Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/09/08

Nontodovanserlibros (XXXV)

David Gahan (vocalista), Martin Lee Gore (segundo vocalista, teclista e guitarrista) e Andrew John Fletcher (teclista) son os tres membros do grupo británico que foi nomeado pola BBC como os pais da música electrónica: Depeche Mode. A súa traxectoria musical parte alá polo 1980 chamando a atención non só pola súa estética e as súas letras ata certo punto místicas, senón ademais polo uso do sintetizador como instrumento musical. A súa cima musical acadárono coa publicación do seu disco Violator -1990- (aproveito para dicir que é imprescindible en calquer discoteca particular) que, con cancións como Personal Jesus ou Enjoy de Silence marcou en grande medida a súa carreira musical. Tres anos despois publicaron a que é, para o meu gusto, a súa segunda xoia musical Songs of Faith and Devotion no que se produce un cambio no son do grupo influenciado polo movemento grunge. Temas como I Feel You ou Walking in my shoes son unha mostra do xiro cara o rock do que estamos a falar.
Despois viñeron anos de vacas fracas debido aos problemas coas drogas de Gahan e na actualidade, trala rehabilitación do vocalista, intentan manter o seu nome como banda no lugar de privilexio que merece.
Os Depeche foron a miña primeira toma de contacto coa música electrónica (e seguro que de moitisima xente máis) e nunca falta un dos seus discos do meu reproductor habitual de música. Agardo que os disfrutedes.


A obra poética de Bin Landen

Case ninguén imaxiniría que Bin Laden publicou poesía. Agora, algúns dos escritos do home acusado de concibir os atentados do 11-S en Nova Iorque van ser publicados. O material, descuberto en 1.500 cintas de audio atopadas na sede da Al Qaeda en Kandahar (Afganistán), gravouse entre finais da década dos 60 e o ano 2000. Nel inclúense centos de sermóns, discursos políticos das estratexias de Al-Qaeda e ata secuencias de batallas en vivo.
Segundo o lingüista estadounidense Flagg Miller, que leva cinco anos analizando o material, as cintas son unha "biblioteca sonora" do desenvolvemento de Bin Laden como orador. Pola súa banda, o profesor da Universidade de California David Davis tamén cre que as gravacións ofrecen unha "comprensión inavaliable" dos debates que se deron no seo do círculo íntimo de Bin Laden nos anos previos aos ataques do 11-S.
A análise de Miller mostra o líder de orixe saudí como un poeta de talento que entretece nos seus versos referencias místicas e imaxes da yihad. A poesía é importante para a audiencia de Bin Laden, formada por islamitas radicais e mozos descontentos. Os seus versos foron tomados polos seus seguidores e utilizados no seu propio traballo, segundo sinala Miller. "A violencia e a barbarie da guerra", engade, "poden enfermar a calquera e a poesía é unha forma de enmarcar esa violencia nunha ética superior".
Con todo, algúns estudosos opuxéronse a que a poesía de Bin Laden sexa publicada, alegando que o traballo só xerou interese pola notoriedade do seu autor e que publicar os versos crea un foro de discusión sobre a súa odiada figura. De feito, nun dos seus poemas, Bin Laden refírese a un mozo "que se afunde no fume da guerra sorrindo": "El segue adiante, tinguindo o fío das lanzas de vermello. Que Deus non permita que o meu ollo se afaste dos humanos máis eminentes, se estes caen", continúa o poema.
A miúdo identificable polo seu ton monótono, os poemas que Bin Laden recita amósano como "o orador, o actor cun propósito", asegura Miller, que está estudando a poesía e o seu papel na yihad.
Os primeiros materiais son ricos en referencias á poesía tribal, ós versos coránicos e a alusións místicas, por exemplo, as montañas, que son usadas como metáforas para que os seus seguidores eviten as tentacións do mundo secular. De feito, descríbese a si mesmo como un "poeta guerreiro", cuxas palabras guiarán os seus seguidores a un idílico refuxio nas montañas do Hindukush. Segundo Miller, se Bin Laden está vivo, seguro que está escribindo poesía, algo de capital importancia nas tradicións orais da súa cultura tribal. "A poesía é parte da tradición oral do mundo árabe. Bin Laden utiliza esa tradición para influír na cultura, na historia e na ética do Islam", apunta.

Michael Hirst

29/09/08

Historia das cousas

Annie Leonard é unha experta internacional en sostenibilidade e saúde medio ambiental, con máis de 20 anos de experiencia de investigación en fábricas e vertedoiros arredor do mundo. Un dos seus esforzos máis produtivos é "Historia das Cousas", un vídeo de 20 minutos onde nos conta o proceso das "cousas", desde a extracción dos seus materiais, a produción dun obxecto, a súa distribución, consumo e eliminación...




Vía Todas

Publicidade machista

Unha desas publicidades nas que se dá por suposto que unha muller non sabe manexar un vehículo...


28/09/08

Con paciencia

Destes correos que chegan e pensas: Hai xente que moita paciencia ten!!!

27/09/08

Paul Newman, adeus

Os ollos máis fermosos e intensos da historia do cine, un bo actor, deixounos. Con el, algunhas das pelis máis emblemáticas que nunca esqueceremos.

