Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/06/09

Desde o ILG

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago advirte a Feijoo de que as actuacións do seu Executivo supoñen un serio retroceso na extensión do coñecemento do galego e na súa implantación na sociedade, na administración e no ensino, causando un dano gravísimo ao prestixio social da lingua galega. Fai fincapé en que se difunden desde as máis altas instancias as falsas ideas de que o galego é lingua só dunha parte da cidadanía e de que existe un proceso de imposición que discrimina os castelán-falantes. Lembra que o Consello de Europa chamou a atención sobre a insatisfactoria situación do galego no ensino, a discriminación que sofren os galegofalantes no sistema xudicial e a situación de marxinación nas empresas que prestan servizos públicos en Galicia.
Insta ao Goberno a promover a lingua en todos os eidos cumprindo a lexislación vixente e destaca que se debe impedir que a lingua se convirta en motivo de conflito.



Desde a Aula Castelao

A Aula Castelao de Filosofía calificou como "equívoca e tendenciosa" a enquisa da Consellaría de Educación. Segundo a entidade, é unha iniciativa demagóxica que ten como obxectivo final limitar ou suprimir nos nenos e nenas a competencia lingüísitica en galego. Reivindica o seu traballo a prol da normalización do galego a través de publicacións ou da Semana Galega da Filosofía. Así, o vocabulario técnico ou filosófico é traducíbel, expresábel e interiorizábel en calquera lingua, polo que defende o galego como idioma de coñecemento e reflexión filosófica para contribuír ao enriquecemento do vocabulario e dos contidos dos currículos de Filosofía dos centros. Pide ás institucións que apoien a competencia lingüística en galego, polo que reclamou que se propicien realmente as canles de coñecemento científico, tecnolóxico, filosófico e artístico na lingua propia.



O bosque de levas

Volve Susana Cumbraos recomendar un libro:



O bosque de levas
Alfonso Álvarez Cáccamo
Galaxia


A narración deste libro faise interesante por diversos motivos.
Entre eles sobresae o misterio, a aventura, os sorrisos que che extrae, etc.
Pero a min o que máis me gustou foi o xeito no cal nos inculca a historia dada no século XVIII ata os nosos días. Esta novela ábrenos as portas dun mundo no esquecemento. Un mundo no cal as traizóns e as inxustizas estaban vixentes e as vidas humanas carecían, segundo a clase social, de valor.

O tema principal do libro ronda ao redor dunha familia galega que se verá envolta nunha "aventura" na cal un espírito será o encargado de lle poñer unha forte pegada nas súas vidas sen posibilidade de tornar os papeis.

O libro comeza narrándonos como é o día a día desta familia e fainos ver que seguen un estilo de vida común. Sen altercados. Todo comeza cando acontecen sucesos estraños na casa, facendo xurdir disputas entre os membros da familia.
Estes acontecementos débense á aparición dun espírito que non é máis que unha persoa voltada do pasado que intenta seguir coa súa "vida". O porqué do regreso deste do pasado non é outro que a morte fallida que lle inculcaron. Así, solicítalle á familia que lle axude.

Pese a que moitas persoas tacharían de "aburrida" aquelas partes da historia nas cales o tema a tratar é a historia propiamente dita e non tanto a aventura da acción, a min persoalmente encantoume o feito polo que nos transmite a esa época de recesións.
Sen dúbida, un libro que paga a pena ler.

Ergonomía da lectura

A compañía circense canadiana Les 7 doigts de la main interprta deste xeito todas as posibilidades ergonómicas para lermos un libro.




Vía Biblioafonso

19/06/09

The Lost Tribes of New York City

Outra curta animada na que todo tipo de individuos toman voz. De Carolyn London.

The Lost Tribes of New York City from Carolyn London on Vimeo.



Vía Recogedor

Cando Flaubert falou de 'merde'

Artigo de Manolo Rivas en El País de hoxe:

Imaxinemos un lugar no mundo onde as universidades teñan que advertir a un goberno que está lexislando en contra dos intereses do país que goberna. Imaxinemos un lugar no mundo onde a Academia da Lingua teña de tomar a excepcional decisión de manifestar en público a inquietude pola perigosa deriva dun goberno entregado a desprotexer o mellor tesouro do patrimonio cultural dese país. Imaxinemos un lugar no mundo onde os científicos, e máis aínda os que traballan en organizacións internacionais, se vexan obrigados a defender, fronte á desvalorización fomentada polo goberno, a competencia científica da propia lingua do país. Imaxinemos un lugar, en fin, onde os estudosos estranxeiros desa lingua constaten que está tan ameazada polo goberno que ten o deber de promovela que eles mesmos, os alófonos, decidan amparar con afouteza esa lingua fanada, empuxada camiño do exilio no propio país.

