Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/12/07

... que por certo

Tanto que pedir ao novo ano!!!:

Ata o ano que vén...

Van xa case 400 entradas en catro meses pero aínda temos...

...moitas lecturas que ofrecer e agasallar.

...moitas lacras contra as que loitar.

...moitas inxustizas por denunciar.

...moitos momentos de ocio por ofrecer.

...moitas cancións coas que facervos gozar.

...e, sobre todo, moitas ganas de continuar co noso ronsel.


A todos @s nos@s visitantes...

Outro desexo... (XXXI)

Hoxe que remata o ano 2007, non queremos deixar de seguir denunciando a violencia de xénero. E facémolo mostrándovos os carteis da exposición urbana Motiva, que se vén desenvolvendo en anos sucesivos polas rúas de Xixón no contexto das Xornadas de Deseño Gráfico da Escola de Arte de Oviedo.
Co desexo de que esta lacra se deteña para o ano novo...

30/12/07

605 tentativas

Dun Honda tiña que tratarse, claro está. Lembrades o anuncio? Chamábase "Cog", gravouse dunha vez, conseguiuse tras 605 tentativas, custou uns canto millóns e 3 meses de tempo.

E o ano que vén?

O "ollo por ollo" mataranos a todos, dicía Gandhi. Nas nosas mans está.


Flipelibros

Os folioscopios ou flipbooks constitúen un método orixinal de animación consistente no paso rápido das follas con debuxos que semellan movemento.



Existen sitios adicados a esta forma artística que nesta páxina definen como unha arte a metade de camiño entre o libro e o cine. O mellor é a mostra de folioscopios antigos tanto de fotos como de debuxos. Coma este de Moebius: Preme na imaxe:


Vía Nosololibros

29/12/07

As mellores de UNICEF

Tempo de recontos. UNICEF escolle as seis mellores fotos do ano, que supoñen unha mostra de criterio xornalístico e social, bo gusto e sentido artístico.


1.- Matrimonios forzados


A imaxe de Ghulam, unha nena afagana de once anos sentada xunto ao seu home de corenta, foi elixida como mellor fotografía do ano polo Fondo das Nacións Unidas para a Infancia. A foto é de Stephanie Sinclair.
A fotógrafa adicou os dous últimos anos a tomar unha serie de fotografías referidas aos matrimonios forzados en países como Afganistán, Etiopía e Nepal, onde as vodas con nenos é cada vez maior.
A imaxe amosa a cara de receo e temor da pequena ao mirar para o seu marido.


2.- A explotación infantil


En segundo lugar, recoñeceuse o traballo do bangladesí Golam Mostofa Bhuiya Akash sobre a explotación laboral de nenos no seu país.


3.- A inocencia entre o carbón


A imaxe de Annalyn, nena filipina que vive nunha colonia de mineiros preto de Manila recibiu o terceiro premio. A foto é de Hartmuy Schwarzbach.
Mensaxe de ledicia no medio da miseria. Mensaxe de esperanza, pois.


4.- Os nenos esquecidos de Chechenia


A imaxe, con mención de honor, amosa unha escena da capital de Chechenia, Grozny. Foto de Musa Sadulayev.


5.- Os inocentes de Gaza


A foto, cunha Mención de Honor, amosa nenos feridos palestinos que son trasladados ao hospital tras un ataque israelí no norte de Gaza. A foto é de Hatem Moussa.


6.- Xenocidio ruandés


Joseline foi violada durante o xenocidio de Ruanda en 1994. Froito desa agresión naceron Leah (en primeiro plano) e Hossiana (ao fondo), agora adolescentes. O ollo do fotógrafo Jonathan Torgovnik plasmou nesta instántanea a atmosfera que rodea á nai e ás fillas, 13 anos despois. Obtivo o primeiro premiio de Retrato Fotográfico da National Portrait Gallery de Londres.
"Foi violada repetidamente durante e despois do seu embarazo; e despois de dar a luz, volveu quedar preñada como resultado dunha das violacións".

Sexo en IKEA

Foi a sensación da comunidade virtual este último mes, falouse nos blogues e mandáronme correos... polo que, antes de rematar o ano, quería ensinárvolo por se non o coñecedes.

Os de IKEA crearon unha axudante virtual feminina para facilitar a navegación pola súa páxina: Anna, quen contesta dúbidas e orienta aos usuarios sobre os servizos e produtos da compañía. Pero o que espertou a súa popularidade é o feito de que Anna foi programada para esquivar as preguntas máis ou menos porcas da xente, ofrecendo respostas disuasorias a aqueles que a aborden con escuras intencións. Unha funcionalidade divertida, que seguro terá entretidos aos usuarios máis rebuldeiros. E desde o punto de vista comercial é todo un acerto, pois aumenta o tempo de estancia na web.
Así que se queres xogar, entra na web, e xusto arriba á dereita selecciona "Pregúntale a Anna". Podes preguntar por flores, sofás... o sistema responde sempre.
Proba despois a dialogar con preguntas máis fortes (Me gustas, Queres botar un..., Que cu tes, Temos unha cita....) e le a resposta: non ten desperdicio (prefiro que probedes vós mesmos).
Agora ben... quen foi o primeiro que o enxergou??? Pensando, ademais, que esta "moza" xa ten un par de anos...
Unha empregada que, ademais, aforra a IKEA 15 millóns de euros anuais.

