Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Letras Galegas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Letras Galegas. Amosar todas as publicacións

19/06/22

O cervo e a sombra


 N
on sei por que nin como, pero pasáraseme este libro de Diego Ameixeiras: nin me enteirei da súa publicación! Pero agora puiden susbsanar o erro e achegarme a O cervo e a sombra, publicado por Xerais. Un libro desacougante onde cada folla contén o seu propio gume, polo que debemos extremar as precaucións na lectura. Isto é polo ritmo que nos ofrece o seu autor, nun Ourense de hai dúas décadas, nunha atmosfera abafante cun protagonista que se move entre o pesimismo e a esperanza; e isto é así, porque o mundo non é branco nin negro, o mundo ten toda unha paleta de cores que queremos atrapar para refuxiarnos nalgunhas delas, mentres esa negrume pretende asolagarnos ou mentres a brancura afástase silandeiramente. O abismo está aí, agochado. Dependerá de nós abrirlle as portas? Existe o destino contra o que nada podemos facer? Por iso a novela convídanos a ollarnos e a ollar, a remexer esas cicatrices que procuramos non agromen con facilidade; o autor convídanos, outravez si, a sentírmonos nós tamén protagonistas atormentados. Violencia, amizade, amor, desexo, almas que viven nos nosos corpos lectores para tentar permanecer na memoria. Na colectiva e na familiar.

 

03/06/22

O que fica fóra


 Chegamos a este libro polo "aspecto", ou sexa, adquirímolo polo obxecto en si, porque é desas xoias bibliográficas que desexamos posuír. Logo, vén o demais. Claro, é de Manuel Rivas, que... xa sabedes (aquí en Lalín dise que "se é de Lalín é bo"; eu digo que "se é de Manolo Rivas é bo"). Despois está o feito de que estea publicado por Apiario, e as querencias son as querencias. 

Así pois, unha alfaia mirémola por onde a miremos. Logo vén o resto. A poesía

Unha poesía que chama por nós e o que temos arredor. O valor da natureza. O valor da linguaxe. O valor do que adoitamos esquecer. O valor do marxinal, do que queda fóra. O valor do que non está no noso centro.

Rivas apaña palabras, esas palabras que están manuscritas, que rexistran o vento e a natureza, que bailan na liña do horizonte, que escoitan o murmurio do mar, que buscan estrelas no firmamemnto, que procuran o silencio agochado entre as máscaras do medo. O que fica fóra agárdanos sen necesidade de chamar; non hai portas nin ventás con ferrollo: abrámolas sen medo e entremos. Sobre todo despois de ler o primeiro poema, un poema de compromiso que escrito por Rivas sabemos que é un compromiso real, ético, social e político


28/05/22

Os libros que hai en min

 


Cando lin Os libros que hai en min publicado por Cuarto de inverno, pensei se eu tamén podería facer un exercicio de reflexión parello ao que realizou Emma Pedreira. Porque na miña vida hai moitos libros tamén; se tento botar a vista atrás (un monte de anos, por outra parte), lembro sobre todo ao Capitán Trueno, que lin e relín mil veces, e os “Clásicos Ilustrados” cos que coñecín todos eses libros dos que falamos hoxe e o noso alumnado non coñece: As aventuras de Tom Sawyer, Hucklebery Finn, todas as obras de Julio Verne, Moby Dick, contos de Grimm... e un longo etcétera. Na páxina 23 deste libro, a nosa autora afirma que chegou tarde á lectura; eu, porén, cheguei moi, moi cedo. Quizais porque tiven a sorte de termos libros na casa xa que meu pai era un gran lector; quizais porque non había outra cousa que facer, literalmente. Pouco despois Emma tamén nos recorda as primeiras lecturas, libros que eu tamén lin na miña infancia, 13 anos antes: Los Hollister, Los Cinco, Los siete, pero quen roubou o meu corazón de verdade foi unha colección dunha nena danesa internada chamada “Puck”: aínda conservo toda a colección de libros que debín reler cando menos 5 veces cada un. Na páxina 37 lembra Emma o seu primeiro libro de poemas (grazas a unha enfermidade), que lle chegou de tal xeito que a converteu en poeta; eu, porén, non cheguei á poesía ata ben máis tarde.