Non estamos a falar dun lugar imaxinario, por máis que se atopen semellanzas, como Liliput ou a illa dos Papafigos. Tampouco é unha forzada caricatura dun lugar real. A narración do que está a suceder podería ser aínda máis penosa. Está a pasar diante nosa. Neste escenario e neste tempo. Dise que a boa literatura fala dende un presente lembrado. Mesmo dun pretérito de futuro, cando se trata da ciencia-fición. Xa sabemos o tempo da mala política. O futuro pretérito. A Galicia do desandar. A Galicia do recú. A Galicia provinciana que se ri da ecoloxía das linguas, incapaz de comprender que é unha compoñente fundamental dun emerxente cosmopolitismo racional.

Para unha parte da poboación galega, o estatus do galego é unha cuestión secundaria, que implicaría soamente de xeito dramático a quen traballe coas palabras. Mais, á fin, todos traballamos coas palabras. Os silencios, como ben dicía Samuel Beckett, tamén forman parte da linguaxe. Seguramente, este Goberno, para o seu Programa do Desandar lingüístico, contaba con ter da súa parte unha chea de silencios. Ese era o cálculo na partida que se puxo en marcha meses antes das eleccións. Por unha banda, un activismo que conseguiu espallar a idea da falsa "imposición" co concurso de poderosos altofalantes. En fronte, outro tipo de activismo, máis ou menos excitado, a quen se tentaría identificar cun nacionalismo maximalista. O defensor do galego como sinónimo de bloqueiro. O típico profeta do non. E o resto? O resto sería silencio. Un país habitado por silencios a rumiar.

Mais estamos a ver como ese país dos Caladiños xa non existe. Xa non leva tanta xente a procesión da Suspensión das Conciencias. Aquí, a cada vez máis persoas, e ante ese estado do Recuar, estalle a pasar o que Gustave Flaubert contaba en carta ao colega Turguenev: "Sempre intentei vivir nunha torre de marfil, mais unha marea de merda non deixa de golpear os muros, e ameaza con tirala abaixo...".

Cal é a forma que adopta aquí o que Flaubert, o da mot juste, o da palabra exacta, chamaba "marea de merda"? O doente que estaba en proceso de curación é, de súpeto, desposuído de gran parte do tratamento e, ademais, sometido a unha mala práctica médica. Ao tempo, vense a dicir de novo á sociedade, esa é a mensaxe subxacente, que este doente o mellor que pode facer é morrer dunha vez porque non serve. Non é un ser útil. Isto é o que están a facer coa lingua galega. Esta é a marea de lixo do momento.

O problema non é só que se lexisle de recú para achaparrar o galego e, de paso, estragar a propia industria cultural. Como se as editoras galegas, que fan libros, fosen empresas de menor valor que outras que fan camisolas deslocalizadas. Se cadra ese é o futuro. Velaí outro paradoxo esperpéntico. Disque o conselleiro de Industria é un experto nisto de deslocalizar. Se cadra ese é o futuro. Deslocalizarmos todo e todos. Galicia sen local. Sen razón social. Non, o problema xa non é só xurídico, senón todo o lixo, consciente e inconsciente, que se ciscou sobre a lingua e o universo da cultura galega. A pobriña. Esa carga familiar. A metáfora da Galicia hindú dos intocábeis. Rajoy gusta da palabra malleira ou palleira. Grazas pola malleira, don Mariano!

Le mot juste, a palabra exacta do gran creador de Madame Bovary, ten aquí, e verbo deste esperpento, unha versión perfecta no escrito dos departamentos de Filoloxía das universidades galegas cando se refire ao desandar deste Executivo: "O primeiro da historia da democracia que lexisla en contra da lingua do país e que goberna e actúa segundo intereses alleos a Galicia".

