Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/04/09

Espirros a cámara lenta

O goberno australiano utilizou esta publicidade como parte dunha campaña para convencer á xente de que se vacine contra a gripe, que precisamente utiliza como vía de transmisión as pingas cargadas de virus que tiramos ao espirrar.




Vía Microsiervos

25/04/09

Sprint

Nova campaña:



Vía Todas

Carousel

Pequeno filme-anuncio dirixido por Adam Berg e producido por Setink Digital para promocionar o novo formato de pantalla Cinema 21:9 de Philips. Trátase dunha impresionante imaxe conxeada case infinita e en 3D.




Vía Mangas Verdes

Cabelo Pantene

Imos dedicar a fin de semana á publicidade. E este é espectacular, máis sendo de Pantene. E que música!




Vía Sexismo publicitario

24/04/09

Cuerpo a cuerpo


Gustoume esta proposta de novela negra española. Cuerpo a cuerpo (gañadora do premio "Brigada 21" de novela negra) de Eugenio Fuentes resulta dunha gran calidade, cun detective moi realista e consciente do día a día no que vive, cunha capacidade extraordianaria para envolver ao lector, quen desexa saber máis desde o comezo do libro, sen necesidade de crimes violentos ou vuluptuosas formas de novela negra. Retrato sociolóxico da nosa clase media, analiza posibles móbiles e desexos que poden levar ao asasinato, nun ambiente en que todos son sospeitosos porque sempre hai algunha razón de odio entre as persoas. Pero isto non acontece desde a primeira páxina, senón que o autor entretennos con outras cuestións -que sabemos que nalgún momento terán importancia na historia- tan ou máis interesantes que o propio crime, cun ritmo agradable e equilibrado.
Se vos gusta a novela negra (sen necesidade de que sexa nórdica) aquí tedes garantida a lectura. Un máis na lista para o verán!

Río abajo

Xenial. Encantoume este cómic do autor francés Pascal Rabaté, que mereceu o premio da crítica francesa ao mellor cómic no ano 2007.
Río abajo fálanos da vida, desa costa abaixo que esta significa, de como tentamos recuperala antes de que sexa demasiado tarde. E ademais, recoñecendo que a vellice pode darnos unha nova oportunidade. Indicativa a portada:

sex: se hará lo que se pueda
drug: sobre todo contra el colesterol

rock'n'roll: se me da mejor la gaita.


Despois disto, que podemos agardar? Tenrura, sexo, paixón, humor, emocións... e optimismo. O sexo non debe ser un tabú para as persoas con idade, e o amor non está pechado para elas: iso é o que se desprende coa súa lectura.
É unha obra chea de optimismo, cuns debuxos con trazos sinxelos e vigorosos, cheo de calidez humana, que semellan esbozos dentro de encadres funcionais ao seren esquemáticos. Lonxe do Arrugas do que xa vos falei, pero con algúns puntos en común.


Vals con Bashir

Encantoume esta novela gráfica. Curiosamente, a historia deste libro é xusto ao revés do que adoita suceder normalmente na industria cinematográfica; neste caso, primeiro realizouse o filme e logo a adaptación ao papel. Aínda non tiven oportunidade de ver a película: máis ganas teño aínda despois de ler o cómic. É unha auténtica pasada.
Vals con Bashir de Ari Folman e David Polonsky publicado pola editorial Salamandra -cantos acertos os desta editorial!- denuncia a brutalidade e a inxustiza da guerra: iso que precisamente nos comentaba Murado antonte; as guerras non sacan nada bo das persoas, só o ruín que levamos máis dentro. E o xeito de denunciar todo isto é mediante a tentativa de recuperación da memoria do protagonista, quen non lembra as atrocidades das que foi testemuña porque a nosa mente ten un mecanismo de autodefensa. E aquí vemos como a amnesia colectiva debe ir mutilándose ata enfrontar a dura realidade da guerra.
Unha lectura boísima, sinceramente, que dá que pensar sobre o sensentido das guerras. Altamente recomendable.
Novamente, deixo o tráiler da película. Como os nosos cines non nos deron a oportunidade de vela en pantalla grande, a ver se podemos alugala. A música creo que é unha boa elección nela:



