Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/05/15

La Faillite

Baile liberador. Sen palabras:




Vía

O segredo da Illa Negra


Imparable Agustín Fernández Paz. Así está ultimamente. Volve agora cun libro publicado na colección Sopa de Libros da editorial Xerais, ben acompañado polo número 1 da ilustración Miguelanxo Prado: O segredo da Illa Negra contén dúas historias onde as protagonistas son dúas nenas afoutas, que fan da valentía a súa gran virtude e que axudarán a salvar a quen teñen arredor. Nas dúas historias hai elementos sobrenaturais e ambas teñen tamén en común a loita contra poderes incorpóreos. En ambas, asemade, a liberdade é o eixo das historias. E sobre esa liberdade constrúese a xustiza. Porque sen ela, o ser humano deixa de selo, adormece, ou desaparece. Estas son as metáforas que nos agasalla o Mestre. E o máis importante é que nas dúas historias, serán dúas nenas quen, soas, fagan todo o traballo admirable de conquistar e vencer o Mal. Curiosamente, tanto os inimigos como as amizades que constrúen as historias teñen nome de muller: as buguinas, a Dona das Augas,  a Serea, a Néboa Negra...
Unha terá como cooprotagonista natural o Mar. A segunda desenvolverase na Terra, nunha paraxe privilexiada de vales vizosos e cumios altos.
E en ambas o bo sabor de boca para nenos e nenas que gozarán con ese final feliz.


Non á violencia contra as mulleres (CDXVI)

Nunca é tarde para facerte valer:


30/05/15

O faro escuro

Unha alumna de 3º de ESO vén de ler O faro escuro de María López Sández, publicado pola editorial Galaxia,  que vimos de mercar para a biblioteca do centro e mándame a súa opinión. Graciñas, Raquel!


 O Faro Escuro é un libro moi interesante e fácil de ler; como podemos case que intuír polo seu título trata sobre misterio. Carolina é unha xornalista que desaparece sen deixar pistas pero na comisaría en Galiza onde se encargan dos feitos xa teñen moitas hipóteses abertas. Un accidente de avión, uns superviventes, acosos polo móbil e en persoa... demasiados camiños que investigar, pero dous están relacionados e teñen máis forza de que poidan ser os camiños correctos polos que guiar a investigación. Na comisaría, Carolina non é unha cara nova xa que a axente Neira xa coincidiu con ela uns anos atrás.
 Segundo avanzas no libro pódeste facer unha idea de quen é o secuestrador, ao principio pode pasar desapercibido pero logo a súa vinculación con Carolina e cuns feitos en común delátano. Os plans que ten o secuestrador para Carolina son despiadados xa que só a unha mente enferma se lle ocorrería a idea de querer ofrecer a Carolina como un obsequio a uns familiares mortos.
 Para concluír quero dicir que é un libro moi entretido no que o feito do secuestro atrae a túa curiosidade e te invita a seguir lendo ata o final.

Monstruo Rosa



Olga de Dios publica en Apila este álbum sobre o valor da diferenza: Monstruo Rosa, gañador do  Golden Pinwheel Award, na categoría de mellor álbum para nenos internacional na Shanghái Children´s Book Fair 2013. O libro trata a diversidade como o que é e debemos lembrar sempre: algo enriquecedor porque é precisamente na diferenza ond reside a facultade de sermos únicos e o que consegue que a sociedade sexa máis rica e diversa. Asemade, observamos como o optimismo que transmite e logra contaxiar ao lector e á lectora  é neceario para o noso día a día, para enfrontarse aos problemas e poder superalos. E sempre con sentido de humor.


29/05/15

Celles et Ceux des Cimes et Cieux

Un estudante francés homenaxea ao mestre Miyazaki no seu proxecto de fin de carreira. Curta sen palabras: 


 
Celles et Ceux des Cimes et Cieux from Gwenn GERMAIN on Vimeo

El día señalado


Enrique Vila-Matas publica na editorial Nórdica El día señalado con ilustracións de Anuska Allepuz. Un libro sobre a morte e a súa presenza, nun xiro constante por previr o momento, ou por tentar fuxir del, coma se a morte puidese evitarse. Novos presaxios que xorden arredor de, sempre, unha data determinada. E o terror, ese medo sempiterno, á morte.
As ilustracións, delicadas, interpretan a soidade e o baleiro, sobre todo esa incerteza constante que habita cada páxina do libro.

