Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/06/09

En 60 segundos

A evolución da vida nun minuto; uns cantos millóns de anos non son nada...:



Vía Todas

06/06/09

Trilingüismo

Danos e perdas

De Henrique Monteagudo onte en "El País":

Vai para unha ducia de anos, a miña filla maior comezou a ir ao colexio. Na casa falamos galego, e o mesmo facía a cativa. De alí a pouco, deu en castrapear. Os seus pais, por suposto, queriamos que aprendese o castelán, pero non a custa de perder o idioma familiar. Fomos interesarnos á escola, e informáronnos que ensinaban a ler e escribir en castelán. Explicámoslles que a nosa filla tiña dereito a recibir o primeiro ensino na súa lingua, e que non estabamos por renunciar a el. O profesorado non tiña nada contra o galego, aseguraron, pero temía a reacción dos pais contra o seu uso nas aulas (incluso os mínimos legais). Non lles constaba que houbese oposición, pero ventaban que os vellos prexuízos seguían vivos.

Acordamos facer unha enquisa. Resultados: a quinta parte das familias prefería un ensino maiormente en galego, o 15% optaba máis ben polo castelán, e case os dous terzos se inclinaban por un bilingüismo equilibrado. En conclusión, o uso do galego no centro estaba moi por baixo do previsto na lei e o desexado por unha ampla maioría. A partir de aí ata hoxe, avanzouse paseniño, sen problemas especiais.

- A selva dos tópicos

Alberto Núñez Feijoo pretende convencernos de que debe a súa vitoria electoral á campaña pola liberdade lingüística axitada durante os últimos anos. Non tal. A inmensa maioría dos galegos non senten ese problema, a pesar da aloulante pertinacia de determinados líderes políticos, locutores radiofónicos e comentaristas de prensa. Disque a Xunta quere facer unha enquisa nos centros de toda Galicia para que os pais se manifesten sobre os idiomas na escola. Liberdade lingüística á carta, é o último grito.

O que contei antes proba que non teño preconceptos contra ese inquérito. Tampouco, como teño sostido noutras Notas a rodapé, contra un modelo flexible de bilingüismo escolar. Pero cómpre facer algunhas observacións. Primeira, por que os cidadáns non somos consultados sobre outras materias, por exemplo as normas de urbanismo, o código de circulación, ou os horarios dos centros escolares? Todos eles implican severas limitacións ás nosas liberdades: así, facer unha casa onde e como nos pete. Segunda: postos a preguntar, pregúntesenos en que lingua desexamos ser atendidos nos servizos públicos. Que estraña cortesía lingüística é a que nos obriga a ceder sempre aos galegofalantes cando somos usuarios e pagadores deses servizos? Non cortesía, paciencia infinita é o que vimos aplicando. Se a Xunta garantise que imos ser correspondidos no noso idioma nos hospitais e centros de saúde, nos tribunais de xustiza, nas grandes áreas comerciais, de que imos dispor de xogos en galego para os nosos cativos... Albízaras!! Apuntabámonos lixeiros a esa liberdade lingüística. Pero non, a tal liberdade soa a máis privilexios para os que xa tiñan sobexo.

Por certo: por que non se fai esa enquisa nas universidades e se dotan estas dos medios para que os estudantes que escollan o galego reciban docencia no idioma elixido? Os universitarios están en condicións óptimas para ofrecerlles o menú á carta.

Asegúrase que a consulta terá carácter vinculante. Pero seica non van segregar os/as estudantes por linguas, como esixen os monolingüistas. Bo é, pero así a consulta de pouco vai servir, porque non haberá xeito de financiar un operativo capaz de dar satisfacción a unhas demandas diversificadas. Xa se verá.

- A liberdade ten donos?