Así pois, para as persoas que amamos a lectura, este libro é asemade un baúl dos tesouros, porque convídanos a realizar, a nós tamén, un exercicio de reflexión persoal.

Así que temos un libro de memoria, de memoria persoal e de memoria lectora, posto que as súas vivencias particulares (curmáns, avós, enfermidades, madureza...) vincúlanse aos libros que van marcando as diferentes etapas da súa vida. É por iso que estamos ante un libro vivo que foxe de academicismos e que pousa a súa particular ollada de xeito desenfadado nos libros que atopou ela ou que dalgún xeito repousaron no seu ollar para convertela nunha lectora voraz. Emma comparte unha das miñas obsesións, e agradézollo: falar de libros, recomendalos, compartilos.

A autora fai organizando un libro de memorias bibliográficas, xa que o seu propio eu, o eu da narradora, pero aquí tamén da autora, constrúese a partir das experiencias lectoras. De aí que o libro comece cunha ‘Declaración de intencións’ que nos dá o punto de inflexión e o matiz creativo de todo o texto: un texto que vai ser un tecido exquisitamente bordado por anécdotas, títulos, críticas, listaxes, datos, fragmentos... compoñendo así un tapiz no que perdernos se amamos ler. Curioso compartir como nun primeiro momento das nosas vidas só temos títulos en castelán escritos por homes; será a nosa propia madureza a que nos leve ao galego e ás mulleres. Na páxina 90 lembra a descuberta do racismo e a descuberta da violencia contra as mulleres aos seus trece anos: no meu caso este achado chegou moitísimo máis tarde, así como o meu particular  gusto por Chimamanda; pola contra, cheguei antes a Jean Austen.

Pero ao mesmo tempo o seu libro fala tamén da súa relación coa escrita, intimamente ligada á lectura.

Outro aspecto suxestivo é o carácter colectivo que a autora logra imprimir neste libro; xa o dixen: o primeiro é repensar a nosa propia historia lectora. Pero é que a autora diríxese constantemente a nós, lectorado que estamos do outro lado do libro, fainos preguntas, convídanos a participar, mesmo realiza un xogo como o de “Rayuela” para non lermos o libro de xeito tradicional. Isto é a outra esencia literaria: a intertextualidade como diálogo. Moitas veces asistimos ao debate de “se a lectura nos fai mellores persoas” (e temo que a resposta é non, visto o lector que foron personaxes como Hitler) pero a literatura si é quen de asumir certas capacidades (cando menos, eu como profa de literatura así o considero), como por exemplo a capacidade de reflexión e a capacidade de creación, non só persoal senón tamén comunitaria. De feito, este libro é un deses espazos común que podemos compartir.

Compartir lectura, libros, é para min unha parte esencial da miña vida; non comprendería vivila doutro xeito: a paixón rebélase en min cando falo de libros, cando o meu alumnado me pide que lle recomende lecturas. Sei que un libro me gusta cando os seus personaxes entran nos meus soños. Nese momento, sei que ese libro apoderouse de min, e iso compráceme enormemente; ben é certo que non todos os personaxes son quen de coarse nos meus soños, o que non implica que esoutros libros non me gusten; pero o feito de me acompañaren fan que sexan dobremente especiais para min. Porque o acto de ler é un acto de dominar a soidade, de dominar, ás veces, a tristura que nos asolaga; é unha maneira de saber que estamos no mundo para algo. As palabras son compañía necesaria. Non son unha relixión, aínda que ás veces poida semellarse; os libros repousan nos seus andeis, aínda que ás veces, non nos deixan camiñar libremente, tanto espazo ocupan nas nosas casas e por tanto nas nosas vidas.

