Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/04/22

Clonar a un hombre

25/04/22

Despois do diario de Anne Frank


Q
uen non coñece o Diario de Ana Frank?, un libro que segue a ser unha lectura actual para lembrarnos a historia real que pode volver a suceder. Agora temos da man da Faktoría K este volume, Despois do diario de Anne Frank, de Bas von Benda-Beckmann que pescuda o que lle ocorreu a todas a persoas que estaban agochadas nesa casa que permanece inmortalizada grazas á lectura e que é a máis visitada en Ámsterdam. Un destino absolutamente cruel onde un só logra sobrevivir: o pai da protagonisa, Otto Frank. Ao mesmo teño, unha panorámica dos xenocidios practicados pola poder nazi que remata na "solución final", palabras que non estremecen e que nos levan ata o terror máis absoluto e ata o temor de que algo así volva a suceder. Os campos de concentración, campos de exterminio, campos da humillación humana, permitiron aínda así que algunhas persoas sobreviviran, persoas que son testemuñas tantas veces da capacidade de resistir do ser humano. O libro ofrece a perspectiva da historia dende a moral que todo ser humano debe posuír e non ceder.

A edición enriquécese cun corpo de notas e  cun  corpus fotográfico e documental que resaltan a documentación do autor.

 

17/04/22

Unha cor propia

 


C
ada libro de Leo Lionni é unha celebración. Unha celebración de cor, de vida, de dozura, de sensibilidade. Desta volta Kalandraka tráenos Unha cor propia, unha fábula que nos lembra a importancia de ser un mesmo e de compartir os nosos sentimentos. O camaleón cambia de cor, como sabemos. Pero o noso protagonista non se sente moi de acordo con esta muda, por iso decide vivir nunha folla para ser sempre coma ela; pero co que non contaba é con que tamén a folla varía, e o animaliño tamén o fará canda ela: todo depende das estacións do ano. Cando coñece outro da súa mesma especie, xúntanse para viviren as emocións do cambio da cor ao mesmo tempo: cando se comparte, todo na vida sabe mellor, mesmo a muda da cor!




16/04/22

Rizos de Ouro e os tres osos

 


E
ncantoume esta proposta que nos convida a gozar a editorial Kalandraka dun clásico renovado grazas a Olivier Douzou, Rizos de Ouro e os tres osos. Un xeito de estimular a ollada sobre o álbum e unha invitación ao xogo, para que nenos e nenas se acostumen a observar tamén grazas ás ilustracións, o simbolismo e a abstracción; así, o 0 amarelo é Rizos de Ouro... e os outros números tamén son símbolos a descubrir. Ilustracións rompedoras creadas a partir da xeometría conseguen que este clásico da literatura infantil se convirta nunha aposta suxestiva que propón unha reflexión sobre a liberdade e a curiosidade.

15/04/22

Catro plumas de dinosauro


 Lévanos Rosa Aneiros de paseo pola Era Secundaria, cando os dinosauros eran -case- os únicos habitantes do planeta Terra no período do Cretáceo, hai 145 millóns de anos (nos mares había "ammonites"). Que paseo máis longo en tan pouco tempo! Porque o libro que nos trae Xerais con ilustracións de Xulia Pisón, é unha apaixoante aventura da man duns nenos e nenas que en principio ían realizar unha tranquila excursión de cole. Un divertido achádego para o lectorado ávido de saber máis sobre eses xigantescos seres que desapareceron por mor dun meteorito. Asemade, ademais de divertírmonos coa lectura, podemos aprender moito, non só nomes e costumes de dinosauros, senón que a autora nos agasalla unhas páxinas finais de información sobre o porqué de non atoparmos restos na Galiza e nos lembra que a investigadora Aurora Grandal analiz fósiles na nosa terra.

Catro plumas de dinosauro só erra nun detalle: nunca iría unha profesora soa con todo ese alumnado!!!

 

13/04/22

Flores de ferro


 M
aría Rei Vilas
obtivo o Premio García Baros 2020 con este Flores de ferro publicado por Galaxia. A verdade é que cheguei a este libro por recomendación expresa dun compañeiro e a pesar de que a miña recomendación non vai ser tan entusiasta, o libro déixase ler moi ben e xa teño a varias alumnas enganchadas, o que tamén é moito máis ca un bo síntoma. Moi destacable é o papel das variadas mulleres que poboan as páxinas do libro (de aí o seu título e a importante reivindicación social que aporta) así como a tensión narrativa que se vai desenvolvendo e que imos artellando a medida que avanzamos a lectura, con solucións nada presaxiables dende o principio. Porque devagariño imos chegando ao terror do golpe de estado franquista e a posterior represión, a maldade e a vinganza que reinou no noso país e as esperanzas derretidas ao longo dos anos. 

O pasado como solución aos problemas do presente, un pasado que se quixo ocultar pero que sempre sae á luz, ou que debe saír á luz para poder argallar o futuro.



05/04/22

Estima'm lliure - El rap de Sura

01/04/22

48 frases que los hombres escuchan a lo largo de su vida

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.