Cando os afroamericanos reclamaron que se abolisen as prohibicións que os mantiñan segregados nos autobuses, nas escolas, nas piscinas..., os racistas retrucaron esixindo a súa liberdade para manteren servizos só para brancos. Ese uso espurio da liberdade é o mesmiño que vemos invocado agora para promover a segregación idiomática. E o que máis incomoda é que se está a luxar o fermoso lema dos dereitos civís identificándoo con propostas discriminatorias: a loita por eses dereitos é un combate contra a desigualdade, non unha guerra a prol dos privilexios herdados.

A todas estas, se a liberdade lingüística que se predica non é unha impostura, reclámese a derrogación da norma máis impositiva do noso sistema legal: o deber de coñecemento do castelán prescrito na Constitución. E promúlguese a liberdade de idioma entre todas as linguas oficiais da UE nas probas de acceso á función pública de España enteira. Máis ca nada por cortesía lingüistica cara aos outros cidadáns europeos...

Aos que defendemos o galego acúsannos de apropiarnos del. Pero como os mesmos que nos acusan se atreven a apropiarse da liberdade? Moitos de nós fixemos un acto de liberdade (a máis pura: contra corrente, con moito esforzo e renunciando a comodidades) cando decidimos non abandonar ao noso idioma, sendo que todo convidaba a iso. Claro que o noso xesto de lealdade ao idioma do país só nos obriga a nós mesmos. Se propoñemos que todos os galegos aprendan o galego (e para conseguilo, propugnamos o seu uso no ensino), facémolo en nome da igualdade e da convivencia, o reverso da imposición.

Afírmase con grande énfase que son os cidadáns os que teñen dereitos, non as linguas. Érache boa! É que se trata dos nosos dereitos como cidadáns; uns cidadáns que, polo noso idioma, non queremos ser tratados coma se fósemos de segunda categoría. Dereitos iguais para todos, tamén para nosoutros e os nosos fillos.

Os galegofalantes somos todos bilingües por necesidade, os castelanfalantes sono (cando o son) á súa vontade. Pero cando un sector da nosa sociedade fai cuestión de ignorar o galego, o que nos está dicindo é que non quere saber nada de nós, que non desexa que vivamos xuntos. Dóenos, pero non nos queda outra que tomar nota. Iso si, xa me contarán vostedes que convivencia imos construír sobre esas bases...

- Camiño a ningures

Cando se pretende rebaixar o uso do galego no ensino e na función pública, estase abrindo o camiño cara á conversión da súa oficialidade en papel mollado. Se a autonomía se vai desentender do idioma e da cultura galegas, carecerá de espírito e será un cadáver ambulante. Estamos pois ante o primeiro asalto dun combate cara á degradación do autogoberno: as institucións galegas transmutadas nun estaribel burocrático. O obxectivo último da estratexia recentralizadora, o programa final dos neocon. Velaí o fondo da cuestión: non é o futuro do idioma, é o porvir do país o que está en xogo.

Nin sequera iso non é o peor. O idioma galego xa se tornou munición barata para as liortas partidistas e os cálculos electoreiros, con lamentable falta de respecto á súa (e á nosa) dignidade. A estratexia da tensión leva causado un enorme estrago. O clima social estase envelenando. Veremos se a cidadanía, xente común que non é propietaria de xornais nin é socia de clubs financeiros nin está corroída polo resentimento ou entalada nos prexuízos, dá resistido o embate da intoxicación. Veremos se somos quen de esganar a espiral dun conflito que nos arrastra á desfeita. Se conseguimos interpelar á maioría social, con independencia da ideoloxía e do idioma de cada quen, para que reaccione serena e responsablemente en defensa do galego e da convivencia pacífica, da igualdade e do respecto á pluralidade.

Non sabemos como nin cando rematará esta lea pero adiviñamos quen, ao cabo e á conta, acabará pagando a factura dos danos e perdas: o país enteiro. O mesmo a algúns lles saen as contas furadas. Ao tempo.