Non podo rematar estas poucas liñas sen falar de algo que ela tamén menciona na páxina 97: acumular libros que nunca leremos. Non sabe ela o acertada que estivo comigo e as miñas propias particularidades ao mencionar unha palabra en xaponés: ‘tsundoku”; a miña casa está chea de libros que sei que non poderei ler nunca, aínda que admito que desexo a miña xubilación para tentar solucionar algunhas destas carencias. Eu si lin a Pennac a mantenta e dígovos que tedes todo o dereito de deixar os libros a medio ler se non vos gustan, entre outros dereitos dos que gozamos como lectoras.

Por outra parte, adoro os álbums ilustrados e os pop-up, como tamén os “libros raros”. Así que está visto que sen nos coñecer, temos moito en común Emma e mais eu.

22/05/22

Todos fomos

 


Despois de Todos somos, volve Marcos Calveiro cunha segunda parte en Todos fomos, publicada por Xerais. A acción comeza cado unha rapaza desaparecida hai seis anos aparece espida e viva. Dende aí, temos as dúas protagonistas: a inspectora con conciencia que sabe que hai seis anos fallou e agora ten a oportunidade de se redimir, pechando axeitadamente o caso, e a xornalista sensacionalista sen escrúpulos que fai o que sexa por manter os índice de audiencia. Se o punto de partida de ambas é difernete, o obxectivo final que as move é oposto. O reloxo comeza a correr. O tempo é o verdadeiro protagonista do caso. Ao mesmo tempo, unha análise sociolóxica lémbranos o tipo de sociedade no que vivimos, que pode chegar a ser inconscientemente baleira e paradoxicamente cruel. Este xeito de movernos mantennos pegadxs ás súas páxinas sen repouso.


01/05/22

O neno de lume


C
avilo moitas veces a sorte que ten a rapazada actual de ler tantos e variados libros marabillosos na nosa lingua, algo impensable nas miñas épocas, cando apenas tiñamos acceso a algúns cómics e "clásicos juveniles" que devorabamos avidamente. Arestora, autoras como Ledicia Costas agasallan lecturas coma esta, O neno de lume, con sabor clásico, para relambernos coas súas historias. Premio Merlín de Literatura infantil 2021, con ilustracións de Iván  R. e publicado por Xerais, saboreamos humor, retranca, personaxes inesquecibles, conflitos, espazos míticos, agarimo pola ciencia e a tecnoloxía... nun menú degustación que queremos que dure. Seres míticos e seres reais conviven nun mesmo mundo, porque aí está a maxia da literatura, para explicar a través da fantasía o funcionamento do tempo atmosférico (a razón dos ventos, da néboa, do sol e da choiva) mentres namoramos dese lugar que acolle un neno que coma calquera outro pode ser vítima de bullying ou pode gozar da amizade ou do amor.


15/04/22

Catro plumas de dinosauro


 Lévanos Rosa Aneiros de paseo pola Era Secundaria, cando os dinosauros eran -case- os únicos habitantes do planeta Terra no período do Cretáceo, hai 145 millóns de anos (nos mares había "ammonites"). Que paseo máis longo en tan pouco tempo! Porque o libro que nos trae Xerais con ilustracións de Xulia Pisón, é unha apaixoante aventura da man duns nenos e nenas que en principio ían realizar unha tranquila excursión de cole. Un divertido achádego para o lectorado ávido de saber máis sobre eses xigantescos seres que desapareceron por mor dun meteorito. Asemade, ademais de divertírmonos coa lectura, podemos aprender moito, non só nomes e costumes de dinosauros, senón que a autora nos agasalla unhas páxinas finais de información sobre o porqué de non atoparmos restos na Galiza e nos lembra que a investigadora Aurora Grandal analiz fósiles na nosa terra.

Catro plumas de dinosauro só erra nun detalle: nunca iría unha profesora soa con todo ese alumnado!!!