http://www.ikea.com/es/

28/12/07

Benazir Bhutto, asasinada


Onte, 27 de decembro ás 18:16 morría asasinada de xeito vil, vítima do odio irracional do fundamentalismo relixioso, a que foi primeira muller Primeira Ministra dun país musulmán, dirixindo Pakistán en dous mandatos (1988-90, 1993-96). Sendo muller nun país musulmán, preparouse en Estados Unidos e Gran Bretaña para chegar ao goberno do seu país cunha clara intención de apertura e renovación. A igualdade da muller na cultura musulmá é só un soño non sabemos se irrealizábel.
A valentía deste muller ao enfrontar unha campaña electoral na que sabía que a súa cabeza era unha posíbel diana é incrible. Non se agochou, pagando por iso. Resulta máis que insólita a incapacidade das forzas de seguridade por protexela


"Arriesgo mi vida y vengo aquí
porque siento que el país está en peligro"

Nontodovanserlibros (XXIV)

Tras a polémica creada estes días polo inxusto canon dixital, queremos traer a esta ventá unha banda inglesa que tivo a marabillosa iniciativa de permitir descargar o seu último disco, In Rainbows, da rede Internet ao prezo que decidise o comprador (ou incluso de forma gratuíta).

Radiohead, quinteto inglés de rock formado por un grupo de amigos de colexio en 1985, sacou o seu primeiro sinxelo Creep, do primeiro disco da banda Pablo Honey, o cal se convertiu no seu maior éxito a nivel mundial, na época na que o grunge (con bandas como Nirvana e Pearl Jam ao fronte) e o rock alternativo dominaban as radios e as principais listas de música. Porén, a banda logrou capturar a atención de miles de fanáticos do Reino Unido co seu seguinte disco, The Bends (1995), gañando admiradores grazas ás densas atmosferas logradas con tres guitarras, e ao expresivo estilo de cantar do seu líder, Thom Yorke. O terceiro disco de estudo da banda, OK Computer (1997), brindoulle á banda a fama mundial e éxito crítico. O álbum, que falaba de temas de alienación, foi aclamado como un dos mellores dos noventa. Entre as primeiras influencias de Radiohead, atopábanse bandas de rock alternativo como The Smiths, Pixies ou R.E.M.

Cos discos Kid A (2000) e Amnesiac (2001) a música da banda tomou un rumbo menos convencional, con influxos de música electrónica, jazz, música experimental ou música clásica.
Radiohead é considerado un dos grupos musicais máis creativos da súa era, atraendo a múltiples seguidores aos seus concertos e influíndo en grupos e artistas de varios xéneros. Radiohead tivo un sorpresivo éxito comercial, pero a banda destaca por manter independencia política e musical.



free music

Marabillas que xa non se ven (case)

As Sete Marabillas do Mundo Antigo é unha lista de grandiosos monumentos arredor do Mundo. A lista inclúe aqueles monumentos e estruturas de particular beleza e tamaño, que reflicten a habilidade do ser humano para crear e manexar o medio ambiente que os rodeaba. Cada un destes monumentos representaba unha celebración ao poder, a relixións, as ciencias e as artes do Mundo Antigo.


Esta lista creouse arredor do segundo século antes de Cristo. A primeira referencia atópase na Historia de Herodoto durante o século V a.C. Posteriormente, historiadores gregos e romanos escribiron sobre grandes monumentos no Mundo, e na Gran Biblioteca Real de Alexandría arredor do 305-240 a.C. escribiuse "A colección de Marabillas arredor do Mundo", pero todo o que se sabe deste documento é o seu título, posto que a bibllioteca foi posteriormente destruída.
A lista contiña os sete máis esplenderosos e impresionantes monumentos da Antigüidade:


1.- Pirámides de Gizeh

Monumento funerario exipcio, utilizado como sepultura para os faraóns. As pirámides máis famosas son Keops, Kefren e Micerino, en Gizeh. A gran pirámide de Keops data do século XXVI a.C. Composta por 2.500.000 bloques pétreos de 2,5 toneladas de peso cada un, mide 146 m. de altura e 234 de lado. Mantense en bo estado e pode ser visitada. Gizeh é a única das marabillas que aínda podemos ver, a pesar de ser a máis antiga.


As pirámides de Exipto foron construídas entre o 2900 e o 2800 a.C., sendo un dos elementos arqueolóxicos máis formidables do mundo. Tres faraóns consecutivos construíron o grupo máis grande de monumentos nun mesmo lugar, as Pirámides de Giza. Calcúlase que se empregaron máis de 100 homes durante 20 anos para construír a máis grande das pirámides, a gran pirámide do faraón Kufu.


O Faraón Keops ou Kufu da cuarta dinastía construíu a gran pirámide para servirlle como tumba ao morrer. A pirámide de Keops ten uns 147 metros de alto e 230 de ancho. Foi a estrutura máis alta do mundo por varios milenios até que a torre Eiffel en París foi rematada no 1887. A pirámide de Giza é a única das Sete Marabillas da Antigüidade que sobreviviu até os nosos días.
A través da historia, estas pirámides estimularon a imaxinación humana. Moitos nomeáronas como "os celeiros de Xosé" ou "as montañas do Faraón". No ano 1978 cando Napoleón invadiu Exipto, este expresou a famosa frase: "Soldados! Desde o alto destas pirámides, 40 séculos nos contemplan".


