Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Corimbo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Corimbo. Amosar todas as publicacións

08/05/17

¿Entonces?

Kitty Crowther propón en ¿Entonces?, publicado por Corimbo un xogo divertido onde os xoguetes agardan o momento de ir para a cama co seu neno dono. Cada páxina supón a presentación dun deles, esperando a ver se chega dunha vez ese momento. Unha proposta sinxela que encantará ao lectorado pequerrecho.

03/04/17

Romeo y Julieta

Non, non veño falar do clásico Romeo y Julieta, senón que este é un álbum ilustrado publicado por Corimbo e escrito e ilustrado por Mario Ramos. Claro, con este título xa sabemos o que agardamos nas súas páxinas. Pero o que atopamos é unha divertida historia para que a rapazallada máis nova se divirta cun elefante moi, moi tímido que arroiba por nada e que non sabe onde meterse para que non se metan con el. O resto, e con esta portada, podedes imaxinalo...

16/01/17

Última parada de la calle Market






 Con texto de Matt de la Peña e ilustracións de Christian Robinson, Última parada de la calle Market está publicado na edidtorial Corimbo, traendo unha reflexión sobre a importancia daquilo que temos preto e que non queremos e mesmo nin respectamos. Así, a avoa protagonista explica ao seu neto que todo ten valor, tanto dá que sexa cotián como incrible. E o neno irá aprendendo unha doce lección de vida, cun final que nos explicará asemade a importancia da solidariedade.

29/10/16

La puerta


Michel Van Zeveren é o autor de La puerta publicado pola editorial Corimbo. Un pequeno álbum divertídisimo sobre a necesidade de gozar dun espazo propio, dunha intimidade que en determinados momentos cada persoa necesita. Porque estar só consigo mesmo é necesario. E porque o respecto a esa intimidade persoal, esa necesidade inherente ao ser humano é algo que debemos, quizais, aprender, é necesario este fermoso e divertido libro que tamén fala da importancia de comunicar os nosos sentimentos.




08/11/15

La Calle Mayor

A editorial Corimbo publica La Calle Mayor de Alice Melvin, un libro con páxinas despregables que convidan a quen as mire procurar aquilo que a protagonista necesita. O texto é rimado e axuda a convocar nas nosas mentes un paseo de tendas que gardamos nas nosas memorias con nostalxia. Todo isto cal casa de monecas en miniatura. Transmite ante todo ledicia por descubrir aquilo que permaneces agochado.

26/10/15

El príncipe tigre


Este é un álbum moi especial xa que a lenda que nos conta El príncipe tigre está inspirada nun bronce da dinastía Shang, do século X s.C., narrando un conto que vén da comuñón entre animais e homes, entre sufrimentos de nais ante a perda dos seus fillos, sexa humana ou non. O que máis chama a atención deste álbum de gran formato publicado pola editorial Corimbo son as súas ilustracións, que nos van contando a historia con habilidade: ton suaves feitos con tinta que nos levan da man ao bosque, que nos permite escoitar os berros de dor e mesmo a voz da tigresa protagonista do relato. Un libro que envolve a lectura, que abarca o noso campo visual e que se fai dono do noso tempo. As ilustracións xogan co gran formato en páxina completa simultaneándose con pequenas escenas case de cómic e que explica moito máis do que o fai o texto de Chen Jiang Hong.



16/03/15

Herman y Rosie

En Corimbo poderedes atopar un dos mellores álbums ilustrados que lin ultimamente, este Herman y Rosie de Gus Gordon. O primeiro que chama a atención é a portada, cun disco de vinilo. Logo, abrimos o libro. Ilustracións que combinan cor e baleiro segundo o pesimismo ou o optimismo dos protagonistas. Despois, a soidade. O anonimato das rúas das cidades, dos edificios de veciños que non se ven, do traballo que enche as horas, da monotonía exitencial salferida por momentos de felicidade... De fondo, a paixón pola música. E será esta quen salve aos nosos protagonistas do fastío, do desamor, da case invencilble desharmonía do barullo anónimo das nosas sociedades. Necesitamos a outras persoas, pero tamén nos necesitamos a nós mesmos, debemos conseguir loitar polos nosos soños, non debemos permitir que o desánimo se apodere de nós. 
Envolvendo todo isto, o jazz.