Fálame nesa lingua

Chega ao meu correo esta carta de Xaquín, un cura de 70 anos de Ferrol. Non podemos deixar de amosárvola:

Benquerido amigo:
É máis cómodo calar.
Pero tamén hai que falar.
E cando a fala está ameazada, cómpre falar.
Xa vou tirando a vello.
Non quixera que endexamais me poidesen acusar
de ter pecado contra da nosa fala
por pensamento, por matinacións, por obra,
por palabras destructivas,
por silencio cobarde, por omisión.
Prefero pasarme e que me digan que se me nota afecto,
amor, emoción, fidelidade, doenza íntima, etc.
Adxectiva como queiras. Éme igual.
Pero penso que nestes intres, temos que falar.
E cantos máis, mellor.
Civilizadamente e, se pode ser, con tenrura e poesía.
Pero hai que falar.
Hai moita xente a mentir e cómpre dicilo.
Xa sei. Algún xa me dixo porque non invertía o tempo
noutras causas: pobres, enfermos, etc.
Graciñas. A iso tamén llo dou e diso tamén teño sensibilidade.
Pero eu tamen sei dicir algo:
Acompáñademe no sentimento de salvar a lingua.
Non veñades logo ao tanatorio darme o pésame.
Unha aperta.
Sempre teu.
Xaquín.

Dez pasos... e a ler!

Recollo de No sólo libros estes dez pasos para converterse en bo lector.

1.- Escolla unha data para comezar a ler e respéctea.
2.- Evite comezar por libros considerados de pouca calidade, pode que o título despois lle decepcione por non reflectir a realidade e pode destruír a mellor das intencións.
3.- Líbrese de todos os móbiles, playstation, dvd's e afíns que teña preto.
4.- Despois de comezar a ler non pode parar sen, polo menos, chegar ao remate do primeiro capítulo; deixalo no medio aumenta considerablemente o risco de desistir antes mesmo de ter comezado.
5.- Para automotivarse, pense moitas veces en todos os beneficios da lectura.
6.- Pida ás persoas que están ao seu arredor que non bocexen nin se deiten no sofá a ver os programas de televisión que pasan en prime time.
7.- Pida axuda a un profesional -pode ser un libreiro, un editor, un profesor...- ou participe en fórums e blogues da especialidade. Estas comunidades de lectores axudarano a integrarse máis facilmente na súa nova realidade.
8.- Cambie de hábitos para evitar locais onde poida convivir con persoas completamente desinteresadas.
9.- Non faga pausas demasiado longas e compleménteas coa lectura dun xornal, revista, de banda deseñada ou dunha historia infantil.
10.- Parabéns. Se chegou ata aquí é porque xa é un bo lector. Mentres, evite os entusiasmos esaxerados, como, por exemplo, pasar a considerarse un intelectual.



Xa

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria consultará aos pais sobre a lingua materna dos seus fillos no caso de cursar Infantil, e as súas preferencias -en Primaria, Secundaria e Formación Profesional- respecto de galego ou castelán nas materias troncais, os libros de texto ou o idioma en que realizarán os exames orais e escritos.

Así, o titular de Educación, Jesús Vázquez Abad, avanzou hoxe que preto de 330.000 familias serán consultadas desde a próxima semana mediante catro modelos de cuestionarios sobre o uso da lingua nas aulas, nun proceso que finalizará o 19 de xuño e no que se inclúe unha pregunta específica sobre se "están de acordo con que se impartan contidos en inglés".

"Hoxe iníciase o proceso de derrogación do decreto" -do galego-, destacou Vázquez Abad, quen reiterou que as respostas dos pais aos cuestionarios serán "o punto de partida cara ó consenso das linguas no ensino" e esa opinión "será decisiva" para "redefinir o marco normativo" das linguas.

Así, o titular do departamento autonómico aclarou que a consulta realizarase porque se trata dun compromiso" e co obxectivo de "superar a conflitividade sobre o idioma", aínda que aclarou que o próximo borrador do novo decreto que regule o uso das linguas no ensino "garantirá a competencia" do alumno en castelán e galego e que "estea capacitado nunha terceira lingua, que será o inglés".