2.- Xardíns colgantes de Babilonia

Construídos polo Rei Nabucodonosor uns 600 anos a.C. para aliviar a morriña que sentía a súa muller pola súa afastada e montañosa terra. Eran unha serie de estrutura artificial aterrazada chea de vexetación habilmente disposta sobre o teito do seu palacio de 100 metros de altura, con terrados, flores e árbores. As alturas entre as azoteas aproveitáronse para construír salóns. Non queda ningunha pegada deles.


Os xardíns foron plantados nunha azotea de ladrillo a 400 pés de cadrado e 75 pés sobre a terra. Estaban formados por unha serie de amplas azoteas escalonadas, sostidas por columnas e arcos de pedra, nas que cultivaban gran parte da árbores e flores. Na azotea superior almacanábase a auga do Río Eufrates que era distribuída aos demais pisos.


As historias dos Xardíns Colgantes de Babilonia chégannos dos historiadores gregos, como Berossus e Diodorus Siculus. Historiadores modernos argumentan que cando os soldados de Aleixandre o Grande chegaron até a terra da Lúa Fértil, Mesosopotamia, e viron a cidade de Babilonia cos seus xardíns, flores olorosas e exuberantes, quedaron impresionados. Á volta, non paraban de falar deles, e aínda hoxe pregúntanse se non sería a imaxinación dos poetas e os historiadores antigos que mesturaron todo para producir unha das sete marabillas. Hoxe en día os arquéologos aínda traballan para recolectar a evidencia precisa antes de alcanzar as conclusións finais arredor da localizacións dos xardíns, do seu sistema de irrigación e como estes lucían orixinariamente.


3.- Templo de Artemis en Efeso

Era un templo de estilo grego, pero enorme e delicado á vez, do século VI a.C. Varias veces destruído e reconstruído, foii incendiado por un fanático que desexaba pasar á historia.
Era un gran edificio recuberto de adornos metálicos e rodeado por un bosque de columnas de case 20 m. de altura. Xa só queda unha delas e fragmentos da decoración.


A estrutura foi constuída arredor do 550 a.C. na cidade grega de Efeso, o que hoxe en día é Turquía, polo Rei Lidio Croesus e foi deseñada polo arquitecto grego Chersiphon. Estaba composto de 127 columnas de mármores de 18 m. de altura e contiña as mellores obras da arte grega, como as estatuas de Fidias e Praxiteles, e decorados de Apeles e Parrasio. O templo serviu como mercado e institución relixiosa durante moitos anos.


O templo era visitado frecuentemente por mercaderes, artesáns e reis de lugares tan afastados como Persia ou India para render tributos aos Deuses. Durante o mesmo día do nacemento de Aleixandre o Grande, no ano 256, Herostratus queimou o templo de Atemir ou Diana como o nomearon os romanos.
Por máis de dúas décadas o templo foi reparado e cando Aleixandre o Grande conquistou Asia menor axudou a reparalo. Posteriormente os godos saquearon e destruíron o templo no ano 262 a. C.


4.- Estatua de Zeus

Era en honor a esta estatura en Olimpia (como símbolo de deus supremo) que se realizaban os Xogos Olímpicos da Antigüidade. Con 12 m. de altura, estaba feita de mármore, ouro e marfil, e creada por Fidias, a quen moitos consideran o escultor máis grande de todos os tempols. Era tan impresionante que se dicía que parecía respirar.


O magnífico Templo de Zeus foi construído arredor do 450 a.C. e deseñado polo arquitecto Libon.
Durante o gran poderío e magnificencia da Antiga Grecia, o estilo dórico dos templos pareceu demasiado mundano para a época e necesitaba modificarse. A solución foi unha maxestuosa estatua. O escultor da obra foi Fidias.
Zeus aparecía sentado nun trono construído de marfil e ouro, cunha pequena estatua da deusa da vitoria na man dereita e un cetro á esquerda, e arredor outras esculturas representativas de diversos heroes mitolóxicos. Por moitos anos, o templo atraeu a moitos visitantes e escultores de todo o mundo, xa que se consideraba a máis fermosa expresión escultórica da época.


Durante o período do emperador romano Calígula, intentouse transportar a estatua a Roma, pero non o lograron. Posteriormente cando os xogos olímpicos foron prohibidos polo emperador Teodisio I por considerarse prácticas pagás, ordeouse que o templo de Zeus fose pechado.
Olimpia foi sacudida en moitas ocasións por terremotos que danaron a estrutura. Crese que a estatua desapareceu no século VI, debido a un destes terremotos. Hoxe en día non queda ningún rastro da estatua, só pedras e columnas do vello templo.


5.- Mausoleo de Halicarsano

Halicarnaso é unha antiga cidade de Asia menor, na cal a raíña Artemisa fixo erixir unha espectacular tumba en honor ao seu home o rei Mausolo. Dende entón, a toda tumba suntuosa chámaselle mausoleo. Do século IV a. C., medía 42 m. de altura e destacaban nel os grupos escultóricos que o adornaba. Apareceron restos, aínda que moi fragmentados, en excavación recentes.


