recomendar firmemente. Sorpréndenos Guadalupe Nettel con este duro relato sobre a maternidade, publicado por Anagrama. En La hija única veremos diferentes nais, diferentes xeitos de pensar, diferentes xeitos de vivir, diferentes xeitos de encarar unha desgracia. Dous eixos fundamentais: a maternidade dunha bebé con problemas cerebrais e a maternidade dun neno con problemas de conduta. Tamén está a antimaternidade. E a relación coa propia nai. Sobre todas as maternidades planea a complicación da vida. Non procuredes unha visión amable da maternidade, ao contrario, aquí non se agocha nada. Sobre a maternidade voa o cansazo, o agobio, o sacrificio, o distanciamento da parella, mesmo a posibilidade da morte... moito sufrimento a carón tamén de pequenas ledicias. A autora ademais aproveita para denunciar os feminicidos e para falar de sororidade e feminismo como única ferramenta posible de cambio, como o único camiño posible para a transformación da sociedade e do noso papel nela.

Non a perdades.


22/01/21

La muerte blanca


 X
a lera un libro de Ragnar Jonasson e agora volvín a el e ás frías terras de Islandia con este La muerta blanca, publicado asemade por Seix Barral. Volvemos a estar ante un libro entretido, cun bo desenvolvemento pero que non acaba acaba de convencer no desenlace. Iso si, o avance na novela é entretido, xa que seguimos varias historias e varios personaxes principais que resultan atraentes e están ben construído, tecéndoos nunha rede que vai encaixando como un bo puzzle



21/01/21

ARIAS - ¿Qué Decías?

 Canción feminista que visibiliza a científicas, enxeñeiras, matemáticas... e moitas mulleres que fixeron e fan Historia.



#NoMoreMatildas

20/01/21

El verano en que mi madre tuvo los ojos verdes


 M
arabilloso este libro de Tatiana Tibuleac publicado por Impedimenta e titulado El verano en que mi madre tuvo los ojos verdes: un deses libros para lembrar e que aposta polas relacións humanas e polo perdón, xa que a reconciciliación, por moi difícil que pareza, sempre é posible; é máis, é necesaria. Polas súas páxinas pasearemos entre un vaivén permanente, o amor e o desamor filial. Unha historia dura, dolorosa, con moitos erros e traumas, que o protagonista tentará subsanar por medio da escritura. Quizais sexa a poesía a encargada de poñer un pouco de cordura nas nosas existencias. Así percorreremos diferentes estadíos entre os que destaca a soidade, o resentimento, o medo, a vulnerabilidade... sentimentos que nos removerán no noso sofá porque sempre hai algún que nos chegará de pleno.

 

 



 

18/01/21

John Williams - 'Auschwitz-Birkenau'

17/01/21

#NoMoreMatildas

NO MORE MATILDAS 


Campaña da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas que busca denunciar as consecuencias do Efecto Matilda. Unha idea de Gettingbetter coa colaboración de Dospassos que busca recuperar referentes científicos para inspirar e fomentar a vocación científica en nenas e adolescentes.

16/01/21

Ocultos en el bosque


U
n deses álbums imprescindibles en toda casa que teña nenxs e en toda biblioteca. Mitsumasa Anno -Premio Hans Christian Andersen en 1984-, autor xaponés falecido hai pouco, é un artista esencial en Xapón, con máis de 300 libros. Este que agora temos nas mans, grazas a Kalandraka, de título Ocultos en el bosque, foi publicado por vez primeira en 1977, é é unha obra visual sen palabras que supón un desafío en cada páxina, xa dende a propia cuberta. Non é doado en moitas ocasións atopar os animais agochados que o artista nos ofece, polo que o libro convértese nun xogo para horas de soños e maxinación. Unha auténtica gozada!