"Intentaremos chegar a todas as familias" destacou Vázquez Abad, quen valorou un proceso de carácter "confidencial" e "absolutamente voluntario" no que a cidadanía "escolle respondendo en total liberdade".

Ademais, sobre a posibilidade de que a participación non alcance o 50 por cento, asegurou que a opinión dos pais "será respectable e terase en conta" igualmente, ao comparar a súa lexitimidade "cun proceso electoral".

Doutra banda, ao ser preguntado en reiteradas ocasións polas liñas que basearán o próximo borrador do decreto, o conselleiro aprazou a resposta ata cando dispoña dos resultados da enquisa. "As hipóteses faranse cando teñamos estes resultados", resolveu.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingística, Anxo Lourenzo, explicou que se repartirá o número de enquisas correspondentes ao total de alumnos e realizarase un seguimento "mediante unha lista de alumnos que contesten o cuestionario", que posteriormente se destruirá.

Deste xeito, asegurou que a Xunta admitirá o total de enquisas que se corresponda co número de familias que aceptaron responder á enquisa, para asegurar a efectividade do proceso.

Vázquez Abad sinalou que o sistema, que conta "con toda unha serie de medidas de seguridade", empezará coa entrega dos cuestionarios aos equipos directivos, mentres que a inspección de educación "supervisará" o proceso de consulta, entregando os sobres con "sistema de auto peche" aos mozos, "que llos entregarán ás súas familias".

A duración do proceso estenderase "8 días" -tras repartir durante a próxima semana as enquisas polos centros- con data límite de 19 de xuño, cando a Consellería de Educación comezará coa análise e reconto de resultados mediante "un programa de introdución de datos".

Así mesmo, o titular de Educación asegurou que a fiabilidade do reconto estará "100 por 100 garantida", xa que porán "todos os mecanismos dispoñibles encima da mesa". "Non podo desconfiar dos equipos directivos", aclarou.

No caso do modelo exposto para Educación Infantil -0 a 3 anos-, a Xunta preguntará sobre a lingua materna dos seus fillos, a lingua habitual na que se dirixe aos seus pais e o idioma no que o pai preferiría que aprendese a ler e escribir -as respostas son castelán, galego ou ambas en todas as preguntas-.

Así mesmo, no caso das enquisas de Primaria, Secundaria e Formación Profesional, pregúntase polas preferencias de idioma en materias troncais e materias, libros de texto e probas orais e escritas -galego, castelán ou indistintamente-.

Ademais, as respostas dispoñibles nestes casos incidirán na proporción do idioma escollido en materias ou libros, cuxas posibilidades serán "todos en galego, a maioría en galego, uns en galego outros en castelán, a maioría en castelán ou todos en castelán".

Finalmente, nos catro modelos de cuestionario -cuxo custo por alumno é de seis céntimos, aproximadamente-, establécese unha cuarta pregunta común sobre se os pais "están de acordo con que se impartan materias en inglés".

Doutra banda, ao ser preguntado pola posibilidade de incluír o portugués como materia, o titular de Educación asegurou que "nestes momentos non hai ningunha proposta" e emprazou a preguntarlle "ao Ministro de Educación".

Precisamente, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prometeu o martes que o seu Goberno "estudará" a inclusión do portugués como lingua opcional no currículo escolar dos alumnos galegos de Secundaria, en resposta a unha demanda do Goberno de Portugal.