20/01/15

Luna y la habitación azul

Coa dozura que caracteriza á  editorial Corimbo, chega este álbum de Magdalena Guirao Jullien e Christine Davenier, Luna y la habitación azul. Unha nena, Luna, soñadora, tranquila, que ama un mundo de seu cheo de imaxinación. E nese mundo xoga un papel importante un lugar, azul, onde se mergulla nun escenario que nos transporta a románticas paisaxes inglesas. As ilustracións aquí cobran un especial protagonismo para contrastar o azul das paredes co pantalón vermello e o xersei verde da protagonista e o cadeliño tamén vermello, sempre acompañados dun lapis vermellos que dota de movemento e luz aos soños. Con esa liña vermella seremos quen de saltar, correr, xogar. Todo isto dotado dunha elegancia especial.



15/01/15

Abrazos para ti

Un libro ideal para os máis pequerrechos que fala da necesidade das apertas e dos mimos. Os autores son Phills Gershator e Mim Green mentres que o ilustrador é David Walker: Abrazos para ti está publicado pola editorial Corimbo. Un álbum doce tanto polo texto, un conto rimado doado de lembrar grazas aos finais de frase e á súa clara mensaxe -a necesidade das apertas en calquera ocasión e con calquera pretexto- e cunhas ilustracións lenes, claras, en tons pastel, que veñen a reforzar a mornura do texto e o afecto que todo el transmite.


09/01/15

Había una vez un recuerdo

Coa sensibilidade que acostuma amosar nas súas edicións a editorial Corimbo, este álbum de Nina Laden e Renata Liwska, Había una vez un recuerdo é un texto lírico que contén unha viaxe fantástica mesturada coa sorpresa do real. Que foi antes e que vén despois. Así sucedénse as páxinas ata rematar coa pregunta do rapaza: " e ti, que vas lembrar?". As ilustracións son doces e deliciosas, tal como lle cómpren a este texto.
O mar foi primeiro unha gota... e quen o lembra?



14/10/14

Cuando ruge el león

Cuando ruge el león de Robie H. Harris e ilustrado por Chris Raschka está publicado por Corimbo e foi dúas veces gañador da Medalla Caldecott. Un álbum infantil sobre os medos e a súa superación. Como facer para que tanto ruído non nos espante? Neste libro teremos a solución. Porque o medo, e a loita contra el, forma parte de todos e todas nós. E o mundo que nos rodea é, desde logo, máis que inestable e medoñento.
Fixádevos nas ilustracións, que diferentes son! Son debuxos de acuarela!


08/10/14

Sofía, la vaca que amaba la música

Precioso álbum de Geoffroy de Pennart publicado por Corimbo: Sofía, la vaca que amaba la música é un libro sobre a tolerancia, ademais doutros temas importantes como a superación ou o esforzo. Sofía, a vaca, tan só quere ser feliz tocando pero os prexuízos non llo permiten, ata que decide tomar a iniciativa. As ilustracións son moi descritivas, tipo cómic.



29/03/14

La filarmónica se viste

 
Curioso álbum que publica Corimbo de Karla Kuskin e Marc Simont: La filarmónica se viste foi considerado un dos mellores álbums do 2013 pola súa orixinalidade: nel veremos como se preparan todos os músicos dunha filharmónica antes de acudir ao concerto nas súas casas e xa logo no propio lugar. Xente unida pola música e que o resto do día se afasta, persoas cotiás con algo en común. E ese algo dálle sentido ao álbum: as persoas, os instrumentos, as notas... todo cobra sentido para orquestrarse conxuntamente e crear unha música que asolaga os nosos sentidos. As ilustracións son unha gozada.