 

13/04/22

Flores de ferro


 M
aría Rei Vilas
obtivo o Premio García Baros 2020 con este Flores de ferro publicado por Galaxia. A verdade é que cheguei a este libro por recomendación expresa dun compañeiro e a pesar de que a miña recomendación non vai ser tan entusiasta, o libro déixase ler moi ben e xa teño a varias alumnas enganchadas, o que tamén é moito máis ca un bo síntoma. Moi destacable é o papel das variadas mulleres que poboan as páxinas do libro (de aí o seu título e a importante reivindicación social que aporta) así como a tensión narrativa que se vai desenvolvendo e que imos artellando a medida que avanzamos a lectura, con solucións nada presaxiables dende o principio. Porque devagariño imos chegando ao terror do golpe de estado franquista e a posterior represión, a maldade e a vinganza que reinou no noso país e as esperanzas derretidas ao longo dos anos. 

O pasado como solución aos problemas do presente, un pasado que se quixo ocultar pero que sempre sae á luz, ou que debe saír á luz para poder argallar o futuro.



28/02/22

Golpes de luz

 


V
olve Ledicia Costas cunha novela para adultxs e, novamente, non decepciona. Publicada en Xerais, co título Golpes de luz, podemos ler a vida de tres xeracións que viven baixo un segredo e que teñen como tea de fondo o narcotráfico galego pero tamén a violencia de xénero e o mundo dos anciáns. Tres xeracións e tres voces narrativas para ir revelando pouco a pouco a traxedia do ser humano, as luces e sombras dunha vida que merece ser contada. Porque toda vida agocha segredos, quizais non tan grandes como os da nosa vella protagonista, pero estes moitas veces golpean o presente deixándoo demudado; e este que se vive, con agonía e con humor, como demosta Ledicia, ás veces é pouco previsible e outras é un xogo de equilibrio. O narcotráfico deixou un ronsel de precariedades, de hostilidades, de xogos suxos, de vinganzas e de temores; deixou, sobre todo, vítimas, e algunhas destas vítimas serán as que nos leven polo relato. Un relato no que agroma a esperanza, a luz, porque a pesar da dor, o amor que nos permite a vida é o camiño máis espléndido a seguir.

Unhas páxinas para pasear pola soidade, pola loucura, pola impotencia, polo enigma; unha ponte que atravesa xeracións e constrúe un mundo mitolóxico que foxe da violencia a todos os niveis: bullying, violencia de xénero, violencia nas rúas...


26/02/22

Eternity


 T
iña moita curiosidade polo regreso de Xosé Monteagudo, autor da que para min é unha das mellores obras narrativas dos últimos tempos da narrativa galega: Todo canto fomos. Agora chego a Eternity, publicado pola editorial Galaxia e merecente do Premio Narrativa Breve Repsol 2021. 

Monteagudo ten oficio e nótase. Vese na narración que lemos, cun texto ben elaborado. E gustoume a proposta que nos achega neste libro: un lugar en internet que preserve a memoria dxs falecidxs, un cemiterio virtual. Unha idea, por outra parte, ben interesante que nos fai reflexionar sobre a trascendencia do ser humano. Pero o autor, asemade, desenvolve ao mesmo tempo outro fío argumental que nos lembra que ás veces descoñecemos as persoas máis próximas. Ao mesmo tempo, e aínda sendo unha novela curta, hai reflexión ben interesantes sobre o acto da escrita ou da calidade literaria, e mesmo sobre a procura de traballo da xente nova na nosa sociedade.

Unha proposta literaria que non defrauda.




19/02/22

Virtudes (e misterios)

 
G
ustoume a proposta que nos fai Xesús Fraga no seu Virtudes (e misterios) publicada por Galaxia, obra que recibiu o Premio Nacional de Narrativa neste ano 2021 e que asemade xa recibira o Premio de Novela Blanco Amor 2019: un libro que combina xéneros como a novela, a crónica e o diario, e que consegue ofrecer unha visión máis da emigración que emociona e conmociona, pois o sentido do humor que amosa é parte importante da trama, unha vida -varias vidas- reais que nos lembran a tantas persoas coñecidas que tamén viviron situacións semellantes. 