15/01/21

O axolote e outros contos de bestas e auga


 Aínda que non son eu moito de relatos, pareceume moi interesante esta proposta que nos convida a ler Lara Dopazo Ruibal a través da editorial Galaxia: O axolote e outros contos de bestas e auga lévanos a viaxar polo misterio e polo sobrenatural, con fenómenos naturais e animais fascinantes (reais ou non) que remexen na tradición oral e no imaxinario popular, que sorprenden e que nos deixan ao remate de cada relato agardando, cunha estraña sensación de illamente e de sobrecolledora ausencia que non sabemos explicármonos. A autora crea escenarios afastados en breves relatos que modulan a tensión narrativa e o ritmo para sorprendernos con latitudes alleas e lendarias.

Moi recomendable.

Premio Illa Nova 2020




14/01/21

Ella pisó la luna


 Breve e intenso este libro de Belén Gopegui que recolle unha conferencia da autora baixo o título Ella pisó la luna. Ellas pisaron la luna, publicado por Random House. Intenso e emocionante, xa que reivindica os logros silenciosos das mulleres a través da figura da súa nai. Pero a nai é un pretexto para falar de todas as nais, das mulleres que nos rodean, que loitan e loitaron por transformar a sociedade. É un libro que chega aos nosos corazóns porque na historia da súa nai, na historia que conta están tamén as nosas nais, as nosas avoas, as nosas amigas, e nosoutras. Por un mundo mellor. Por un mundo igualitario.




12/01/21

Canción negra


 Permitídeme que siga recomendándovos libros de poesía ilustrados. Desta volta quen chama a miña atención e amor é Wislawa Szymborska, e volve a ser a editorial Nórdica quen me conquista con este seu libro titulado Canción negra con ilustracións de Kike de la Rubia. Un libro que nunca antes vira a luz en castelán e que agora podémonolo agasallar. Neste libriño recóllense poema de xuventude da autora, poemas sinxelos que anuncian a ironía que a caracterizará posteriormente para falar do cotián, da bondade do ser humano, da humilade e do humor, tanto propio como alleo. O seu compromiso cívico, afastada de calquera dogma, é o seu sinal de identidade.



11/01/21

Yo voy soñando caminos


 U
nha recomendación para amantes de libros ben editados: Nórdica, marabillosa editorial -máis na súa colección ilustrada, por motivos obvios, para min- ofrécenos ler a poesía de Antonio Machado ilustrada por Leticia Ruifernández; un percorrido polas cidades nas que viviu o autor, con 40 poremas seleccionados por Antonio Rodríguez Almodóvar, e cun epílogo de Julio Llamazares. Vaia, que máis non se pode pedir. Así que xa sabedes, é hora de reler a Machado gozando visualmente dos seus poemas.




10/01/21

Illa Decepción


P
ublica Berta Dávila en Galaxia Illa Decepción, un fragmento do pasado, do futuro, dun presente sen fin. Tempos nos que non cambian os escenarios porque hai esperanza na memoria e no porvir. As casas que nos deixan pegada porque foron nosas, as relacións familiares e a falta dos seres queridos que marchan para sempre. Tamén a Covid-19 ten oco no libro, igual que moitas referencias culturais. É, por tanto, un libro sobre a vida.


07/01/21

Pilu Velver - La otra mitad

06/01/21

O perfil da boca

 


U
n libro que namora por fóra. Sen previo aviso, sen tocalo sequera, queremos posuílo. Tanta é a fermosura que transmite! Abrímolo con coidado, con discreción mesmo, marabilladas ante as ilustracións que nos agasallan as primeiras páxinas. Agardamos, contemplando a beleza, antes de seguir; logo virá a lectura demorada, tenra, emocionante. Cánticos ligados á infancia, á aldea. A avoa como eixo. Eu, que non a tiven, añóroa. Porque este libro é unha homenaxe a todas as avoas (e eu agora tamén o son), unha homenaxe que se transforma en demostración de afecto, en expresión de vida, en defensa dos sentimentos. A voz poética lévanos por terreos vizosos que nos transmiten cheiros e sons e que nos leva a infancia, a súa e a de moitas persoas, a unha infancia que non se debe esquecer.

O perfil da boca, de Lorena Conde, editorial Urutau.

