Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta DeBolsillo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta DeBolsillo. Amosar todas as publicacións

09/09/09

El Ocho

A miña querida alumna lectora Susana Cumbraos apórtanos novamente un comentario sobre unha das súas lecturas deste verán: El Ocho de Katherine Neville. Grazas, Susana. Segue así!


Se teño que clasificar esta novela fareino entre aquelas que me deixaron entre dúas bandas.
Por unha temos a posibilidade de que é un bo libro no cal te mantés vivo mentres que les as súas páxinas e desexas devoralas moi rápido para descubrir o final.
Pero pola outra é un libro que non che aporta nada. Que o único que fai é entreter. Que non ten substancia.

Cal é a razón?:
Cando leo un libro disfruto facéndoo, ata aqueles que son obrigatorios. Pero teñen que cumprir un requisito: aportarme algo. Algo que me faga vibrar. E sentíndoo moito este libro non o coseguiu.
O modo no que está narrado gustoume moito... posto que nos trasladaba dende un mundo actual ata a mesmísima Revolución Francesa. Facíanos ver o distinto punto de vista das persoas que viviron en xeracións ben diferentes pero todos entrelazados por un mesmo enigma.
Pero por outra parte penso que isto o que fixo foi que a autora se perdese un pouco ela mesma do miolo da historia, porque, na miña opinión, hai veces nas cales os personaxes non se comportan de acordo coa súa personalidade. O que para min representa un erro imperdoable.
Por outro lado hai que dicir que o feito no cal se involucrou a Historia é moi sofisticada. O modo no cal representa a Napoleón, a Catalina a Grande ou mesmo a científicos sobresaíntes como Newton ou Euler é impresionante.
Por último, creo que o peor da historia narrada é sen dúbida o final, xa que a autora intenta facelo chegar moi rapidamente. Cando ao resto da historia lle concedeu un tempo luxoso. Un final no cal se deixa un pouco en vilo o que poderá ou non poderá pasar.

Pero en fin, que é a miña opinión comparada con aquela de todas esas persoas (miles de persoas) que leron este libro e quedaron seducidos pola historia do xedrez de Montlagne!?

21/05/09

El maldito


A miña última lectura de banda deseñada foi esta: El maldito. Tres días muerto, de Cullen Bunn e Brian Hurtt. Un argumento non moi do meu gusto, pero recoñezo nel un trazo impecable: os escuros anos 20, coa lei seca e os gánsters, pero engadindo os demos. E que demos! O protagonista, Eddie, comeza baixo terra (si, entendedes ben: morto), pero a súa maldición permítelle volver á vida pasando as súas feridas a outra persoa. E como boa novela negra, o protagonista é un perdedor, pero, iso si, un perdedor valente. O que fai diferente ao cómic é que os capos sexan demos que comercian con almas; e non falo metaforicamente, é tal cal.
Os debuxos en branco e negro imprimen máis carácter a esta trama xa de por si, violenta. Creo que son moi bos, desde logo, con ese toque tan diferente que ten esta novela gráfica. Por iso vos digo: se buscades novela negra, non vos vai defraudar; se buscades mundos sobrenaturais, tampouco. Agora pensade que este cómic ten ambas cousas. E ben adaptadas graficamente.



26/03/09

Pastoral americana


Philip Roth é un dos meus autores preferidos. Supoño que é un autor máis que debo a un dos meus mellores amigos e ás súas incansables lecturas e recomendacións. E o seu libro Pastoral americana, sen convertese nun dos meus preferidos, non decepciona.
Co seu alter ego na ficción, Nathan Zuckerman, volvemos á cidade de Newark, onde atopa a varios compañeiros da súa escola xudía, entre eles Seymour “el sueco” Levov, quen máis destacaba daquela. E parece que este é a encarnación do vello soño americano, pero profundizando descubrimos que este non é tal, senón que vive baixo un auténtico drama. Así, o libro convértese nunha historia tráxica que reflicte o drama da sociedade americana enfrontada aos seus pesadelos e ás contradicións que lle son propias.
Nesta novela, Roth bríndanos novamente a oportunidade de achegarnos ás vísceras da sociedade americana para que sexamos nós, lectores, os que tiremos as nosas conclusións. Unha lectura brillante dun autor que nunca decepciona.



20/01/09

Crónica de una muerte anunciada


Unha das miñas grandes lectoras de 1º de Bacharelato, Susana Cumbraos, achéganos esta lectura de Nadal:

Esta obra sempre chamou a miña atención, aínda que non sei por que; quizais foi despois de estudala en castelán, de coñecer un pouquiño máis o autor e de escoitar o ben que me falaban dela. Por todo isto, neste nadal decidinme a lela, e a verdade é que non me arrepinto, pois é unha historia entretida de narración impecable. Como ben di o título, é unha crónica dunha morte anunciada, é dicir, que está visto que vai ter lugar e isto vai ser o niño de todo o asunto. Ao redor deste crime danzan os personaxes que nos amosan, de xeito indirecto, a súa forma de ser, coas súas virtudes e os defectos, sen pudor. Parece mentira como o autor fai un "antes" e un "despois" que se van alternando continuamente, para ao final non avanzar máis alá da morte, pero non obstante facendo posíbel a creación dunha verdadeira historia.
Un libro que sen dúbida ningunha gustaravos.

E eu teño que engadir, que esta alumna hoxe me confesou que tiña pensado falarme da saga de Crepúsculo pero que non o ía facer porque... estaba a defraudala!!!! Ben por Susana!.

14/09/07

La conjura contra América

La conjura contra América de Philip Roth parte dun plantexamento de historia alternativa baseado nunha circunstancia real, a simpatía de Charles Lindbergh, o heroe americano da aviación, pola causa do nazismo. A partir desta premisa, Roth maxina un pasado diferente, no que Lindbergh se presenta como candidato republicano ás eleccións presidenciais norteamericanas de 1940, vence aos demócratas de Roosevelt e pon en práctica unha política de pactos con Hitler, que acaba desembocando na persecución dos xudeus norteamericanos.
O libro tece un denso e fascinante entramado de relacións familiares, afectivas e sociais no que non só participan os membros da familia Roth ou a pequena sociedade xudía de Newark, senón que interveñen tamén personaxes coñecidos, figuras históricas e acontecementos reais, que serven para retratar con extraordinaria vivacidade a vida norteamericana da época.
Trata, en fin, de como unha sociedade aparentemente moi cohesionada e segura de si mesma vese enfrontada á transformación ou mesmo á desaparición dos valores e crenzas que ata entón consideraba inmutabeis.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.