Pálido criminal

Segunda entrega da tetraloxía de Philip Kerr, Berlín noir, que sigo a ler. Xa vos falei da primeira, Violetas de marzo. Veño de ler esta segunda, que segue a deixar un regusto amargo pola ambientación, é dicir, pola propia situación alemá daquela época. Tamén teño que recoñecer que me gustou algo menos cá primeira, aínda que segue a ser de lectura áxil e interesante.
Agora toca turno á investigación dun asasino en serio, baixo a sombra dunha posíbel guerra que a poboación rexeita polo baixo. Resulta moi interesante a descrición de personaxes históricos, así como a amálgama de ficción e realidade: situámonos perfectamente no Berlín sinistro de 1938. Quizais o peor do libro sexa o final, un pouco abrupto e cheo de coincidencias.
Pero chegaremos a ler a terceira parte e xa vola comentarei. De momento, resulta unha serie de novela negra diferente e máis que recomendábel.

Publicidade multitudinaria

Xa o temos dito: imaxinación ao poder. Neste caso, axudada de moooiiita xente!






Samsung Dance - video powered by Metacafe


26/09/08

Continuidade dos parques

Este é un dos contos máis emblemáticos de Julio Cortázar, de quen xa falamos unha vez. A Cortázar apasionáballe o xénero e este, "Continuidade dos parques", é un relato maxistral, unha homenaxe á literatura. Forma parte do libro de contos Final del juego, publicado en 1968.
Podedes lelo aquí.
E podedes escoitalo na voz do propio escritor:




Vía Papel en blanco

25/09/08

Sen xente

José Manuel Ballester colle algúns cadros do Museo do Prado e despóxaos de toda presenza humana, sen animais nin movemento. O resultado é un eloxio do baleiro, unha colección de paisaxes deshabitadas que causan unha profunda conmoción no espectador, consciente da soidade. Esta exposición sitúase na Galería Distrito Cu4tro de Madrid, co título "Espazos Ocultos"; a impresión: o vértigo de axexar a realidade a soas, de situármonos ante lugares abandonados.




Todo o artigo en : El País

Vía Fogonazos

Sempre hai un lugar para a poesía (XLIII)

O 23 de setembro de 1973 morreu en Santiago de Chile Pablo Neruda, pouco despois do golpe de estado encabezado por Augusto Pinochet, cando a súa casa foi saqueada e os seus libros incendiados. «El poeta que no se compromete a luchar contra las ofensas que se hacen a la humanidad no es un poeta, es un maniquí de escaparate en una tienda de lujo».
Unha das súas obras máis coñecidas foi Vinte poemas de amor e unha canción desesperada. Aquí tedes a Canción:

Emerge tu recuerdo de la noche en que estoy.
El río anuda al mar su lamento obstinado.

Abandonado como los muelles en el alba.
Es la hora de partir, oh abandonado!.

Sobre mi corazón llueven frías corolas.
Oh sentina de escombros, feroz cueva de náufragos!

En ti se acumularon las guerras y los vuelos.
De ti alzaron las alas los pájaros del canto.

Todo te lo tragaste, como la lejanía.
Como el mar, como el tiempo. Todo en ti fue naufragio!

En la infancia de niebla mi alma alada y herida.
Descubridor perdido, todo en ti fue naufragio!

Era la alegre hora del asalto y el beso.
La hora del estupor que ardía como un faro.

Ansiedad de piloto, furia de buzo ciego,
turbia embriaguez de amor, todo en ti fue naufragio!

Te ceñiste al dolor, te agarraste al deseo.
Te tumbó la tristeza, todo en ti fue naufragio!

Hice retroceder la muralla de sombra,
anduve más allá del deseo y del acto.

Oh carne, carne mía, mujer que amé y perdí,
a ti esta hora húmeda, evoco y hago canto.

Como un vaso albergaste la infinita ternura,
y el infinito olvido te trizó como a un vaso.

Era la negra, negra soledad de las islas,
y allí, mujer de amor, me acogieron tus brazos.

Era la sed y el hambre, y tú fuiste la fruta.
Era el duelo y las ruinas, y tú fuiste el milagro.

Ah mujer, no sé como pudiste contenerme
en la tierra de tu alma, y en la cruz de tus brazos!

Mi deseo de ti fue el más terrible y corto,
el más revuelto y ebrio, el más tirante y ávido.
Cementerio de besos, aún hay fuego en tus tumbas,
aún los racimos arden picoteados de pájaros.

Oh la boca mordida, oh los besados miembros,
oh los hambrientos dientes, oh los cuerpos trenzados.

Oh la cópula loca de esperanza y esfuerzo
en que nos anudamos y nos desesperamos.

Y la ternura, leve como el agua y la harina.
Y la palabra apenas comenzada en los labios.

Ése fue mi destino y en él viajó mi anhelo,
y en él cayó mi anhelo, todo en ti fue naufragio!

Oh, sentina de escombros, en ti todo caía,
qué dolor no exprimiste, qué olas no te ahogaron!

De tumbo en tumbo aún llameaste y cantaste.
De pie como un marino en la proa de un barco.

Aún floreciste en cantos, aún rompiste en corrientes.
Oh sentina de escombros, pozo abierto y amago.

Pálido buzo ciego, desventurado hondero,
descubridor perdido, todo en ti fue naufragio!

Es la hora de partir, la dura y fría hora
que la noche sujeta a todo horario.

