Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/11/10

Por coherencia

Agustín Fernández Paz, un dos escritores máis queridos polos nosos lectores e lectoras adolescentes, vén de protagonizar o mellor acto de valentía e honra que hogano podía realizarse no noso país: rexeita o Premio da Cultura galega das Letras 2010 por coherencia. Xa publicamos no seu momento o comunicado de Prolingua: Rosalía de Castro nunca aceptaría ese premio. Non é Rosalía que non o acepta, senón que é Agustín Fernández Paz. E por fin sentímonos orgullos@s de sermos galeg@s.
Grazas Agustín, por ser unha raiola de sol na tempestade que barre o noso idioma. E a nosa dignidade.




Recomendacións ilustradas

Remata a nosa Feira do álbum ilustrado e non podía faltar a guía:





Aproveitamos a ocasión para que o alumnado de 3º de Diversificación se convertese en "contacontos" cos nenos e nenas máis peques do cole que temos a carón do instituto e que tan amablemente nos cedeu as súas instalacións.



El oso con la espada



Moi, moi fermoso este álbum que nos procura Barbara Fiore, na súa liña de edicións coidadas e totalmente exquisitas.

El oso con la espada é un libro de Davide Cali ilustrado por Gianluca Foli que nos fala de ata onde poden chegar os nosos actos sen pretendelo nin cavilalo anteriormente, da importancia da reflexión a priori e de que en toda a comunidade cada individuo importa xa que todas as actividades poden ter consecuencias.




Ollo ás medidas

Beach Policeman - Washington DC - 1922



Un policía en Washington, Bill Norton, medindo a distancia entre o xeonllo e o traxe de baño na praia Tidal Basin, despois de que o coronel Sherrill, superintendente de Edificios e Terreos Públicos, emitira unha orde que establece que o traxe de baño non debe superar (= empezar máis arriba) as 6 pulgadas por riba do xeonllo.

1 pulgada= 25.4 mm

16/11/10

Google Streetview

Gran publi en stop-motion creada por Sehsucht para promocionar Google Streetview en Alemania.

GOOGLE STREET VIEW from Sehsucht™ on Vimeo.



Vía

La señorita Emilia



Texto e ilustracións de Barbara Cooney editado por Ekaré. Fermosísimo. La señorita Emilia é un álbum para a esperanza e a ilusión. Calquera feito, por mínimo que sexa, pode axudar a que o mundo sexa un pouquichiño mellor. Non cómpren grandes accións, só o desexo de axudar.
Ilustracións importantísimas nun texto cheo de bondade e tenrura.

A historia do Rainbow Warrior



Kalandraka colabora con Greenpeace publicando este fermoso álbum de Rocío Martínez: A historia do Rainbow Warrior. O libro conta as orixes deste barco-denunciante das agresións contra o medio ambiente que se realizaban polo mundo. Unha acción que foi truncada por unha sabotaxe pero que contribuiu a que moitos países adoptaran medidas para protexer o planeta. A presentación do libro é moi delicada, o papel reciclado de gran calidade e as ilustracións destacan polo uso de cores pouco chamativas e elegantes que lle dan un toque de distinción ao álbum.
Dúas baleas nadaban nun mar xeado.
A máis nova facíase a preguiceira.
Non quería realizar unha viaxe que, de certo, sería longa.
A máis vella empuxábaa suavemente e cantáballe unha historia...

Pílulas para a dor allea

Unha das últimas intervencións de Luís García Berlanga fíxoaa coa campaña Pílulas contra a dor allea de Médicos Sen Fronteiras, onde o director, moi deteriorado de saúde, anima a todo o que se achegue ás farmacias a comprar por un euro unha caixa de seis caramelos que distribúe esta ONG e cuxos beneficios destinaranse a loitar contra seis enfermidades que atacan especialmente o Terceiro Mundo: kala azar, Chagas, a enfermidade do soño, tuberculose, malaria e sida infantil.



Vía

15/11/10

Dr Tom ou La Liberté en cavale

Curta de animación dirixida polos ex-estudantes de Gobelins Stehen Vuillemin, Emmanuelle Walker e deseñada por Aurélien Predarl, foi creada para unha canción do álbum "Dr. Tom ou La Liberté en cavale", álbum tributo ao compositor Franck Langolff.



Docteur Tom . La Liberté en cavale from Emmanuelle Walker on Vimeo.



Vía

Bailar nas nubes

Vanina Sarkoff é autora e ilustradora deste fermoso libro, Bailar nas nubes, publicado por Kalandraka e que foi finalista do III Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados. E non me estraña. Que explosión de cor! Nas súas páxinas contemplamos a presenza do folclore latinoamericano cun toque naïf.
Unha reflexión sobre a convivencia, sexa a raza que sexa e a veciñanza. Como en tantos álbums infantís, dáse a acumulación concatenada de elementos, o que favorece a memoria dos máis pequenos. E por suposto, a confianza de que se perseguimos os nosos soños, estes acaban facéndose realidade. Porque non hai nada como a constancia.
Precioso.

Astrid y Veronika

Linda Olsson é a autora deste fermoso libro, Astrid y Veronika, publicado pola editorial Salamandra. Unha novela sobre a amizade, sobre o amor, o odio, a infancia, as lembranzas, o medo... todo cabe nestas dúas mulleres aparentemente tan afastadas que resultan non estalo tanto. A poesía e a música son partes esenciais da novela e das vidas das protagonistas, dúas mulleres que aprenderán a falar dos recordos máis dolorosos na convivencia noutrora xamais soñada.
É un libro tenro, delicioso, deses libros cos que choras e cos que sorrís -máis do primeiro que do segundo-, e que podes recomendar sen temor ao fracaso lector.
Por certo, a autora é de Suecia.