05/06/09

X Encontros de Música Tradicional no Mosteiro de Carboeiro


X ENCONTROS DE MÚSICA TRADICIONAL

6 DE XUÑO DE 2009 NO MOSTEIRO DE CARBOEIRO (SILLEDA)

13.00. SESIÓN VERMÚ a cargo dos grupos da bisbarra

·Subasta das andas e PROCESIÓN SA DANTA FERREÑA (acompañada polos cabezudos de Viravolta)

-APERTURA DAS EXPOSICIÓNS:

·BRINQUEDOS DE SEMPRE

ASOC GALEGA DE XOGO TRADICIONAL E POPULAR

MUSEO GALEGO DO XOGUETE (ALLARIZ)

FUNDACIÓN RAQUEL CHAVES (VIGO)

TEMPO DE XOGAR (LOURENZÁ)

JULIO BALADO (LALÍN)

LUIS PREGO (VIGO)

MUSEO DA MARIONETA, CASA DO TÍTERE (LALÍN)

·ANTÓN ALONSO RIOS. O SIÑOR AFRANIO

COMISIÓN POLA MEMORIA SIÑOR AFRANIO

ADELLÍS ASOC. SOCIO-CULTURAL

-FEIRA DE ARTESANÍA:

coiro, prata, abalorios, cerámica, títeres...

15:00- XANTAR POPULAR (empanada, carne ó caldeiro, queixo con marmelo, pan, viño/auga, café e ghotas -12€)

DURANTE A TARDE:

·XOGOS TRADICIONAIS PARA CATIVOS/AS E MAIORES COA ASOC. GALEGA DE XOGO TRADICIONAL E POPULAR

·BOTA CONTAS PERO BOTA CONTOS con Celsiño Fndez. Sanmartín

· Grupo da 3ª Idade da aula municipal de teatro “ANXO CASAL” de Arzúa coa obra "A AVOA VAI Ó BAILE"

VEÑEN XENTES DE TOUTÓN, ZOBRA, SANTA COMBA, ARZÚA, O CAPADOR…

E ó que se vaia facendo de noite…

FOLIADA ATA QUE O CORPO AGhUANTE!

Linguas cruzadas

Onte visitounos Ana Iglesias, autora do Caderno de Actividades sobre o documental Linguas Cruzadas, para falarmos de Sociolingüística. Esta actividade enmárcase dentro do programa que o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística realizaou para o mes das Letras Galegas.
Unha tarde chea de debate na que Ana quedou agradablemente impresionada do ambiente galegofalante que se vive no noso centro e mesmo da actitude positiva cara á nosa lingua do noso alumnado. Unha tarde que resultou moi curta e que deberemos retomar o curso que vén.
Moitas grazas, Ana, polas reflexións e a compañía.


Xornada dos Clubs de Lectura


Estou invitada a participar hoxe nesta xornada para falar de vós, queridas alumnas e queridos alumnos (máis alumnas, todo hai que dicilo), lectoras conscientes e empedernidas. Agardo saber deixarvos no lugar que vos corresponde, é dicir, o máis alto, porque me sinto moi orgullosa, porque se me achego aos dous bogues, As estelas dos ronseis e Momentos de silencio compartido, sinto que algo bo fago, aínda que sexa pouco, cando repaso a cantidade de lecturas que decidistes realizar e as opinións que soubestes verquer. Grazas por axudarme a crer no meu traballo.


04/06/09

Fotos que fan Historia

Xa había tempo que non vos traía unha desas presentacións que no podemos deixar pasar... Esta ilustra ben a nosa Historia:

Siñor Afranio

Do 1 ao 11 de xuño temos na Casa da Cultura de Silleda a Exposición Antón Alonso Ríos, o Siñor Afranio; nós iremos os próximos luns; vós, non a perdades!


Semblanza Alonso Ríos.