El cinturón ruidoso del mar ciñe la costa.
Surgen frías estrellas, emigran negros pájaros.

Abandonado como los muelles en el alba.
Sólo la sombra trémula se retuerce en mis manos.

Ah más allá de todo. Ah más allá de todo.

Es la hora de partir. Oh abandonado!.





Vía Islas Cíes

24/09/08

Metamorfose


Metamorphosis from Glenn Marshall on Vimeo.



Vía Capítulo 0

Dominós

Crear para tirar: 30000 pezas para construír 40 metapezas de dominó, formadas por 750 dominós cada unha. Só uns segundos para ser derruídas.




E tamén efectos dominó en dominós construído con dominós. Aí queda iso!!!



Vía Microsiervos

23/09/08

Las ovejas de Glennkill


Esta última miña lectura é do máis recomendábel, polo plantexamento, pola orixinalidade, polo humor, pola filosofía, polo surrealismo que supón que sexa unha novela negra cuxos detectives son as ovellas. Las ovejas de Glennkill, de Leonie Swann, é un curioso exercicio literario. A análise que do mundo humano fan as ovellas convértese no máis interesante da novela, con frases e momentos verdadeiramente sublimes, sobre todo tendo en conta a idea das ovellas que os humanos temos. Pero non son ovellas transformadas: son simplemente animais que saben escoitarnos pero que procurarán informarnos ao seu xeito, é dicir, seguen a conservar sempre as súas características de animais. Algunhas das conclusións das ovellas: os humanos non teñen alma, porque é ben sabido que a alma está no olfato e os humanos teñen este sentido atrofiado; así que, de teren alma, esta é ben pequena. Esta e outras delicias fan a súa lectura máis que unha mera proposición de pasar o tempo agradablemente. En serio. Ou en ovellil.


Grafitis

Din que están a medio camiño entre a arte e o vandalismo, e seica non se poñen de acordo. Podedes opinar vós; simplemente ímosvos amosar uns cantos de diferentes partes do mundo para que xulguedes. A min gustaríame saber facer estas marabillas, iso si que o teño claro.



Vía Microsiervos

22/09/08

Ela e o seu gato

Curta cunha particularidade especial: o seu autor, Makoto Shinkai, realizouna sen axuda; el fixo o guión, debuxouno e púxolle son. É un conto no que un gato narra en primeira persoa a vida coa súa dona.




Vía No solo libros

Con Visa

Hai publicidade que non deixa de nos abraiar. Que monos tan listos!:


21/09/08

Perdónala

Les Luthiers, sempre xeniais:







Le Ballon

Onde van os globos cando nos liscan das mans? Unha pregunta á que responde a seguinte e fermosa curta, realizada por unha equipa de animadores franceses:



Pero se queredes saber a máis crúa realidade (non alcanzan os 1000 metros), premede aquí.

Vía Fogonazos


20/09/08

A forza das minorías

Unha boa nova para o noso país: Santiago acollerá o Congreso Internacional de Literatura Infantil. Galicia recolle o relevo como sé deste Congreso convocado polo IBBY cada dous anos.
A cita, de ámbito mundial, será do 8 ao 12 de setembro; o lema, "A forza das minorías"; o comisario, Neira Cruz.



Tras do solpor

Para min ler a Murakami é coma apostar sempre polo cabalo ganador, un valor seguro. Despois de descubrilo hai uns catro anos con Al sur de la frontera, al oeste del sol (Tusquets), volvín a el en varias ocasións e nunca me decepcionou. Agora, por fin, puiden lelo en galego porque Galaxia acaba de publicar unha das súas obras máis recentes, Tras do solpor. As historias deste libro transcorren ao longo dunha noite en Toquio. O narrador, coma un voyeur, vaise introducindo en diversos espazos e mostrándonos o que o seu ollo-cámara ve e escoita. Diversos personaxes –intrigantes, contraditorios, estraños, desconcertantes- van aparecendo, pegándose ás paredes da nosa memoria e engulíndonos coas súas absorbentes historias. “Non sabía que a escuridade cansase tanto” –di, case ao final, a solitaria Mari...

Quen xa tivo a ocasión de ler Kafka na beiramar ou Tokio Blues, atopará aquí, de xeito máis breve, moito do mellor Murakami; e para quen non o coñeza, Tras do solpor pode ser unha boa opción para iniciarse. Pero, coidado, porque Murakami pode producir adicción!!! (eu ben sei do que falo…).


Grazas Rosa. Unha vez máis.

19/09/08

Publicidade ecoloxista

Este anuncio foi creado por McCann Erickson Portugal e producido por Seagulls Fly para Quercus: Se nós desistimos, eles desisten. Temos que seguir na loita para parar o que nós mesmos iniciamos, o burato da capa de ozono aumenta cada ano.





Vía Islas Cíes

Publicidade de altura

O video que vos quero mostrar hoxe foi gravado por unha parella amiga na súa recente viaxe a Nova Iorque e é a proba audiovisual dunha das moitas anécdotas que traen de Norteamérica. Faláranme desta gravación cos ollos moi abertos e con palabras entusiastas co que non me puiden reprimir a pedirlle que mo enviaran para ensinárvolo.

Situémonos na parte superior dun dos rañaceos que compoñen o Rockefeller Center. De súpeto, cinco avións cruzan o ceo deixando tras si uns estraños puntos de fume que parecen debuxar algo. Que é iso? Non pode ser!! Si, amigos. Pura publicidade. (Como ben din os protagonistas no video, que pasada!)