O idioma galego é unha pertenza de todos, tamén dos que non o falan. Como o parque do Xurés, ou as fragas do Eume ou as illas Atlánticas ou as Insuas do Miño son valores de todos, aínda que haxa xente que non saiba deles. Que pensariamos se un Goberno lexislase para achicalos? Pero, ademais, eses tesouros naturais non só pertencen a Galicia. Son valores da bioesfera. Pertencen á humanidade. E o mesmo ocorre cos valores culturais, a principiar pola lingua que naceu en Galicia. Non todos os días nace unha lingua nun lugar do mundo! Non é un asunto só persoal. Podemos pasar delas, mais temos unhas obrigas como parte da humanidade. E o idioma galego é unha pertenza da humanidade, aínda que haxa conselleiros que non pasaran o exame actualizado do imperativo categórico de Kant.

Si. O que vén de pasar foi unha marea de lixo disfrazada de grandilocuencias. Resúmese moi ben neste parágrafo da carta que dez brillantes científicos galegos, traballando en organismos internacionais, en Xenebra, Londres e Montreal, enviaron a Vieiros para saír ao paso do ousado provincianismo: "En declaracións ao Faro de Vigo, o voceiro das Asociacións de Pais de Colexios Concertados dicía: "Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder". (...) Declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. (...) E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero tampouco o é o castelán. A lingua franca é dende hai moitos anos o inglés (...) O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este (...)".

A historia da lingua galega é como a da Sepharad das mil e unha noites. Sempre atopou o xeito de salvarse de certo tipo de perigosas mareas. Non sei o que pasará cos políticos, pero si sei que a Galicia creativa, a Galicia do desexo, vai sobrevivir no seu andar ás ceibas fronte a este tempo de enxurrada retrógrada. Se non é aquí, será, por exemplo, na universidade de Cardiff de Gales. Alí onde Craig Patterson supervisa con paixón e intelixencia a Rosa dos Ventos, nome da candidatura para Asociación Internacional de Estudos Galegos. De acordo, señor Flaubert. Contra a marea de merda, a rosa dos ventos.


Desde Barcelona

O equipo docente de Filoloxía Galega das universidades de Barcelona e Autónoma de Barcelona amosou a súa preocupación polas medidas adoptadas pola Xunta arredor da lingua. Afirman que a política do goberno está a favorecer a desprotección da lingua en ámbitos sociais como o ensino non universitario e a función pública, onde é unha obriga legal a súa promoción. Consideran que a desvalorización da lingua pódese ver traducida nun descrédito para a imaxe xeral do país que prexudica a promoción económica e social dunha imaxe de marca que debe aspirar á solvencia e á calidade.
Inciden en que cómpre un trato compensatorio da lingua máis desfavorecida para a preservación do galego nunha situación de desigualdade manifesta. Tachan de falacia o feito de que os pais e as nais poidan escoller a lingua do ensino público apoiándose nos dereitos individuais.
A lexislación debe darlle un trato preferente ao galego para conseguir unha sociedade de individuos plurilingües. Doutro xeito chegarán a reducila ao monolingüismo en castelán.

Fala o Tribunal Superior de Xustiza

O Tribunal Superior de Xustiza vén de dar a razón á CIG de que non se poden prohibir actos divulgativos ou reparto de información nos centros.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de resolver sobre a medida cautelar do recurso contencioso-administrativo, presentando pola CIG, solicitando a suspensión da instrución emitida pola Consellaría na que se ordena aos directores que prohiban actos a favor ou en contra do inquérito contra o galego. O Tribunal Superior non considera necesario suspender a instrución por canto nunca se pode ler no sentido de que restrinxa o exercicio dos dereitos fundamentais á liberdade de expresión e información, reunión, asociación e liberdade sindical.
A CIG-Ensino valora positivamente o AUTO do Tribunal Superior de Galiza impedindo calquera interpretación da instrución dada pola Consellaría que coarte a libre realización de actos informativos, reunións, difusión de opinións diferentes, e outros dereitos fundamentais que trataron de ser vulnerados coa escusa de que puideran ser un obstáculo para o desenvolvemento da Consulta. Un acto informativo ou un folleto nunca pode ser interpretado como coacción e o único que pode prohibir a Consellaría é actos que “entorpezan, obstaculicen ou dificulten” a Consulta.
En consecuencia, pedimos a todo o profesorado que facilite información á comunidade educativa sobre un inquérito que a Consellaría de Educación quixera facer con escurantismo, silenciando calquera voz discrepante da súa propaganda contra o noso idioma, ao ser ratificado polo Tribual Superior de Xustiza de Galiza que non se poden restrinxir ningún dos dereitos fundamentais que se pretenderon conculcar.