"Isabel Dumarchey tenía diez años cuando una gitana le pronóstico que moriría sedienta y de pie, tal vez bailando, en un día de invierno muy lluvioso, de un año imposible de determinar".

 

Familias Playmobil



 O Día Internacional das Familias celébrase o 15 de maio. Playmobil compartiu nas redes sociais unha foto na que quedaban representadas todo tipo de familias: heterosexuais, homosexuais, con homes, con mulleres, con fillos, sen eles e ata cun loro.Pero non hai ningún asiático nin ningún negro. Aínda así, é ben necesario que marcas coma esta amosen respecto pola diversidade familiar

Vía

28/05/15

1000 Primaveras +

Prolingua publicou onte a primeira peza audiovisual da súa iniciativa Por min o galego terá mil primaveras máis coa que lembra, trinta e cinco anos despois, a apoloxía de Álvaro Cunqueiro sobre a lingua galega pronunciada na homenaxe que se lle rendeu en Vigo o 25 de abril de 1980.




"As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. (…) Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: “aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”

Buñuelos de Huracán


Publica a editorial A buen paso este orixinal álbum de Pep Bruno e Carla Besora con formato apaixado -como unha caixa de bombóns- e historia maxinaria: Buñuelos de Huracán é a historia dunha pasteleira que posúe o segredo dunha receita ben especial, uns buñuelos que poden transportar a quen os coma a un lugar ao que sempre se quixo ir para topar a felicidade.  O libro ten un pequeno texto ao comezo e ao final, mentres que o resto pousa a súa forza nas ilustracións: son elas as que nos levan pola man ao onírico, a forza dos soños sobre a realidade e a meta para alcanzalos.




Animados na Diversidade

 Unha curta que nos ensina a convivir e respectar a diversidad. Poucos minutos son necesarios para isto. Linguaxe clara, iso si, para botar un pouco de luz sobre un tema coma este: de que vai a "identidade de xénero"?


Vía

27/05/15

Ear Fear



Vía

O Parnaso sobre rodas

 
 
Calquera amante dos libros e da lectura gozará con esta lectura que nos trae na nosa lingua a editorial Rinoceronte: O Parnaso sobre rodas é unha novela deliciosa, tenra, con humor e moi entrañable que nos ofrece mesmo algunha escena quixotesca na procura do amor á lectura, á natureza e ao ser humano. Que o final sexa máis ou menos previsible non importa a ninguén: estamos ante unha lectura gorentosa e apacible que xira arredor dunha idea: cada libro é unha semente que xermola na necesidade de máis libros. Cando o estás lendo, só apetece coller un lapis e subliñar moitas frases que che gustaría lembrar, todas elas relacionada co bo fomento da lectura.

Que é un bo libro? Un bo libro debe ser simple. E coma Eva, debe provir dalgún lugar entre a segunda e terceira costela: debe haber un corazón latendo no seu interior. Unha historia que é só cerebro non vale moito.

¿Te gusta?

Gústache?

26/05/15

The Man and the Dog

Unha curta emocionante da Fundación Argentina de Transplante Hepático para fomentar a doazón de órganos:

Vía

25/05/15

PUNTADA SEN FÍO - "Eco"

Corazón Azul

Contra a trata, campaña das Nacións Unidas:

24/05/15

The OceanMaker

 Logo de desapareceren os mares, unha afouta pilota ten que loitar contra os piratas do ceo que buscan controlar a única fonte de auga: as nubes.   Realizada por Mighty Coconut.

Vía

O álbum de Adela


Dentro da colección "Vintage" da editorial Lata de Sal chéganos este álbum enormeee de Claude Ponti: O álbum de Adela é un libro que o autor fixo para a súa filla recén nada, un imaxinario sen palabras nos que aparecerán personaxes que logo desenvolverá nos seus libros; un mundo de diminutos e un bundo cheo de sorpresas que require unha detallada lectura a pesar de non ter palabras. Paseando polas súas páxinas veremos como conviven obxectos animados e inanimados entre os que parece non existir relación nin lóxica, pero cos cales poderemos inventar moitas historias, descubrindo como obxectos e animais cambian para construír un xogo máis alá das súas páxinas. Todo un derroche de maxín!





Non á violencia contra as mulleres (CDXV)

23/05/15

Things don't Fit

Unha curta sobre todas esas cosas que non encaixan na vida. Realizado por Tim Divall.