Moitas grazas, Mary e Mateo!!


Se ninguén di nada é coma se non existise

Xa comentamos hai algún tempo, e colgámolo aquí, que o goberno prohibira a difusión gratuíta nas televisións do anuncio de Amnistía Internacional "El poder de tu voz". Agora volve a ocorrer, exactamente, o mesmo. A nova campaña leva por título "Se ninguén di nada é coma se non existise", e non queremos calar.




Vía Islas Cíes

18/09/08

Onde está Matt?

Bailar co mundo: 14 meses de viaxe, 42 países diferentes. Esta é a súa web:
http://www.wherethehellismatt.com





Vía

Idiomas

Comezan as clases. E esta tira cómica fíxome lembrar a unha alumna "desesperada" en setembro. Vai por ti, Cris!:

17/09/08

Sempre hai un lugar para a poesía (XLII)

Poema de Gabriel Celaya. Prendamos motores: comezan as clases.

Educar es lo mismo
que poner un motor a una barca
hay que medir, pesar, equilibrar…
…y poner todo en marcha.
Pero para eso
uno tiene que llevar en el alma
un poco de marino
un poco de pirata
un poco de poeta
y un kilo y medio de paciencia
concentrada.
Pero es consolador soñar
mientras uno trabaja,
que ese barco, ese niño
irá muy lejos por el agua.
soñar que ese navío
llevará nuestra carga de palabras
hacia puertos distantes
hacia islas lejanas.
soñar que cuando un día
esté durmiendo nuestra propia barca
en barcos nuevos seguirá
nuestra bandera enarbolada.

Evolución

Non hai nada como unha boa teoría da evolución. Sobre todo se esta se debe á cervexa:



Vía


16/09/08

Arte tipográfica

Arte tipográfica convertida en ilustración:



Vía

Curta historia de amor

Hai curtas que non só contan unha historia, tamén resaltan a nosa condición humana agasallando beleza e paz, melancolía positiva.
“A SHORT LOVE STORY IN STOP MOTION” é unha animación do director de cine e animador Carlos Lascano.
Veredes como vos gusta!





Vía Capítulo 0

15/09/08

Esculturas de libros

Vía un dos meus blogues preferidos vexo estas preciosas esculturas feitas con libros e non podo renunciar a traérvolas aquí.
O traballo de Brian Dettmer consiste en crear impresionantes esculturas usando libros, ás veces cintas de vídeo e outros materiais. O lenzo tridimensional do libro é brillantemente destacado polo seu precioso corte. Realizou exposicións en Chicago e Nova Iorque, así como en galerías de Londres, Suiza e México.



Actualización: Neste mesmo blogue, Biblioríos, o venres 4 de novembro engaden novas fotos deste autor, que paga a pena observar. Pura arte!

Nas alturas

Todas e todas coñecedes estas fotografías de Ebbets. Son famosisímas. E seguen impactando hoxe en día. Así que aproveitamos este material que chegou ás nosas mans para lembralas novamente. Como diría un amigo meu con vértigo: Que valentes eran!

Contra o racismo

Un bo videoclip, ben feito, con localizacións marabillosas, que nos amosa como a experiencia vital que vive un nazi desde que sae do seu país até que dá a volta ao mundo cambia a súa concepción das cousas: "o racismo cúrase viaxando". Anti Nazi é unha canción do grupo Sportfreunde Stiller.




Ao fío desta canción, traémosvos o decálogo anti-racista da premio Nobel Rita Levi Montalcini, de quen xa falamos hai un tempo. Este decálogo xorde pola lóxica preocupación ante a actual corrente neonazi da súa Italia natal, manifesto asinado por outras personalidades do seu país. Fixádevos nesta parte:
"O racismo é suicida porque non só golpea aos que pertencen a pobos diferentes senón aos mesmos que o practican. A tendencia ao odio indiscriminado que o alimenta esténdese por contaxio de ideas, agride aos que están "fóra da raia", os "tolos", os "pobres de espírito", os gays e lesbianas, os poetas, os artistas, os escritores alternativos, todos os que non son homologables a tipoloxías humanas estándar".

Podedes ler todo o decálogo AQUÍ. Moi interesante.


Vía do vídeoclip: Islas Cíes

14/09/08

Violetas de marzo

Seguimos dentro da novela negra pero deixamos Suecia para baixar por Europa ata chegar a Escocia. Alí atopámonos con este escritor, Philip Kerr, que me deixou gratamente impresionada con este seu libro situado na Alemaña nazi, libro que forma parte dunha triloxía, Berlín noir, que quero ler completa.
Estamos ante un libro clásico, que nos lembra a Hammet, maxinando tranquilamente a Bogart no papel do noso detective, personaxe principal da novela e narrador da historia: Gunther. Ademais de ofrecernos o que toda historia de novela negra agasalla, dános unha crúa visión da sociedade alemá de 1936, o que a fai máis interesante aínda. E aderezado cun gran sentido do humor, un humor profundo ante unha situación desgarradora, a monstrosa e mortífera realidade que se tivo que vivir naquela época. Ademais, personaxes históricos e verídicos pululan pola novela; a vida cotiá aparece moi ben documentada. Moita ironía e dinamismo, cunha estrutura simple e unha lectura lineal que vos atrapará desde o primeiro momento.
Un libro de lectura rápida e eficaz, boa dentro do seu xénero e máis que recomendábel, se queredes pasar unha boa tarde de lectura, por suposto.