18/06/09

Linguas, liberdade e tartufismo

Insisten, teiman, porfían aqueles que senten desprezo ou calquera caste de odio polo idioma galego -dende un odio inconsciente ou gratuíto, propio da ignorancia, até un odio tartufo, mestura de maldade e torpeza- na utilización manifesta do termo "liberdade", relacionando esta en todo momento cunha defensa tartufa -é dicir, hipócrita, falsa e enganosa- dun suposto bilingüismo que centra literalmente o seu discurso. Resulta a todas luces evidente que os verdadeiros bilingües, na pura práctica, son os galegofalantes habituais, que dominan tanto o seu idioma propio como a lingua castelá. Mais non acontece así, en cambio, no caso dos castelanfalantes habituais, que adoitan descoñecer o galego (e dita ignorancia ou incapacidade lingüística resulta, abofé, ben "estraña"), non dubidando, en moitos casos, en rexeitalo ou menosprezalo. Vexamos un caso real. Unha señora castelanfalante que forma parte dun colectivo galegófobo pídelle a unha amiga, esta galegofalante e obviamente bilingüe, a súa sinatura a prol do bilingüismo e da liberdade. E a segunda dille á primeira: "Ah, ¿entón agora defendes tamén o galego? -"Yo, ¿el gallego? -responde indignada a activista-, vamos, no me hagas reír". Xulguen vostedes. Como diría Eduardo Haro Tecglen, Tartufo regresou e está entre nós. O tartufismo, esa "devoción simulada", esa "piedade finxida", esa "dobre moral con recendo a obscenidade", está aquí. Enchen a boca coa palabra liberdade -tartufismo puro- para maquillaren manexos infames contra o galego, idioma que está na actualidade seriamente ameazado de extinción. Semellante uso do termo "liberdade" en relación coas linguas merece figurar na historia universal da infamia. Como moi ben di o comunicólogo Vicente Romano, autor de La razón pervertida, "a la libertad se accede mediante la adquisición de los conocimientos para actuar y dominar el entorno en cooperación y solidaridad, para ser dueños de nuestro destino". Ou sexa, sen coñecemento e uso libre do galego, a liberdade, simplemente, non existe.

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO


Denuncia de Dereitos Civís

O Movemento polos Dereitos Civís critica fondamente a censura imposta polo PP á enquisa do galego por se non fose suficiente o feito de levar adiante o propio cuestionario. O colectivo, ademais de amosarse contrario a tal consulta, manifesta o seu total rexeitamento ás formas nas que está sendo trasladado o inquérito, xa que a dirección dos centros ten prohibido manifestar ningunha opinión ao respecto. Isto é censura, xa que as persoas que mellor coñecen as escolas nas que traballan son privadas de dar a súa opinión sobre a lingua nos centros. Dereitos Civís concorda co documento asinado conxuntamente polas principais organizacións de ensino non universitario galego, que denuncian que se trata dunha consulta deseñada á marxe da comunidade educativa e carente de rigor.




Cango galego pode soportar?

Artigo de Xosé Manuel Pereiro en "El País" (premede para lelo completo):

Mañá remata o prazo que a Consellería de Educación deunos aos pais para que respondamos á enquisa sobre o galego. Porén, o que realmente se pregunta é canto galego queremos que se tire do ensino. É dicir, canto galego estamos dispostos a soportar.
Porque o que se pide é o noso parecer sobre o idioma en que se imparten as asignaturas troncais, é dicir, as que xa se dan en galego. "Todo en galego" non é o que semella, senón a metade en galego, ou sexa, que me quedo como estou. (...)
Eu non sei cal será o resultado da enquisa. Soamente dicirlle ao conselleiro que as decisión de goberno non se toman á carta, ou sexa, traspasándolles as responsabilidades aos administrados. Nós ocupámonos de educar na casa e vostedes do ensino público. Se non é así, comecemos por decidir o destino dos impostos.
Eu vou cubrir o papeliño, a pesar da opinión de Homer Simpson de que para mentir fai falla un que minta e outro que escoite.