Vía

Lindbergh. La increíble aventura de un ratón volador

Fermosísimo álbum da editorial Juventud de Torben Kuhlmann ao que non puiden resistirme cando o vin: Lindbergh. La increíble aventura de un ratón volador é a historia dun rato piloto que logra atravesar o Océano Atlántico dende Hamburgo ata Nova Iorque, unha chiscadela á historia da aviación, xa que foi o americano harles Lindbergh quen cruzou por primeira vez ese océano en 1927 e ao revés, dende Nova Iorque ata París. Claro que isto -se non sabemos a historia- non o descubriremos ata ao final, pois nós estamos a ler as aventuras dun rato moi valente que medra antes as dificultades e non teme a nada, soñando con reunirse cos seus compañeiros que sabe emigrados na procura dun mundo mellor. Para iso este rato afouto inventará unha estraña máquina que voa, inspirándose nos morcegos, uns animais que deben ser parentes, polas semellanzas.
O álbum constitúe así unha homenaxe a inventores e aventureiros que perseguen os seus soños e constrúen as grandes historias da humanidade. Un álbum que mestura ficción e información e que demostra que serve para todas as idades lectoras.
E sobre todo, un flipe de ilustracións, que narran o ambiente en xeral e as emocións en particular.






4116img7

4116img4

4116img5
4116img13

4116img10




22/05/15

Michelin CrossClimate

Espectacular traballo de Unit Image para o último spot de Michelin.


Vía

Cien sillones y pico




A editorial Nórdica reúne  nun volume os debuxos de "Sillón de orejas" de Babelia en Cien sillones y pico de Max. Imposible non amar este libro se amas os libros, deixarse levar pola relación entre a literatura e o sofá, o humor, o maxín. Un libro marabillosamente encadernado, como vén sendo habitual nesta editorial, que será unha delicia á que acudir de cando en vez.




21/05/15

Can I Stay?

Vaivos encantar esta curta:



Vía

Comino


Álbum ilustrado de gran formato que publica a editorial Libre Albedrío: Comino é de NiñoCactus e Jacobo Muñiz, unha historia cargada de poesía sobre a inmensidade do mundo e sobre a pequenez do ser humano, pero tamén sobre a grandeza que o ser humano pode acadar no seu interior se recoñece a súa propia humildade.
Cada cousa e cada persoa ten o seu propio valor, sen comparacións. E ese valor pode mesmo ser infinito se o valoramos na súa xusta medida. Como a paz que saben transmitirnos estas fermosas ilustracións que nos acollen entre as súas páxinas. Porque o frío só é unha sensación. E o noso calor todo o pode. 






Dobraxe galega

 Dende Carta Xeométrica:

Algo cheira a podre no mundo da dobraxe das películas ao galego. Padecermos unha política lingüística agresiva contra a lingua galega é o que ten. Son moitas as pólas que se ven afectadas xa que a lingua ten que ver con todo e con todos. Cada vez hai menos películas dobradas en galego, cada vez menos galego nas pantallas de televisión e, en xeral cada vez menos galego por todas partes.

20/05/15

Empápate co galego

#EmpápateCoGalego é a nova campaña que Afundación bota a andar en maio de 2015 co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Vía

Lectores infantís de Simona Ciraolo





 
 
Outra vez dende Bibliocolors.

Stop sextorsión


 Internet sen riscos

Que facer para non verte envolt@ nunha situación de Sextorsión:


  1. – Pénsao antes de enviar fotos ou vídeos de contido sexual: unha vez saia do teu móbil, escapará do teu control. Ningunha app para enviar fotos é 100% segura!

  2. Evita ter imaxes privadas no teu móbil ou ordenador: Se as perdes ou non as tes ben protexidas, pódenchas publicar.

  3. – Se compartes vídeos, chats ou fotos eróticas coa túa parella, reflexiona: pode que esta relación non sexa para toda a vida. Protexe a túa imaxe!

  4. – Se envías unha imaxe hota alguén, pensa que aínda que teñas unha gran amizade, ás veces, en quen confiamos, pódennos traizoar.

  5. – Se te chantaxean cunha foto túa, pide axuda a unha persoa adulta. Non o deixes pasar!

  6. – Se reenvías, chías, comentas, daslle a "gústame" ou calas este tipo de actos, estás a converterte en partícipe da humillación e acoso. Lembra, a vítima está sufrindo!

