Para @s que non teñades coñecemento sobre este suceso, querémosvos explicar o acontecido: fomos acusados por un "anónimo" de redactar algunhas das nosas entradas (non chegan ao 10% das 800 existentes) sen poñer as referencias pertinentes. O xurado, autodescualificándose, avísanos de que sería preferible "a nosa retirada" por honradez.
Aclararemos, se cómpre, que nunca tivemos intención de nos apropiar de palabras alleas nin atribuírnos méritos doutras persoas; antes ben, desexabamos achegarvos na nosa lingua informacións diversas que existían na rede en castelán. Non é o noso propósito inventar, senón difundir e compartir, despois dunha selección previa que supón tamén horas de traballo.
É precisamente a nosa honradez a que nos presenta ante vós, lectores e lectoras do noso blogue, para que sexades vós quen nos xulgue. Nunca fixemos un blogue para acadar un premio, senón que a súa construción débese ao noso alumnado, ao noso soño e esperanza de que eles constrúan un futuro mellor a partir destes breves momentos de reflexión, cultura e ocio EN GALEGO.
Ambos estamos orgullosos do noso traballo e as palabras de Charo, Olga, Bolbor, Vicky, Fran e Montse no blogue do premio así como as diversas mensaxes recibidas fannos intuír que estamos no camiño correcto. Agardamos –e necesitamos- os vosos comentarios: de vós depende que sigamos construíndo ronseis.