Icebergs

Unha presentación fermosísima que chegou ás nosas mans. A Antártida, un mundo por descubrir... antes de que nós memos o destrúamos.

Responsábel

Rap de Joanarman contra o bullying.





Vía

13/09/08

Julian Beever

Seguro que o coñecedes: a súa obra pulula por aí, en blogues e correos, por todas partes. Vén de nos chegar unha nova aportación. A verdade é que incrible o que este home sabe construír coas súas mans.

Limpeza de sangue

Estamos de noraboa: chéganos unha nova colaboración da nosa amiga Rosa. Grazas!


Limpeza de sangue de Rubén Ruibal (Xerais, 2006) pareceume Teatro de verdade, así con maiúsculas, recomendable tamén para todas e todos os que prefirades ver e non ler teatro, porque se nota que o autor pensou no espectador/a pero tamén no lector/a; fixádevos, se non, na elaboración das didascalias. Tematicamente é ousada, dá moito que pensar e fai gala dun sentido crítico digno do mesmo Vidal Bolaño. Os diálogos son ás veces finamente irónicos e outras tan directos e descarnados que sobrecollen. Todos os ambientes e personaxes están moi acabados. E logo está o seu o humor, como unha especie de elemento compensatorio e indispensable para sobrevivir a toda a corrupción que nos rodea. Unha lectura para pensar e divertirse, en definitiva. Déixovos, a modo de exemplo, un fragmento dunha conversa de dous personaxes secundarios, traballadores dun hospital:

O HOME DA LIMPEZA: ¿Ti sabes que García, Juan Carlos García López, o tipo máis burro que pariu cona ningunha sobre a terra, ofreceume un traballo de axudante seu?

O CELADOR: ¿Ese que fai? Hai ben tempo que non...

O HOME DA LIMPEZA: Electricista. Forrado está o cabrón. Veu o outro día á miña casa –de casualidade, eu non sabía que era el, se non polo carallo o chamaba, atopeino pola guía telefónica, ¡electricista!, ¡pum! e chamei-. En media hora, por quitar a luz do edificio e cambiar un cable e unha grampa cobroume cento setenta e catro euros. (...)

O CELADOR: ¡Ai! Tamén tivo que meter os dediños. ¿E se lle salta un trallazo?

O HOME DA LIMPEZA: Está claro que si. Ademais tivo que vir dúas veces: unha pola mañá para “ensaminar a avaría” –ensaminar, dixo el- e outra pola tarde para amañala, porque pola mañá non traía nin a lanterna nin o axudante. (...) Iso si, deixou unha veciña metida no ascensor porque non se deu de conta cando quitou a luz do edificio e alí estivo a muller colgada do oitavo piso ata que Juancarlitos rematou a faena. (...)

O CELADOR: Que cabrón.

O HOME DA LIMPEZA: ¡Home! ¡Algo bo había de ter pagar trinta mil pelas por un cable!

O CELADOR: É que ti fuches a unha universidade destas, ¿como se di?

O HOME DA LIMPEZA: ¿Mala?

O CELADOR: Non, home, non...

O HOME DA LIMPEZA: ¿Como que non? Dígocho eu, mala.

O CELADOR: Barata, home, a unha universidade... ¡pública!, aí está.

O HOME DA LIMPEZA: Pública pode ser, pero barata non era.

12/09/08

Posits

Só fan falta uns poucos papeliños, e xa está!:


EepyBird's Sticky Note experiment from Eepybird on Vimeo.


Vía Capítulo 0

Marcapáxinas

Xa sabedes que colecciono marcapáxinas, por iso cando vin este, tiven que traelo até aquí. Este non o teño!





Vía

Xogando coa Química

Se a culpa é dos profes, seguro, que non explican ben!!!



Vía

11/09/08

Roseanna


Na procura de novela negra sueca, antes de que remate este "verán negro" topei con este libro, Roseanna de Maj Sjöwall e Per Wahlöö, escrito en 1965. Continuando coas sorpresas, o prólogo é de Mankell, e parece ser que estes autores son coma os seus pais literarios. Un achádego. E que ademais, a pesares de ser un libro do 65, vén de ser editado hai moi pouco tempo no noso país, polo que tampouco é tan estraño o meu absoluto descoñecemento. Buscando novas sobre o libro -que forma parte dunha saga co mesmo protagonista- topei afirmacións como: Esta serie ha sido la inspiradora de la moderna novela negra: una novela fidedigna y rigurosa con el método policial y de investigación, que acerca la figura del inspector o la del detective al lector y que sirve de vía para hacer una crítica de los problemas sociales de la época.Los actuales escritores de novela negra se han inspirado en ella: Henning Mankell, Ian Rankin, Andrea Camilleri, Donna Leon...
Estamos ante unha sociedade auténtica, cun protagonista que non é ningún heroe, simplemente un bo investigador. Quizais un pouco máis optimista que Wallander, pero un antiheroe igualmente. Por iso envellece tan ben. Porque segue de rabiosa actualidade. E iso con poucos acontecementos, pero imparables. Máis que recomendábel.