06/01/14

El Sr. Conejo y el regalo perfecto

Se algo me chamou a atención cando vin este álbum e polo que non dubidei en mercalo foi o nome do ilustrador: Maurice Sendak. Con texto de Charlotte Zolotow, El Sr. Conejo y el regalo perfecto está publicado por Corimbo e foi publicado no ano 62 por vez primeira. Tenro e sensible, resulta ser un álbum ben especial onde o ilustrador Sendak transmite sobre todo delicadeza e complicidade entre o coello e a nena. Vaia, que acertei de pleno!
O álbum recibiu o premio Caldecott de Honor de la Notable Children’s book International.


 

28/08/13

Arándanos para Sal

Corimbo_ISBN_978-84-8470-366-2
Publica a editorial Corimbo este clásico de Robert McCloskey Arándanos para Sal: unha historia cotiá, tenra, con humor e ata un chisco de suspense. Un álbum premiado hai décadas con grandes debuxos en branco e negro que chaman a atención tan pronto abrimos o álbum, cheas de detalles e de vida, que van explicando o texto e engadindo paisaxe e expresividade. Por suposto, en canto ao texto, chama a atención a simpatía co que o lemos, esas similutes que a autor nos presenta entre unha nai e unha filla sexa huamana ou non, pois os comportamentos son similares.




arandanos



.
arándanos



978-84-8470-366-2i2

04/08/13

Fede Diferente

Da editorial Corimbo chéganos este pequeno e alongado álbum ilustrado de Miriam Koch: Fede Diferente, un año ao que lle fan o baleiro por ser diferente. Pero... ten que ser así? Tenrura en estado puro. Fermosa historia sobre a tolerancia

13/12/12

Vaya Rabieta

Mireille d'Allancé é a autora deste libriño publicado por Corimbo: Vaya Rabieta é un álbum para falar do dominio dos sentimentos e para que os máis pequenos comprendan que é necesario controlar os propios impulsos.

01/08/12

Nublado con probabilidades de albóndigas

A editorial Corimbo tráenos este orixinal álbum escrito en 1978 por Judy Barrett e ilustrado por Ron Barrett: Nublado con probabilidades de albóndigas resulta un libro imprescindible nunha biblioteca que ame este tipo de libros. Tanto a historia en si (xa me gustaría que fose real que do ceo caese comida para non ter que cociñar!) como as ilustracións son unha auténtica marabilla atemporal: detalles por todas partes que non podemos perder, un estilo comiqueiro que non vos deixará indiferentes.
No ano 2009, es estudos  Dreamworks e os directores Philip Lord e Chris Miller adaptaron o conto para facer “Cloudy with a chance of meatballs”: "Lluvia de albóndigas"; un guión que se afasta moitísimo do orixinal.
Coma sempre: quedádevos co libro!

27/06/10

Catálogo de padres

Catálogo de padres para niños que deseen cambiarlos é un gran libro divertidísimo escrito e ilustrado por Claude Ponti publicado na editorial Corimbo. Un catálogo da colección outono/inverno/primavera/verán que garante a entrega en corenta e oito horas, enxeñoso e irónico. Entre todo este abano de posibilidades malo será que non atopedes uns pais ao voso gusto! Como en todo catálogo, hai unha descrición de cada un, con ilustracións, que falan das moitas cualidades e os poucos defectos que teñen cada parella da colección.
Os personaxes son animais moi humanos, de aparencia cariñosa e riquiña, por moi feos que poidan parecer.
Enchede o formulario, enviádelo, e ao cabo de dous días faise a entrega. Así de doado!
Tamén teñen accesorios, e mesmo respostas ás preguntas máis frecuentes que plantexan os usuarios.
Humor e ironía para todas as idades. Coidado! Quizais algún fillo ou filla queira realmente facer o cambio...



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.