Antón Hipólito Alonso Ríos nace no lugar de Camporrapado, parroquia de Cortegada (Silleda), o 15 de agosto de 1887. De moi novo emigra á Arxentina onde traballa como representante de comercio e mestre; alén disto, entra en contacto co mundo societario e eríxese en fundador da Sociedad Hijos de Silleda, creando escolas laicas no Trasdeza, e a Federación de Sociedades Agrarias y Culturales. En 1931 é enviado por esta mesma Federación de Sociedades Gallegas como representante da emigración na recén instaurada IIª República en España para participar na Asemblea do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía, da que sairá como Presidente. Como tamén saiu Presidente dunha Xunta Revolucionaria que tivo lugar en Compostela no verán de 1931. Vivirá en Tomiño, a traballar como mestre e defender os intereses do mundo agrario. Nesta mesma etapa, acrecéntase definitivamente a súa conciencia galeguista, forma parte do Partido Galeguista e traballa arreo na Campaña Pro Estatuto. En 1936 é electo Deputado agrario ás Cortes da República na gañadora Frente Popular. Mais coa sublevación fascista é represaliado, perseguido, polo que foxe a través dos montes galegos durante algo máis de dous anos, até que consegue pasar a Portugal e de aí a Marrocos, para definitivamente embarcar cara á Arxentina. Xa desde 1939, en Bos Aires, dedícase a colaborar en prensa, escribir o seu prolífico ideario, destacando entre outras publicacións, Co pensamento na Patria Galega (1942), fundar a Irmandade Galega e o Consello da Galiza en 1944, do que foi secretario xeral, e Castelao, Presidente, Á morte deste último no ano cincuenta, Antón ocupa as primeiras funcións do Consello, mais magóao enormemente, e conxuntamente coa de Ombú, o seu fillo máis novo, lévao a caer nunha espantosa amargura que o abocaría ao suicidio en Bos Aires, o día 12 de outubro de 1980.




03/06/09

Sobre a impostura da imposición

Explícao estupendamente Suso Fernández Acevedo, e de forma moi sintética, pedagóxica e amena, tanto que a súa serie de artigos Tópicos sobre a lingua galega debería ser urxentemente completada e editada para o seu debate e reparto masivo nos centros escolares de primaria (coas ANPA´s en reunións abertas), secundaria (co alumnado e tamén con pais e nais) e universidades (fundamentalmente co alumnado). Nun folletiño de dez páxinas teríamos o argumentario perfecto para comprender, explicar e responder ás falacias e mentiras dos colectivos extremistas contrarios á nosa lingua. Convídovos a ler os cinco artigos, mais déixovos cun deles, de plena actualidade pola primeira decisión do goberno Feijoo en contra da normalización do noso idioma.

Ningún cidadán, como tal, está obrigado a saber galego, igual que ningún cidadán, como tal, está obrigado a saber conducir nin a vestir dunha determinada maneira. Pero se ese cidadán é taxista terá que ter carnet de conducir, se é futbolista, durante os partidos terá que vestir igual cós seus compañeiros de equipo, e se é un obreiro da construción, mentres estea na obra, terá que levar casco. Todos estes personaxes seguen sendo cidadáns, pero nuns determinados momentos exercen de taxistas, de futbolistas, ou de albaneis, e iso tamén implica unhas obrigas.

Cada posto de traballo ten un perfil, require unha serie de coñecementos por parte da persoa que o ocupa e que, non o esquezamos, cobra por desempeñalo. E cada un deses coñecementos ten unha motivacion: se un taxista non sabe conducir, a viaxe pode ser emocionante de máis; se cada futbolista viste como queira, compadézome do árbitro que teña que distinguilos, e así con todo.

O motivo que provoca que para exercer determinados postos de traballo haxa que saber os dous idiomas oficiais ―non esquezamos que tamén hai que saber castelán, pero iso ninguén o cuestiona― é que os cidadáns teñen dereito a seren atendidos en calquera deles. A Administración ten que garantir ese dereito, segundo establece a lei, e por iso se lle esixe ó funcionariado o coñecemento dos dous idiomas: do castelán, como establece a Constitución, e tamén do galego, como establecen outras disposicións legais derivadas desta: Estatuto de Autonomía, etc.

Quizá se esqueza con demasiada frecuencia que os funcionarios están ó servizo da cidadanía, que é quen lles paga o seu salario, e non ó revés. Ninguén está obrigado a ser funcionario en Galicia; se unha persoa non quere saber galego, pode dedicarse a moitas outras actividades dignas de toda consideración para as cales non cómpre saber galego. Pode montar unha mercería, por exemplo.