Comentábame un compañeiro que leu o libro canda min que el non se sentía identificado con esta emigración, que o seu punto de vista como fillo de emigrantes é moi diferente. Coido eu que non tentaba o autor con este libro escribir un libro universal sobre a emigración, posto que o relato da emigración é múltiple e hai moitas e diferentes vivencias, senón que realiza unha estupenda homenaxe á súa familia e a unha avoa imparable que si pode ser espello doutras mulleres inquebrantables que viviron a emigración. Dende aí e dende aquí, un libro que nos axuda a falar deste drama universal e galego, que explica moita idiosincrasia familiar da nosa terra e que ademais está ben contado e ben escrito e que resulta unha boa proposta para achegarnos a unha familia que podería ser moitas.


15/11/21

Animalia 3. Azul


 L
ogo das dúas primeiras entregas deste cómic, temos arestora un terceiro, Animalia 3. Azul,  que nos leva ata os océanos para ver as peripecias de peixes e animais que viven no mar, xunto co perigo dos seres humanos e o lixo que alí bota. Xosé Tomás segue a liña anterior para denuciar, a través do humor, a situación que se vive no mar e tamén para contarnos algunhas das circunstancias que estes animais viven. Un cómic moi recomendable para o lectorado máis novo que cumpre unha función especial: encher o gran oco que existía neste xénero en galego como lectura para a infancia. Divertido, irónico e transmisor cultural, unha oferta para non perder.

Publica Xeraishttps://www.xerais.gal/libro.php?id=6485308.

11/10/21

A cidade do átomo

 


S
orprendeume a lectura do novo libro de Iria Misa e a súa Cidade do átomo, publicada por Xerais, IV Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2021 con ilustracións de Sonia García. Aínda que a protanista é unha rapaza, creo que a verdadeira protagonista é a Soidade, xa que a nena desexa e busca a amizade por riba de todo, unha nena que vive soa, entre as ruínas, e que persegue sobre todo atopar un acubillo que a defenda desa soidade inmensa que a envolve nunha cidade decrépita. Á marxe disto, chama a atención a coidada documentación que a autora realizou para esta escrita: temos unhas coordenadas espazo-temporais precisas que nos levan moi lonxe, a Pripiat, un lugar a carón de Chernobil que quedou devastado e que é un elemento importantísimo no libro, así como o seu folclore e tradicións. 

O libro acompáñase de extras e códigos QR que son elementos enriquecedores para que o lectorado máis novo acuda a unha información disponible na rede.






30/09/21

A cámara escura

 


J.
L. Baños de Cos
é o autor da obra de teatro A cámara escura publicada por Galaxia. Unha obra dirixida á xente nova cunha linguaxe moi próxima e utilizada por esta, incluíndo palabras que a mocidade utiliza constantemente como crush, best friend forever, influencer, superlike… . Lemos un texto áxil e rápido como as mensaxes que enviamos por WhatsApp. Quince escenas compoñen o drama de Alicia nun ritmo frenético onde o móbil é o gran protagonista. Xunto a este permanece o "Coro", personaxe colectivo que se manifesta nas redes sociais, dende o Instagram inicial ao WhatsApp final. Este personaxe colectivo xulga pero non aporta, e mesmo desaparece.

Alicia, a protagonista, comparte unha foto co seu crush, sentiuse obrigada a facelo. A presión social pode ser moi forte. Hai que ser aceptada polo grupo. Tal como Alicia no país das marabillas, esta Alicia, entra no tobo -móbil- do coello e xa non hai escapatoria. Entra no móbil, no grupo, e xa deixa de ser ela, xa é de todos, dese Coro que se cre co dereito de xulgar. Un tobo que é unha cámara escura da que é difícil saír e  illa ao mesmo tempo que expón.  Unha Alicia que se duplica, que se observa a si mesma a través dun espello no que non se recoñece, que a mantén atrapada sen poder comunicarse nin con súa nai, tan próxima e tan afastada.