Máis sobre linguas en perigo

Novamente, traemos o texto dende Mesturas:

  • O 82% das linguas en perigo están asociadas a territorios baixo o mesmo goberno o que as fai tremendamente vulnerables, por depender exclusivamente das súas decisións políticas nun momento determinado.
  • Non temos unha idea aproximada das consecuencias desta desaparición masiva de linguas á que vimos facendo referencia ultimamente (moitos lingüistas cren que chegamos a un punto no que a maioría das linguas existentes hoxe en día poden desaparecer en 2 xeracións).
  • As tendencias globalizadoras tenden a minar a confianza na utilidade que os falantes perciben ante a necesidade de aprender correctamente unha lingua minoritaria. Para que me serve falar X? Para que lles servirá aos meus fill@s?
  • Existe a crenza xeral e totalmente infundada de que unha redución drástica do número de linguas é útil porque facilitará a comunicación, ata tenderá pontes entre as nacións. Parece ser máis certo que toda simplificación excesiva pode ser problemática porque o éxito da humanidade debeuse a precisamente á súa capacidade de crear culturas diferentes adaptadas a diferentes condicións e circunstancias. Esas culturas, cos seus múltiples e sutís matices transmítense mediante linguas e cando unha se perde, pérdese unha fonte de información preciosa e única , unha forma de interactuar irrepetible.
Fonte: Foundation for Endangered Languages

Optimismo

No blogue de A profa coñecemos este texto de Rosa Aneiros, publicado no blogue da Editorial Galaxia o 7 de abril deste ano:

Son optimista. Porque quero e porque me dá a gana. Porque o esforzo e as angueiras de tantas persoas que nos precederon non poden ser de balde. Porque creo que os discursos políticos enzoufan as preocupacións pero atrás diso non hai nada. Porque unha mentira mil veces repetida non constrúe unha verdade. Porque é responsabilidade compartida por todas e por todos evidenciar os datos, os feitos, os argumentos dende a autoridade que dá, non xa a razón, senón o mero sentido común. Porque non valen os silencios que claudican, a calada por resposta fronte aos ataques pero tampouco a demagoxia que nos igualaría na mediocridade argumentativa. Porque renuncio aos insultos como concesión pouco intelixente á provocación. Porque morrer tamén é reiterar ata a saciedade que morremos. Porque hai leves síntomas inequívocos de que algo se move. Por iso creo que a nosa lingua non é, como pretenden convencernos, algo inútil senón unha marabillosa ponte coa que soñar mil primaveras máis. Serao en canto sigamos crendo nela como ferramenta de comunicación e de futuro. Namentres sigamos dicindo quérote e paxaro. Repolo e bos días. O pesimismo só vale para acugular fracasos porque, quen apostaría a cabalo perdedor? Nego calquera concesión á derrota. Son optimista. Eu creo.

Rosa Aneiros



Lixo e lingua

Artigo publicado na Voz de Galicia onte, 17 de xuño:

O crepúsculo é longo nas latitudes de Flandres. Leuven -Lovaina- é unha beleza barrocamente gótica, de pedra que vira ocre ao solpor. Unha praza chea de xente nova acolle os visitantes nun festival de bandeiras. Moitos séculos de sapiencia contemplan ese mundo universitario.

Corre unha xenerosa rolda de cervexas e vanse desenvolvendo os temas, en inglés, entre un flamengo e dous galegos: hai crise de materias primas; soben os prezos dos metais necesarios para mantermos o benestar da parte do globo que, vista desde o espazo cando lle corresponde a noite, aparece iluminada. Esa parte debería comezar un proceso de garbage mining , minería do lixo. O centro de transferencia tecnolóxica ao que pertence o flamengo estase especializando en recuperar materiais preciosos dos inmensos depósitos de todo o que foi tirando o mundo iluminado de noite...

A conversa dá un quebro cando o anfitrión se interesa polo idioma galego, segundo el, un caso semellante ao do seu. E sofre un choque que lle fai esquecer a nova minería ao saber que en Galicia a xente se pregunta se cómpre ensinar galego ou inglés na escola. Non entende nada, vai afinando as preguntas e conclúe a pedir desculpas para atreverse a sentenciar: nada se pode esperar dun pobo que trata a fala propia « like garbage» , coma lixo. Tan afectado parece que, se cadra, vai rexeitar o proxecto de cooperación técnica galego-flamenga que orixinara o encontro; e os galegos tentan unha saída pola vía do humor mais, neste caso, non a dan atopado.


A importancia da memoria

Unha publicidade auténtica, precioso xeito de facernos empatizar e sabermos como se senten outras persoas. Un xeito de lembrarnos que ás veces esquecemos e outras non queremos esquecer.
Regala memoria.