Coraline

Xa que onte foi o día dos libros, hoxe vai ser día de colgar as miñas últimas lecturas en xeito de banda deseñada. Se antes falamos de "A la sombra de las muchachas en flor" agora turno para Coraline, baseada na novela de Neil Gaiman, adaptada e ilustrada por P. Craig Russell cuns debuxos preciosos e unha coidadísima edición que fará as delicias, creo, dos adolescentes, posto que me parece unha lectura moi propia para eles, máis que para min, porque estas historias medoñentas -ou terroríficas- non adoitan gustarme. Como aliciente, o filme estrearase axiña na nosa terra.
Un conto do século XXI no que unha nena, aburrida, decide cruzar unha porta da súa casa para topar un mundo paralelo onde deberá loitar por aquilo que realmente ama e onde descubrirá o seu propio valor.
Non sei como é a novela orixinal, pero o traballo do ilustrador paréceme xenial: os debuxos, as cores, é un libro fermoso que consegue esa inquedanza que procura no lector tanto polo texto como polos trazos.
Creo que paga a pena botarlle un ollo: para os que non sodes moi lectores deste xénero, pola diferenza e a presentación, e para os que sodes, pola temática simplemente.
Déixovos un adianto da adaptación cinematográfica. Xa me contaredes.




A la sombra de las muchachas en flor

Foi unha sorpresa (perdoade o meu descoñecemento) atopar a Marcel Proust adaptado a un cómic. Cando chegou ás miñas mans este libro non reparei no título, só nos exquisitos debuxos. En realidade, este é o segundo tomo, xa que a portada di así:

Marcel Proust
En busca del tiempo perdido
A la sombra de las muchachas en flor
Primera parte: Nombre de la región: la región (Volumen I)
Adaptación de Stanislas Brézet y Stéphane Heuet
Ilustraciones y color de Stéphane Heuet

Chama a atención do cómic sobre todo a cantidade de letra entre as viñetas. E é que "resumir" a Proust é tarefa complicada. Este autor tentouno coma un xeito de achegar ao clásico a todo o mundo. Traballo ten por diante, e xa leva uns cantos tomos.
Consegue unha escenificación do contorno conservando a esencia da obra. Percorremos pasaxes da infancia e adolescencia de Proust, cun interese que medra polas mulleres ás que ve. O ritmo é sereno e moi elegante, tanto no xeito de despregar as imaxes coma os textos.


23/04/09

Historia do Libro

Nun día coma hoxe non podemos esquecer que a evolución da lectura é parella á evolución do ser humano, agora que tanto se fala dos e-books. En Bibliomelide atopamos esta presentación:



E en No sólo Libros as mellores primeiras frases da Literatura:



A primeira frase dunha obra orixinal en español corresponde a Cen anos de soidade de García Márquez. No posto 27 está O Quixote. A primeira é de Moby Dick, de Herman Melville.

En biblioburro

Luis Humberto Soriano leva dez anos transportando tesouros nun burro: libros. E ao levalos, convértese en mestre-bibliotecario ao sentar a ler cos nenos e fomentar o amor pola lectura. E todo isto, por iniciativa propia. Percorre pistas e camiños co biblioburro.
Diferentes proxectos téñeno apoiado: a empresa de transporte TCC construíu a primeira fase da edificación destinada á biblioteca sedentaria; a cadea de radio RCN por mediación do xornalista Juan Gossain realizou unha campaña coa que logrou unha dotación de cinco mil libros; a Caixa de Compensación de Magdalena, CAJAMAG, brinda apoio constante con recursos económicos para o bibliotecario. Na actualidade a ONG española Acción Visual xestiona un proxecto de cooperación internacional para ampliar a cobertura desta biblioteca rural ambulante.
O biblioburro leva libros co obxectivo de estimular a lectura, aportar coñecementos, dotar de material didáctico a nenos, familiares e profesores e incentivar a cohesión da comunidade a través da socialización dos libros, a lúdica das sesións e os percorridos da biblioteca rural ambulante que chega a zonas apartadas da rexión.




Vía

Día do Libro


Mentimos nas enquisas? Lemos todo o que dicimos?
Hoxe, Día do Libro, lembramos que un artigo publicado o pasado mes de marzo en The Guardian afirma que "os británicos admiten ter mentido nas enquisas literarias"; parece que nos avergoñamos de non termos lido certos libros que afirmamos ler. Así as cousas, o que si parece claro, é que as mulleres lemos máis cós homes (cantas cousas facemos "máis"?).

É Koichiro Matsuura, Director Xeral da UNESCO, quen deixa unha nova mensaxe. Se o ano pasado fíxose fincapé na dimensión lingüística da edición, neste ponse a énfase sobre o papel do libro no desenvolvemento dunha educación de calidade e sobre a relación entre libro e Dereitos Humanos. Unha mensaxe ambiciosa e optimista que nos lembra que un de cada cinco adultos no mundo é analfabeto.