O imperio persa foi superior a calquera outro na antigüidade do Oriente Próximo. O imperio estendeuse desde a India até Asia menor. Dividíase en satrapías ou provincias con gobernadores locais. Este gobernadores locais ou reis subordinados posuían tanto poder que cada sastrapía era practicamente autónoma. Unha destas era Caria, gobernada polo rei Mausolo, na parte occidental de Asia menor, hoxe Turquía, e é alí onde se constrúe o seu mausoleo.


O proxecto foi organizado pola súa esposa e a súa filla Artemisia. Compúñase dunha base cuadrangular sobre a que se elevaban 36 columnas de mármore branco que sostiñan unha pirámide de 24 chanzos coroada por unha cuadriga coa estatua de Mausolo. Foi completado arredor do 353 a.C., tres anos despois da morte do rei.
Por máis de 16 séculos, o mausoleo permaneceu en óptimas condiciósn até que un terremoto causou danos no teito e nas columnas. A principios do século XV as súas pedras foron utilizadas nas fortificacións da cidade.


6.- Faro de Alexandría

Alexandría foi capital do país en tempos de Tolomeo, que a convirteu en centro cultural e científico. Unha espectacular torre de 180 m. de altura que dominaba a entrada ao porto do Alenxadría, edificada sobre un promontorio rochoso na illa de Faros, constituíu unha referencia fundamental para os navegantes durante máis de mil anos, até que foi destruída por un terremoto.



Durante o reinado do rei Tolomeo II de Exipto, polo 270 A.C., o arquitecto grego Sostratos deseñou este faro. Construído na Illa de Pharos, o Faro de Alexandría, serviu de guía a comerciantes e mariñeiros polo mediterráneo durante 16 séculos. O faro tiña forma rectangular cunha torre duns 122 pés de alto, na cal o lume feito de residuos de madeiro ou de aceite era mantido constantemente. O lume era reflectido por uns espellos de metais que o facían visible a uns 50 quilómetros de distancia.
Posteriormente, cando os árabes conquistan Exipto, estes quedan impresionados coa cidade de Alexandría e as súas riquezas. No ano 956, un terromoto sacudiu Alexandría e causou algún dano ao Faro. Non é até o século XIV que dous terromotos de maior intensidade causan un dano significativo á estrutura. Finalmente, no 1480 ac Qaitbay, un Sultán Mameluco Exipcio, decidiu fortificar a cidade de Alexandría e constrúe un forte medieval no mesmo lugar onde o Faro unha vez estaba, usando as pedras e o mármore que quedaran da estrutura.


7.- Coloso de Rodas

Construíuse arredor do 300 a.C. O famoso Coloso é unha estatua de Apolo, en 35 m. de bronce, que foi erixida á entrada do porto de Rodas, e destruída por un terremoto.


Xigantesca estatua de bronce, que segundo a tradición elevábase na entrada do porto de Rodas, capital dunha illa grega que leva o mesmo nome. Segundo a historia, a estatura era tan grande que as embarcacións pasaban entre as pernas. Foi construída para celebrar a unidade entre Rodas e a alianza cos Tolomeos de Exipto.


A consrución do Coloso, que representaba ao seu deus Helios, durou doce anos e rematou no 282 a.C. 56 anos máis tarde, un terremoto danou gravemente o Coloso. Os seus restos foron vendidos polos árabes a un ferralleiro xudeu no ano 667.

27/12/07

O señor Ibrahim e as flores do Corán

Poucas vece leo un libro despois de ver a película. Pero aproveitando a súa publicación en galego, e que a propia película me encantara, lin onte (e digo onte, porque lese nunha hora) este fermosísimo libro.
Realmente, nun libro tan pequeno, hai moito.
Máis ca unha novela, é un texto iniciático que apela ao multiculturalismo, á tolerancia e ao entendemento entre iguais. A súa lectura afortala a nosa confianza na especie humana, abrindo a porta a unha reflexión esperanzadora sobre o futuro do mundo no que vivimos.

Momo é un adolescente xudeu, desorientado e orfo de agarimo. Ibrahim é un tendeiro musulmán. Ambos viven rúa Azul, no París dos anos 60, e traban unha entrañable amizade que trascende as súas respectivas crenzas.

E, se podedes, vede tamén a película, dirixida por François Dupeyron, e protagonizada por Omar Shariff e Pierre Boulanger, ambos cunha interpretación exquisita.
Unha peli sinxela (que non simple), sen efectos especiais, sen alardes técnicos espectaculares, que constitúe -tamén ela- unha pequena xoia.


Extraordinarias criaturas

Hai de todo no noso planeta. Parece gardar un as e desborda a nosa imaxinación. Hai ratos con patas de canguro, aves que parecen extraterrestres, bolboretas transparentes ou peixes que camiñan polo fondo do mar. Aquí vos deixamos algúns exemplos curiosos.