Moda Galega

Traemos a reflexión dunha alumna, Lucía Domínguez, despois da lectura deste libro:

Moda Galega
María Reimóndez
Edicións Positivas


Este libro levoume a facer unha gran reflexión acerca de min mesma e da sociedade en xeral. Unha sociedade dominada polo consumo e na que estar á última moda e aparentar semella ser o esencial.
Por medio da poesía a autora fai unha crítica desta sociedade e amosa a súa desconformidade. Cada poema está inspirado nunha tenda de roupa da que se fala con ironía e sarcasmo.
Volvendo ao dito anteriormente, a miña reflexión, comparto a opinión da autora na maioría das súas críticas e ao mesmo tempo síntome identificada co prototipo de mulleres descritas por ela e ás cales critica. Un prototipo de muller que se deixa levar polas masas e as aparencias, polo concepto de beleza establecido na sociedade e polo consumo atroz. Paréceme triste encaixar nese prototipo, pero o que realmente me preocupa é a hipocresía que me domina, xa que a pesar de estar de acordo coas críticas da autora, teño a seguranza de que seguirei sendo partícipe do "prototipo" establecido.
Pareceume un libro moi interesante e recoméndollo a todo aquel que queira replantexar o seu modo de vida.

Non leas libros!

Atopei en Biblioríos esta presentación que non dubidei en traervos -sobre todo despois da nosa conversa onte no club de lectura con Alberto Lema-:



E estes datos extraídos do estudo realizado polo Gremio de Editores no primeiro trimestre do 2009:

*
El 42,1% de la población asegura que lee libros diaria o semanalmente.
*
El índice de lectura se sitúa en el 54,8% y se eleva hasta el 81,1% entre los niños menores de trece años.
*
El 96,8% de los menores asegura que sus profesores les animan a leer.
*
Las mujeres siguen leyendo más que los hombres, en todos los tramos de edad y en todos los niveles de estudio.
*
El número medio de libros leídos en el último año es de 9 y las horas semanales dedicadas a la lectura casi 6.
*
El porcentaje de lectores que acudió a bibliotecas fue del 28,2%.
*
El 88,0% de la población lectora lee por entretenimiento aunque hay que destacar que, entre los jóvenes de 14 a 24 años, un 22,1% lee por motivos de estudio.
*
Nueve de cada 10 niños de 10 a 13 años (el 91,2%) se consideran lectores.
*
La tasa lectora alcanza el 72,4% entre los que tienen entre 14 a 24 años.


02/06/09

Matemáticas en castelán

Primeiro borrador do decreto

Educación pretende que os consellos escolares de cada centro escollan en votación a lingua vehicular da maior parte das materias.

A Consellería de Educación está xa a traballar no novo decreto de linguas para o ensino non universitario. A intención do Goberno é regulamentar a lingua de catro materias e deixar “libre elección” para as restantes. Ciencias Sociais e Lingua serían impartidas en galego mentres que as aulas de Matemáticas e Lingua Castelá desenvolveríanse en castelán. A lingua vehicular do resto das materias vaina decidir o consello escolar de cada centro de ensino por votación. O Goberno ten previsto informar destas liñas mestras do decreto a sindicatos e partidos políticos nas vindeiras semanas.

Mentres, a Xunta xa ten preparado un cuestionario para enviarlles aos pais de 330.000 alumnos. Mediante esta sondaxe, a Consellería de Educación quere ter unha base de datos coas preferencias para saber deste xeito cal vai ser o escenario que van atopar para a aplicación do novo decreto. O executivo
mantén a intención de que a nova normativa entre en vigor no curso 2010/2011. En principio, a segregación de alumnos queda descartada no borrador que se está a redactar. A enquisa que se lles fai aos pais é meramente “consultiva” xa que a decisión última adoptaríana os centros educativos.