Tinta electrónica

Xa está aquí a tinta electrónica.
A revista Esquire sacará -con motivo do seu 75 aniversario- no seu número deste outubro un número de exemplares nos que aparecerá publicidade utilizando a tecnoloxía E-Ink baseada na tinta electrónica, o que permitirá que teñan animación. Un xeito de abrir novas direccións editoriais.




Vía Brétemas

Denuncia fotográfica


Grazas ao noso blogue amigo Iniciarte achegámonos a esta interesante nova que andabamos a procurar: unha exposición amosa imaxes de modelos españolas contra agresións ambientais.
Contaminación urbana, incendios forestais, lixos orgánicos, vertedoiros de petróleo ou residuos radioactivos son algunhas das agresións ao medio ambiente que o fotógrafo Jaume de Laiguana denuncia coa colaboración de destacadas modelos españolas na exposición «A outra mirada».
A natureza dos corpos espidos de Vanessa Lorenzo, Bimba Bosé, Estefanía Luyk, Martina Klein, Eulalia Martine, Nieves Álvarez, Laura Sánchez ou Esther Cañadas serve como vínculo para enfrontar ao espectador a mares cheos de desperdicios, árbores queimadas ou ratas que viven entre as bolsas de lixo na mostra que abre hoxe as súas portas nas Sala Efti.
O carácter benéfico do Calendario levou ás modelos a pousar de forma desinteresada cubertas de petróleo, sobre bolsas de lixo e con ratas sobre o om
breiro no caso de Bimba Bosé, entre un bosque tallado, como Vanessa Lorenzo, rodeada de botellas de plástico como Estefanía Luyk, ou a Laura Sánchez ameazada polas aspas dun helicóptero e Nieves Álvarez intentando fuxir dos fumes que contaminan o ambiente.

Vía Iniciarte


10/09/08

Profesor Splash

Darren Taylor, ou Profesor Splash, quere mañá conseguir un novo récord, saltando desde unha altura de 11 metros sobre unha pequena piscina con 30 cm de auga.
Comezou a súa carreira como saltador de trampolín profesional, pero os últimos vinte anos da súa vida dedícaos a este mundo "circense", despeñándose dende as alturas sobre pequenas piscinas (e rompendo nocelos ou dentes).
Parece ser que o truco consiste en arquear o peito cara adiante e estirar as extremidades ao límite co obxectivo de maximizar a superficie do impacto. Así, a auga absorbe o golpe e evita que se crave no fondo da piscina; ademais, debaixo desta ten unha colchoneta amortiguadora. Iso non impide que o seu corpo quede todo amoratado.
Taylor, quen chama ao que fai "a nai de todos os tripazos", di que o segredo consiste "en non mirar nunca o interior da piscina".




Vía Fogonazos

The Electric Koi

Un dos últimos proxectos de TokyoPlastic é "The Year of the Machine", que contén esta curta de animación na que narra unha enigmática historia con mestura de elementos naturais e fantásticos.






Vía Todas

Non á violencia contra as mulleres (XLIV)

Topei esta publicidade dos anos 70. Impresiona, verdade? E non hai tanto disto; por iso segue a existir a violencia contra as mulleres, os homes aínda non aprenderon a respectar os nosos dereitos... Ao fin e ao cabo, só pasaron 40 anos, máis ou menos. Cantos máis terán que pasar?
Cando menos, este tipo de publicidades está prohibida, algún paso si que temos dado.
Fixádevos ademais de ler que ela ten un ollo morado. Iso si, o sorriso non o perdeu! Temos tanta sorte por ter un home ao noso lado!!!


Iso si, saber facer un bo café é esencial para estarmos content@s. Non haberá unha carreira universitaria que nolo ensine?




Vía


09/09/08

Los gritos del pasado

E seguimos, como non, con novela negra (estoume convertendo nunha experta), e por suposto coa que nos vén do norte. Este é o segundo libro de Camilla Läckberg, da que afirman que é a raíña da novela negra sueca, pero que a min segue a me parecer que está a menos altura cós seus veciños. Xa vos falei de La princesa de hielo. Esta segunda novela, Los gritos del pasado, centra máis a atención nun dos protagonistas, por causas evidentes ante o crime, quen se erixirá no principal investigador dos crimes. Parece ser que en posteriores libros retomarase o protagonismo feminino, que aquí deixa aparcado. Unha lectura fácil e amena que che deixará resolvar por ti mesmo quen é "o malo".

Nun fragmento dunha entrevista dise que:
Läckberg indaga en el potencial asesino que se esconde dentro del ser humano, algo que su país no es tan extraño: «Quizá influya la falta de luz que vivimos en mi país. Sí que somos un poco depresivos, de hecho hay muchísimos escritores de novela negra en Suecia, aunque, en general, nos gusta mucho escribir».


Publicidade gratuíta

O xigante americano INTEL pretendía lanzar a nivel mundial a súa nova plataforma tecnolóxica "Core 2 Duo". O anuncio central da campaña amosa un home branco de pé, rodeado de seis corredores negros en posición de saída. Toda unha ofensa, xa que semella colocar de parte do branco a intelixencia e do negro a forza bruta submisa.
Intel retirou todos os seus anuncios e elementos de campaña, ofrecendo as oportunas disculpas. Seguramente esta polémica agasallounos con publicidade gratuíta.