.- Un grupo de xerbos de orellas longas no deserto de Gobi:



.- Unha ave do paraíso que trata de namorar á femia:



.- O corno do narval é en realidade un cabeiro que pode medrar até uns 3 metros de longo e pesar dez quilos:



.- Oruga Chewbacca, é boliviana:



.- Oso formigueiro xigante zugándolle un ollo a un tapir:



.- Isópodo xigante. Este crustáceo marino é parente da cochinilla de xardín aínda que multiplica o seu tamaño por corenta. También se enrosca sobre si cando se sinte ameazado. Come todo:




.- O ornitorrinco chegou a Europa en 1799, no interior dun paquete enviado desde Australia polo capitán John Hunter ao despacho do profesor George Shaw no Museo de Historia Natural de Londres. O primeiro que fixo o profesor foi tratar de descoser o peteiro e as patas sospeitando que se trataba dunha falsificación. Os científicos estaban atónitos antes as características daquel animal que incumpría todas as leis da evolución: un mamífero con peteiro, aletas, dentes, veleno e poñía ovos:



.- Bolboretas transparentes, parecen sacadas de contos de fadas. Chámanse Greta Orto ou "Espelliños":



.- Peixe morcego de beizos vermellos. Vive en augas tropicais e ás veces parece camiñar sobre o fondo do mar. Aínda non se sabe para que serve o misterioso dispositivo que abanea no seu nariz:



.- Toupa de nariz estrelado. Posúe 22 tentáculos rosados, móbiles e flexibles ao final do fociño. Crese que os emprega para detectar a actividade eléctrica das súas presas:



Vía Fogonazos

26/12/07

Pedimos un desexo?

Xa o dixo o Dalai Lama:

A amizade só pode ter lugar a través do desenvolvemento do respecto mutuo e dentro dun espírito de sinceridade.

Quizais ás veces cremos ter amigos que non son.

Pode ser que ás veces pidamos demasiado á amizade.

Que o 2008 vos agasalle amigos sinceros

Un ano en imaxes

Agora que o 2007 está a piques de rematar é hora de facer balance. Achegámosvos unha selección das mellores fotos de 2007 do ‘International Herald Tribune", onde se fai un resumo gráfico de todos os acontecementos que marcaron o ano que remata.

Non esquezamos

Nestas datas nas que desexamos a todas horas "felicidade", non esquezamos que hai xente que sofre, que existe xente á que non se lle contemplan nin os máis mínimos Dereitos Humanos, que hai xente que vive baixo unha continua marxinación, discriminación...
Déixamosvos hoxe unha presentación feita por Marina do IES de Arzúa para o 10 de decembro:



25/12/07

Sen Chaplin trinta anos

O 25 de decembro de 1977 o mundo viuse obrigado a dicir "ata outra" a Charles Chaplin, quen aseguraba que a vida é unha traxedia se a ves de preto, pero unha comedia se a miras con distancia.
O personaxe en torno ao cal construíu gran parte da súa carreira cinematrográfica, e que lle deu sona universal, foi a do vagamundo Charlot, un home de xeitos refinados e dignidade dun cabaleiro, cun inconfundíbel camiñar oscilante, unha acentuada emotividade sentimental e un desencanto melancólico fronte á impiedade e á inxustiza da sociedade.
Organizada pola Fundación "La Caixa" e NBC Photograhie, a exposición adicada a Chaplin, a primeira destas características, reúne arredor de 250 documentos, principalmente fotos, pósters, material documental e extractos de películas, algúns inéditos. A través de imaxes, a exposición narra a historia de Chaplin desde a creación do personaxe de Charlot até a fin da súa carreira. "Chaplin en imaxes" axudaranos a entender a conformación da personalidade de Charlot, a súa transformación, a súa particular expresión corporal e os seus inconfundibles complementos, que remataron por representar por si mesmos a esencia do personaxe.
O Charlot que se viu por primeira vez no ano 1914 era un personaxe groseiro e antipático até evoluír ao que hoxe coñecemos. No momento álxido da súa carreira, Chaplin optou polo compromiso, a partires dos anos trinta as súas películas incluíron regularmente elementos de crítica social. O seu posicionamento político provocou un lento afastamento do público de masas. No ano 1940, xa co cine sonoro, Charlot falou no que foi o seu último papel. Dirixiuse a toda a humanidade en forma de mensaxe de esperanza e de paz.
No ano 1952, no barco que o levaba a Inglaterra, Chaplin enteirouse de que non lle renovarían o seu visado americano. A partir de entón viviría en Suíza até a súa morte con 88 anos. O seu corpo aínda sufriría un revés traxicómico, o 3 de marzo de 1978 foi roubado do cemiterio e non foio atopado até o 18 de maio.







Heroínas hoxe en día

Tod@s sabemos quen é o Che Guevara. Pero coñecemos a Talisma Nasreen, a Ayaan Hirsi Ali ou a Nawal Al Saadawi?. As tres son mulleres, universitarias, demócratas, e as tres están ameazadas do morte nos seus países.

A escritora Talisma Nasreen tivo a mala sorte de suscitar a cólera dos islamistas indios coa súa novela Lajja (La vergüenza), gañadora do Premio Sajarov 1994 que denuncia o tratamento da comunidade hindú no seu país, maioritariamente musulmán. A autora tivo que fuxir de Bangladesn, onde varias das súas obras están prohibidas, igual que na India, para non ferir a susceptibilidade musulmá. Refuxiada en Calcuta, criticou a condición das mulleres na sociedade islámica. Condenada a morte en agosto deste ano, tivo que deixar Calcuta e refuxiarse en Nova Delhi con protección policial india. Grupos de mulleres indias piden ao goberno que se lle conceda a nacionalidade india á autora emigrada de Bangladesh. Pero dá a impresión de que as autoridades a están empurrando suavemente a marchar fóra do continente.