O máis importante para previr a sextorsión é que todo o mundo practique o seguinte: 


  • Se tes fotos íntimas, ou de carácter sexual da túa parella ou dalgunha amizade: NON A COMPARTAS, NON A REENVIES, NON A ENSINES, NON A PUBLIQUES, NON A USES PARA ALARDEAR DOS TEUS LIGUES.

  • Se a compartiron contigo é só para ti. Non só farás dano a esa persoa senón que estarás cometendo un delito.

Practicar sexting non é negativo, o problema está cando alguén te extorsiona cunha foto íntima túa. Por iso se practicas sexting, pensa:


  • O que fagas na rede  queda na rede, non se trata de que no te divirtas e vivas os teus momentos “hot”, pero toma medidas de precaución tendo en conta  o contido da información que compartes e con quen.
  • Se envías fotos sexuais mellor que non se che vexa a cara e que non se te poida recoñecer. Se a comparten con outros que non se saiba quen es.
  • Se chateas e tes unha relación de carácter sexual, ou envías fotos ou vídeos  a alguén que só coñeces vía on line, asegúrate de que son fotos, vídeos e situacións que non che moleste que se publiquen. Non ten por que facelo pero é importante que se te enganan, non teñan material teu co que facerche dano.
  • O máis importante para previr o acoso e a extorsión é que, se alguén ten unha foto ou un vídeo teu e ameázate con publicalo, compárteo, cóntallelo a teus pais ou  pide máis vídeos e fotos eróticas, NON CEDAS. CORTA E CÓNTAO.

Non te sintas culpable. Quen está facendo algo mal é esa persoa ¡non ti!. DEBES CONTAR o que che pasou a alguén de confianza E CORTAR a relación con esa persoa sen entrar na chantaxe.

19/05/15

Y despiertas mientras hilan las mariposas


O primeiro que chama a atención ao coller este libro nas mans son as ilustracións nunha coidada edición que nos trae Comanegra: Y despiertas mientras hilan las mariposas conta con texto de Nina da Lua e ilustracións de Joana Santamans. Un relato onírico e delicado de iniciación, onde a maxia dos contos tradicionais está presente nas paraxes descoñecidas e nos animais fantásticos. Unha peculiar viaxe a que percorreremos coa nosa protagonista nese universo fantástico onde deberesmos atopar un enigma que agocha un segredo sobre a propia existencia. Un historia, por tanto, que está cosida con fíos de seda sobre os que penduran oito craves que debemos descifrar, e non é outra cousa que aprender. Aprender para espertar. Para seguir. Para mirar. Porque a vida é aprendizaxe, loita, e nesa loita a natureza debe estar connosco para axudarnos a sermos máis libres.
O libro péchase coa persuasión de converterse en antídoto contra a desesperanza. Ou conta a apatía que tantas veces nos domina.
Ademais, que queredes vos diga, eu adoro as bolboretas!!!

“Y juntos, sintiéndose eternos, volaron a la luz de la luna. Su libertad se confundía con la pureza de la naturaleza y todos sus encantos…”

16618885019_ca4e9fbac7

despiertas1




Feminismo descolonial: Yuderkys Espinosa

18/05/15

Hai que matalos a todos


Héctor Carré é o autor desta trepidante novela que nos ofrece Xerais: Hai que matalos a todos, un thriller ameno, moi cinematográfico, que nos leva ás escuridades e entramados do poder, aquilo que sucede ás costas da cidadanía -un pouco rocambolesco, quizais, pero ben fiado e entretido-. O  libro ofrécenos unha lectura ficcionada sobre as relacións que no estado actual -calquera estado democrático- existen entre xornalismos e poder. Ou sexa, unha reflexión sobre o dereito á verdade, sobre o engano, sobre o anonimato. E asemade, amor e violencia no camiño. Porque neste camiño que percorremos canda os protagonistas, poderemos observar vicios secretos ou delitos de personalidades públicas -que non deben chegar á cidadanía-, chantaxes, tráfico de drogas, ambicións desmedidas, delincuencia urbana e mesmo vidas miserables e/ou miserentas que fan das rúas o seu fogar.
A novela achega unha reportaxe sobre a manipulación que o estado realiza sobre os medios de comunicación. E esta parte é ben verídica sabendo o que está a acontecer actualmente na nosa sociedade. Quizais o que non sexa tan verídico é a acumulación de tantos feitos que o autor decide case superpoñer, caendo ás veces en clixés de personaxes e ideas.
A verdade, cando estaba lendo esta novela víñanme á cabeza filmes como os de "Bourne", pola acción constante que mantén. Pero precisamente por iso a novela gustoume: porque mantén o libro nas mans sen querer deixalo, e iso é un gran mérito. Recoñezo que ás veces pode pasarse con tanta trama e tanto enredo -o do pai xa me pareceu excesivo- pero necesitamos novelas así, que nos leven da man a outra realidade diferente á que vivimos no noso día a día, cumprindo unha das funcións primordiais da Literatura: a de entreter. E abofé que Hai que matalos a todos conségueo. A min, polo menos, agasalloume unha boa fin de semana!
Por certo, o inicio é un marabilloso comezo!