28/09/21

Distancias

 


Tamara Andrés e Marcos Viso asinan Distancias, álbum poético publicado por Galaxia. Un libro onde poesía e ilustración  camiñan da man, interrelacionándose entre si de xeito que a mensaxe nace da interconexión da arte poética e a iconografía visual. O libro é unha gozada, un xogo literario que nos leva da ilustración á palabra e viceversa. De lectura lenta e goce inmenso, podemos e debemos mergullarnos lentamente, deleitándonos con cada páxina, comezando no punto que nós queiramos. Illemos a tristura e deixémonos levar perdéndonos no noss interior para enfrontar preguntas labirínticas que nos arrastran por diferentes camiños.




26/09/21

Douche a miña palabra


 A
sensibilidade especial de Fran Alonso tiña que ser quen nos explicara de xeito tan claro e contundente a importancia da palabra, da lectura, da escritura... un ensaio para un público non acostumado a ler este tipo de libros pero que entenderá perfectamente pola linguaxe e o ton utilizados.  Publica Xerais Douche a miña palabra con ilustracións de Bea Gregores, un texto que coido debe lerse en cursos como 1º de ESO como axuda para fomentar a lectura, non de calquera xeito, senón con fundamentos tales como o poder que nos dá a palabra e o seu uso.

Asemade, o libro presenta a autores e autora como seres humanos, coma nós, que se equivocan e deben volver comezar, que pescudan unha e outra vez para atopar as palabras correctas e que, sobre todo, son obreirxs da palabra.

Ogallá que a rapazada sinta que grazas a este libro hai un mundo de letras agardando. Un libro con "superpoderes" garante que sexa un libro de referencia para o profesorado que ama a lectura e pretende que o alumnado sinta o mesmo. Un libro onde as reflexións dun escritor convencen porque nacen da emoción do seu traballo coa sinceridade máis absoluta.

A poesía é coma A illa do tesouro, algo moi misterioso; unha aventura. Está chea de mapas do tesouro que forman as palabras. Así que o que temos que facer cando lemos é tratar de reunir as pistas para dar co tesouro. Pero... sabes o que che digo? Que o importante é que as palabras nos digan algo. Que nos emocionen, que nos impacten, que nos violenten ou desagraden, que nos fagan sentir algo... Esa é a maxia da poesía.

23/09/21

A vida secreta de Úrsula Bas


 L
ese de seguido a nova novela de Arantza Portabales publicada por Galaxia: A vida secreta de Úrsula Bas. Un novo caso para os policías Santi Abad e Ana Barroso, unha intriga de ciumes e vinganzas, onde os protagonistas viven un proceso de reconstrución das súas propias vidas ao mesmo tempo que deben resolver un cado de desaparición. A carón desta investigación tamén hai, como non, crítica social tentando amosarnos como as persoas somos  diferentes ao que parecemos realizando unha caracterización dos personaxes bastante profusa, incidindo en como os sentimentos dominan tantas veces os nosos actos, facendo que estes parezan irracionais. Aínda así, esta caracterización psicolóxica non chega a ter a fondura apetecible para este tipo de novelas. 

Recoñezo que eu, como lectora ávida de novela negra, síntome un pouco decepcionada con este libro que, se ben recomendo a aquelas persoas ás que lles apeteza ler un libro entretido, non indicaría para un experto lector ou lectora deste tipo de novelas.


24/08/21

Superavoa

 


David Rodríguez
tráenos un recoñecementos ás avoas, esas que nos fan sentir mellor e que nos coidan cando somos crianzas, un libro que está orientada a primeiras e primeiros lectores: Superavoa, publicada por Xerais, conta con ilustracións e letra doada para implicar ao lectorado máis novos nesa complicidade disposta á tenrura que sentimos polas avoas.