Ayaan Hirsi Ali, escritora e deputada holandesa de orixe somalí, vive actualmente nun "lugar seguro" dos Países Baixos con protección policial, ameazada de morte polos islamistas de todo o mundo. Unha muller de estrita obediencia musulmá na súa infancia, vítima da ablación e fuxindo dun matrimonio forzado, refuxiouse nos Países Baixos onde obtivo a nacionalidade. No ano 2002 o viceministro de Holana fixo que entrara en política prometéndolle protección física. Pero dous anos despois, mentres traballaba co cineasta Theo Van Gogh, este foi degolado polos islamistas, amezando de morte á moza deputada liberal. Ayaan Hirsi Ali exiliose por un tempo nos Estados Unidos onde proseguiu a súa investigación sobre o Islam, pero perdeu os fondos destinados á súa seguridade concedidos polo seu goberno. En Francia circulou unha petición para que se lle concedese a nacionalidade francesa, pero iso non gustou ás autoriades. Será que Europa é covarde, como afirma Salman Rushdie? Ela mesma cre que "a colonización e a escravitude crearon un sentimento de culpabilidade en Occidente que leva á xente a adular as tradicións foráneas".

A exipcia Nawal Al Sadawi é unha loitadora incansable pola emancipación da muller no Islam, pola recuperación do nome materno asociado ao paterno, polo aborto, contra a ablación e contra o abuso sexual dos nenos. Segundo afirma, " o veo mental en Exipto é máis perigoso porque é invisible. O sistema educativo e os medios de prensa colaboran para velar as mentes". Encarcerada repetidamente, vive exiliada dende abril deste ano. E iso por pedir para as mulleres o dereito a expresarse libremente e a elixir a súas vidas.

Hai moitas outras mulleres heroínas do noso tempo por defenderen as súas ideas:

A birmana Aung San Suu Kyi leva 16 anos de arrestro domiciliario. A catedrática da mesma nacionalidade Aung Ma Tin Yee tivo que exiliarse en Tailandia polas ameazas sufridas, onde dirixe movementos de mulleres. Outras exiliadas ameazadas son a sirio-americana Wafa Sultan, a asiática Irshad Manji, nada en Uganda, a turca alemá Seyran Ates, e a turca Necla Kelek, todas elas culpables de tomarse en serio os principios democráticos.

24/12/07

Cos mellores desexos...


Ler é prexudicial para a súa saúde


Hai xa algúns días que vin este "decálogo" en Repaso de lengua e tiña moitas ganas de achegárvolo. Porque é necesario previr dos riscos laborais.

1.- Quen le moito remata cego. Primeiro son esas lentes de intelectual, logos as de cu de vaso, e ramatas como Galdós ou Borges, contratando a unha moza que che lea aos pés da cama.

2.- Quen le moito remata transtornado. Como don Quixote ou Cela. Hai parvos por aí que quedaron así de tanto estudar: tomaban psicotrópicos para mantérense espertos mentres lían e lían.

3.- Ler esgota a túa economía. Os libros son caros e non se poden baixar co emule. Os que están na internet son clásicos e polo tanto moi longos, polo que se os les no computador aínda é peor para os teus ollos.

4.- Ler complica a vida doméstica. Acumular libros convértese nunha obsesión que require espazo, metros de andeis, caixas no trasteiro, mesiñas de noite poeirentas... coa ameaza de cónxuxes e fillos (elixe, os libros ou nosoutros). Ou coa pregunta estúpida das visitas non lectoras (E liches todos estes libros?)

5.- Ler complica a vida amorosa. Aínda estás lendo? Pois eu durmo...

6.- A lectura soe ser fonte de toda infelicidade. Quen non le non ten máis punto de vista que o que lle ofrece a súa cadea de televisión habitual, ou o seu perruqueiro, ou o seu compañeiro de tapeo. Non necesita contrastar visións diferentes dun feito, nin pórse no lugar de outro. Asume que a realidade é plana. E é feliz.

7.- Os libros xeran frustración. A lectura amósache vidas que nunca chegarás a vivir e lugares que nunca coñecerás. Permíteche imaxinar personaxes e lugares das historias do modo que ti queiras. Logo veñen os de Hollywood e plántanche ao ghuapo de turno nunhas paisaxes de Nueva Zelanda impresionantes, e xa está, todo o teu gozo nun pozo, porque ti maxináralas aínda mellores.

8.- A lectura é algo lento e repetitivo. Que cambiou na lectura nos séculos? Lese a través, saltamos parágrafos...? Nada. Sempre igual, unha liña destrás doutra. E aínda por riba temos que esperar ata o final para saber que pasará: amaranse? mataranse? liberaranse?

9.- Ler non serve para obter admiración. Por se alguén non o sabe, ser bo lector non cotiza na bolsa da vida social. Sabedes dalgún bo lector que saia na tele?

10.- A lectura non está ao alcance de todos. Digan o que digan, o pracer de ler está reservado a uns poucos. Son eses poucos os que gozan case pecaminosamente cando descifran un clásico, cando senten as paixóns que se maxinaron hai séculos para que lles cheguen a eles case en exclusiva, cando quedan varios días en estado de shock despois de ler boas novelas, cando se estremecen lendo un poema, cando choran ou rin entre liñas, cando recomendan furtivas lecturas, cando non poden saír da casa sen un libro no peto, cando miden as súas vidas polos libros que leron en cada época... Son unha elite, perigosa e exquisita, que procura captar membros para a súa seita, pero que tamén sabe que moi poucos serán os elixidos. E ti?