Historia de Nolwandle's

Nolwandle, unha historia de defensa dos dereitos humanos en Zimbabwe.

17/05/15

Cadros dunha exposición



Vale. Xa sei que estaba predestinada a dicir que isto é unha alfaia máis.
Vale. Xa sei que non son obxectiva.
Vale. Xa sei que amaba o libro antes de ser libro.
Vale. Xa sei que amaba as ilustracións antes de seren.
Vale. Xa sei que son a fan número 1 do señor Xosé Cobas.
Vale. Xa sei que enmudecín cando o libro pasou a estar nas miñas mans.
Vale.
Pero agora que alguén me diga que estou equivocada. 
Imposible non namorarse. 
Un libro que é un paseo polo Museo de San Petesburgo para coñecermos dez cadros do pintor Hartmann mentres escoitas a música de Mussorgsky envolta nos acordes de New York Philarmonic dirixida por Giuseppe Sinopoli. Todo isto adubiado polas ilustracións de Xosé Cobas que nesta obra supérase a si mesmo. E isto é un feito obxectivo, ollo! 
Cadros que toman vida como a vida que nos dá a arte, a música, a pintura, a ilustración. Isto é tan real como o camiño que nos leva polo libro. Música programática que nos describe, que nos evoca imaxes. E mentres a escoitamos somos ocas, ou parrulos, ou entes que pasean da man de Cobas para convertenos en pinceis que harmonizan a obra toda. Non desexamos ser lectores que teñen un libro nas mans. Desexamos ser simplemente un trazo creado polo ilustrador que nos permita segur alí dentro, cando Alguén se atreva a pechar o libro e pousalo nun andel para, quizais, esquecelo; pero nós seguiremos vivindo alí dentro, bailando cunha música, canturreando ou gaznado, pois a esas alturas non imos marchar co resto da manda. Alí permaneceremos, soñando con formar parte dun compás sen estridencias. Así son as ilustracións de Cobas: delicadeza feita arte.

Modest Mussorgsky compuxo a peza para piano "Cadros dunha exposición" en 1874. Victor Hartmann era un arquitecto, acuarelista, deseñador e amigo de Mussorgsky, que morreu con tan só 39 anos. Tempo despois, Mussorgsky decidiu escribir unha suite para piano de dez movementos, cada un dos cales representaba un dos cadros de Hartmann. O enlace entre todos os movementos era un tema de "paseo".
Por certo, é Kalandraka -quen ía ser!- quen nos ofrece esta obra de arte con texto de José Antonio Abad.


Non á violencia contra as mulleres (CDXIV)

A violencia de xénero é progresiva:






16/05/15

17 de maio

O 17 de maio presume e comparte from ProductoraAudiovisual CanalArtes on Vimeo.

A filla do Grúfalo

Xa nos gustara descubrir o Grúfalo. E agora coñecer a súa filla encántanos. da man de Patasdepeixe editorial, A filla do Grúfalo é de Julia Donaldson e Axel Scheffler. Volvemos ter un rato moi, moi listo, e unha "grufaliño" moi inqueda que precisa ver o mundo cos seus propios ollos porque non lle son suficientes os consellos que lles dan. Con texto rimado, con forza narrativa, con humor, con amor, este álbum é absolutamente encantador. Como encantadores son os seus personaxes. Imposible non amalos no primeiro libro. Seguirémolos amando con este segundo, ben seguro!

Mulleres lectoras de Francine Van Hove

Vino aquí, e tróuxeno:

Francine Van Hove ©


Francine Van Hove ©

Francine Van Hove ©


Francine Van Hove ©

Francine Van Hove ©

Francine Van Hove ©

Francine Van Hove ©

Francine Van Hove ©


Francine Van Hove ©
Francine Van Hove ©

Francine Van Hove ©

Francine Van Hove ©

Francine Van Hove ©

Francine Van Hove ©

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.