Cabe situar este Día Mundial en el marco del Decenio de las Naciones Unidas de la Alfabetización (2003-2012), que tiene por lema “La alfabetización: un camino hacia la libertad”, con el fin de evocar la dimensión emancipadora del libro. Esta articulación resulta especialmente necesaria, sobre todo si queremos que el libro sea un vector primordial de alfabetización para todos los seres humanos y, en particular, para los grupos sociales marginados, en un momento en que uno de cada cinco adultos no sabe leer ni escribir.
Instrumento que permite conocer y compartir, el libro debe servir a la educación, la plena realización y la autonomización de la persona. En ese sentido, es un instrumento que contribuye a hacer realidad el derecho universal a la educación y la participación efectiva de todos en la vida social, política y cultural.
Además, es preciso insistir (ahora que acabamos de celebrar el 60o aniversario de la Declaración Universal de Derechos Humanos) en que el libro no es nada si no garantizamos su libre circulación. En efecto, es esa “libre circulación de las ideas por medio de la palabra y de la imagen”, consagrada en la Constitución de la UNESCO, lo que debe seguir siendo objeto de nuestra atención constante hoy en día, para seguir promoviendo el acceso universal al libro. Es evidente que en la cuestión del libro y de su difusión lo que está en juego es a la vez nuestra comprensión de una auténtica educación de calidad para todos y el respeto a la universalidad de los derechos humanos y las libertades fundamentales para todos.


Vía

Ou calquera outro libro!


22/04/09

Día da Terra

Greenpeace mándanos este chamamento:
Cando entramos en acción contra os peores delictos ambientais, estamos actuando en contra da desesperación. Pode semellar que os efectos do cambio climático non teñen solución; porén, non é demasiado tarde.



Nestoutro vídeo (vía Islas Cíes) explícannos o cambio climático e as súas causas, as súas consecuencias e consellos para que tod@s poñamos o noso gran de area por frear o seu avance.



Earth day 2009 from Zoltan Ladanyi on Vimeo.


Encontro con Miguel Anxo Murado

Onte tivemos a sorte e a honra de compartirmos a xornada con Miguel Anxo Murado, un home cheo de sorpresas e conversas abraiantes que nos fixo pasar un día -a pesar de todo- agradable e instrutivo. Falounos non só dos seus libros e da súa experiencia vital, senón que tamén comentamos o horror das guerras, da necesidade de defender e falar a nosa lingua, do encontro dos galegos polo mundo, do oficio do xornalismo, da visión que se ten de nós por aí fóra, da presenza dos xornalistas nas guerras, de sentimentos, de impresións, de guións cinematográficos, das escolas palestinas, da dureza da vida, do deserto... O alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato fixeron moitas preguntas a un persoeiro que tanto nos puido ofrecer.
Anteriormente, acompañara ao alumnado de 3º de ESO de Relixión para lles falar do conflito árabe-israelí. E logo da agradable e aleccionadora comida que compartimos, reflexionamos no club de lectura sobre Israel, da súa situación, dos seus habitantes, dos seus odios e temores...
Aprendemos tanto que aínda non acabamos de asimilalo!




Grazas de todo corazón por vires.
E grazas a Fernando e á editorial Galaxia por agasallárnolo.

Sen aplausos

Unha antiga alumna mandoume esta ligazón de Youtube para chamar a miña atención sobre esta conferencia. Si que hai xente para todo, si...

Non á violencia contra as mulleres (LXXVIIIX)

O carnaval de Cádiz, tamén contra a Violencia de Xénero:


21/04/09

Cabeza de perro

Encantoume este libro. Cabeza de perro de Morten Ramsland trata dunha divertida, orixinal, excéntrica e diferente saga familiar. Dicir que o libro atrapa é pouco. Realmente reborda, con saltos no tempo, con personaxes fascinantes, con historias case inverosímiles, cunha traxicomedia absurda e realista... unha saga familiar escandalosamente tenra que non deixa indiferente mentres pensamos "que familia tan normal teño". E volvemos a estar ante literatura nórdica (semella que me vaia especializar!) que nada ten que ver coa novela negra da que tantas veces temos falado. Tres xeracións que a avoa regala ao neto antes de morrer, cunha visión moi persoal deste que traslada ás súas pinturas. E cun contrapunto marcado pola irmá do narrador. Toda unha beleza.
Lembrade que hai tempo falamos doutro libro que me encantou Hace mil años que estoy aquí que tamén contaba unha saga familiar. Non se asemellan en nada, pero as dúas son estupendas.
Non vola perdades, paga a pena: botaredes gargalladas e procuraredes que a carne non se poña de galiña con esta novela. Garantida.