Vía



Tres séculos de demandas

A Declaración dos Dereitos da Muller e a Cidadá constitúe o primeiro documento que se refire á igualdade xurídica e legal das mulleres en relación aos homes. Olympe de Gauges reclamaba un trato igualitario cara ás mulleres en todos os ámbitos da vida tanto públicos como privados: dereitos ao voto e á propiedade privada, poder participar na educación e no exército, e exercer cargos públicos chegando a pedir a igualdade de poder na familia e na igrexa.
Lembremos que a día de hoxe a diferenza salarial entre sexos é dun 15% na Unión Europea.

"Muller, esperta; o rebato da razón faise oír en todo o universo; recoñece os teus dereitos".

1.- A muller nace libre e permanece igual ao home en dereitos.
2.- O obxectivo de toda asociación política é a conservación dos dereitos naturais da Muller e do Home: liberdade, propiedade, seguridade e resistencia á opresión.
3.- O principio de toda soberanía reside esencialmente na Nación que non é máis que a reunión da Muller e o Home
4.- A liberdade e a xustiza consiste en devolver todo o que pertence aos outros; así, o exercicio dos dereitos naturais da muller só ten por límites a tiranía perpetua que o home lle opón.
5.- As leis da natureza e da razón prohiben todas as acción prexudicias para a Sociedade.
6.- Todas as Cidadás e os Cidadáns deben participar na súa formación persoalmente ou por medio dos seus representantes. Debe ser a mesma para todos.
7.- Ningunha muller está eximida de ser acusada, detida e encarcerada nos casos determinados pola Lei.
8.- A Lei só debe establecer penas estrita e evidentemente necesarias e ninguén poder ser castigado máis que en virtude dunha Lei establecida e promulgada anteriormente ao delito e legalmente aplicada ás mulleres.
9.- Sobre toda muller que sexa declarada culpable caerá todo o rigor da Lei.
10.- A muller ten o dereito de subir ao cadalso; debe ter tamén o de subir á Tribuna.
11.- A libre comunicación dos pensamentos e das opinións é un dos dereitos máis preciosos da muller.
12.- A garantía dos dereitos da muller e da cidadá implica unha maior utilidade.
13.- Para o mantemento da forza pública e para os gastos de administración, as contribucións da muller e do home son as mesmas; ela participa en todas as prestacións persoais, en todas as tarefas penosas, por tanto debe participar na distribución dos postos, empregos, cargos, dignidades e outras actividades.
14.- As Cidadás e os Cidadáns teñen o dereito de comprobar a necesidade da contribución pública. As Cidadás unicamente poden aprobala se se admite un reparto igual, non só na fortuna senón tamén na administración pública, e se determinan a cuota, a base tributaria, a recadación e a duración do imposto.
15.- As mulleres teñen o dereito de pedir contas da súa administración a todo axente público.
16.- Toda sociedade na que a garantía dos dereitos non estea asegurada non ten constitución.
17.- As propiedades pertencen a todos os sexos reunidos ou separados; ninguén pode ser privado delas a non ser que a necesidade pública o esixa.


Vía

Descargar en pdf

08/09/08

Sempre hai un lugar para a poesía (XLI)

Mahmud Darwish está considerado como o poeta árabe máis destacado. Os seus temas entroncan coa mitoloxía de oriente medio para enxalzar os sentimentos de angura, amor e melancolía. "Eu son de alí" é probablemente o seu poema máis emblemático, a lembranza da terra perdida desde o exilio. Era o principal poeta da causa nacional palestina. Morreu este mes de agosto.

Yo soy de allí. Y tengo recuerdos. Nací como nace la gente. Tengo una madre

y una casa con muchas ventanas. Tengo hermanos, amigos, y una cárcel con una fría ventana.

Tengo una ola que han raptado las gaviotas, un paisaje favorito, una hierba silvestre,

una luna en los confines de la palabra, la subsistencia de los pájaros y un olivar inmortal.

He pasado por la tierra antes de que las espadas pasaran por un cuerpo al que convirtieron en mesa.

Yo soy de allí. Retorno el cielo a su madre cuando llora por su madre

y lloro para que me reconozca la nube a su regreso.

He aprendido, para romper la regla, todas las palabras apropiadas en el tribunal de la sangre.

He aprendido todo el lenguaje y lo he deshecho para componer una única

palabra: Patria…


Vía Libro de Notas


Guinness Dot

Boa publicidade da cervexa Guinness



Vía

Luns

Se vos fixades, á vosa dereita e cara abaixo, hai unha serie de vínculos baixo o título de "A repousar". Alí engadimos o blogue Garfield sen Garfield, do que sacamos a tira de hoxe. "Cando sacas a Garfield das súas propias tiras o resultado é un cómic profundo cuxos temas xiran en torno á esquizofrenia, a desorde bipolar e o baleiro existencial da vida moderna”.


07/09/08

Vaso de luz

Cristina Ferraz ofrécenos este traballo artístico, curioso e fermoso. Mesturando líquido con auga, esta resplandece. Seica dura ata 20 horas.



Vía Microsiervos

Al Dente

Curta fermosísima de inspiración gastronómica:




Vía Capítulo 0

06/09/08

Porca terra

Dende hoxe temos a sorte de contar coa colaboración da nosa querida e admirada Rosa Salgueiro, quen vai compartir connosco as súas lecturas, como xa viñamos facendo nós. Moitísimas grazas, Rosa, por estar aí, e agora aquí.