Vantaxe para o castelán?
Poucos dubidan de que, se se lle deixa a “libre elección” curricular aos centros, o castelán vaia ser a lingua maioritaria nas aulas. A este respecto, hai que ter en conta que, ademais dos centros públicos, un número notábel de rapaces cursan os seus estudos en colexios concertados. Unha proba disto é que nas sete principais cidades do país o número de alumnos en colexios concertados supera lixeiramente ao das escolas de titularidade pública.

Peaxes

Non me disgustou nada este libro de Santiago Lopo, Peaxes, que desenvolve unha idea na que supoño tod@s temos cavilado nalgún momento cando pagamos na autoestrada, aínda que cae nalgúns tópicos (topiquísimos) e se deixa levar polas boas intencións con algúns trazos de denuncia que non chegan a medrar; aínda así, unha novela curta de fácil lectura e trato agradable que sintoniza cun día a día dun traballador da peaxe que prefire non tolear dentro do seu cubículo maxinando a vida daqueles e daquelas que pola súa ventá pasan cada día. Curiosa resulta a maneira de introdución de cada novo capítulo cun anaco tirado de cancións que supostamente as personaxes escoitan nos seus coches e das que se nos dará ao final do libro unha perfecta relación, pero que case podemos escoitar nós tamén -de coñecérmolas- coa lectura; unha música diferente segundo sexa quen conduce o coche: unha información decisiva sobre as súas personalidades.
Quizais o peor sexa o final: un final marabilloso case de conto de Disney.
Pero unha lectura agradable para unha hora de descanso antes de coller a estrada.


No Cowboy

Videoclip realizado por Ritxi Ostáriz para os noruegueses "Dead Hoodlums"

No Cowboy (2009) from Ritxi Ostáriz on Vimeo.



Vía Recogedor

01/06/09

O Museo do Prado

Unha guía para non perderse:

Cuaderno de tormentas

A lectura deste cómic, Cuaderno de tormentas -Crónica de los deambulares por Ciudad Espanto- de David Rubín, deixoume agora mesmo anonadada, tal é o despregue que presenta: despregue visual, polos debuxos que "atormentan" todo o libro e pola cantidade de historias esbozadas nas súas páxinas, así como un despregue fantasional incrible. Hai que sinalar ademais a fermosísima e coidada edición da editorial Planeta. Mágoa que este autor ourensán non escriba e publique en galego, xa que saíu en español ao mesmo tempo que noutras linguas.
Creo que Cuaderno de tormentas non é un cómic, polo menos o que entendemos como tal, unha sucesión de viñetas, eu consideraríao un álbum ilustrado. E que ilustracións! Mergullámonos nos recunchos de Cidade Espanto, da man do seu protagonista (trasunto do autor?), en plena seca creativa, nunha viaxe que xamais será feliz. Así, o que comeza sendo unha reflexión sobre o proceso creativo desemboca nunha fábula sobre o que é a vida: a soidade, a lembranza, a morte. A obra confórmase cun auténtico dispendio de conceptos e imaxinación, subdividíndose en pequenas historias que poderán ser despregadas a medida que o autor queira, desenvolvéndose en lugares peculiares e coñecendo tristes personaxes que non deixarán de abraiarnos na nosa lectura.
Unha lectura diferente, unha aposta arriscada, un mundo visual cheo de cor e metáforas que vos recomendo.


Banda deseñada dixital

Ave! Comics inventa unha solución innovadora para adaptar o cómic ás pantallas dos móbiles e ordenadores. A medio camiño entre o libro e a película de animación, propón a súa lectura dinamizada por zooms, efectos de transición e outras animacións, optimizada axustando a pantalla de viñeta en viñeta. Ademais, pódese adquirir un cómic en formato dixital de xeito legal para velo no móbil.

Apple Expo : Ave!Comics from macgeneration on Vimeo.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.