Eu xa estou enferma, o doutor díxome que non teño cura. Quizais vós esteades a tempo de salvarvos. Nas vosas mans está.


En París

Xa que a excursión de 4º de ESO, como é costume no centro, vai a París, vouvos ir deixando algunhas das xoias que alí atoparedes.

A Gioconda, coñecida tamén como a Mona Lisa, é o cadro máis famoso que existe. De aí que aínda que nunca fose taxado, probablemente alcanzaría a cifra máis alta da historia da arte. Por iso non é estraño que fose roubado do Louvre por Vincenzo Perrugia, pintor italiano, en 1911, aínda que apareceu dous anos máis tarde en Italia. O cadro non só foi roubado, senón que tamén foi asperxido con ácido e golpeado cunha pedra guindada por un home no propio Louvre.
É a última gran obra de Leonardo, e de feito estivo retocándoa até os seus últimos días, levándolle catro anos completar o proxecto.
Este óleo é con diferenza a pintura máis visitada do museo. No ano 2005 foi instalada tras unha vitrina antibalas nunha sala especial onde está protexida da calor, a humidade e o vandalismo. O traslado e acondicionamento custou 6 millóns de dólares que correron a cargo da mesma cadea televisiva nipona que patrocinou a restauración da Capela Sixtina.
Parece ser que a protagonista do cadro é Lisa Gherardini, dama florentina casada con Francesco do Giocondo, banqueiro napolitano. Porén, existen outras posibilidades sobre quen é a protagonista do cadro. Hai quen di que é a española Constanza de Ávalos, e arriscándose aínda máis, hai quen afirma que o retratado é Francesco do Giocondo ou mesmo o propio Leonardo.


Sobre un fondo de paisaxe vaporosa, cun río sinuoso, resalta a figura desta muller, cuxo enigmático sorriso constitúe o máis atractivo do cadro. Unha peculiaridade da dama que aparece no cadro é que non ten cellas nin pestanas. Aínda que hoxe en día nos estrañe, era un costume común entre as damas florentinas da época depilarse toda a peluxe da face.

Que emocións sente a Gioconda?:
Segundo a publicación británica New Scientist e en base aos estudos da Universidade de Amsterdam, o sorriso de Mona Lisa está composto das seguintes emocións:

- 83% de felicidade
- 9% de disgusto
- 6% de medo
- 2% de carraxe

O estudo está baseado na análise da expresión por un programa informático, deseñado pola Universidade de Illinois, que avalía emocións interpretando os xestos da cara.

Espero que cando a vexades vos guste aínda máis. Se vos dades achegado a ela, porque con tanta xente...


23/12/07

Compartindo o ceo

Unha Lúa chea e un Marte colorado e brillante esta noite compartirán o ceo.

Os observadores poderán disfrutar facilmente do celestial emparellamento xa que están separados por un grao ou menos. De feito, vista dende algunhas latitudes altas de América do Norte e Europa, a Lúa ocultará ao Planeta Vermello. Se Marte é tan brillante é porque está próximo á súa oposición, no lado oposto ao Sol no ceo da Terra e preto da súa maior aproximación ao planeta Terra. E Marte non é tan brillante como a Lúa, oposta tamén ao Sol esta noite.


Esta fermosa vista é do astrónomo aficionado John Harms que puido fotografar o mes pasado unha Lúa case chea preto de Marte. A súa exposición sinxela e única aproveitou as nubes para bloquear parte da abrumadora luz de lúa.

Non á violencia contra as mulleres (XXX)

Outro vídeo para reinvidicar a loita contra este tipo de violencia e acabar con ela.
Vivir sen medo:


Profundidade de campo

Tiña moitas ganas de ler este poemario de Yolanda Castaño, XV premio de poesía Espiral Maior, pero teño que dicir que me decepcionou. Por suposto, sempre hai poemas e versos que me gustaron, creo que iso ocorre en todos os poemarios, pero o conxunto desencantoume. Nel, a autora fala consigo mesma, quizais cun certo resentimento ás circunstancias que a obrigaron a madurar. A verdade é que xa coñecía algún poema porque tiveramos o honor de escoitalos en primicia, recitados por ela mesma (creo que recita impresionantemente ben) cando veu ao centro hai dous anos.
Déixovos un poema que me gustou especialmente:

A autoestrada do noite parece un videoxogo.
O negror máis opaco non me trabuca.

Coma unha intermitencia,
a miña xuventude unha liña de cocaína que ás veces
se torce.

Detrás da miña órbita excítanse os volantes.

E acelero tan rápido
como a este verso se lle vai a vida.

Chocolata

Chocolata é unha historia escrita por Marisa Núñez (Sarria, 1961), galardoada co Primeiro Premio Internacional do Libro Infantil que outorga a Fundación Espace Enfants de Suiza. O texto está ilustrado pola artista austríaca Helga Bansch. É a primeira autora da península en gañar este premio.
Chocolata toma o seu baño diario na lagoa. Un día escoita que na cidade hai unha casa de baños, e sae de viaxe coa intención de probala. Ao chegar á capital, Chocolata fai unha rápida incursión nos hábitos urbanos máis tópicos, actuais e recoñocibles desde a mirada infantil, e experimenta outro estilo de vida.
A ilustración, con inspiración africana, é alegre e colorista; expresa con maestría diferentes perfís humanos a través dos animais da selva, e reflicte o humor e optimismo da narración; pero ademais, Helga Bansch enriquece o relato creando personaxes que conduce habilmente a través das páxinas, para darlle un sentido máis amplo á viaxe de Chocolata, que o lector deberá descubrir a través da lectura de imaxes.
Un relato sobre as ilusións, os desexos, a amizade, a importancia da experiencia e o valor do que temos moi perto.
Un álbum non que o texto e a ilustración xogan a complementarse de tal xeito que unha lectura sen imaxes nos evocaría unha historia diferente.