 

Criáronnos aquí os palíndromos das aves
que se repiten desde as estremas.
Criáronnos os labores, as estacións,
a fronde do tempo, comer terra.
Comer terra e coa boca chea
repetir os nomes dos ríos e os golfos,
coller coas mans redondiñas saltóns
- dos das ás de vidreira e dos pequenos-,
escaravellos das patacas,
zapateiros verdes,
acariñar con prudencia
a casca de grafito das vacalouras,
facer coroas e colares de pampillos
e comer as mazás en cuartos
que o avó estona coa navalla e reparte.
Criounos no salvaxe María
e medrounos a sombra nun paraíso

05/01/21

Tierra de fuego


 E
sta novela negra levoume de viaxe a Chile e a Suecia. E gustoume. Engancha dende o principio e presenta unha trama ben construída e interesante. Tierra de fuego é de Pascal Engman e está publicada pola editorial Roca. O autor volve a demostrarnos que o paraíso sueco non existe e a inseguridade tamén é moeda de cambio. De fondo, na parte chilena, o nazismo como telón de fondo e máis acá a ditadura chilena. E algo tan aterrador como o mercado de órganos e o secuestro de nenxs da rúa. Unha detective que terá continuidade, e que agardamos, Vanessa Frank. Todo mesturado dá como resultado unha boa novela que vos recomendo se vos gusta este xénero.

02/01/21

Velloucas & Minchas


 Lorena Conde gañou o III Prmeio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil con este Velloucas & Minchas, publicado por Cuarto de Inverno, unha lectura que terá éxito, coido eu, entre o lectorado novo (1º, 2º da ESO), xa que consegue manternos pegadxs ás súas páxinas e queremos saber como vai acabar todo. A pesar de introducir na historia un malo demasiado malo, un personaxe dende o meu punto de vista pouco crible e non acabado de construír, as páxinas centratanse en transmitir valores positivos como a diversidade sexual -en persoas maiores, que resulta desde logo máis innovador- e inclusividade (ambos supoño que foron quen lle outorgou o premio). O feito de que as protagonistas -agás as nenas- sexan mulleres maiores que celebran a vida e loitan polos seus dereitos é un dos piares da narración, que se sustentará asemade nunha vila que como todas as vilas ten habitantes diversos, habitantes tolerantes e intolerantes, unha vila que festexa e que baila. Canda esta vila iremos coñecendo unha nena que vive con temor pero tamén con valentía os sucesos que ocorren ao seu arredor, acontecementos que a fan sufrir e que axudarán na súa madureza e na construción da súa personalidade.


01/01/21

O paraíso dos inocentes


 N
on se me ocorre mellor xeito de comezar o ano que recomendando un bo libro da nosa Literatura. Así celebremos o cambio de ano coa esperanza de que este sexa mellor para o mundo e que medre a nosa Literatura. Antón Riveiro Coello non decepciona, porque ten oficio, e este oficio demóstrase novamente en O paraíso dos inocentes, publicado por Galaxia. Unha novela que nos introduce por vez primeira na nosa Literatura (creo) no conflito sirio. Neste libro pasearemos con medo polas rúas de Alepo, mentres é bombardea e mentres vivimos nunha guerra sen fin. Logo, chegaremos a Bruxelas, onde -a pesar de ser unha cidade occidental- tamén percorreremos rúas que están en guerra, xa que o mundo occidental amosa a súa indiferenza e a súa non-aceptación daquelas persoas necesitadas que fuxiron da fame, a miseria, o medo e a guerra. Que significa ter que marchar do propio país? A soidade, a dor, o medo camiñan ante a nosa indiferenza. Ese camiñar marca as páxinas do libro. Un camiñar pousado, tráxico, vibrante... esperanzador. Si, tamén atopamos a esperanza entre os cascallos das rúas e os cascallos dos corazóns. Aferrémonos a ela. Sen ela, non poderemos xuntar eses anacos de vidas esnaquizadas por políticas incongruentes e intransixentes. Neste sentimento ventureiro atoparemos tamén como reconstruírnos despois da morte de seres queridos, atoparemos a humanidade, atoparemos un sorriso que pague a pena, a pesar de todo, porque somos seres humanos, capaces de cometer actos atroces pero tamén capaces de sermos solidarixs, afectuosxs... ao fin e ao cabo, humanxs.


 

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.