Porca terra é a primeira novela da triloxía Into theirs labours de John Berger. É de 1979 e agora témola en galego na colección Contemporánea de Rinoceronte. A súa lectura pareceume moi estimulante desde o punto de vista literario, admirable intelectualmente e profundamente emotiva (se cadra porque medrei na aldea, entre vacas, e a vida dos labregos e labregas é o que se aborda nesta mestura de narracións, poemas e ensaio.) O relato “Cuestión de sitio”, por exemplo, sobre o sacrificio dunha vaca, emocionoume moito máis que moitas descricións de mortes humanas; as reflexións, as metáforas e a sensibilidade de Berger son extraordinarias. Non podo opinar o mesmo, porén, dos poemas, pero iso non deixa de ser unha mancha sen importancia ao lado de personaxes como Marcel e o seu sentido da xustiza en relación á multa que recibe por facer demasiada augardente ou Lucie Cabrol coas súas tres vidas.

E por se acaso a parte de ficción nos soubo a pouco, remata o libro cunha especie de ensaio, o “Epílogo histórico”, que me deixou coa boca aberta, a pesar de que non son especialmente afeccionada ao ensaio. Fascinante a súa lucidez e actualidade e absolutamente recomendable a súa lectura porque “rexeita-la experiencia labrega como algo que tan só pertence ao pasado, algo irrelevante con respecto á vida moderna, coidar que milleiros de anos de cultura labrega non deixan ningunha herdanza pró futuro (...) é negarlle valor a demasiada historia e a demasiadas vidas”.

Grazas de novo!!!


05/09/08

Alterados por Pi

Ás veces, cando un entra no universo Internet e ponse a tirar dun fío, descobre que ao final da madeixa o que está a esperar é unha agradable sorpresa. Algo así me pasou a min hai unhas horas. A orixe da miña investigación foi noso blogue amigo Mesturas que me deu o primeiro paso para coñecer que na Televisió de Catalunya estase a emitir unha serie cuxo fío condutor son as matemáticas. O programa, titulado Ália, pretende, por unha banda, refrescar a memoria e, por outra, picar a curiosidade do espectador entretendo e achegando as matemáticas ao público con situacións da vida cotiá. Pareime a ver algún dos seus capítulos e, aínda que os meus coñecementos de catalán son máis ben escasos, deixáronme un bo sabor de boca...

Emocionado polo meu descubrimento, continuei á procura de programas ou series de TV nesta liña e cal foi a miña sorpresa cando a casualidade me levou a un título tan suxerente coma Alterados por Pi. Presentado polo profesor Adrián Paenza, este programa da televisión arxentina intenta a base de problemas, anécdotas, entrevistas e curiosidades mostrar o universo matemático como un mundo moito máis cercano do que a maioría da xente cre. Aquí vos deixo a primeira parte do 1º capítulo do programa. Sei que non son moi obxectivo, pero eu engancheime. Todo o que estea interesad@ non ten máis que adentrarse na inmensidade de Youtube e continuar coa serie...




A miña dúbida é: para cando un programa destas características na nosa televisión? Sería posible? Acaso non mellora en moito a gran maioría do que nos ofrecen as canles da caixa tonta? A resposta está clara, non credes?

04/09/08

Nontodovanserlibros (XXXIV)

Probablemente se che falo da artista internacional Ajinoam Nini quedarás con cara de estrañad@ tentando averiguar de quen estou a falar, pero se che digo que se trata de Noa é moi probable que esteas a facer un aceno asentindo coa cabeza.
Esta artista israelita de orixe iemení, emigrou coa súa familia aos dous anos a EEUU onde se formou musicalmente ata os 17 anos, idade na que regresou ao seu país seguindo ao que actualmente é o seu marido. Alí coñeceu ao guitarrista e compositor Gil Dor co que forma, desde aquela, unha dupla musical caracterizada por un son propio e orixinal no que mesturan as súas raíces iemenís e hebreas coas influenzas jazzísticas de Dor.

Noa e Gil colaboraron frecuentemente con artistas árabes e palestinos de todo o mundo, incluíndo xente coma Khaled de Alxeria ou Nabil Salameh do Líbano. Estas colaboracións permitiron ao duo expresar, musicalmente, a súa crenza no poder da comunicación e o diálogo como formas de promover a paz e o entendemento.



Noa compartiu escenario e gravacións con moitas figuras da música internacional coma Sting, Stevie Wonder ou Carlos Santana e outras do panorama nacional coma Miguel Bosé ou Joan Manuel Serrat.
A continuación, podedes ver o video clip do tema A lavandeira da noite" pertencente ao disco Todos os mundos do galego Carlos Núñez no que Noa presta a súa portentosa voz:

De compras...

Que tal un pouco de humor para comezar o día? Os capítulos desta serie ben merecen uns risos...

03/09/08

Creatividade

Unhas cantas froitas e hortalizas, algunha rebanda de pan, un moito de habilidade e, como non, un chisco de Photoshop. Resultado: unhas simpáticas fotografías do autor húngaro Balla Támas que agardo vos gusten.



E, de propina, un exemplo do making-off dunha das súas obras. Realmente é admirable o traballo deste virtuoso coas mans...

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.