Mantenía el pasado a raya. No había futuro, y el presente era un vacío en calma donde existía físicamente, pero sin presencia emocional. Esperaba, con los recuerdos sumergidos, lo que suponía una tarea constante y agotadora que consumiera todas sus energías. Y había momentos en que flaqueaba. Cuando la embargaban sentimientos tan intensos como si fueran nuevos. Los desencadenantes eran impredecibles y tenía que ir con cautela. Durante mucho tiempo había navegado a la deriva en aguas estancadas, aguardando pacientemente la resaca final. Y ahora esto: una leve ondulación de la superficie.

A riqueza da capacidade humana



Vía

14/11/10

Lego Star Wars

Greta la loca

Con texto de Geert De Kockere e ilustracións de Carll Cneut, Greta la loca, publicado por Barbara Fiore, achega neste sorprendente libro unha visión nova do cadro "Dulle Griet", un lenzo exposto no Museo Mayer van der Bergh de Amberes, cuxo autor é Pieter Brueghel o Vello e que constitúe un misterio polo seu significado na súa horripilante paisaxe.

Un álbum tan diferente que non sei como describilo nin como falar del. Desde logo, non creo que caiba nesa definición que algúns empregan para a "literatura infantil". Infantil? Sinceramente, non. Desacougante? Afirmativo.
Porque se o cadro é tremendo tamén o é a historia que o sustenta neste libro. Unha nena que medra na soidade provocada pola maldade dos seus actos ata chegar ao averno. Un libro que mestura coma ningún outro ilustración e historia. Unha ilustración que se afasta e se achega nun fantástico dobre xogo ao cadro orixinal.




Por un momento, Greta permaneció quieta. Sólo por un momento. Un momento entre el infierno y el purgatorio. Un momento de duda, quizás. Una pequeña duda. Porque Greta vio, porque Greta sabía que la cabeza era el diablo y dentro de ella estaba el infierno. De allí salía puro veneno.O quizás entraba. Así pues, por un momento Greta dudó. Pero luego se abrió paso hacia dentro a base de patadas y mandobles.A través de la boca del diablo. La boca abierta de par en par. La boca que era una puerta, la puerta del infierno.

A Quinta de Saler

Agardando a visita de Antón Riveiro Coello mañá no instituto de Forcarei, recuperamos a lectura deste libro publicado por vez primeira no ano 1999.
A Quinta de Saler é, segundo a miña opinión non compartida pola maior parte do meu alumnado de 4º de ESO, unha obra que atrapa desde as primeiras liñas, posto que é diferente: tres historias simultáneas nas súas páxinas achegan a elaboración dunha novela coma se dunha partida de xadrez se tratase ao mesmo tempo que sabemos dun xuízo por un accidente e coñecemos os tres protagonistas dunha das historias e desencadeantes das outras dúas. Interesante o xeito de casar a intrahistoria que escriben ao mesmo tempo que sabemos das súas vidas: unha narración baseada en lugares e feitos reais que se apropiarán do interese creativo dunha das escritoras contratadas.
Para min, unha novela ben escrita, ben estruturada e entretida, moi recomendable. Saberemos a opinión do alumnado no blogue das Estelas en breve.
Non sei se nalgún momento Antón Riveiro Coello manifestou quen se agochaba detrás dos personaxes, pero ben seguro que mañá será unha das preguntas principais do alumnado.


Non á violencia contra as mulleres (CLXXI)





Vía Nacovi

13/11/10

Outra do Gadis

Seguen sendo moi galegos, publicidade en galego... pero tendo todo en castelán. Non hai remedio.

Un millón de mariposas



Fermoso libro de Barbara Fiore, con texto de Edward van de Vendel e ilustracións de Carll Cneut, Un millón de mariposas fálanos da chegada do amor e da independencia. Moi curioso o xeito de abordar o momento da chegada do mundo adulto e as súas consecuencias, o amor e a independencia paterna. Pero o máis destacable aquí son as ilustracións, sobre todo se vos gustan as bolboretas: imposible non recrearse nelas, nese mundo de cores que o libro nos ofrece. Tanto, que primeiro miraremos as imaxes e cando case as esgotemos e as retemos -porque queren botarse a voar e marchar das páxinas impresas e nós non as deixamos liberarse-, leremos o texto como complemento.
E é que algunha vez sentimos ese millón de bolboretas no estómago, verdade?
Non sei se andará Bolbor por aí... eu bótoo de menos.

El pez que sonreía



O último libro de Jimmy Liao xa me sorrí desde os andeis. Estaba desexando posuílo. Da man de Barbara Fiore, como adoita suceder, Jimmy Liao achéganos El pez que sonreía, unha fermosa e poética historia como todas as que este autor nos agasalla. Na súa liña, estamos ante unha historia de amizade que nos leva á soidade, á tristura, ao respecto, á liberdade... e á vida.
É un libro que se afasta un pouco por ser máis minimalista nos debuxos, posto que os outros libros asolagábannos ao abrir as páxinas e mergullabámonos inevitablemente nelas. El pez que sonreía, pola contra, require unha atención diferente, como máis pausada, para que os trazos da acuarela vaian emocionándonos pouco a pouco, con eses elementos surrealistas tan característicos de Jimmy Liao.
Chama a atención o uso do adxectivo en feminino cando fala do peixe. Erro da tradución?
Poesía en estado puro, coma sempre que falamos deste autor.






Anos levabamos agardando por este libro, posto que coñeciamos esta magnífica curta, Premio Especial á Mellor Curta de Animación do Festival Internacional de Berlín no ano 2006, que xa nos emocionara daquela:






Un modelo?

Que é ser un mestre ou unha mestra?



Vía

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.