A man da artista logra expresión, significado, emocións. Non vos parece que ao mirar esta imaxe vemos a emoción da lectura, a felicidade da amizade compartíndoa?

22/12/07

Linguas cruzadas

Onte falabamos da nosa árbore que reza "Todas as linguas na nosa". A nosa lingua. Pero é nosa de verdade? Usámola ou deixamos que pereza? Falarán os futuros habitantes de Galiza de que "algún día existió un idioma llamado gallego"?. Nas nosas, mellor dito nas vosas, mans está.



Destacados

Segundo os criterios da revista "Ñ", publicouse unha lista coas reseñas dos libros máis destacados do 2007:

Novelas, contos e algo máis I
(poesía, crónica, infantís, investigación xornalística)

Novelas, contos e algo máis II
(filosofía, arte, ensaio, autoaxuda)

Novelas, contos e algo máis III
(historia, divulgación)

Novelas, contos e algo máis IV
(novela arxentina, novela estranxeira, best seller)

Novelas, contos e algo máis V
(biografías e testemuño, ensaio literario)

Vía BiblioTIcando

Bucar a felicidade

More é unha curta marabillosa sobre a procura da felicidade e a importancia dos soños e a creatividade.


Vía DigiZen

21/12/07

Todas as linguas... na NOSA

Unha árbore. Non unha árbore calquera, non. Unha árbore de libros en galego. Unha árbore que invita a ler en galego. Unha árbore que reflexiona sobre a lectura. Unha árbore que demostra que en galego se pode ler calquera lingua. Unha árbore moi lectora. Unha árbore autóctona.
De que estou a falar? Nada máis nin nada menos da árbore que "plantamos" coa esperanza de que agrome e de que a nosa lingua se faga máis forte; unha árbore con moitas pólas polas que a cultura pasea e esparexe o seu saber; unha árbore cuxas follas son letras impresas que voan cara a todas partes ou cara a ningunha; unha árbore do saber. Esta é a nosa árbore: unha árbore guiada pola estrela da lectura en galego. Con ela desexamos non "Bo Nadal" senón "Felices Lecturas", arroupados por un grupo de alumnado, 4º ESO-A, que le e disfruta, que colabora e ten iniciativas. Desde aquí, moitas grazas a eles e ao compañeiro Jesús, que desde o momento en que lle comentei a iniciativa, pensouna e mellorouna, axudou e non se lamentou, mantivo o sorriso e fixo as fotografías.
Espero que vos guste, porque a min, sinceramente, encántame.

20/12/07

Libros de plastilina

Vídeo de animación á lectura chamado "Libros de plastilina", gañador do Concurso Día do Libro en España (Madrid 2006): algúns libros famosos cobran vida.

Made in As Ferreiras: Séchu Sende

Pois si: hoxe visitounos Séchu Sende. Despois de recibir esta fin de semana o premio ao mellor libro do ano, libro que o noso alumnado de 1º de Bacharelato leu, hipnotizounos co seu humor e a súa mensaxe, e digo hipnotizounos porque iso foi o que fixo: adiviñar o pensamento dun alumno, Alex, e dunha alumna, Sara, ante o abraio do resto da clase. Foi unha charla amena na que todo o alumnado participou activamente, falando e debuxando.
O libro fálanos da lingua, da nosa actitude ante ela, ou ante elas -non esquezamos-, da disposición e a convicción, do humor, do conflito. Séchu propón cambiar a realidade desde a literatura e desde a súa propia vivencia, tal coma hoxe nos contou.
E se visitades o seu blogue, veredes como xa colgou as vosas bombonas tuneadas!!!

Imos ao cine? Pois claro!!!

Xornada esgotadora de fin de trimestre. Comida fraternal co alumnado de 4º ESO-A. E cine (a quen non quere caldo, sete cuncas). A peli que fomos ver hoxe, en galego como debe ser, "Donkey Xote". Nesta versión, o verdadeiro protagonista é Rucio, o burro de Sancho, que soña con se converter nun verdadeiro cabalo. Para logralo axudará a don Quixote, mozo atractivo e intelixente, inocente e soñador, quen é famoso debido a un tal Miguel de Cervantes. Por suposto, é o amor quen guía as aventuras, é dicir, a busca da amada Dulcinea, e para isto marchará a Barcelona, onde...
Xa me contaredes se vos gustou, porque pasar, pasástelo de marabilla: todo o cine era noso!!!




19/12/07

Atasco...

Xa facía tempo que non vos deixaba un deses xogos co cal rompernos os miolos durante un anaco de tempo. Este consiste en mover todos os coches ata poder sacar o teu marabilloso auto vermello do aparcadoiro. Empeza polos niveis doados que non é tan sinxelo...preme na imaxe!!!

Vía Nosolomates

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.