O valor da cultura

Hai loitas diferentes. Sabemos de guerras, falamos delas, denunciámolas. Sabemos -ou non- de inxustizas varias; ás veces pechamos os ollos ante elas: preferimos non velas; outras veces plantámoslles caras como mellor sabemos ou podemos. Nesta loita diaria da vida, tan diferente e tan marcada segundo o lugar de nacemento (privilexiados que somos), vemos no día a día como moitas veces o noso alumnado se queixa e azanea por vir ao cole, por ter que estudar, por ter a oportunidade de adquirir unha cultura que os formará e conformará como persoas. Noutros lugares non teñen este dereito: deben enfrontarse a diferentes perigos para poder acceder á cultura.
Este é o caso dos nenos e nenas palestin@s, quen cada día deben evitar aos soldados israelís, para poder ir ao cole. Coa axuda dos seus pais, conscientes de que a educación dos seus fillos e fillas é o valor máis importante que poden transmitir. Un drama máis dentro da traxedia destas vidas.
Estes peques deben percorrer un escabroso camiño diario por tellados en ruínas, entre obstáculos e medos. Un drama que se repite nos asentamentos palestinos: os soldados israelís creban o dereito dos nen@s de ir ás destrozadas pero dignas escolas palestinas. Moitos dos nenos rematan nos ambulatorios cos brazos rotos ou os ombreiros escordados polos encontros cos militares. Nenos de 6 anos colocan táboas para pasar dun tellado a outro a máis de 15 metros do chan. Non teñen medo ao baleiro, pero si aos soldados. A violencia e a perturbación que teñen estas experiencias producen un severo impacto psicolóxico en todos eles. Son cada vez máis violentos e maceran co tempo todo o odio aprehendido na infancia para se coverter en potenciais e vingativos terroristas.



Donna Baillie, estudante de Ciencias políticas en Cambridge, é o autor do documental "Secret Hebron - The school run", que amosa a difícil travesía destes nen@s palestin@s durante o asedio á cidade de Hebrón no ano 2003. Gravado con cámara oculta, conviviu con eles para saber toda a historia.

Vía Libro de Notas


20/04/09

O galego, o inglés e Feijoo

Mañá recibimos ilusionados a visita de Miguel Anxo Murado. Vén falar de tantas cousas! E imos aproveitar para lembrar este artigo publicado na Voz de Galicia o 12 de marzo:

Sempre me chamou a atención o feito de que moitas das persoas que din que «o inglés é imprescindible» non saben inglés. Pero máis abraiante resulta cando parecen opoñer o inglés ao galego, como se un fose a alternativa do outro. Foi este o caso de Alberto Núñez Feijoo quen, preguntado polo galego no ensino, respondeu misteriosamente que o que lle preocupaba era o inglés. Ben está que se preocupe Núñez Feijoo do inglés, mais terá que recoñecer que a el, en concreto, o inglés non lle serviu nesta vida tanto como o galego, que foi clave na súa carreira. Como el, a maior parte dos galegos fan a súa vida en Galicia, onde se falan dúas linguas, e son esas as que lles resultan imprescindibles en primeiro lugar, se van ser funcionarios ou relacionarse con eles, ou simplemente queren participar nas conversas de moitos dos seus amigos. Aprender galego é, como pouco, unha cuestión de comodidade.

Pero a afirmación de Núñez Feijoo é aínda máis paradoxal porque non só o pobre galego non ten a culpa do baixo nivel de inglés en Galicia, senón que o obstáculo estaría máis ben no español. A dobraxe sistemática en televisión, por exemplo, é o que fai que a xente a penas escoite inglés en todo o día. Para mellorar en inglés é indispensable reducir o espazo do español nas nosas vidas. Moitos estamos dispostos, pero non está claro que quen se resenten da presenza na súa vida cotiá dunha lingua tan fácil para eles como o galego aceptasen mellor outra máis difícil. A realidade é que o argumento en favor do inglés é para eles un intento pouco sincero, e pouco respectuoso, de asociar o galego co atraso.

Se deixamos a un lado eses prexuízos, quedan certas verdades indiscutibles, gusten ou non. Durante a nosa vida non desaparecerán nin o galego nin o español, polo que para vivir nunha Galicia democrática é necesaria a competencia nas dúas linguas. Para que isto non se converta nunha carga económica, o lóxico é que eses coñecementos os facilite o Estado, o que significa impoñelos dalgunha forma. Tampouco o español vai substituír ao inglés como lingua global na nosa vida, polo que o inglés tamén é necesario. Para estendelo cómpre aprender a valorar as linguas, todas, empezando polas que falamos nós mesmos. Porque un alumno ao que aprendan a detestar as matemáticas dificilmente acabará amando a física teórica.


Machu Picchu Post

Curta en 3D "Machu Picchu Post" realizada por tres alumnos de Supinfocom:


Machu Picchu Post from Machu Picchu Post Team on Vimeo.


Vía Recogedor

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.