05/06/21

Sibila

 

Cando souben que Rosa Aneiros publicaba novela, sentín unha ledicia enorme. O seu nome é sinónimo de calidade, e fun veloz a buscala. Logo, unha vez comezada, sentinme confusa, non entraba na historia e iso desanimoume... un chisco. Pero estaba tan ben escrita que tiña que seguir. Despacio, porque ultimamente as miñas lecturas son así, lentas, pero imparable. Houben mergullarme nunha illa que me desconcertaba, aínda máis os seus habitantes, aínda máis a súa protagonista. E con ese nome imaxinaba que algo había detrás, con dobres intencións, porque o nome non podía ser máis ca froito dun coidadoso estudo da nosa prezada autora. Sabendo que o nome da protagonista alude a unha muller de poderes proféticos, que significaba o que estaba a acontecer na lectura? Unha lectura chea de saltos temporais, de temas diferentes, de expresións riquísimas, mesmo dunha distopía abrumadora... As persoas que habitan na illa teñen as súas historias, pero os lugares tamén, e son nomeados, porque o que non se nomea non existe, e Rosa Aneiros insiste: Con de Armeria, Baixío de Suantes, Pena de Ouro, Rañosa Vella, Outeiro de Liáns, Laxe do Abeirado, Congostra do Alemán, Campa de Hilario, Fonte do Setestrelo, Castelo da Herba, Aguillóns de Mar de Fóra, Coído de Inverno, Pozas da Lomba, Areal do Cubelo... microtopónimos con nome propio, algo que non ten a propia illa. Unha illa que nos illa e que produce illamento, un xogo de palabras necesario que nos trae consigo, asemade, denuncia social e unha reflexión rotunda sobre a maternidade, pero tamén sobre a veciñanza e o amor, de todas as clases. Lede Sibila, publicada por Xerais.


18/05/21

Nus


 S
orprendeume Manuel Gago con este libro, xa que agardaba algo ben diferente. Aínda así, debo dicir que Nus, publicado por Xerais, é unha lectura amena que fai uso da ironía, da retranca e do humor para pasearnos pola Galicia da chegada da democracia e por un acontecemento verdadeiro e abraiante: a reivindicación nudista galega de 1983. Dende este feito, o autor aborda como é a burguesía (unhas poucas familias de sempre: trescentas) quen colle a dirección do noso país coa chegada da democracia a o nacemento das institucións autonómicas. E farano sen interese ningún pola Autoonomía, senón polo control perpetuo e histórico que mantiveron e seguirán -ou deben seguir- mantendo. Esta é a parte que ofrece a crítica social (adobiada asemade coa necesaria referencia á cultura do pelotazo urbanístico que encheu de cemento as nosas costas), xa que a partir do personaxe principal, collendo como base aqueles actos reivindicativos do nudismo, o protagonista burgués recréanos as súas peripecias amatorias e sexuais dos seus anos mozos: claro que o paso desa mocidade radical á un estadío burgués é o esperado. 

Odiamos un pouco a Toño Figueroa (pouco porque así o quere o autor, xa que crea certa complicidade con este individuo), un home que pertence a unha saga poderosa do país, e sábeo. O seu mundo non é o noso, e as súas memorias non as compartimos. Ofrécenos de cando en vez unha loita moral que semella por veces achegada ao mundo real, ao que pertencemos a maior parte da poboación, e outras unha ética propia do seu mundo aristocrático. El, un máis, será unha persoa sen ningún tipo de problemas económicos, por máis que ás veces poida sufrir por un engano familiar que, creo eu, tampouco lle quita demasiado o soño. Un home que desenvolve a masculinidade tradicional sen ningún tipo de dúbida porque é herdeiro de toda a súa parte social.



17/05/21

Xela quixo ser Ela

 


Cada ano polo Día das Letras temos unha morea de libros que nos falan do autor ou da autora homenaxeada nas Letras. Hoxe quérovos recomendar esta pequena alfaia de Yolanda Castaño, dirixida a que a infancia e adolescencia coñeza a Xela Arias. Coido que non é tarefa doada, pero a autora logra achegarse a esta franxa de idade con precisión, afondando nunha figura tan esencial como é Xela Arias, presentándoa dende a súa propia nenez como ávida lectora e inconformista, como unha muller libre que quixo ser ela, como di o propio título. Abofé que ambas o conseguen.
 
 
E quen mellor para falar do libro que a súa propia autora?

Xela quixo ser Ela está publicado por Xerais.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.