Vía Recogedor

Posicionámonos

Unha parte do noso claustro, ademais doutros claustros doutros centros, mandamos un escrito rexeitando a consulta sobre a lingua. Os outros centros son o Instituto de Educación Secundaria de Valga, o do CEIP Rúa de Cangas en Pontevedra.
O noso claustro enviou un comunicado no que se especificaba que o cuestionarios de consulta ás familias non pode obter datos fiables. Se a consellería quere coñecer a opinión dos pais e nais sobre esta cuestión deberían contratar os servizos dun organismo ou empresa especializada na realización das enquisas. Pedimos a inmediata paralización de todo este proceso.

Podedes ler aquí a noticia completa.



17/06/09

Primeiro, á RAG

O presidente da Xunta xuntouse cunha delegación de membros da RAG e garantiulles o apoio total do Goberno a esta institución como "referente na promoción e defensa da lingua". Ademais, expúsolles a súa vontade de "recuperar o consenso político e social en relación coa lingua", e prometeu que a RAG vai ter o novo decreto sobre o galego no ensino antes de que este sexa aprobado.
En fin.

Comezamos!

O senador do PP Juan Juncal acusou á dirección do colexio Isaac Peral de Ferro de tentar influír no resultado da enquisa da Consellería de Educación sobre o uso do galego ao repartir xunto a esta un tríptico de A Mesa pola NL. Juncal sostén que a dirección do colexio incumpriu as instrucións dadas pola Consellería de que non se debía entregar documentación algunha xunto á enquisa, e fai fincapé en que o contido do tríptico "orienta claramente a votar nunha determinada opción"

O director resposta, en resumo:
Que foi o ENDL quen, co seu consentimento, enviou a información do tríptico. Que o señor Juncal mente cando di que o tríptico era da Mesa, pois era da Coordenadora Galega de ENDL.

Así que se nos pide o noso apoio, mandando un correo a luisdocampo@edu.xunta.es co seguinte texto:


J. Luis Docampo Amoedo, director do CEIP Isaac Peral de Ferrol

Eu ………..…………………………………………………………..………, …………………… (profesor/a, membro dun equipo directivo, claustro, ...) quero manifestar o meu apoio e solidaridade ao equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Isaac Peral de Ferrol, e ao seu director, ante a denuncia feita polo senador do PP de Ferrol, D. Juan Juncal, por facilitar no seu centro a información do tríptico (que non promoveu nin elaborou A Mesa):

- AS LINGUAS SUMAN, promovida pola Coordinadora galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que ademais contaba co apoio da “Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo”, do “Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña” e das “Escolas Católicas Galicia”, entidades nada sospeitosas de ir en contra da legalidade vixente

- - doutro documento, asinado entre outros pola Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e a Federación de ANPAS de centros públicos de Ferrolterra,

Asdo.:




Nada

Artigo de Rosa Aneiros no "Diario de Galicia":

Non entendo como unha enquisa a pais e nais no ámbito educativo que provoca un rexeitamento case unánime de sindicatos, universidades, psicólogos, directores, equipas de normalización lingüística, pedagogos, e anpas de centros públicos é levada a cabo turronamente en aras dunha suposta libre opción. Non entendo por que se enarbora con tanta frivolidade a bandeira da liberdade cando esta só está garantida cando existe coñecemento. Por que, no despropósito pedagóxico de consultar a proxenitores sobre o currículo educativo, non inclúen tamén a física ou a xeografía?

Non entendo por que non se fala de datos nin se pregunta aos técnicos. Non entendo por que se cuestiona o alumnado galego cando, segundo diversos estudos oficiais, amosa un maior nivel de competencia en lingua castelá e inglesa ca noutras comunidades. Non entendo como, a estas alturas, aínda nos sobrevoa a sombra da segregación nas aulas. Non entendo como hai quen pensa que restar é mellor que sumar. E moito menos a grande irresponsabilidade social e política de quen bota pola borda o traballo de décadas de profesionais -estes si- alimentando vellos prexuízos lingüísticos. Non entendo, en definitiva, que rédito electoral pretende obter quen, no canto de pontes, ergue muros.


Minuscule Love Story

Fermosa curta de animación sobre unha historia de amor de dous vermes de Thomas Szabo:



Vía Recogedor

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.